lunes, 31 de enero de 2011

A Real Academia de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario"

Ás veces un se atopa verdadeiras sorpresas na Rede, como esta da que vos vou a falar hoxe. Resulta que o outro día co gallo da busca do artigo sobre o capitel da igrexa de Santiago, que estaba publicado pola revista desta Academia, visitei a súa web, e cal é a miña sorpresa ó atopar uns maravillosos fondos fotográficos da Ribadavia dos anos cincuenta.
É a colección de fotos do arquivo de D. Manuel Chamoso Lamas, ó que podedes acceder premendo neste enlace.
Unha vez estedes situados nesa páxina, iredes abaixo, e pulsaredes onde pon en letras verdes: Galería de fondos online.
Si entrades aí, veredes un formulario de búsqueda. Pois ben, o único que tedes que facer é escribir no casilleiro que pon "Lugar/Municipio" o nome da nosa vila, Ribadavia, ou de outra calquera se esa é a vosa intención. E darlle ó botón azul de "Buscar".
Veredes que apareceran 15 fotos na primeira páxina, dun total de 409 en 15 tandas. A mágoa é a pouca calidade con que as presentan. Pero seguro que pasaredes un bó rato. Por certo penso que algunhas delas non pertencen á vila, pero iso xa é outro picar de faneca.
Por si o enlace funcionase ben, aquí volo deixo coa selección feita para Ribadavia. Pulsade aquí.
Tamén vos poño unha foto, sacada da mesma Academia, de D. Manuel ensinándolle á Raiña Dna. Sofía un casco achado nunha das súas excavacións, xa que dende o seu cargo como Comisario do Servicio de Defensa do Patrimonio Artístico a partires de mediados dos anos corenta , tivo moito que ver coa recuperación do noso casco histórico e o noso Castelo.

viernes, 28 de enero de 2011

O Miguelito

Outra foto de Miguel López, penso que xa dunha época posterior, xa que eu lle calculo que debe de ser de finais dos setenta. O atuendo é conforme a eses anos, non vos vou a dicir yeyé, pero case.
Supoño que esta foto debeuse de sacar na terraza do mítico Kopa Club, que era onde pasaban, ou mellor dito, pasabamos moitas horas mortas cantidade de xóvenes ribadavienses, tirados nas súas cadeiras ó sol, vendo pasar á xente e os automóbiles rúa Progreso para arriba e para abaixo. Mentres esta rúa foi a estrada Villacastín - Vigo, a animación estaba asegurada, pero cando se construiu a nova, que xa non pasaba polo centro da vila o ambiente disminuiu bastante.
Lembro unha tarde abafante de calor. A terraza estaba ocupada por alomenos unha ducia de rapaces aburridos, e niso detívose un coche xusto diante de nós. Unha parella, que ía dentro, baixando a ventanilla preguntou pola situación do Hotel Avia, que acababan de deixar atras a escasos cincuenta metros. O hotel en cuestión o acababan de inaugurar, e tiña unhas letras de cor vermello xigantes penduradas da fachada, eran tan grandes que cada unha delas case ocupaba unha pranta do edificio.
Os máis pequenos cando xa lle iamos a respostar á parella, quedamos calados ante a mirada ameazante dun dos rapaces maiores que impuña silencio. Tras uns segundos que se fixeron moi longos o que calara a todos coa mirada dixo:
- Sigan por esta calle, pasarán el Castillo y una iglesia, y arriba de todo, al final de una pequeña recta, encontrarán una gasolinera. Justo antes, hay un cruce a la izquierda que pone Francelos. Cojan por ahí y a unos quinientos metros encontrarán el hotel.
Todos quedamos dunha peza, e ó irse o coche escachamos a rir.
- A min ninguén me vai a tomar o pelo. Dixo o que levara a voz cantante.
- Como ían a preguntar polo hotel, si se vía perfectamente.
Uns minutos despois viamos baixar de novo o coche da parella cara o seu destino. Fitáronnos cun pouco de odio, e a todos nos entrou un pouco de vergoña.


jueves, 27 de enero de 2011

Na curva do Che

Moita xente podemos recoñecer nesta instantanea feita nunha das procesións que se fan ó longo do ano en Ribadavia. A foto pertence a Maricarmen López, e non sabe dicirme si se trata dunha das procesións de Semana Santa o si é das Festas do Portal.
O caso é que aparece ela no centro, cun vestido de cor clara, e tras ela vai o que era o seu home, Manuel Laje con chaqueta, gafas e garabata.
Na fila que vai dediante deles eu, a bote pronto, recoñezo ó Adan, que era veciño noso na rúa dos Fornos, tamén con gafas e chaqueta, e máis adiante ó Toné e a Julio, que non sei se tiñan algún parentesco entre eles.
En primeiro plano, e cortados, xa que só se lles ven as cabezas, penso que aparece un dos Martínez, dos que tiñan os materiais de construcción na estrada do Carballiño, e moi borroso na esquina inferior dereita o Buján.
Da xente que aparece atrás, na outra ringleira da procesión, frente ós escaparates da ferretería Che, non recoñezo a ninguén, pero ó mellor vós si.





miércoles, 26 de enero de 2011

Un capitel da igrexa de Santiago

Coma sempre ando pescudando pola Rede na procura de cousas relacionadas coa vila, ás veces atopo cousas interesantes. Deixo claro que as que son intereantes para uns, para os outros non teñen o máis mínimo interese, pero a miña obriga é ir poñéndoas aquí para que saibades a lo menos da súa existencia.
Este é o caso dun breve artigo, xa que só ten cinco páxinas ilustradas con fotografías, escrito por Carlos Sastre Vázquez na revista "Abrente" co título de "Un capitel de Santiago de Ribadavia dedicado a Santa Catalina de Alejandría". Esta revista está editada pola Real Academia Galega de Belas Artes.
Podedes lelo premendo neste enlace.


martes, 25 de enero de 2011

A pandilla de Miguel

Fermosa instantanea, esta, que nos envía Miguel López que é o que está de pé no medio, cunha chaqueta que ten unha orla de cor claro. Destaca perfectamente pola súa estatura sobre os seus camaradas de troula daqueles anos, que quizás poderiamos situar a finais da década dos sesenta ou a principios da dos setenta.
Dos demais eu somente recoñezo ós que están agachados; e o problema é, como ocorre a miudo, que non sei os seus nomes.
Un deles, o primeiro pola esquerda, é un fillo do Simón o barrendeiro, e o seguinte que vai vestido cun polo de manga corta é Pablo, fillo da "Marraca" que vivía na Rúa dos Fornos ó final das escaleiras.
Espero os vosos comentarios, nos que de seguro identificaredes a todos.



lunes, 24 de enero de 2011

Tres homes

Non sei en que ano se sacaría esta foto, pero lle calculo que andará pola década dos cincuenta. A súa propietaria Maricarmen López me indica que estes tres bós mozos ,veciños da nosa vila son de esquerda a dereita: Un tal Núñez do que eu non caio, aínda que me asegura que o coñecín, pero por moitas explicacións que me deu non fun capaz de situalo; Pepe o "Cortizo" no medio; e o último, o da dereita, e que lle está a dar unha calada a un xaruto, Milucho o "Relojero", que tampouco por máis que me esforzo son quen de recoñecer.
Temos que pensar que xa pasaron sesenta anos dende a foto, e as caras que teño metidas no meu maxín son de moitos anos despois, polo que non é estrano que non os recoñeza.


viernes, 21 de enero de 2011

Rumores del Avia

Ó pai franciscano Samuel Eiján moitos de nós coñeciámolo por ter sido o autor da "Historia de Ribadavia y sus alrededores" que publicou no ano 1920, e que se voltou a reeditar en edición facsímil fai non moito tempo. Pero ademais desa obra, publicou moitas máis como podedes ver neste enlace á Wikipedia pulsando aquí.
Unha delas é "Rumores del Avia", que viu a luz no ano 1916. Trátase dun libro de poemas do que vos deixo unha foto da portada, e uns pequenos versos titulados "El Avia".

¡Gloria al Avia, que al Ribeiro
da en su curso aliento y vida,
y de edén que a amor comida,
gracias copia en su extensión!
¿Gloria al Avia, sierpe de oro,
que es cantor a su hermosura,
y heraldo a su ventura,
haz de ensueño en floración!

Aguas nacidas sus aguas
de Avión en la alta montaña,
un sol de gloria las baña,
de su cuna al descender;
y a ellas prende sus murmullos
la fronda de los pinares,
dando vida a los cantares
que esparciendo van doquier.


jueves, 20 de enero de 2011

La trucha de Castrelo

Seguindo coa búsqueda de cousas interesantes sobre a nosa comarca atopei este artigo do xenial xornalista arousán Julio Camba (1882 - 1962) que foi corresponsal do ABC en sitios tan afastados de nós coma París, Londres, Berlín o New York, pero que neste caso, o 10 de Xaneiro do ano 1954 publicaba no ABC unha historia sobre unha troita e o párroco da nosa veciña localidade de Barbantes.
Tede en conta antes de lelo o que D. Julio dicía sobre si mesmo: "...necesito que ustedes no me tomen nunca completamente en serio. Ni completamente en serio ni completamente en broma."
Podedes lelo ou descargalo aquí.

miércoles, 19 de enero de 2011

Melón por Couto

Hoxe traemos a esta páxina outro dos debuxos que amablemente nos enviou Francisco Couto. Se os anteriores retrataban pequenos recunchos da nosa vila, este nos amosa un novo punto de vista do Mosteiro Cisterciense de Melón, concretamente o exterior do ábside coa girola e as capelas anexas que se sitúan na parte traseira da edificación.



martes, 18 de enero de 2011

Laureano Freijido

Non vos sei dicir exactamente de que ano será esta foto do meu bisavó, pero lle calculo que debe de rondar o ano 1910. El, Laureano, residía na parroquia de Sanín, concello de Cenlle, aínda que se trasladou a vivir a As Chavolas, onde residiu toda a vida. Polo que me contaron, faleceu bastante xoven. O atoparon unha tarde morto co meu pai, que aínda era un bebé e o seu único neto, no colo.
O curioso desta foto e o seu gran formato, xa que mide uns 70 por 50 cm, e como poderedes observar non está escaneada, senón fotografiada, polo que se ve o cristal roto que a protexe. Outra das súas peculiaridades, e que eu nunca vira noutras fotos, é que está firmada cun lápis brando na súa esquina inferior dereita coa anotación de "Foto Chao Ribadavia".



lunes, 17 de enero de 2011

D. Paco e Ribadavia

Vai xa para dous meses que nos deixou D. Francisco Fernández del Riego, e aínda que un pouco tarde, gustaríame lembrar súa memoria, cunhas liñas que adicou a nosa vila.
Tardei un pouco en localizar o libro titulado "Galicia sentimental. Cidades e vilas vividas por Francisco Fernández del Riego". Está editado por Caixanova, e a continuación transcribo ó pé da letra o que di D. Paco sobre Ribadavia. O capítulo está acompañado das ilustracións de Alex Vázquez-Palacios, e esta é unha delas.

"Naquela xa moi lonxana ocasión de estrea en Ribadavia, lembramos o que dicía un escritor amigo; Que tiña a mesma cor do outono e da pavía do seu nome. Sorprendéranos, ó ir coñecendoos, os admirables contrastes da paisaxe urbana. As casas encabalgando polo vello solar, descendendo ó Avia. O mesmo río, fermoso, de dilingueiras augas. E, empoleirada sobre o seu curso, a vila dourada. Daquel día fixáronse tamén na nosa memoria as impresións das ruinas do vello castelo. Das belas igrexas. das típicas rúas laxeadas. das prazas ben dispostas. As ruinas do castelo faláronnos da grandeza e esplendor, de loitas medievais entre señores feudais.
Nas moitas e sucesivas viaxes, reviviamos as primeiras visións. a esplendidez do conxunto histórico. A recordanza dos antigos muros, decorados con escudos, con símbolos de vedraña nobreza. A mestura de ambientes da Idade Media. Toda a vila se nos aparecía constituíndo un homoxéneo conxunto monumental. Un impresionante conxunto de historia, de arte, de pintoresquismo. O seu escudo de armas traducíranos motivos simbólicos. O castelo encadrado polo sol e a lúa . A ponte de dous arcos en fondo de prata. En azul o río.
Gustabamos de frecuentar as prazas ribadavienses. A máis importante era a Maior, oblonga, grande. Parabámonos a contemplar as interesantes fachadas de pazos que se conservaran. Estaba alí a Casa Consistorial. A poucos pasos erguíanse edificios con soportais baixos de típico e curioso aspecto. Había outras prazas e praciñas. Atraíanos, en certo xeito a de San Xoán e a da Madalena. Figuraba nesta a Casa dos Condes.
No noso deambular detiñabámonos ante as fermosa igrexas. Na de san Xoán, co as súas belas fiestras románicas. na de Santiago, que amosaba magnífico rosetón. pero sobre todo na de san Domingo. Tratábase dunha das mellores do gótico das Ordes Mendicantes de Galicia. Compoñíana tres naves e ábsides. Nas bóvedas absidais figuraban elementos pintorescos. Ofrecíannos certo atraemento os sartegos.
Para disfrutar unha das vistas máis suxestivas , iamos ata a igrexa da Oliveira, collendo o camiño que por alí sube. Ribadavia fornecíanos entón un aspecto estrano, ledo. O do seu variado casarío, abondosas terras e campanarios. Lembramos unha tarde de verán situados no alto. Ollabamos brillar os ergueitos penedos circundantes e os viñais. Albiscábamos tamén os ornamentos dos templos, as fachadas, os esquinais e balcóns das casas nobres.
Outra visión igualmente suxeridora, era a que se nos abría desde a ponte. Unha visión inesquecible da vila, cos ábsides das igrexas e as torres. As casas penduradas sobre a canle do río.
Matinabamos daquela non só no disfrute paisaxístico que nos producía a contemplación visual. Tamén na vila rica en historia. Na que fora temporalmente, corte do rei García I de Galicia. Na que asentaran os xudeus no barrio da Porta Nova, onde se mantiñan rúas e soportais da época.
Ribadavia, rodeada de outeiros, era a cabeza do Ribeiro. Xa os propios xudeus se adican o comercio do viño que na comarca se cultivaba. Moito máis tarde, eses viños fixeron abastada a localidade. Ían a Flandes, a Inglaterra, a Alemania, a Italia. O perfil histórico-artístico sobreviviu a través dos séculos. Do mesmo xeito que o da súa tradición comercial.
En varias ocasións, antes de nos despedir da vila, achegabámonos á pequena igrexa de san Xes de Francelos . Compracíanos dexergar na súa fachada algúns motivos que probablemente precederan ó románico que a caracterizaba."




domingo, 16 de enero de 2011

Na herba

Desta foto moito non vos podo contar, e o único que supoño é que debe de ser bastante antiga. Pertence a Carmela Dávila e non me deu información dela. Como podedes ver son tres rapaces posando deitados nun prado. Quizais unha escea campestre que se repetía bastante antes da guerra, alá polos anos trinta.


viernes, 14 de enero de 2011

Fray Jacinto de Ribera

Moitas veces pasamos pola Praza da Magdalena e vimos unha placa colocada nunha das súas casas por iniciativa dos antigos alumnos dos Irmáns Maristas (ADEMAR) que honra a memoria de frei Jacinto de Ribera, misioneiro agustino nado en Ribadavia e finado en Filipinas a mediados do século XVIII.
O outro día, ó pasar por alí picoume a curiosidade de saber algo máis deste personaxe, algo da súa vida e da súa obra, polo que me puxen mans á obra, e por sorte atopei un pequeno libriño publicado no ano 1960 polo Consello Superior de Misións, e escrito por Manuel Rodríguez, que vos deixo aquí para os que teñades interese en coñecer algo máis da nosa historia.

Justificar a ambos lados

jueves, 13 de enero de 2011

Gomariz por S. Llobet

Esta é a derradeira foto que imos poñer desta serie, e como indica o título da entrada o que se ve alá, ó fondo e o pobo de Gomariz tal como era no ano 1952, fotografiado dende a marxe dereita do Avia, que debe de ir metido entre eses árbores que se ven abaixo en primeiro plano.
Esta serie de fotos as saquei, cos permisos dos profesores Pons e Castejón da Universitat de Barcelona, dun pdf editado por eles onde se amosan as fotos do legado do profesor Llobet, nas súas andainas por España, e que podedes consultar premendo neste enlace.


miércoles, 12 de enero de 2011

Lebosende por S. Llobet

Seguimos desta vez coas fotos da serie que sobre O Ribeiro fixo no ano 1952 o Catedrático de Xeografía catalán Salvador Llobet. Hoxe tócalle o turno ó fermoso pobo de Lebosende visto dende os fondais do Avia, dende Leiro.
Eu persoalmente non recoñezo ben a zona, e simplemente trasmito os datos que acompañan á foto.Pensemos que xa pasaron máis de cincuenta anos, polo que se alguén de vós pode darnos algunha indicación máis exacta da ubicación da foto, será benvida.



martes, 11 de enero de 2011

A muiñeira de Maquiáns

Seguimos cos muiños de Maquiáns, e hoxe tócalle o turno a Amalia Regueiro Macías, muller de Esteban do que xa vos falei onte, e avoa de Xulia que é a propietaria da foto.
Traballou arreo co seu home nos muiños, e tiveron sete fillos, Coralia, Isaura, Amalia, Maruja, Luisa, Pepe e Joaquín.
E unha grande honra ter ás súas fotos aquí.
Grazas Xulia.

lunes, 10 de enero de 2011

O muiñeiro de Maquiáns

Espero que descansásedes nestas vacacións de Nadal, e recuperásedes forzas para este novo ano que acaba de entrar. E unha das mellores formas de comenzar o ano e presentándovos a Esteban Vázquez Alonso que posaba así para o fotógrafo no ano 1931.
Algún se preguntará que quen era este home, pois nin máis nin menos que o que facía traballar os muiños de Maquiáns, de onde saca o nome este blog.
Todo un luxo que lle temos que agradecer á sua neta Xulia Vázquez, e máis por facernos este agasallo tan fermoso coma regalo de Reis.