domingo, 31 de mayo de 2009

II Feira do Viño do Ribeiro

Este é o programa oficial da" II Feria Exposición de Vinos del Ribeiro", e supoño que así sería o cartel anunciaor da Feira. Perdoade polo estado de conservación do exemplar, que como podedes observar ten un roto xusto no medio, que me nego a retocar.
Consta dunhas corenta páxinas a dús tintas, abondosa publicidade e algunha que outra foto.
Celebrouse esta Feira baixo o mandato do Alcalde D. Jaime Dávila, presidindo a Comisión Executiva D. José Filiberto Soto acompañado por D. Emilio Gómez, D. Juan Antonio Bande, D. Benito Escudero, D. Manuel Meruéndano e D. Jose Luís García Casasnovas.

sábado, 30 de mayo de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 6

A fonte de San Martiño ou como lle chamabamos nós de pequenos a "fonte de dous caños", vista dende a rúa do mesmo nome.

viernes, 29 de mayo de 2009

Unha voda

Como mañá algúns compañeiros e compañeiras das antigas promocións do Instituto de Ribadavia, unidos pola asociación Exaprin, temos festa rachada na Veronza publico hoxe esta foto que pertence a unha voda. Para que todos os que alí nos xuntemos, nolo pasemos tan ben coma parece que o pasan os da foto.
Me parece que é a voda de Lolita Freijido e Castor Cao no Clube Artístico alá polos anos cincoenta .Concretamente en Abril do 1958.
A foto é cortesía de Mª José Bouzas, e nela podemos ver ós seus avós Pepe e Juana, mailos meus Ricardo e Isaura.


jueves, 28 de mayo de 2009

Barcelona

Xa sei que non ten moita relación, pero esta foto sacada no porto de Barcelona nos anos corenta sérveme de felicitación a todos eses futboleiros que onte disfrutaron coma ananos. E que conste en acta que eu non che son do BarÇa.
Na foto aparece unha tía avoa miña que nunca coñecín e que se chamaba Toñita, e que se foi á Cidade Condal a vivir.

miércoles, 27 de mayo de 2009

O Huracán

Como hoxe se celebra en Roma a final da Champions, e sei que moitos de vós sodes futboleiros, poño esta foto do ano 1932 correspondente ó equipo Huracán F.C. sacada no Xestal, xa que se recoñece perfectamente a paisaxe que está detrás.
Aínda que ó mellor moitos de vós xa sabiades desta foto sacada por Chao, xa que se publicou no libro "O Deporte" do Museo Etnolóxico de Ribadavia, esta copia cedida por Carmen Dávila penso que está un pouco mellor conservada.
Segundo esa publicación aparecen entre outros Rufino Martínez e Leandro Cortés.

martes, 26 de mayo de 2009

A Cooperativa

Esta foto debe de ser do ano 1967, que me parece que foi o primeiro ano que admitiu uva a Cooperativa "Nuestra Señora del Portal". De feito a empresa constructora "Dragados y Construcciones S.A." fixo a entrega oficial 0 1 de Novembro dese mesmo ano concluindo así as obras que comenzaran en Maio do 65.
O 1º de Febreiro de 1968 se fusiona coa "Bodega Cooperativa de Leiro"( primeira cooperativa de Galicia fundada no 1953) e pasa a ter 1500 socios, procesando xa ese ano 10 millóns de Kg de uva.
A foto que debe ser das primeiras feitas en cor, mostra as claras o contraste da industrialización en pervivencia cós usos tradicionais.

lunes, 25 de mayo de 2009

A maqueta da Cooperativa

Esta foto é da II Feira do Viño do Ribeiro que se celebrou entre o 28 de Abril e o 3 de Maio do ano 1965, e nela vese a D. José Mª López Ramón por aquel entonces Gobernador Civil de Ourense contemplando a maqueta da futura Cooperativa "Nuestra Señora del Portal"que xa se estaba a construir naquel ano baixo un proxecto do prestixioso enxeñeiro D. Ángel Arrue.
A "Cooperativa", como a coñecemos todos, constituírase nunha asamblea feita no cine Río de Ribadavia o 19 de Marzo do 1963 con 500 socios fundadores.
Esta serie de fotografías son xentileza de Mª José Bouzas.

domingo, 24 de mayo de 2009

Festas do Portal de 1939

Aquí está o programa de man das Festas da Virxe do Portal do ano 1939, é un tríptico publicado pola editorial Arco de Ourense, e se o queredes ver completo en formato pdf pulsade aquí.
Teño que darlle as grazas a D. Secundino Lorenzo por ter a deferencia de conseguilo e deixarmo para que todos vós o poidades disfrutar.

sábado, 23 de mayo de 2009

Salmóns

Aquí temos a D. Roberto Villar del Castillo cun magnífico exemplar de salmón pescado por el no ano 1969. Máis adiante colgarei outras fotos das súas pescatas, sempre impresionantes.
Estoulle moi agradecido por ceder tantas e tan boas fotos a este blog, e aínda que algúns de vós xa as vistes publicadas no blog Ourense no tempo, creo que merecen un espacio propio neste blog da súa vila natal.

viernes, 22 de mayo de 2009

ADEMAR

Como xa falamos nunhas entradas anteriores os Irmáns Maristas tiveron en Ribadavia un colexio ata o ano 1936, e a pegada que deixaron nos seus alumnos debeu de ser tan forte, que estes crearon unha asociación con fins sociais e culturais chamada ADEMAR , que eu recordo que tiña as súas oficinas no baixo dun edificio próximo á Praza Maior ata fai relativamente pouco tempo.
Hoxe traio a primeira circular publicada no ano 1956, e que podedes ver na súa totalidade en pdf pulsando aquí.

jueves, 21 de mayo de 2009

II Feira do viño

Non sei si se trata da recepción ou da despedida do Gobernador Civil por parte das autoridades locais na inauguración da II Feira do Viño. Non creo que teña maior importancia, o que si nós importa é que nesta foto cedida por Mª. José Bouzas podemos recoñecer a moitos veciños que non se quixeron perder este acontecemento en 1965.
Moitas veces é dificil poñerlle data ás fotografías, pero sempre estamos a tempo de corrixir os erros, e agora teño a seguridade de que esta foto e outra que vós puxen o día 7 de Maio son da II Feira, e dicir do ano 65 polo que vós pido disculpas, e corrixo o título desa entrada.

miércoles, 20 de mayo de 2009

O barrio da Estación

Esta foto está sacada no ano 1955 dende a ponte de S. Francisco, e como aínda non estaban construídas tódalas edificacións actuais, podemos ver claramente o camiño que ía cara a Estación do Ferrocarril, e se nos fixamos moito veremos o depósito de auga que había nela, imprescindible para as locomotoras que naqueles anos aínda funcionaban con carbón.

martes, 19 de mayo de 2009

Praza de Touros de Ribadavia

Facía máis dun mes que non puña fotos de espectáculos taurinos na vila. Esta foto é do álbum familiar de D. Alfredo Escudero, que a sitúa no ano 1950.
Moita afección tiña que haber os touros, xa que moitas persoas coas que falo teñen moi bós recordos destes festexos, e algúns prometéronme máis fotos. Cando as teña as porei.

lunes, 18 de mayo de 2009

Música na ponte

Cando falamos da tradición musical de Ribadavia nas últimas décadas non podemos deixar de falar de D. Fidel Dávila, un home cunha ampla cultura musical, capaz de tocar moitos instrumentos, e que sempre dunha forma altruísta estivo vencellado, xa como profesor, creador ou director, a moitos grupos e rondallas que se constituíron na vila.
Lembro moi ben aquelas clases no patio de butacas do cine España, donde moitos de nós escomenzamos a pelexar cos primeiros arpexos e coa dor dos nosos dedos. Dalí sairon moi bós músicos.
Aquí o tedes tocando a gaita, nunha foto propiedade da súa filla Mimiá, e que debe de ser dos anos cincoenta ou sesenta.

Ribadavia por Conde Corbal 5

Hoxe tócalle o turno nesta serie de gravados á Praza da Magdalena, dende un punto de vista un pouco distinto. Xusto dende debaixo dos soportais da casa que dicen que foi antiga sinagoga e antigo cuartel da Garda Civil.

sábado, 16 de mayo de 2009

Día das Letras Galegas 1972

Como sabedes ben todos o que se celebra hoxe, vós traio a portada desta revista publicada no ano 1972 en Ribadavia pola Asociación Cultural Abrente. Contén nas súas corenta e tres páxinas, adicadas a D. Valentín Lamas Carvajal, aportacións entre outros de Nemesio Barxa, Xesús Alonso Montero, Manuel María, Manuel Caamaño, Mª Xosé Queizán, Antonio Tovar e José Mª Castroviejo.
A portada é de Quessada e dentro ten dous debuxos de Virxilio.
Como curiosidade direivos que ten dous anuncios publicitarios, un do Despacho Central de Renfe en Ribadavia e outro de Pazo Ribeiro.

viernes, 15 de mayo de 2009

Reunión no Miño

Nesta foto de 1927 aparece o meu avó Odilo, natural das Chavolas e casado en Sampaio, polo que supoño que esta foto debe de estar sacada nunha das illas que había no río Miño, antes de que o encoro de Castrelo asolagase todas aquelas veigas. A paisaxe que vedes ó fondo, penso que sería a parte baixa de Santa Cristina, xa cando o río comenzaba a encaixarse cara a ponte.
Por certo non sei se sabedes que no val había catro illas que se chamaban Cabreira, Ailla, Raña e Troncoso, e seica as tres primeiras estaban unidas a maior parte do ano.

jueves, 14 de mayo de 2009

Cabalgata de Reis

Aquí temos a D. Roberto Villar, propietario da foto na súa flamante Vespa na Cabalgata de Reis do ano 1961 en Ribadavia.
Eu supoño que sería a primeira cabalgata que vin na miña vida, xa que nacín no ano 60. Penso que teño algunha foto cós Reis Magos dese ano, Tratarei de buscala.
Esas manchas brancas que se ven no medio da escuridade son, non sei se os lembrades, aquelas antorchas feitas de corda e resina que levabamos os rapaces sempre nas cabalgatas da vila.

miércoles, 13 de mayo de 2009

Colexio S. Xosé dos I. Maristas

Esta foto é propiedade tamén de D. Alfredo Escudero e está datada en 1925. A poño hoxe por dous motivos, o primeiro é que a primeira vista podémola confundir coa foto da portada dun deses marabillosos libros publicados polo Museo Etnolóxico de Ribadavia, concretamente o de Imaxes da Infancia, pero non ten nada que ver, son totalmente distintas.
O segundo é que o noso amigo Anxelis do blog Ourense no tempo está a publicar cousas moi interesantes deste colexio que os Irmáns Maristas tiveron en Ribadavia no primeiro tercio do S.XX. Convén que lle votedes unha ollada si o tema vós interesa.

martes, 12 de mayo de 2009

Seis bombóns

Este é o título que Mimiá, que é quen ma pasou, lle deu a esta foto. E dende logo acertou de cheo. Un grupo de belezas dando un paseo pola ponte de S. Francisco. Non sei en que ano está feita, pero teño varias fotos de grupo sacadas aquí, o que mostra que era moi habitual matar a tarde dos domingos buscando o fresco do río.

lunes, 11 de mayo de 2009

D. Emilio Canda

Presento hoxe unha foto composta por tres recortes sacados dun programa de man das Festas do Portal do ano 1911.
Chámame moito a atención este home tan polifacético, que aparte de escribir en varias publicacións da época, tiña en Ribadavia nada menos que tres negocios, os cales aquí tedes representados en sendos anuncios.
Na súa imprenta publicábase El Noticiero del Avia (wikipedia) do que era director, e mesmo este programa está impreso por el.

domingo, 10 de mayo de 2009

Ribadavia na Habana

Na entrada do Noticiero del Avia comentei que algún día vos ía a poñer fotos dalgúns deses xenerosos ribadavienses, que fixeran esa suscripción na Habana para os nenos necesitados da vila. Pois ben, aquí está un deles, trátase do meu tío avó Perfecto. Envioulle esta postal cunhas letras adicadas por detrás ó seu pai, e está datada no ano 1922 na Habana, Cuba.

sábado, 9 de mayo de 2009

Homenaxe a Nai Clementina

Gustaríame que deixarades comentarios explicando as fotos, xa que eu recoñezo a miña ignorancia en moitos temas relacionados coa recente historia da vila. Por poñer un exemplo, esta foto que me envía Mª José Bouzas é dunha homenaxe que se lle fixo ña Nai Clementina do Convento das Irmás Franciscanas .
Claro que me lembro dela, e da nai Úrsula, e da nai Esperanza, moito nos aturaron de pequenos.
Pero non sei o ano no que se lle fixo esta homenaxe.

viernes, 8 de mayo de 2009

Programa da 1ª Gran Exposición de Vinos del Ribero

Como onte vós puxen unha foto da inauguración da 1ª Feira do viño do Ribeiro, hoxe poño a foto do catálogo oficial. Como podedes ver no título da entrada, e na foto, o nome non coincide coa denominación coa que hoxe a coñecemos.
Ten data do 10 de Abril de 1964 e as saludas iniciais están firmadas por D.Antonio Padrón Cendón ( 1º Teniente de Alcalde e Presidente en funcións) , e por D. José Filiberto Soto (Presidente da Comisión).

jueves, 7 de mayo de 2009

II Feira do Viño do Ribeiro

Maravillosa instantanea que me pasa Mª José Bouzas. D. Julio cura párroco de Ribadavia no ano 1965, asistido por Pepe o Sancristán(que grandes e bós recordos teño del) bendice oficialmente a inauguración da II Feira do Viño do Ribeiro, en presencia de D. Juan Bande, D. Antonio Freijido, D. Filiberto Soto e D. Rubén Álvarez .

miércoles, 6 de mayo de 2009

Rondalla do Frente de Juventudes

Esta foto que calculo que é da década dos sesenta é unha mostra máis da cultura musical que sempre tivo a nosa vila. Penso que somos capaces de recoñecer a moitos deles, hoxe deben de andar todos ou polo menos a maioría polos cincoenta largos ou sesenta.
A foto pertence ó álbum familiar de Carmen Dávila, e a foto está sacada diante do Instituto.

martes, 5 de mayo de 2009

O Avia e o Miño

Esta foto foi sacada no tempo das vendimas uns anos antes de que se construiran os encoros a finais dos sesenta.
Sempre me contaron que no verán o Avia na súa desembocadura se cruzaba a pé. Eu non o lembro, pero penso que esta foto case o demostra.
Mirádea ben. Mirade que paisaxe, perder non se perdeu, máis mudou para sempre.

lunes, 4 de mayo de 2009

Escola dos Maristas en Ribadavia

Este é un documento excepcional, xa que son moi raras as fotografías de grupos ben conservadas de certa por no dicir bastante antiguidade. A que vós poño hoxe forma parte do álbum familiar de D. Alfredo Escudero, e é a primeira dunha serie de tres que me cedeu amablemente o seu fillo.
Xa sabedes que os Irmáns Maristas tiveron, no que hoxe é o Actual Museo Etnolóxico, un colexio dende principios de século ata o ano 1936 . Pois ben, esta foto é do ano 1921. Creo que sobran as palabras, ¡mirade que cariñas!.

domingo, 3 de mayo de 2009

Festas do Portal 1951

Revolvendo entre cousas vellas atopei este programa de man do ano 1951, e se vós son sinceiro teño serias dúbidas de que fora a publicación definitiva. E digo isto baseandome en que non contén referencias a orquestras, procesións, actos festeiros, etc. Só ten publicidade .¿Raro non?. Digo eu si sería o ano do "boom" do marketing.
Aquí tedes a portada , e se o queredes ver enteiro en pdf pulsade aquí.

sábado, 2 de mayo de 2009

Baixo a ponte

Típica imaxe de Ribadavia no ano 55, sacada dende debaixo da ponte de S. Francisco. Ó fondo vese o actual Museo, e xusto detrás o campanario da Igrexa de Santiago.

viernes, 1 de mayo de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 4

Esta vez tócalle o turno ó ábside da igrexa de San Domingos.