martes, 17 de diciembre de 2013

O nadal na sala Rio

Achéganse as festas do Nadal, e teño a sorte de recibir, de novo,  de mans de  Benito Amil,  este pequeno folleto da Sala de Festas Río, na que  anunciaban o seu programa de celebracións para as festas  de  Nadal do ano 1955.
Poucas distraccións debía de haber na vila naqueles anos, polo que a sala de festas Rio, supoño eu, que debía de completar o seu aforo.  
Dende logo, como mudaron os tempos. Tedes que perdoarme, pero faime moita gracia eso de "bar americano", e xa non digamos o anuncio da "sesión vermú". ¡As cousas como son!. ¿A quen se lle ocorre ir hoxe a unha sesión vermout ás 11 da mañán? Aí  queda iso. Só para os máis atrevidos.
Aproveito tamén para felicitarvos a todos as festas. Como dí o anuncio ese, que o 2013 sexa o mellor 2013 da nosas vidas, e que o 2014 veña, polo menos, un pouco máis cargado de bombo. 
Pasádeo ben.





lunes, 28 de octubre de 2013

Unha vella postal

Teño, antes de nada, que darlle as grazas a Benito Amil por compartir con nós esta pequena xoia, e proporcionarlle así un pouco de alento ó blogue, para que, polo menos, teña uns días máis de vida.
Digo o de vella postal, xa que como podedes ver está asinada na vila o 27 de Setembro do ano 1905 por un cabaleiro chamado Pardo Becerra, que polo que se ve andaba por aquí de paso. 
Pola volta, vemos que o destinatario era J. González Fariña, que residía na céntrica Rue Arcade de Paris. Como estamos nos tempos da información, cun só un clic, fun que de ver en  Google Maps a fisinomía do edifico que se  corresponde con ese enderezo de París, e que non debeu de mudar moito dende aquela, xa que segue a ser unha fermosa construcción. 
En non vos sei moito da historia das postais en España, pero segundo me conta Benito, que en estas cousas está ben informado, esta postal ten a curiosidade de que foi das últimas que se escribiron pola parte dianteira, e dicir na imaxen, xa  que a partires deste ano, a xente comenzou a deixar baleira a portada, escribindoas sempre pola parte traseira, tal como o facemos hoxe.
O de que o facemos hoxe é un dicir, xa que todo isto das cartas e do papel está pasando pouco a pouco á historia.
¿Quen envía hoxe unha postal?  É máis rápido o WhatsApp.





martes, 8 de octubre de 2013

Ribadavia estereoscópica

Aquí estamos outra vez de volta. Coma vedes Maquiáns aínda dá pequenos sinais de vida cando as ocasións o merecen, e hoxe é unha delas.
A min xa me estrañaba moito que Ribadavia non contase cunha foto destas. Coa tradición, a importancia, e coa  historia que  a vila tivo de sempre.  Por iso me sorprendeu gratamente cando  a atopei en Internet, era a postal que faltaba, unha foto en tres dimensións, desas que tanto estiveron de moda no século pasado.
Levamos publicadas neste blogue, unha morea de tarxetas postais da nosa vila, nas que fumos vendo como eran os seus recunchos, as súas rúas, os seus monumentos e as súas paisaxes ó longo dos anos. Pero esta foto da Ponte de Ferro sacada dende a Foz, é a primeira imaxe estereográfica da vila que vexo. 
Se vos fixades na estrutura da ponte, veredes que no é a actual, senón a antiga, a que deixaba á ponte descuberta, polo que as fotos deben de ser de comenzos do S. XX.
Agora que está de moda o cine e a televisión en 3D, podemos decatarnos de que Ribadavia xa estaba na vangarda destas novidosas técnicas fotográficas hai case un século. A mágoa é, que para poder visionar correctamente este tipo de postais, compre dispoñer dun pequeno aparello, como o que vedes na outra foto, e que fai que as imaxes tomen relevo, e avancen cara a nós coma por arte de maxia. 
Estas fotos estereoscópicas, a pesares do seu éxito, e de poñerse moi de moda a finais do XIX, nunca tiveron  unha gran demanda, quedando reducidas a certas coleccións didácticas, supoño que debido ó custo do visor, necesario para mesturar as dúas fotos, e así acadar a impresión volumétrica.






jueves, 2 de mayo de 2013

No quincuaxésimo cumpleanos da Feira

Coma di o refrán: "A falta de pan, boas son tortas". E como non vos teño documentos máis antigos relativos a esta feira, só me queda o recurso de publicar este  programa oficial, que é o da II Feira, que se celebrou nestas mesmas datas o ano 1965.
É un folleto breve, un tríptico impreso polos dous lados, e que ten coma curiosidade a inserción na segunda páxina dunha carta manuscrita do Excmo. Gobernador Civil de Ourense, D. José María López Ramón, que eu, e todo hai que dicilo, ainda non fun quen de ler.
No ano 2009 xa publicara unha entrada neste blog sobre esta edición, e nela, prometía publicar o programa oficial, que dicía que tiña corenta páxinas. O que pasa, é que no meu desorden-ordeado non fun quen de atopalo estes días, pero o que si atopei foi este outro reducido que vos deixo hoxe aquí, en homenaxe a ese medio século que non se cumple tódolos días.
E como se soe dicir: "Que cumpra moitos máis".




sábado, 6 de abril de 2013

Estou farto da chuvia

Que queredes que vos diga... Estou farto.  Imos encoller con tanta humidade, e nos han sair aletas nos dedos dos pés coma sigamos  así. 
Unha cousa é ver a auga nas fotos, e outra ben distinta e sentila no corpo, e notar coma as pingas van descendendo ós poucos pola caluga,  e se che  meten no colo. Ou como sempre, xornada tras xornada,  chegas á casa cos pés mollados. Enfín unha leria, eso si pasada por auga.
Esperemos que esta broma meteorolóxica pase pronto, baixen as augas, saia o sol, e comencemos a disfrutar da nova estación na que estamos metidos, e que aínda non cheiramos.
Esta foto, é compañeira da anterior. Nola envía Lolín Lira, e foi sacada dende a ponte de San Francisco cara ó barrio da Estación, o día 28 de Decembro do ano 1959. Día dos Santos Inocentes.
Menuda broma a do Avia.



sábado, 9 de marzo de 2013

Unha chea no 59

Que sorte poder documentar as fotos así, deste xeito, tal e como mas envía Lolín Lira. É o bó que ten escribir nas fotos pola parte de atrás. Parece unha parvada, pero non o é.   Imaxinade a cantidade de cousas que saberiamos agora dos nosos antepasados, si nas traseiras das fotos aparecesen apuntados os nomes dos fotografiados , os lugares, e incluso a data exacta na que se efectuou o disparo. Cantas preguntas estarían contestadas. Tomade nota que o tempo pasa. 
Pero centrémonos de novo no Avia, ó seu paso pola ponte de San Francisco. Mete medo, aínda que xa o miramos outras veces peor. Esta chea do Avia, en concreto, foi do día 28 de Decembro do ano 1959. Eu daquela, aínda non nacera, pero xa debía de andar dando couces no ventre da miña nai, e ó mellor de tanto escoitar o río, lle collín querencia a auga.



jueves, 28 de febrero de 2013

O tenor Antonio Araújo

O outro día, mentres estaba a ler o libro "Murgas e cancións dos Carnavais de Ribadavia",  veume á cabeza unha pequena nova que uns días antes recollera do xornal "El compostelano" publicado en Santiago de Compostela o 29 se Setembro do ano 1923.
Nela falábase do grande éxito que acadara un tenor galego, e máis concretamente ribadaviense,  nas lonxanas terras chilenas.
Pero o mellor será que pinchedes na foto e o comprobedes vós mesmos.
O tenor chamábase Antonio Araújo, e ben pouco sabemos del. Como me picaba a curiosidade,  soliciteilles rapidamente  informacións a  Lolín Lira, e a Marcos Gómez Moure, por si eles, que están bastante máis preparados ca min, sabían algo. E os dous respostaron o mesmo:
Que lle alcumaban "Casiano", e que aparecen reseñas nos xornais ribadavienses da época comentando os seus éxitos na Arxentina, en concreto, en Bós Aires o 5 de Xaneiro do 1929; e en Bahía Branca o 22 de Decembro do mesmo ano. 
Todo un misterio!   



jueves, 14 de febrero de 2013

Outra xuntanza no chalet de Alonso

Esta é outra das fotos que nos envía Xesús García. Tamén está feita no chalet dos Alonso, pero en concreto no ano 1911. Está firmada por Emilio Sánchez, que era farmaceútico, (tío avó de Tirso Sánchez)   e que lla envía a Jesusa García Varela, da que xa falamos nunha entrada anterior.
Como eu non son experto nestas cuestións, envieilla a Lolín Lira para que nos axudase nas identificacións.  Recoñeceu a  Manuel Meruéndano, que é o primeiro pola dereita, está de pé,  e ten unha man nun dos seus petos. A nena pequena que  está á súa dereita cunha especie de tocado na cabeza é  Rosita Alonso, (da familia do chalet, e nai  de José Antonio Hermida).  Tamén  recoñece a Javier Meruéndano, que está  sentado de primeiro pola esquerda cunha garavata con forma de T.
Do resto pouco, ou nada sabemos. Xa pasaron máis de cen anos, pero si coñecedes a alguén, deixade un comentario.


domingo, 3 de febrero de 2013

Murgas e cancións dos Carnavais de Ribadavia

O venres pasado presentouse no Museo Etnolóxico da vila  o libro  ""Murgas e cancións dos Carnavais de Ribadavia (ata 1936)" escrito por Antonio Pérez Mein, Marcos Gómez Moure e José Luís Chao Rey.
Un espectacular estudio, que aporta moita luz sobre unha das tradicións máis emblemáticas da vila.
Todos, nas nosas casas, escoitamos algunha vez aquelas vellas cancións coas que os nosos avós lembraban os antigos entroidos ribadavienses. Despois, grazas as exposicións de fotografía do Museo, fomos poñendolle cara a esas murgas, e ós seus compoñentes. Pero faltaba algo... As cancións transmitidas por tradición oral, e as fotos soltas, pouco información aportaban.
Este libro ven a encher este espacio baleiro. Nos seus capítulos, repletos de material gráfico, faremos un percorrido cronolóxico por todas as Murgas, con abondosa información sobre directores, músicos, letristas, cancións, programas de man e compoñentes, que veremos perfectamente identificados.
Logo ven un capítulo que me chamou poderosamente a atención (aínda que eu non son músico) pola cantidade de partituras de cancións que contén, algunhas  delas recuperadas da tradición oral, e que de seguro con esta publicación, vaise evitar a súa desaparición e olvido.
Para rematar, faise un estudio das sociedades e sitios onde se facían os bailes e asaltos no Entroido, e dos cadros líricos formados na vila naqueles tempos.
En definitiva, un inxente traballo de investigación levado a cabo nestes últimos anos, feito por outra parte sen axudas, e autofinanciado polos propios autores, que penso que debería de ocupar un lugar destacado nas nosas bibliotecas.
Só nos resta dende aquí, felicitar e dar as grazas ós autores polo seu traballo, e animalos  para que sigan nesta mesma liña. Deixovos a portada do libro, e unha foto dun deles.


Portada


Marcos Gómez Moure

lunes, 21 de enero de 2013

A foto de Jesusa

Nestes días pasados recibín con moita ledicia un email de Xesús García, que se acompañaba dun par de fotos, para tratar de pescudar sobre o sitio no que estaban feitas, xa que pertencían a parentes de seu, e el non era capaz de ubicalas.
A primeira, que é esta, está firmada no ano 1910 por Jesusa García Varela (que debe de ser a muller marcada coa cruz), que si entendín ben, era natural do Carballiño, e estaba casada con José Osorio Martínez, que era catedrático no Instituto de Ourense.
Jesusa tiña un irmán chamado Antonio García Varela, que casara con Teresa Sánchez, e que mantiña unha casa en Santa María de Castrelo.
Tras poñervos nestes antecedentes, que penso que son obrigados, dicir que na foto tamén aparece sentado na primeira fila, e con bigote, José Luís García Boente, que era médico, e irmán de Gonzalo García Boente que fora notario na vila.
José Luís e Gonzalo eran fillos de Gerardo García Espinosa (Pazos de Arenteiro 1850- Ribadavia 1926) e de Isaura Boente Hermida, natural de Mondariz, que fora  madriña de bautizo e de voda dunha das miñas avoas, que levaba o seu mesmo nome.
Como o motivo da consulta era ubicar a foto, eu penso que se sacou, sen dúbida de ningún tipo, no "chalet dos Alonso", no centro da vila, xa que este, era por esas datas un dos lugares de reunión da burguesía da vila e do Ribeiro. Fixádevos sobre todo na carpinteiría das ventás , e na balaustrada das escaleiras que seguen a ser as mesmas.
Xa sei que vai a ser moi difícil recoñecer a alguén máis, pero si algún de vós pode aportarnos algún dato máis sobre a foto, estaríamoslle moi agradecidos.
Grazas Xesús pola foto e pola información.