Mostrando entradas con la etiqueta Deportes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Deportes. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de mayo de 2016

O equipo dos taxistas

Como xa sabedes que levo bastante tempo fóra da vila, cada vez se me fai máis costa arriba iso de poñerlle nome ás caras, aínda que moitas delas me sexan ben coñecidas. Tedes que me disculpar, xa que non son quen de acertar cos nomes dos retratados aquí abaixo, todos eles me son familiares, pero vai a ser mellor que lle poñades vós os nomes e apelidos, e incluso os alcumes polos que se lles coñecía. 
Podedes deixar os vosos comentarios coma sempre debaixo da entrada.
Segundo  María Lorenzo, que é quen me envía a foto, este é o equipo de balompé dos taxistas da vila, alá polo ano 1967. O gardameta, que é o primeiro que está de pé á esquerda, de branco e co balón na man,  é o seu pai, José Campo "O Raíña", o cuarto por esa banda é Julio Viñas, e o primeiro dos agachados pola dereita é o Gustavo, a quen eu tiña asociado coas empresas das pinturas e barnices, e non co gremio do taxi.
Seguro que vós aclarades a aliñación.




viernes, 11 de noviembre de 2011

Entrega de premios

Esta é a derradeira foto da serie que nos enviou Cuco, e como podedes ver, correspóndese co momento de entregarlle os premios ós nadadores.
O acto celebrouse mesmo a continuación das probas. Fixádevos en que aínda lle corren as pingas de auga pola faciana ó nadadordor que recolle a copa, que non sei quen é, ó igual que tampouco recoñezo á guapa rapaza que llo entrega.

A multitude arremuíñase para ver ós vencedores, e de entre todos eles podo identificar ó pai do "Agapito", o que tiña o establecemento de tecidos na rúa do Progreso, entre a tenda dos Matos e a do "Avelino". Só se lle ve a cabeza, e está situado á esquerda da columna da cantina que se ve ó fondo.
Tamén penso que o rapaz que asoma a cabeza por detrás das copas, como facéndose sitio, é Antonio Padrón, o fillo de Tucho "O Practicante". Á súa dereita está un rapaz con papeis nas mans, como actuando de secretario ou presentador, que tampouco coñezo; pero xusto a dereita, hai unha fermosa rapaciña sentada cun vestido de cor branco, é Marisa Sánchez, filla de Carlos Sánchez o boticario da vila.

Só me resta darlle as grazas a C.G.S. por esta srie de fotos, e pedirvos que por medio dos comentarios nos informedes de quen son os que aparecen nas fotos.


miércoles, 9 de noviembre de 2011

Natacion no Castelo

Fermosa instantánea feita por Cuco Gómez, que chega a nós, por medio de C.G.S., quen nos asegura que é da mesma época das que puxemos estes días atrás.
Como podemos ver, as instalacións deportivas daban moito xogo, e senón fixádevos na espectación que levanta esta competición de natación de carácter doméstico, ó igual que o resto de partidos de baloncesto e balonmán que se celebrabam nas pistas de abaixo dese mesmo recinto, e das que non teño ningunha foto que poder ensinarvos.
Penso que durante moitos anos, se fixo esta competición de natación, e mesmo eu, participei nalgunha, pero anos máis tarde, cara a mediados dos setenta. Senón recordo mal, quedei segundo nunha delas, por detrás do "O Galo" (José Alberto Sánchez Moreno), o fillo de Castor, gran nadador, e gran amigo, a quen lle mando un afectuoso saúdo, xa que teño constancia de que nos segue desde o Brasil, onde reside desde fai tempo.
Eu, aínda é hoxe o día que, sigo pensando que perdín aquela competición por mor de que na saida se me baixou o bañador, e tiven que facer unha pequena paradiña para subilo, un instante perdido imposible de recuperar en distancias tan curtas, xa que, se non lembro mal, só se facían tiradas de cincoenta metros, ou sexa dous largos á piscina.
Quizás os meus recordos estean trabucados debido ó paso dos anos, pero non me gustaría acabar hoxe esta entrada sen expoñervos unha dúbida que me plantexa esta imaxe.
Por unha banda recoñezo perfectamente a algúns dos adultos da foto. A Jaime Dávila, Eloy Soto, Tirso Casasnovas, Leopoldo "O Municipal"; pero non son quen de identificar nin ós rapaces que asisten como espectadores, nin ós nadadores. E sobre todo a un rapaz que aparece no medio da foto, de pé, con camisa de cadros e pantalón longo de cor claro, coas máns nos petos. ¿Quen pensades que pode ser?
¡Axudádeme!.


viernes, 17 de junio de 2011

Xuño: anguías e cereixas

Unha das cousas que con máis agarimo lembro deste mes de Xuño no que as clases remataban, eran as tardes vagabundeando polo río Avia, e o máximo, xa era cando os nosos pais nos daban permiso para ir armar unhas canas ás anguias á noitiña. Poucas veces nos deixaban, temerosos supoño da perigosa mestura da nosa xuventude, a noite e o río.
Esas noites, nalgúns sitios, o Avia ás veces era unha festa, e en lugares como o muiño da Raiña, eran tantos os pescantíns, que case non había sitios libres para poder colocar as canas.
A xente levaba de todo, incluindo comida e bebida, e así ían pasando as horas, pendentes do ruidiño dos axóuxeres que se puñan nas puntas das canas.
Como as anguías tragan ata ben adentro o anzol, tiñamos que cortar o sedal e colocar un novo de cada vez, polo que tamén levabamos sempre unha pequena lanterna, para poder facer os nós e colocar ben as miñocas no engado.
A mágoa era que non nos deixaban quedar ata tarde, tiñamos que voltar á casa as once, pero moita xente seguían ata a madrugada. ¡Unha golfería dicía o meu avó!
Na foto podemos ver a Roberto Villar de Castillo como posa fachendoso no ano 1966, cun bó exemplar de anguía, que máis parece un anguiacho, que é como lle chaman nos portos de mar ós congros pequenos, e coma nós lle chamabamos na vila ás anguías grandes.
Detras del observan atentamente a escena dous homes, o da esquerda non o recoñezo ben, pero o da dereita, é o avogado Manuel Feijoo, que creo que tiña alí mesmo o seu gabinete, ó igual que o seu irmán, o médico e forense da vila Casiano Feijoo .
A foto está feita ó lado de Foto Chao, e como tamén este mes é o tempo das cereixas, teño a obriga de recordar aquel pequeno posto de lambetadas que había un pouco máis arriba na beirarúa oposta, xustamente na esquina da zapatería do Gonzalo que cadra fronte ó Kopa Club. Alí debaixo dun pequeno buzón de Correos, os domingos montaba o seu telderete "A Urbana" . Só era unha pequena mesa e unha banqueta onde ela se sentaba. Entre os chicles "Bazooka" e os "Chupa Chups", colocaba unha morea de cereixas, que vendía en atadiños dunha ducia, que ela mesma facía con moito xenio atando os rabiños cun fío. Eu devecía por elas.
Moitas grazas a Ánxelis de "Ourense no Tempo", e a Roberto Villar pola cesión da imaxe.


viernes, 3 de junio de 2011

O aviador Piñeiro

Supoño que sabedes que o famoso aviador Piñeiro, que era natural de Sanxenxo, veu dar unha exhibición á nosa vila.
Segundo o xornal"El Heraldo Militar" do día 14 de Xullo de 1913, o aviador Piñeiro voou sobre a vila elevándose a máis de 5000 metros. Numeroso público chegado da capital en varios trens presenciou as súas evolucións.
Piñeiro estivo dezasete minutos voando, saudando co seu pano branco á concurrencia que o aplaudía, pero debido as pésimas condicións do campo de aterraxe, en extremo reducido, faltoulle terreo para aterrar, polo que tratou de remontar de novo o voo, indo a parar a unhas parras cercanas.
O aviador saiu ileso mentres o aparello sufriu desperfectos de consideración.
Penso, polo que me contou meu avó, que o campo de aterraxe estaba situado á beira do Avia en San Cristobo, e que foi todo un acontecemento que quedou gravado nas retinas de tódolos que tiveron a sorte de presencialo.
A foto que teño e de moi mala calidade, pero reflicte o momento no que o público arremuíñase ó redor do avión siniestrado. Escoitei tamén falar de que na vila hai fotos mellores deste suceso, pero eu non fun capaz de atopalas.
Ese xornal tamén fala de que ese mesmo día, pola tardiña declarouse un gran incendio nun aserradoiro de madeira a carón da estación do ferrocarril, cuios danos se valoraron en 6000 pesos.
Poñovos tamén un pequeno video que narra as andanzas deste galego pioneiro do aire.




martes, 24 de mayo de 2011

O equipo dos Flacos

Hai uns días fixemos algunha entrada sobre o alumnado ribadaviense do colexio dos Xesuítas de Vigo, e grazas á súa publicación, uns días despois recibín un par de fotos que nos ilustran sobre a vida alí naqueles anos.
Esta, a primeira que poño, é a foto do equipo dos "Flacos" sacada nun partido que os enfrentaba ós "Gordos" no curso 1950-51, supoño eu que celebrado nas Festas Colexiais.
O interese que ten, é que nela aparecen dous alumnos de Ribadavia. O cuarto de pé pola dereita é Juan Antonio Gómez Vázquez "Cuco", da farmacia de arriba, e o segundo agachado pola dereita é Rafael Chao Gómez, fillo de Toñito Chao, e que leva moitos anos residindo en Madrid.
Me comenta C.G.S., que é o dono da foto, e a quen lle agradezo enormemente o detalle que ten connosco, que a parede que vedes ó fondo, onde está pintada a portería, pertencía á vaquería. Os xesuítas tiñan alí estabuladas unhas vacas para proporcionarlle o leite ós internos. Un luxo naquela época de fame na que tiñán aínda vixencia as famosas cartillas de racionamento e os fielatos ás entradas das cidades.


Jesuitas. Vigo. Curso 1950-51

martes, 26 de abril de 2011

Don Siro (1ª Parte)

Seguro que escoitáchedes falar moitísimas veces de D. Siro, o home de Dona Celeste, "A Generala", chamada así porque el era, cando morreu no ano 1951, Xeneral de División do Exército.
Dona Celeste cando quedou viúva recluíuse na súa casa, que estaba xusto ó carón do Cine España, tamén chamado popularmente "O do medio", edificio do que penso que era tamén propietaria. A fachada da súa casa, hoxe en día desaparecida, daba á rúa do Progreso, e lembro que era de pedra con portas e ventás pintadas de cor azul escuro, mentres que a parte traseira daba á Fonte da Prata, onde tiñan un pequeno xardín cunha grande cerdeira, á que só os máis destemidos ousaban irlle ás cereixas subindo polo tellado do cine.
É nunha das terrazas traseiras que tiña esa casa onde posa D. Siro Alonso para o fotógrafo Chao. A foto é propiedade de Lolín Lira, que tivo a amabilidade de enviarma ó ler o dos "Corzos da Peneda". Ela, coma min, por todo o que oira falar del, tiña a idea de que D. Siro, como calqueira xeneral do exército, debía de ser un home moi maior, polo que se levou unha grande sorpresa cando Toñito Chao lle regalou esta foto, e como di ela: "llo presentou".
Non sei en que ano se faría esta foto, pero como podedes ver era un home xoven, atlético e ben parecido, que morreu moi cedo, á idade de 56 anos.
Unha das súas grandes pasións era a caza, pero cando non podía disfrutar dela, dáballe ó gatillo nas competicións de tiro de pichón. Foi un dos mellores tiradores de Galicia, como podemos consultar nas hemerotecas, gañando tiradas en moitas localidades da nosa xeografía.
Si vos son sinceiro a min esta foto deixoume impresionado, primeiro pola elegancia do seu vestir, o corte, a pulcritude do traxe, os seus inmaculados zapatos; e segundo por esa pose tan estudiada, na que todo está perfectamente controlado: as mans, a faciana elevada, etc. Como para dar impresión de aplomo, de seguridade, nunha palabra de mando. Nótase claramente que aínda que esta na súa casa, coa escopeta, e rodeado dos trofeos acadados nas tiradas, o seu semblante é o dun home moi seguro de si mesmo e afeito a mandar.


General Siro Alonso


martes, 1 de febrero de 2011

Unha incognita

Esta entrada vai adicada a dous insignes colaboradores do blog. Por unha banda a José Luís Escudero que foi quen nos pasou este recorte dalgún xornal, que gardaba o seu pai coma ouro en pano, coa data do ano da publicación escrita ó lado, que como podedes ver é 1934. Para el é un misterio a razón pola cal o conservou tanto tempo, e supón que aparte de seren veciños da vila terían unha boa amizade.
O outro a quen lle adico a entrada é Antonio Canitrot, que aparte de colaborar connosco, é un estudioso do seu apelido e da súa xenealoxía; e do que espero que aporte algo de luz sobre este rapaz do que non sabemos ren.

miércoles, 8 de diciembre de 2010

A copa co Ribadavia Atlético

Despois deste longo acueducto, que supoño que moitos de vós disfrutaríades, hoxe tócalle o turno a estas fotos, que son as derradeiras desta serie adicada ó Ribadavia Atlético. Como se pode apreciar na primeira das imaxes, Mirian sostén xa o trofeo e conversa co Quinín, mentres que na segunda posa todo o equipo cos dous rapaces encargados de lles entregar o trofeo, dos cales seguimos descoñecendo a súa identidade.





viernes, 3 de diciembre de 2010

Recibindo a Copa

O que non sei é de que copa estamos a falar, pero como podedes intuir, a entrada de hoxe é continuación da de onte, e as fotos son da mesma serie. Nelas vemos a uns rapaces que non logro distinguir, saíndo dende o graderio cara o centro do campo para facerlle entrega ó capitán do equipo o trofeo. Supoño que o capitán era Mirian, que ó agacharse para saudar os rapaces deixa espacio á cámara para que se vexan algúns dos seus compañeiros do equipo, coma o seu amigo Rafael.
Fai moitos anos que non entro no campo de fútbol do Xestal, pero lembro ben como era daquela, xa que era alí onde pasabamos moitas tardes dos domingos asistindo os encontros do equipo que daquela militaba na 1ª Divisió rexional.
Lembro tamén que estaba rodeado por unha pista de cinza branda, á que tódolos anos nos levaba D. Gerardo a facer competicións de atletismo.
Que eu recorde sempre faciamos o mesmo, unha carreira de fondo, da que non lembro cantas voltas se lle daba ó campo, unha de velocidade na recta da tribuna, lanzamentos de peso nun círculo de cemento que estaba situado a carón da portería que dá a San Cristobo, e os saltos de lonxitude e de altura ó seu lado, nunha caixa chea de area na que nos divertiamos moito, ata que chegaba o momento de saltar a altura. Cada un se zafaba como podía, uns ían de cabeza, outros de rodillo, e outros co medo metido no corpo amagaban e tiraban o listón, pero a moi poucos se lles ocorría saltar de espaldas ao estilo Fosbury. A caída era dura.



jueves, 2 de diciembre de 2010

Ribadavia Atlético

Son moi poucas, por non dicir nulas, as fotos que teño de deportes e deportistas da vila. Esta é unha sacada no campo do Xestal, supoño que a comenzos dos anos setenta, aínda que tamén podería ser de finais dos sesenta. É unha mágoa que teña tan pouca calidade, e que apareza recortada por un lado xa que é unha boa testemuña daquel equipo. Acompañando a esta, hai outras que irei poñendo e que me fan supoñer que se trataba dalgún trofeo celebrado por algún motivo especial coma unha festa ou algo así.
Si o outro día vos falaba de Rafael e de Mirian, e da súa afección o fútbol, esta é a proba. Aí os tedes ós dous, o problema e que coñezo a casi todos, pero non recordo os seus nomes, si exceptuamos ó Fidel, ese rapaz que se acoplou na parte dereita do equipo.
Fadece o favor, e deixade a alineación completa. Si podedes dar máis datos, mellor que mellor.

sábado, 10 de julio de 2010

Cortizo

Ó lado do porteiro, formando parte da defensa do Zaragoza da tempada 1964-65 está o ribadaviense Joaquín Cortizo Rosendo, que naceu na vila en Outubro do ano 1932, e que xogou coma futbolista profesional en equipos da talla do Celta de Vigo, Real Zaragoza ou Jaen, que é onde vive na actualidade.
Fíxose famoso en toda España por unha sanción que lle meteron por lesionar a un xogador do Atletic chamado Collar. Pero o mellor e que lle botedes unha ollada directamente a esta reportaxe publicada polo xornal Faro de Vigo no mes de Abril do ano pasado. A foto pertence tamén a ese xornal.
Premedes neste enlace para poder lela.



domingo, 30 de mayo de 2010

Tarde de Fútbol

Esta foto faise a finais dos anos sesenta no campo municipal de Fútbol do Xestal. Arriba de todo está o Alfredo, o das bicicletas, e o irmos baixando pola grada podemos ver ó Fidel Tielas, o Felipe da Bernarda, o Joselito, pai do malogrado Rafael, e edil polo Partido Comunista no Concello da vila na primeira lexislatura democrática.
Tamén está na foto "O Carballal" baixo da Lira, e sogro do propietario da foto, que como podedes supoñer é Juan José González Canedo.
Eu así de primeiras, o que boto en falta e a cuberta do graderío da tribuna. Recoñezo que non son nada futboleiro, e que debe de facer mil anos que non entro no campo de fútbol ribadaviense.
¿Ó principio a tribuna era descuberta? ¿En que ano se cubriu? A ver se alguén nos saca de dúbidas.



martes, 23 de marzo de 2010

Os campións

Preciosa instantanea que nos envía Carmela Dávila e na que vemos ó seu avó Emilio Dávila Alonso, que era o pai de Jaime e de Fidel Dávila, presidindo unha entrega de trofeos dun dos torneos de fútbol que se celebraban na Alameda.
A foto aparte de estar perfectamente enfocada transmite unha mestura de ledicia polo triunfo, e cansancio despois do partido, con tódolos compoñentes do equipo gañador tentando de entrar no plano do fotógrafo.
Na foto aparecen, segundo uns dos libros publicados polo Museo, Francisco Almuíña, Eduardo García, Juan Bande, Julio López Quijada, Celso Lorenzo, e o referido Emilio Dávila.
A espectación destes partidos que se celebraban na Alameda como podedes ver era máxima, senón fixádevos na cantidade de xente se arremuíña detrás, quizás porque estes torneos penso que debían de ser das poucas opcións de ocio de que dispuñan os xóvenes ribadavienses, nuns tempos difíciles.




martes, 12 de enero de 2010

O fútbol a principios dos cincuenta

Nesta fotografía vemos o mesmo equipo co da foto que publiquei fai uns días, pero estreando indumentaria, fixádevos que as camisolas son noviñas do trinque, a excepción da dos porteiros.
A foto está sacada no campo que se contruíu definitivamente no ano 1951 nuns terreos propiedade de Benito e Antonia Amil na estrada de Francelos, e que foi denominado "Estadium Municipal de Ribadavia". A idea da construcción do campo no Xestal, que tivera un uso deportivo privado moitos anos antes, quedaría postergada ata o ano 1967.
Falei o outro día da polémica que houbo na vila sobre o tema da elección dos terreos para a construcción dun campo de fútbol, e prometín subir nun pdf as crónicas que apareceron neses días no xornal "La Región", xa que nelas aparecen as opinións que tiñan moitos dos nosos veciños sobre ese tema.
Son varios artigos publicados polo corresponsal Novas-Casas dende Outubro do 50 ata Marzo do 51. Non sei se vós será un pouco tediosa a lectura, pero penso que pagou a pena o esforzo de xuntalos todos.
Pois aquí está o enlace, se o queredes ler ou descargar, só tedes que premer aquí.

Como podedes supoñer esta foto é da mesma propietaria que a que puxen o outro día, Dna. Mª Carmen López, e nela aparecen que eu saiba, Manuel Laje, Antonio Álvarez, O Che, Celso Lorenzo e Javier Meruéndano.
Sería moi interesante que entre todos fóramos capaces de completar a aliñación.

domingo, 20 de diciembre de 2009

Fútbol 1953

A finais do ano 1950 e a comenzos do 1951 no xornal "La Región" aparecen numerosas crónicas firmadas polo corresponsal Novas-Casas falando da compra dos terreos para a construcción dun campo de fútbol na vila. O corresponsal incluso chega a facer enquisas a moitas e distintas persoas da nosa vila, e cada un por suposto ten a súa opinión.
O xoven alcalde deses anos D. Emilio Gómez comenza a tantear ás forzas vivas, pero cada un ten a súa idea. De entrada moitos empresarios ofrecen cartos, aínda que algúns cando a cousa definitivamente se pon seria, bótanse para atrás segundo o alcalde.
Barállanse dúas zonas "O Xestal" e "O Cruceiro" que debe de ser pola estrada de Francelos, e algún outro sitio debido a pequenos localismos. Cada veciño tira para o barrio onde ten a súa vivenda ou o seu negocio, algúns ofertan terreos, evidentemente a cambio dun xustiprezo, outros ofertan donativos, e a verdade é que a cousa vaise liando de tal maneira que ata o Gobernador Civil toma cartas no asunto e fai un doativo de 50.000 pts. como xa vós contei o outro día, que lle dará o pulo definitivo a esta obra.
Como as opinións son moi variadas, e aparecen moitos nomes coñecidos, o mellor será que vos suba os articulos relacionados con este tema a un pdf, nalgunha entrada próxima.

O que non sei de verdade e si esta primeira construcción se corresponde coa do Xestal, xa que esta foto é do ano 1953, o nome do equipo non o sei, e este campo de fútbol non é o Xestal, parece na estrada de Francelos, pero algúns destes veciños seranvos moi familiares.
Eu que recoñeza de pé están O Che, Javier Meruéndano e Antonio Álvarez, e agachados Manuel Lage, e Celso Lorenzo.
Moitas grazas a Mari Cármen López por cederme a foto.



domingo, 13 de diciembre de 2009

Roberto Villar e a pesca

Xa puxen outra foto de Roberto e das súas pescatas no blog, enviada aquela polo noso amigo Rafa dende "Ourense no tempo", xa que é alí, en Ourense, é onde reside este ribadaviense tan bó pescador. Pero hoxe vou a tratar de darlle unha alegría con esta foto que ten unha procedencia distinta. Ó mellor xa a coñece ou incluso a ten.

A foto está sacada na rúa Progreso, calcúlolle que á altura do Kopa Club, e mirade a espectación que levanta coas súas capturas.

El está no centro cunha pucha branca e botas, recen chegado do río, rodeado por dúas belezas da vila, que sosteñen a pesca, e se mostran encantadas de posar para o fotógrafo. Penso que Chon é a da esquerda, e a filla de Orosa a da dereita. Dos demais non vós podo dicir os nomes porque non os sei, a pesares de teren caras moi coñecidas.

A foto e posible que se fixera a finais da década do 1950, e como podedes ver polo selo que ten debaixo a fixo Foto Chao.



jueves, 3 de diciembre de 2009

¿É un aperitivo ou unha merenda?

O título que lle pusen a esta multitudinaria foto é porque non sei a ciencia certa a conto de qué se fixo esta xuntanza. Moita pitanza derriba das mesas non hai, de noite non é, polo que só pode ser un aperitivo ou unha merenda.
A min ma mandaron dicindo que podería estar feita nunhas Feiras do Viño, e pode ser, si. Pero si a observades con calma veredes que o rapaz que está agachado no centro e en primeiro plano sostén, e mostra á cámara, un bandeirín có escudo de Ribadavia, polo que penso que ten que ver moito có fútbol.
Facer unha lista da cantidade de rapaces que saen na foto, sería encher esta entrada de letras e letras, polo que penso que o mellor será que a disfrutedes, e que cada un si se anima, vaia deixando os seus comentarios enbaixo.
E como moitos dos que están na foto son coñecidos vosos e de seguro que vós cruzades con eles, facédeme o favor de preguntarlles o motivo desta reunión, o sitio e a fecha.
¡E xa me esquencía! ¿Si foi un aperitivo, unha merenda ou metín eu a pata ata o fondo?





sábado, 21 de noviembre de 2009

A lamprea de Quico

Xa fai bastante tempo que Mª José Bouzas me enviou esta foto, xunto a outra que publiquei o día 7 de Abril, e que podedes atopar na etiqueta de Deportes, na parte dereita do blog.
Na outra foto, aparecía Quico saíndo do Avia cunha lamprea pinchada nun garfo, pero a foto estaba feita dende lonxe, e ó mellor moita xente non a vía con claridade, polo que hoxe vós poño esta, na que se aprecia moi ben que o trofeo que exhibe é unha verdadeira lamprea.
Como dicía un amigo meu, aparte da sorte, que sempre inflúe, para facer esto hai que saber. Primeiro hai que coñecer o río, e segundo hai que poñer ollos de peixe. Onde todos ven unha rabaza, Quico viu unha lamprea.
E conto todo isto por experiencia propia, algunha vez, xa fai moito tempo, acompañei a un gran pescador da vila ás anguilas con tenedor. Eu ía ó seu lado , e nunca collín ningunha, mentres que el se fartaba. Así é a vida, o que sabe. Sabe.
O que non sei é se agora como o prohiben todo, se pode pescar con tenedor.



jueves, 19 de noviembre de 2009

Futbol, o equipo contrincante

O outro día vós prometín a foto do outro equipo, que penso eu que sería este, xa que as fotos teñen a mesma procedencia. Como dixen, debeu de ser un partido entre afeccionados no campo do Instituto.
Nesta foto recoñezo a Benito Amil e a Serafín Escudero, que non están vestidos de curto, e que aparecen á esquerda da imaxen de pé, supoño eu, que farían as funcións de managers, ou aadestradores.
Entre os que están agachados recoñezo ó Lamas, a José Escudero, a Tirso Sánchez e ó "Torejas".
Permítideme tamén que dende aquí teña unhas palabras de afecto para o "Torejas", que xa non está con nós, e que foi o meu adestrador de baloncesto no equipo da vila durante algunhas tempadas. Derrochou connosco tremendas doses de entrega, comprensión e cariño. ¡O que disfrutaría vendo hoxe os partidos da Selección, ou da NBA!. Un pequeno gran home, que deixou en moitos de nós unha fonda pegada.