miércoles, 30 de septiembre de 2009

O cadro misterioso 1

Hai un tempo puxen unha foto deste cadro que tedes ahí abaixo. É o chamado "A las orillas del Avia" de Aureliano Beruete, propiedade na actualidade da colección Gestenmaier.
Parece ser, como vós dixen nunha entrada anteriorque podedes buscar neste blog, que Beruete andivo pola nosa vila a principios da década de 1880, e non só por aquí, senón tamén por Vigo onde pintou algún cadro, e por Sada onde se hospedou coa súa muller nun pazo.
Ó que ía. Este cadro descoñecido para a inmensa maioría dos nosos veciños, deu moito xogo nun foro de internet que temos os ex-alumnos e ex-profesores do Instituto de Ribadavia, englobado na asociación cultural Exaprin. As conclusións ás que chegamos despois de moitas voltas podennos servir para poñernos en antecedentes.
Podedes ler un resumo de tódolos aportes premendo aquí neste enlace.
Penso que ahí quedou bastante claro que é o que aparece pintado no cadro, e cal é o punto de vista dende o cal o pintou Beruete.
O cadro é este, e deseguro que moitos de vós xa o coñecedes, pero hoxe polas necesidades do meu guión vouno poñer en branco e negro.


Tempo despois mirando unha publicación sobre a vila decateime da presenza de estoutro cadro nunha foto, xusto o que vós poño debaixo destas liñas.

Fun ó Museo e soliciteina para podela estudiar con calma. Xa cunha boa ampliación, deime de conta de que o que representa ese cadro é tamén a nosa vila, pintada dende o mesmo punto de vista do cadro anterior, pero representando o Avia augas abaixo, xusto centrándose na curva que fai o río na presa que hoxe non existe, e da que vós puxen unha postal onte, e no casco urbán de Ribadavia na parte de extramuros que dá a esa zona.

Recoñezo que a foto do cadro é moi deficiente, xa que é unha ampliación da foto que me cedeu o Museo, pero penso que aínda así podémonos dar conta de que a factura, o tratamento da luz, o manexo das formas, tanto nas árbores como nas casas son moi similares nos dous cadros. E como pasaba no anterior, o autor manexa a realidade o seu antollo segundo as necesidades compositivas que require o equilibrio da escea.

Eu non teño dúbidas de que o que se representa ahí é Ribadavia, e varias persoas coas que consultei coinciden no mesmo. Os dous cadros case con total seguridade están feitos polas mesmas mans. É dicir, que este cadro, hoxe descoñecido, podería ser de Aureliano Beruete.

¿Que vós parece? Espero as vosas opinións, e mañán desvelo en que foto aparece este novo cadro, e quen aparece ó seu lado.

martes, 29 de septiembre de 2009

Fixádevos ben

Esta é unha postal feita por D. Emilio Canda a principios do S XX. Del xa vós falei en outras entradas, pero hoxe quero que vós fixedes ben na fisonomía que tiña o Avia naqueles tempos, cara a principios do século pasado. A ponte de San Francisco como podedes ver está no mesmo sitio, aínda que non sei se sabedes que no ano 1906 sufriu unha remodelación consistente en ensanchar a calzada, e que custou daquela a nada despreciable suma de 17.000 pesetas. As obras levounas a cabo o constructor D. Juan Puente y Zamora.
Como dentro de pouco me vou a meter onde non me chaman, quero que gardedes ben na vosa memoria esta imaxe do río. Quizás moitos de vós non sabiades que existía ahí esa presa cun muíño. Non sei como estará eso agora, pero nos anos setenta, os muros do muíño que aínda quedaban, eran unha boa postura para a pesca. O que xa non existía era a presa. Eu xa non a recordo, nin tampouco lembro o nome do muíño se é que o tiña. Pero insisto, non perdades detalle, tedes que imaxinar a vila e o Avia así, será necesario para entender as próximas entradas.
Teño que voltar a darlle as grazas ó Museo da vila por cederme tan amablemente estas fotos.



lunes, 28 de septiembre de 2009

¿Quen son?

Esta foto que sacou Foto Chao é un gran misterio. Póñoa hoxe para ver se somos quen entre todos de coñecer a algunha persoa das que sae na foto.
Segundo me comenta D. César Llana esta é unha boda de moita importancia. Primeiro porque a noiva vai de branco, e daquela, antes da guerra, moi poucas se casaban así. E o segundo, é que á esquerda aparece parte da dianteira dun automóbil. Nesta foto non se aprecia, pero noutras que están no museo vese claramente que é un Hispano Suiza. E a pregunta cae polo seu propio peso:¿Quen tiña un Hispano Suiza por este lares?.
Estamos perdidos. Tamen pode ser que esta voda non se celebrase na vila, e si nalgún pobo próximo, a donde se desplazou o fotógrafo.
Facede o favor, e ensinádelle a foto ós vosos maiores, a ver se eles son quen de proporcionarnos algunha información.

domingo, 27 de septiembre de 2009

A prensada do bagaño

Era quizás o que nos faltaba por ver no tema das vendimas. E aquí o tedes. Eu non recoñezo a ninguén, nin sei onde foi sacada esta foto, pero ó mellor vós si.
O único que sei dela é que foi feita a finais dos anos sesenta por encargo do meu pai, ó igual que as outras, e aparece nela un bó equipo de traballo, xa que esta tarefa non e doada.
Moi poucos particulares tiñan prensas nas súas adegas, polo que non lles quedaba outra que a contrata dunha prensa itinerante. Os donos destas ían ofertando os seus servicios pola vila e as aldeas a cambio dunha retribución económica. Quedabas un día, e eles aparecían coa prensa nun carro de bois, a instalaban na rúa dediante da túa adega, e veña, a meter o bagaño nela en barcaletas e a sacar o mosto e metelo en pipotes.
Como supoño que xa sabedes os que seguides o blog, polo menos fai trinta anos que eu non vexo unha prensa traballando, pero pódovos asegurar que teño metido na cabeza aquel ruido metálico que facían as pezas ó irlle dando á panca, pouco a pouco, sen pausa pero sen presas, coma ten que ser.
E que queredes que vós conte do momento en que comenzaba a correr o viño pola canaleta. Todos se poñen en movemento, non da tempo a encher as vasixas unha tras outra, e eu que aínda era un neno e andaba a estorbar polo medio o único que facía é meter os dedos no mosto e levalos á boca.
Cando anos despois vin funcionando as prensas industriais das grandes adegas, o engado desapareceu. Xa todo era distinto.


sábado, 26 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 18

Esta é a rúa dos Fornos, e se hoxe, nesta semana das vendimas, aparece no blog por algunha razón será.
Ahí, ó final das escaleiras, era onde meu avó tiña unha pequena adega, ahí facía o seu viño, e inclusive o vendía. Tódolos anos puña na porta un mesa cunhas xarras e durante un par de semanas coma en calqueira furancho, fose por cuartillos ou por litros ,íase desfacendo dos seus excedentes.
Ahí foi onde eu tiven os primeiros contactos coas vendimas. Lembro ver chegar as uvas en carros de bois, e sentir medo ó pasar ó seu lado nuha rúa tan estreita. Anos máis tarde foron chegando en carrocetas.
Ahí é donde eu pisei as miñas primeiras uvas, a modo de xogo, nunha barcaleta, e onde lle din por primeira vez a unha prensa.
Supoño que ahí tamen foi onde lle mandei a primeira fecha.
Que queredes que vós conte....
Ahí é onde eu pasei a miña infancia.



viernes, 25 de septiembre de 2009

A vendima na Cooperativa 2

Aquí era onde traballabamos a maioría dos eventuais contratados para a vendima. Eu sempre traballei na toma do grao dos mostos, exceptuando as últimas dúas campañas nas que traballei de axudante do enólogo.
Xa pasaron trinta anos, pero recordo ben a Emilio o enólogo, era un valenciano pequeno e moi amable que casara en Francelos, e eu axudáballe a tomar as mostras e as temperaturas dos mostos que estaban a fermentar, e logo no laboratorio a calcular a acidez e limpar tódala cacharreria propia dun sitio así. Incluso lembro que un ano, baixo a súa dirección fixen moitisimas microvinificacións de castes autóctonas de distintas localizacións. Disfrutei e aprendín moito alí, no laboratorio con Emilio.
Este traballo era máis entretido que estar a tomar o grao nas tolvas, que foi o primeiro que fixen. Na tolva había que estar vestido con funda e botas para subirse ós camións, escoller cunha pala e un capazo uvas variadas de entre toda a carga, pelexando sempre cós paisanos que se queixaban de que lles collías as máis verdes, e logo trituralas e medirlle o grao nunha probeta cun mostímetro.
Eramos polo menos unha ducia de rapaces que traballabamos de sete da mañán ata as doce da noite, e o peor eran os sábados, xa que todo o mundo aproveitaba este día, e o domingo, para vendimar, có que chegabamos á casa tódalas noites esfolados.
Seica daquela a Cooperativa tiña unha contrata con algúns transportistas para facer os portes das uvas, e un deles có que eu me levaba moi ben era o Argimiro. Recordo que ás veces me deixaba conducir o camión na explanada, e explicábame como facer o doble embrague. Portábase moi ben connosco, e case tódolos días nós traía de volta á vila, todos subidos na caixa do seu "Pegaso" cantando cancións. Ó chegarmos ó Kopa Club, o Argimiro ralentizaba a velocidade e alí todos saltabamos do camión en marcha.
Outras veces nos traía o pai dos Arca de Francelos, tamen na caixa do seu camión, non me lembro da marca ( podería ser Barreiros) pero si da súa cor, un azul intenso. Santiago, o seu fillo era sempre o encargado da báscula. Pesaba os camións ó entraren e o sairen, e logo restaba e anotaba o peso das uvas. Non se trabucaba nunca. Pódovos asegurar que sempre se lle deron moi ben as matemáticas.





jueves, 24 de septiembre de 2009

A vendima na Cooperativa 1

Esta foto debe de ser dos primeiros anos desta adega, e non creo que se vexan hoxe carros de bois transportando as uvas. Fixádevos que como o carro non ten volquete había que descargalas na tolva a base de pala, como fai ese señor que está subido ó carro.
Eu traballei algúns anos aquí na Cooperativa, cando era estudiante, e teño moi gratos recordos de toda a súa plantilla.
Xa pasaron moitos anos, e os nomes deles perdense na memoria, pero non quero rematar esto sen citar a dous dos que me lembro especialmente. Un era o xefe de mantemento, o mecánico. Sei que vivía en San Andrés, e viñera da Siemens de Alemania, era baixo e con gafas. Era un fenómeno, reparabao todo e incluso inventaba ou desenvolvía aparellos novos có fin de facilitar o traballo. O outro era o que levaba as prensas nas vendimas, era de Sampaio, alto e tiña un certo aire a Clint Eastwood, ou así o recordo eu.

Con ambolos dous pasei moitas horas. Axudáronme e aprendín moito. Quero mandarlles dende aquí unha forte aperta.


miércoles, 23 de septiembre de 2009

Os pisóns 2

Como vedes sigo cós pisóns das uvas. Este que sae na foto as pisa descalzo, e se vós fixastes na foto de onte o rapaz levaba unhas botas de goma que daquela se lle chamaban "Katiuskas".
Eu cando pisaba uvas era un rapaz e sempre dubidaba moito entre facelo descalzo ou con botas, e a razón era que as botas que te daban non eran do teu número, case sempre eran máis grandes, e o traballo era doble, xa que moitas veces a bota quedaba afundida entre as uvas da muega e cando intentabas levantar a perna só subía o pé decalzo, polo que ás veces fartábame e seguía a traballar descalzo.
Pisar as uvas descalzo tamén tiña os seus problemas, sobre todo coas uvas tintas. Quedábache a perna pintada durante unha semana e por moito que a fregases sempre a vías mourada.
Outra das cousas das que me lembro é da famosa frase de "Dalle galla".( Se a pronunciades con gheada soa mellor, "ghaia", ó igual que "muegha").
Supoño que todos sabedes que unha galla é un pau rematado en dúas ou tres polas curtas a modo de garfo. As que eu coñecía eran de acacia, e se usaban para repartir mellor o bagaño das uvas tintas dentro da cuba, xa que ó ir todo para dentro se formaba unha especie de montaña na cuba que había que desfacer para que entrasen máis. Así que cando a cuba se empezaba a encher, non só había que pisar as uvas senón que repartilas ben dentro da cuba coa galla.


martes, 22 de septiembre de 2009

Os pisóns 1

Aquí temos a un pisón, que era como se lle chamaba ós rapaces que pisaban as uvas.
Como podedes ver este tíñao complicado, xa que a altura do teito non lle daba para poñerse de pé. Para evitar esto moitas adegas tiñan unha trampilla que comunicaba esta coa planta superior, xusto no lugar en que se ubicaba a cuba coa muega. Abríase só cando as vendimas para facilitar o pisado das uvas, e facer máis levadeira esta tediosa tarefa.
Supoño que moitos de vós seguro que fixestes esto máis veces ca min e lembrades a enerxía coa que comenzabades, e o cansancio que pouco a pouco vós ía invadindo as pernas, sobre todo cando o xefe dicía aquelo de "dalle outra volta rapaz"ou "pisa naquel lado que por ahí non lle deches" e ti xa non eras quen de levantar os pés.
En fín, supoño que agora todo o mundo usa trituradoras eléctricas, e esceas coma estas xa non se ven.


lunes, 21 de septiembre de 2009

Culeiros na Barca

Esta semana, se non xurde nada novo vouna a adicar as labores das vendimas. Pensemos que o viño é o motor económico da nosa bisbarra, e que todos os que ollamos estas páxinas tivemos algo que ver con el, aínda que sexa só a hora de beber os nosos caldos, que por certo cada ano que pasa son moito mellores.
Esta foto supoño que está sacada nunha finca que hai xusto en baixo da vía férrea na Barca. Penso que uns anos despois de que se sacaran estas fotos a mercara D. Enrique Pumar, médico da vila, que non sei si segue a ser o seu actual propietario.
Ilustra o que xa vós contei en outras ocasións a labor da saca das uvas da viña. Neste caso esta tarefa é doada pola topografía e as boas comunicacións desta viña, nembargantes, estas operacións ás veces tórnanse complicadas cando as viñas ocupan xocalcos escarpados e os carrexóns para chegar ós carros que están nos camiños, teñen que facer case de alpinistas ascendendo por muros imposibles.



domingo, 20 de septiembre de 2009

Comezan as vendimas

O outro día falaba de que xa estaba todo listo para as vendimas, pois hoxe poño esta foto das mulleres en plena faena entre as gavias. Como podedes ver, e de seguro xa sabedes, non é un traballo doado. Hai que andar moitas veces de xeonllos e ó final do día acabas derreado.
Lembro que cando xa tivemos idade para traballar, alá polos dezaseis ou dezaoito anos, buscabamos traballo de vendimotes, e algunhas veces de carrexóns, xa que pagaban máis.
Teño un recordo moi especial da "Figueiriña", que é unha viña na que traballamos algún ano uns cantos amigos, grazas á a D. Tirso Casasnovas que era o seu administrador.
A "Figueiriña está situada ó final da recta das Chabolas, arriba á esquerda, en Sanín. Era unha gran viña con adega incluida, e seica era de alguén de Madrid. O capataz que a levaba era un señor da Reza na Arnoia, é e unha pena que non me lembre do seu nome xa que teño un gran recordo del. Cando íamos de carrexóns había que levar a uva en culeiros, e ás veces co peso e a suor os molidos ían esbarando pola frente ata taparnos ollos, e el ría a cachon cando chegabamos á adega case as apalpadelas sen apenas visión, e lle pediamos por favor que nos botase unha man. Eran tempos... Recordo que unha vez para almorzar, xa non sei en que viña, o dono nós deu augardente e galletas surtidas Cuétara, fumos todo o día polo aire.
Bueno, que o tempo acompañe e que a colleita sea boa.


sábado, 19 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 17

Esta é unha praza que hai ó final, abaixo, da rúa de Santiago, da cal agora mesmo non sei o seu nome. O punto de vista dende onde está feito o gravado é ese e alí ó fondo podemos ver o final da rúa de San Martiño.
Esta imaxe non sei por que faime recordar ó Leopoldo que era un garda municipal que tiña unha inmensa paciencia con todos nós cando eramos pequerrechos, e xa non tanto. Penso que a súa muller tiña unha tenda xusto ó final dos soportais da esquerda.
Como vós ía contando Leopoldo sempre se puña da nosa parte cando había conflicto co Ricardo , o cabo dos municipais, o seu xefe. El calaba e facíanos calar a nós diante do Ricardo, escoitabamos todos con atención a voz da autoridade, e cando xa estaba todo claro, e o cabo desaparecía, el nós dicia: "agora rapaces facede o que queirades".
Tiña tamén un grande sentido do humor e sempre nós andaba a contar chistes e adiviñas, que nunca eramos capaces de adiviñar.
Era unha gran persoa.
Na esquina oposta á tenda da muller do Leopoldo había outra, ¿Podería ser a da Contempla? Non sei si estaba alí xa que logo mudou para a fonte de dous caños. Era a abastecedora de fogetes e petardos de tódolos rapaces da vila.

viernes, 18 de septiembre de 2009

Todo listo

Todo está preparado para o comenzo das vendimas, ahi están xa os moñicos ó final das gavias á espera de encherse de uvas.
Non sei onde se sacou esta foto, pero tanto me ten, pode ser unha viña calqueira do Ribeiro, como as dos meus avós, onde fixen as miñas primeiras vendimas, tanto na "Brinca" na Franqueirán , como na "Gandarela" frente ó Xestal. Máis que vendimar o que facía era estragar os racimos e comer as uvas, e ó final como non traballaba sempre me puñan a recoller os vagos que caían ó chan, e me repetían a mesma cantinela: " cos vagos faise un pipote de viño". A verdade que eu daquela era moi cativo, e andaba máis pendente de que non me picasen as abellas que andan ó redor das uvas, que en traballar. Era un xogo ós ollos dun neno.




jueves, 17 de septiembre de 2009

D. José Mª Castroviejo na vila

Esta foto é moi especial para min, e vai adicada a Andrés, un dos fieis seguidores deste blog, e que a estas horas xa estará de volta nos Estados Unidos. Fai uns días que falamos e dixenlle que tiña algunha foto do seu avó, pronunciando unha conferencia no Instituto, e el non o cría. Pois aquí está a proba. Vai por ti Andrés.
Esta foto fíxose no antigo Instituto, cando este aínda estaba na rúa de San Martiño, no actual Museo Etnolóxico de Ribadavia, no curso 1955-56, e nela vemos de esquerda á dereita, ó conferenciante, D. José Mª Castroviejo que pronunciou unha amena conferencia titulada "Irlanda 1955", Dna. María Pérez López "Maru" que era a profesora de Historia, D. Manuel González Dieguez, profesor de Matemáticas, e a D. Manuel López Grién profesor de Química e Director do centro naqueles anos.
Por se alguén non ten moi claro quen foi D. José Mª Castroviejo, deixovos aquí un par de enlaces nós que podedes premer para saber un pouco máis da vida e da obra de D. José María:
Enlace a Wikipedia e outro a Moaña. servidores.net.


miércoles, 16 de septiembre de 2009

Outra vez o certame de orfeóns de 1927

Tedes que perdoar, pero as presas son malas compañeiras, e na entrada que fixen hai uns días sobre a foto do Orfeón da Arnoia esquencín dicirvos cales eran as bases do concurso, a peza de obligada interpretación e os premios.
Para subsanar este erro poño hoxe un recorte do xornal independente de Pontevedra "Progreso" do sábado 6 de Agosto de 1927 no que se anuncia e se publican as bases do concurso da vila, e donde podedes leer todo.

Non sei que pasa ás veces que as fotos non se deixan ampliar e xa me pasou máis veces. Xa está todo arranxado, xa podedes leer esta entrada, e ver outras fotos coma Maquiáns e a da Banca Nogueira.
Pido disculpas, mais son problemas alleos a min. Que o disfrutedes
.


martes, 15 de septiembre de 2009

Maquiáns

Efectivamente, son os muiños de Maquiáns, pero sen a abondosa vexetación que os cubre agora. Como podedes ver, cós retoques dixitais a foto é máis nidia, e nela pódense apreciar as antigas construccións que alí había, e a orografía da zona.
Por certo, ¿é Maquías ou é Maquiáns?. Antigamente nos carteis da estrada puña en castelán "Maquianes", pero eu sempre oín á xente chamarlle Maquiáns, que é como lle chamo eu.
Moitas veces de neno subín ata eses muiños, pero pódovos xurar que polo menos fai uns trinta anos que non vou alá. Teño que voltar un día destes por alí e botarlle unha ollada.
Aínda me lembro, que alá polo principio dos anos 70, estaba algún en uso, e ás veces nos cruzabamos có dono do muiño, que un burro fariñeiro ó que meu avó lle chamaba o burro da "Cristala".
Sempre polas referencias que escoitei de cativo, á zona onde se atopan eses muiños se lle chamaba o "Monte de Chacoto,"e ás veigas que había na parte baixa na marxen dereita "A Cerradiña". Se algunha vez ides por alí xusto detrás do último muiño está "A Derrota"que é unha zona na que o Maquiáns vai soterrado baixo unha morea de penedos. É de moi difícil acceso, pero cando estas derriba das rochas, non ves o río, só oes o ruido que fai a auga. por debaixo delas. Seica este fenómeno débeuse a un desprendemento de rochas causado pola rotura dunha bolsa da auga. Se tendes folgos e queredes seguir ascendendo, a continuación atoparedes unhas pozas bastante estreitas e sombrías, que van a dar á parte de abaixo do lugar coñecido como "Laxe de Novoa" que é onde está a presa da traida de augas da vila, e de onde saía tamén a antiga "Levada" que hoxe en día está totalmente destrozada e perdida, pero ese é outro tema do que falaremos outro día.



lunes, 14 de septiembre de 2009

Outra adiviñanza

Eu teño a plena seguridade de onde están situadas estas construccións, pero non volo vou a dicir para que vós fagades un esforzo e me deixedes saborosos comentarios.
Xa sei que a foto non ten moi boa calidade, pero tedes que botar a imaxinación a voar.
Mañán se cadra vós poño a mesma foto, pero mellorada dixitalmente ,para os que coma min xa vaian perdendo facultades visuais.
Unha das cousas que me chama poderosamente a atención desta foto é a falta de árbores nesta zona, cousa que tamén me sorprendeu nunha foto que puxen anteriormente da Veronza, nunha entrada sobre un recibo de electricidade.
A foto é propiedade do Museo e pertence ó legado de Chucho Sánchez, e debe de ser moi antiga.

domingo, 13 de septiembre de 2009

Airiños d´Aldea

Se vós son sinceiro, cando estaba no Museo acompañado por D. César Llana que me estaba a ensinar fotos, intrigoume moitísimo esta foto, e non parei ata ter información de primeira man sobre ela.
Na descrición do Museo fálase do Orfeón da Arnoia, tamén chamado "Airiños do Arnoia" e "Airiños da nosa Terra" e que foi o gañador do certamen de Orfeóns da nosa vila no ano 1927, (pódese leer claramente na bandeira que gañaron). E a foto parece estar feita no adro da igrexa de Santa Rita na Arnoia.
Pescudando en xornais antigos obtiven información abondosa dese Certamen como por exemplo, que en algúns se lle chama Airiños d´Aldea e que a batuta a levaba D. Castor Cartelle.
O certame celebrose nun templete construido a tal efecto na praza de touros nas Festas do Portal dese ano, e o primeiro grupo en actuar foi o "Eco da Coruña" que parece ser que comenzou moi ben pero pouco a pouco foi desafinando ata que aquelo se convertiu nun desastre polo que foi descalificado. A súa sagunda interpretación xa fóra de concurso foi unha jota navarra.
A continuación tocoulle o turno ó Orfeón "Ourense nº 3" que actuou con grande sobriedade, resaltando o seu tenor D. Gonzalo Iglesias que estivo moi ben nos seus solos. De libre eleción interpretou "La voz del Mar" e acadou o segundo premio.
A terceira agrupación en actuar foi a da Arnoia que foi a máis afinada o que levantou clamorosos aplausos no respetable, o que fixo que o xurado tivese moita benevolencia en consideración a que se trataba de cantantes aldeanos (sic). Na obra libre de regalo o coro xa non estivo á mesma altura.
Por último subiu ó estrado a "Artística de Vigo" que aparte da obra de concurso interpretou "Os Mártires", pero como a interpretación non estivo á altura da súa fama o xurado deixouna sen premio.
Faltou a coral de Pontevedra que a pesares de estar inscrita non se presentou por problemas técnicos.
Esta foto sacouse ó día seguinte cando Airiños d´Aldea tivo que percorrer as rúas da Arnoia exhibindo a bandeira gañada no certame. Dende os balcóns engalanados a xente lles tiraba flores, e as mozas lle ofrecían ramos ó seu director, mentres se tiraban bombas de palenque para celebrar a victoria .


sábado, 12 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 16

Esta e a fermosa igrexa románica de Sta. María da Oliveira, que a moitos turistas pásalle totalmente desapercibida debido á súa ubicación. Data de mediados do século XIII e pai Samuel Eiján dí que era o seu adro o único cimeterio ó aire libre da vila, xa que nas outras igresas só se podía dar terra no seu interior. Foi unha das parroquias da nosa vila, e é así como a desbuxa neste gravado Conde Corbal.

viernes, 11 de septiembre de 2009

Outro dos meus bisavós

Trátase de Pepe Martínez, penso que era natural de Sampaio, e tivo unha morea de fillas, entre elas miña avoa Carmen. Eu non o coñecín e esta é a única imaxe que conservo del. Non sei en que ano está sacada nin en donde. Chegou ás miñas mans así, como se a recortasen dunha foto máis grande.

jueves, 10 de septiembre de 2009

De troula no Club

Esta foto é espectacular, parece sacada dunha película dos irmáns Marxs, para min é a instantanea perfecta.
Pertence ó legado de Chucho Sánchez e está depositada no Museo, pero hoxe a poño aquí porque aparecen nela tres persoas das que teño grandes recordos.
O primeiro é Argimiro, que foi bedel do Club Artístico durante moitos anos, e que nos aturou un ano tras outro a moitos cativos que por alí pululabamos. Sempre amable e paciente, aínda que ás veces non lle quedaba outra que poñerse serio con nós. Andaba ó quite cando xogabamos ó xadrez e ó billar aportando ideas ou facendonos comentarios para mellorar o noso xogo.
Outro é José Conde, tamén xogador de billar, e gran pasteleiro. As visitas ó seu estabecemento non tiñan desperdicio, cando lembro aquelas "cristinas" de crema e xurovos que me entra a fame.
E por último, Braulio Soto. Braulio é punto e aparte. Gran amigo meu, co que pasei horas e horas, e co que aprendín moitísimas cousas que non se aprenden nin na escola nin nos libros. Amante da natureza, da caza, da pesca, dos cans, aturoume cando aínda era un neno durante moitas cazatas e moitos paseos, e se vós son sinceiro penso que nunca o vin enfadado.
Sei que andas un pouco renqueante Braulio, pero xa sabes amodiño e para adiante. Dende aquí te envío unha forte aperta.
E a vós xa o sabedes, espero os vosos comentarios para identificar os demais compoñentes desta fermosa foto.



miércoles, 9 de septiembre de 2009

Visita á Cooperativa

Eso que vedes ahí é a parte darriba dos orixinais tinos de fermentación que tiña a Cooperativa, e esa pasaxe con barandais que estan a atravesar serve para pasar duns ós outros ,sen ter que descender, xa que teñen unha altura considerable. Os coñezo ben xa que traballei alí unhas cantas vendimas, e tiña que recoller as mostras para levalas o laboratorio.
Pero ó que iamos, esta foto que me envia Mª josé Bouzas debe de estar feita nunha visita que fai o Gobernador Civil Sr. López Ramón ás obras da Cooperativa antes de que estas rematasen, coincidindo seguramente cunha inauguración dunha das Feiras do Viño, posiblemente a do ano 1967.

martes, 8 de septiembre de 2009

A banca Nogueira

Un dos edificios máis emblemáticos da vila é este da Banca Nogueira, que dispón dunha fachada feita en pedra labrada dun estilo ecléctico característico dos principios do século XX en moitas vilas e capitais de Galicia.
Non sei exactamente cando se comenzou a levantar esta construcción, nin baixo a dirección de que arquitecto, pero como podedes ver, nesta foto os traballos aínda ían polo primeiro piso. Espero os vosos comentarios, a ver se entre todos somos quen de poñerlle unha data a esta foto.
Coma sempre, teño que agradecerlle ó Museo Etnolóxico a cesión da foto, donada a esta institución por Pili Núñez.



lunes, 7 de septiembre de 2009

A praza Maior e o seu reloxio

Esta entrada, acompañada desta foto sacada do libro da editorial Ir Indo, e que xa citei en entradas anteriores, vouna aproveitar para darlle as grazas a unha persoa da que teño moi bós recordos. Supoño que si vós digo que de nenos todos os que viviamos nos arredores, da Praza Maior faciamos cola nas escaleiras do Xulgado a eso das nove da tardiña, algunha idea iredes tendo. E que se o motivo desas esperas tiñan relación có reloxio da torre do Concello, seguro que ides afinando máis.
Efectivamente trátase de Javier, o Ferreiro que tódolos días sen faltar ningún, lle dá corda o reloxio da praza.
De neno había pelexas para subir de primeiro por aquelas escaleiras de caracol, e Javier o día que vía que había moita espectación e estaba de boas, collía a folla dun xornal vello, plantáballe lume, e a deixaba cair polo oco das pesas có que se iluminaba todo o pozo facendo as delicias da rapazada alí congregada.
Moitos anos subín con el sobre todo nos meses de Outono e Primaveira. Con que cariño nos trataba a todos, e que paciencia tiña. ¡Home todo hai que dicilo! Se nós lle dabamos ó manubrio da corda, el aforraba un choio, mais tiña que aturar as pelexas e poñer orden nos rapaces. Eu a estas alturas xa non sei que sería mellor.
Anos despois cando xa eramos nós máis mozos, lle levabamos sempre as escopetas de balíns ó taller que tiña ó carón da Fonte da Prata para que nos tensara o muelle, e sempre se portaba con nós de maravilla.
Un saludo Javier, e grazas.

domingo, 6 de septiembre de 2009

O tío Benito

Esta é a foto de D. Benito Gallego Montero. Por si a alguén non lle soa, vós direi que foi o último Alcalde democrático da nosa vila antes da chegada da Dictadura de Franco. No ano 36 foi detido, e posteriormente no 37 executado. Lembraredes que fai pouco se lle fixo unha homenaxe en Ourense xunto con outros alcaldes represaliados da provincia.

Quizais a algún de vós o título desta entrada vós estrañe, pero ten a súa razón de ser. O tío Benito era o tío da avoa de Paula Bouzas. E Paula Bouzas é unha xoven e flamante Licenciada en Xornalismo, veciña nosa, que tivo a deferencia de enviarme un fermoso artigo sobre D. Benito Gallego. Nel podemos achegarnos á súa personalidade, e coñecer un pouco máis a historia da nosa vila.

Non volo perdades, leedeo con calma, é moi fermoso. Só tedes que pinchar aquí para velo ou descargalo en formato pdf.

Antes de rematar quero darlle as grazas a Paula por permitirme publicalo, e á súa tia Mª Jose por poñerme en contacto con ela. Grazas ás dúas.

sábado, 5 de septiembre de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 15

Outra fermosa vista da nosa vila feita polo artista ourensán. Pero como eu teño grandes dúbidas da súa localización, espero que vós, cós vosos comentarios me digades exactamente que representa este gravado. ¿Onde está situado exactamente esto en Ribadavia?

viernes, 4 de septiembre de 2009

Preparando a vendima

Comenzou Setembro e achéganse as vendimas, a xente comenza a preparar as cousa nas adegas para que todo estea listo cando chegue o momento. Lávanse as cubas e prépáranse tódolos aparellos gardados dende o ano anterior. Nesta foto vemos unha muega, penso que se chama así, que é o recipiente que se utiliza para pisar as uvas. Lembro que o meu avó a lavaba e a deixaba varios días chea de auga para que inchase a madeira, e despois me parece que repasaba as fendas que tiña con unto para evitar que se perdese o mosto por elas. Supoño que hoxe en día coas trituradoras eléctricas ou mecánicas poucas destas quedarán, polo que esta imaxe xa pertence ó noso recente pasado.

jueves, 3 de septiembre de 2009

O accidente de Barcia

Hoxe poño dúas fotos dun accidente que ocurriu en Barcia no ano 32. Aínda que seguro que algún de vós xa as tiña visto penso que merece a pena velas de novo, xa que as acompaño da transcripción literal da noticia que dá do suceso o xornal " El Compostelano", e que aporta moita información que ata agora descoñeciamos, como a data exacta e os nomes dos falecidos.

Unha das fotos saqueina do libro RIBADAVIA editado por a Ed. Ir Indo, que a sitúa erroneamente no ano 20, e a outra do Museo Etnolóxico da nosa vila, a quen teño que dar dende aquí as máis expresivas grazas, especialmente a D. César Llana pola súa paciencia e amabilidade.


Na información que me deu o Museo sobre a foto dí que o camión era da marca " Saurer " e tiña a matrícula OR-333. Na foto aparece D. Victorino Adán Alonso que era daquela o Alguacil do Xulgado de Ribadavia.


A noticia publicada no xornal "EL COMPOSTELANO" de Santiago o Sábado 8 de Febreiro de 1932 dí textualmente así:


Muertos en un vuelco Orense.-A las seis de la mañana y en un punto denominado curvas de Barcia en la carretera de Villacastin a Vigo y a cuatro kilómetros de Ribadavia, un camión de transportes de pescados que habia salido de Vigo con dirección a Madrid a las dos de la madrugada al desembocar en una de esas curvas se precipitó por un terraplén de 30 metros de altura dando la vuelta de campana quedando empotrado sobre un peñasco de gran tamaño que se hallaba en la mitad del terraplén. Ocupaban el coche Miguel Filgueira, natural de Rivadavia, de 36 años; Aquilillo Fernández González de La Cañiza, de 37; Juan Amorín da Silva de 36 de nacionalidad portuguesa y el conductor Daniel Cortés Garcia de Lugo. El camión quedó completamente destrozado y muertos sus cuatro ocupantes. Las lecheras que pasaban esta madrugada por la carretera se dieron cuenta del accidente por que el faro del coche quedó encendido. Al lugar del suceso acudió el Juzgado de Ribadavia que instruyó las primeras diligencias. También acudió el Gobernador Civil. Los muertos fueron traslados al cementerio del pueblo de Quines, Ayuntamiento de Melón donde se les practicará la autopsia. El suceso ha causado general dolor en aquellos pueblos donde las victimas eran muy conocidas. El camión era propiedad de Martín Martínez, alias el Ruso que se dedicaba a transportar pescado de Vigo a Madrid.



miércoles, 2 de septiembre de 2009

Outro parente meu

Trátase de Emilio Pérez Fernández, que viña sendo tío de miña avoa Isaura, ou sexa irmán do seu pai que se chamaba Antonio. O que non sei é a cantidade de voltas que debeu de dar polas Américas xa que esta foto está feita por un fotógrafo chamado W. Kijowski en Braddock. PA.
Buscando un pouco na rede resulta que esta poboación está situada ó Leste da industriosa cidade de Pittsburgh en Pensilvania nos Estados Unidos. Non ten data ningunha, pero debe de ser dos anos vinte ou trinta.


martes, 1 de septiembre de 2009

O Avia Foot-Ball Club

Xa estamos de volta, espero que as vacacións vós sentasen ben e que polo menos desconectásedes un pouco da rutina do resto do ano.
Para comenzar esta nova temporada que casi que coincide co comenzo da Liga de Fútbol, poño hoxe este documento que chegou ás miñas mans en forma de fotocopia, polo que volvo a pedirvos disculpas pola calidade do mesmo, pero penso que é moi importante xa que se trata dun título de socio fundador da Sociedade Avia Foot-Ball Club, así en inglés, a favor de D. Argimiro Abraldes con fecha de 12 de Octubre de 1910.
Segundo o libro editado polo Museo Etnolóxico de Ribadavia "Albums para o reencontro Ribadavia e os Ribadavienses VI. O Deporte" a fundación deste clube oficializa a incorporación do sport á sociedade do Ribeiro, e a noticia da creación do Avia F.C. ven recollida tres días despois no Noticiero del Avia.
Por se no sodes quen de ver claramente as firmas, o Presidente é Andrés Pérez, o Secretario o Sr. Rodríguez ( o nome é ilexible), e o Tesoreiro Manuel Freijido.