viernes, 29 de abril de 2011

Dentro do Castelo

Nesta Semana Santa non tiven a oportunidade de pasar por Ribadavia, e quedoume pena, xa que nas últimas veces que estiven alí, o Castelo estaba pechado, e lin nalgún xornal que nestas festas ían permitir o acceso ó público, dentro dun plan de visitas guiadas, ás que había que anotarse con anterioridade nunha lista.
Como vedes hai moito tempo que non visito o interior do Castelo, e non sei como está agora por dentro. Pero quizás esto non teña a máis mínima importancia, xa que coma min, moitísima xente da miña idade o recorda dun xeito especial. Temos as imaxes del moi ben gardadas na nosa memoria, coñeciamolo palmo a palmo, xa que de rapaces xogamos todo o que quixemos e máis alí dentro.
Moitos cativos suspirarían hoxe por poder botar un escondite entre as súas murallas, e torreóns; por disfrutar da liberdade de pasar unha xornada completa gatuñando entre os seus muros. En definitiva por ter o seu propio castelo, como o tivemos nós.
Sei que cos tempos que corren a cousa non é doada. A seguridade non se pode garantir, e a imbecilidade e o incivismo seguen a estar presentes na nosa sociedade, como estiveron sempre. Senón lembrade aquel inverno, no que uns vándalos destrozaron a capa protectora de poliester coa que se impermeabilizara o interior da piscina que alí había, tirando dentro dela grandes pedras da muralla. Nunhas horas desfixeron o traballo de moita xente. E non só iso, senón que deixaron durante moitos anos á vila sen piscina.
O outro día atopei esta postál na Rede. É bastante antiga, e pode que forme parte desas series coloreadas que non son capaz de situar no tempo. Pero cando a vin, o primeiro que se me veu á cabeza, eran as tardes que pasamos áhí. Os bocadillos que tomabamos de merenda sentados horas e horas neses balcóns que hai derriba da porta. Dende alí o vixiabamos todo. Era como si estivésemos na cima do mundo, era o noso castelo particular. E nós eramos os reis, os amos do Castelo.


Tamén pode ser que ó ver a postal tivese fame.








jueves, 28 de abril de 2011

In Memoriam D. Javier Meruéndano Fermoso

A "Asociación dos Antigos Alumnos do Colexio Apóstol" dos Xesuítas de Vigo veñen de dixitalizar a colección completa da revista colexial "O noso lar", que se ven publicando ininterrumpidamente dende o ano 1920.
É un documento de excepcional importancia, xa que os números están cheos de fotografías, artigos, e actividades que realizaron tódos os alumnos que pasaron polas súas aulas, que foron moitos e de toda a nosa xeografía, e como non, entre eles , tamén algúns da nosa vila.
Así a bote pronto, atopei este artigo sobre o noso ilustre conveciño, acompañado desta foto. Titúlase "In memoriam de D. Javier Meruéndano Fermoso. Antiguo alumno del Colegio Apóstol Santiago" e aparece no número de Decembro de 1940 e volo transcribo a continuación:

"D. Javier Meruéndano Fermoso, nació en Ribadavia el 30 de Noviembre de 1894, concluyó sus estudios en la Universidad de Madrid en Junio de 1917 habiendo obtenido la calificación de Sobresaliente en los ejercicios de Licenciatura en Derecho y pocos meses después obtuvo el premio de la Fundación Montalbán.

En Noviembre de 1919 hizo oposiciones al Cuerpo Consular obteniendo el núm. 8 y siendo destinado al Consulado de España en Bucarest en donde permaneció hasta el año de 1924 en que se le agregó al cuerpo de Economía Nacional por el Gobierno del General Primo de Rivera. En Septiembre del 1926 pasó a ocupar el Consulado de Tampa (Estados Unidos de Norte América) hasta 1928 en que se le nombró Representante Diplomático de España en la República de Santo Domingo. En Mayo de 1931se le nombró Cónsul de España en Roma, cuyo Consulado desempeñó hasta 1933 en que como Agregado Comercial de la Embajada en París pasó a dicha ciudad en 1934 se le confirió por primera vez el cargo de Director General de Comercio y Política Americana, del que dimitió en Febrero de 1936 con motivo de la subida al Poder del Frente Popular, pasando nuevamente a ocupar su anterior cargo de Agregado Comercial de la Embajada de España en París donde se encontraba al estallar en nuestra Patria el glorioso Alzamiento Nacional al que se adhirió desde el primer momento por lo que fué destituido por el Gobierno rojo de Madrid del cargo que ocupaba con pérdida de su carrera.

En Noviembre de 1936 se le destinó a la Secretaría de S. E. el Jefe del Estado, permaneciendo en Salamanca hasta que organizado de nuevo el Ministerio de Industria en Bilbao ocupó por segunda vez la Dirección General de Comercio que desempeñó hasta 1939 en que pasó a la Embajada de París regresando de Nuevo a España a fines del actual año por habérsele nombrado Consejero Comercial del mencionado Ministerio de Industria. Se hallaba propuesto para ocupar la Secretaría de dicho Ministerio cuando pocos días antes le sorprendió la muerte.

Se hallaba en posición de una Condecoración alemana, otra rumana y el Gobierno español le Confirió asimismo la de Caballero de la Real y distinguida Orden de Carlos III.

Había publicado varias monografías que merecieron el honor de ser impresas por el Ministerio de Estado, y entre ellas merecen mencionorse una sobre las relaciones Comerciales de España con Rusia cuando se hallaba en Bucarest y otro sobre la exportación de la naranja a los Estados Unidos cuando desempeñaba el Consulado de Tampa. Así mismo intervino como técnico en diversos tratados Comerciales con Francia, Alemania e Italia.

Como cosa curiosa merece mencionarse el papel que jugó en su vida, el número 8. Ocho era el número que se le asignó cuando estudió el Bachillerato en el Colegio del Apóstol Santiago en la Guardia en 1904; fué el que correspondió cuando el sorteo militar; obtuvo el número 8 en las oposiciones al Cuerpo Consular y el 8 de Octubre último le dieron sepultura en el Cementerio de San Justo en Madrid.

A sus hermanos D. Manuel y D. Alejandro, Abogado y Médico respectivamente en la villa de Rivadavia, también Antiguos Alumnos, y demás familia enviamos nuestro más sentido pésame."


miércoles, 27 de abril de 2011

Don Siro (2ª Parte)

No número do 2º semestre do 2003 da revista leonesa "Argutorio", atopei un artigo escrito polo historiador Manuel Olano Pastor sobre a historia recente da poboación berciana de Bembibre. Nela fai unha breve semblanza deste ilustre fillo desa vila, que tanta relación tivo con Ribadavia. De ahí é de onde saquei eu algúns destes datos, e a primeira foto que é do ano 1926. Os outros están extraidos da hemeroteca do ABC. A segunda foto xa é de cando era Gobernador Militar de Madrid, é dicir uns poucos anos antes do seu pasamento.
Siró Félix Ervigio Alonso Alonso que naceu en Bembibre (León) o 27 de Marzo do ano 1895, era fillo dun oficial segundo do Corpo Administrativo do Exército chamado Siró Alonso de la Huerta, e da mestra titular de primera enseñanza Umbelina Alonso López, tiña dúas irmás, Ángeles y Mercedes. Ingresou na Academia Militar da Coruña o 28 de Agosto de1910, sendo promovido ó emprego de subteniente de infantería o 3 de Xullo de 1919. Neste punto o historiador e o ABC non están dacordo, xa que o diario madrileño publicou con motivo do seu falecemento unha breve semblanza del, e asegura que onde realizou os estudios foi na Academia de Infantería de Toledo.
O caso é que o 6 de Xuño de 1929 casou en Madrid coa nosa veciña Celestina Gallego Reñones, coñecida en Ribadavia como Doña Celeste, á que alcumaban "A Xenerala" con quen non tivo descendencia.
A súa traxectoria castrense comenzou no Servicio Xeográfico e Cartográfico do Exército, pero xa no ano 1919 é destinado á Policía Indíxena de Larache, e despois á Segunda Bandeira do Tercio, distinguíndose nas hostilidades con Marruecos. Alí foi ferido de gravidade nunha perna, e pola súa épica actuación sería elevado ó grao de Comandante por méritos de guerra o 31 de Agosto de 1922.
Cando comenzou a Guerra Civil, (segundo o xornal ABC), estaba en Ribadavia en situación de retirado, pero foi el quen proclamou o estado de excepción na vila e foi nomeado Comandante militar de Ribadavia. Pouco meses despois mandaría unha Bandeira da Lexión, coa que tomará o Cerro de los Ángeles en Madrid. O ascenden no 37 a Tenente Coronel e participa na batalla de Brunete, polo que o voltan a ascender por méritos a Coronel ese mesmo ano.
Logo tomou parte nas batallas de Teruel e Aragón, e no ano 38 ó mando da 155 División ocupa Cataluña.
Rematada a Guerra foi Gobernador Militar de Alicante e Pontevedra, sendo ascendido a Xeneral de Brigada no ano 40, ocupando tamén o cargo de Xeneral en Xefe da Agrupación Especial de Costa das Rías Baixas. O 24 de Setembro de 1943 ascende ó emprego de Xeneral de División, e se lle nomea Gobernador Militar de Madrid.
Entre as moitas condecoracións que recibiu polo seu gran valor, destacan a Cruz de Primeira Clase ó Mérito Militar con distintivo vermello en 1916 , a Medalla Militar de Marruecos en 1917, a Medalla Militar do Tercio Extranxeiro en 1922, a Real Cruz Militar de San Hermenexildo e a Gran Cruz da Orden ó MéritoMilitar con distintivo branco en 1943, a Gran Cruz do Mérito Naval, a portuguesa Gran Orden de Aviz, e a Encomenda de Isabel a Católica.
Foi no desempeño do seu cargo en Madrid, cando se sentiu enfermo, retirándose ó seu pobo natal en León onde finou de cancro de pulmón o 9 de Xuño de 1951. Alí foi soterrado, en Bembibre, sen honras militares polo seu expreso desexo.
Nesa localidade castelá ten adicada unha rúa.




martes, 26 de abril de 2011

Don Siro (1ª Parte)

Seguro que escoitáchedes falar moitísimas veces de D. Siro, o home de Dona Celeste, "A Generala", chamada así porque el era, cando morreu no ano 1951, Xeneral de División do Exército.
Dona Celeste cando quedou viúva recluíuse na súa casa, que estaba xusto ó carón do Cine España, tamén chamado popularmente "O do medio", edificio do que penso que era tamén propietaria. A fachada da súa casa, hoxe en día desaparecida, daba á rúa do Progreso, e lembro que era de pedra con portas e ventás pintadas de cor azul escuro, mentres que a parte traseira daba á Fonte da Prata, onde tiñan un pequeno xardín cunha grande cerdeira, á que só os máis destemidos ousaban irlle ás cereixas subindo polo tellado do cine.
É nunha das terrazas traseiras que tiña esa casa onde posa D. Siro Alonso para o fotógrafo Chao. A foto é propiedade de Lolín Lira, que tivo a amabilidade de enviarma ó ler o dos "Corzos da Peneda". Ela, coma min, por todo o que oira falar del, tiña a idea de que D. Siro, como calqueira xeneral do exército, debía de ser un home moi maior, polo que se levou unha grande sorpresa cando Toñito Chao lle regalou esta foto, e como di ela: "llo presentou".
Non sei en que ano se faría esta foto, pero como podedes ver era un home xoven, atlético e ben parecido, que morreu moi cedo, á idade de 56 anos.
Unha das súas grandes pasións era a caza, pero cando non podía disfrutar dela, dáballe ó gatillo nas competicións de tiro de pichón. Foi un dos mellores tiradores de Galicia, como podemos consultar nas hemerotecas, gañando tiradas en moitas localidades da nosa xeografía.
Si vos son sinceiro a min esta foto deixoume impresionado, primeiro pola elegancia do seu vestir, o corte, a pulcritude do traxe, os seus inmaculados zapatos; e segundo por esa pose tan estudiada, na que todo está perfectamente controlado: as mans, a faciana elevada, etc. Como para dar impresión de aplomo, de seguridade, nunha palabra de mando. Nótase claramente que aínda que esta na súa casa, coa escopeta, e rodeado dos trofeos acadados nas tiradas, o seu semblante é o dun home moi seguro de si mesmo e afeito a mandar.


General Siro Alonso


lunes, 25 de abril de 2011

Ribadavia por Sobrino

Nunha revista do ano 1913 denominada "Ilustración Española y Americana"aparecía esta fotografía dun cadro de Sobrino no que se representa unha fermosa vista da nosa vila.
Pola importancia e o peso que tivo este artista na pintura galega penso que é salientable dar a coñecer esta obra, da que a única noticia que teño é esta foto en branco e negro, xa que non fun quen de obter ningunha foto en cor, nin saber onde se atopa na actualidadee.
Carlos Sobrino Buhigas naceu en Pontevedra no ano 1885, e morreu en Vigo no ano 78, e xa de moi novo mereceu varios recoñecementos nas Exposicións Nacionais de Belas Artes. A súa pintura poderíase encaixar dentro da tendencia de realismo folclórico postimpresionista, moi emparentada coa de Sotomayor, ou Zuloaga. Deixou numerosos debuxos e ilustracións das viaxes que fixo por Galicia.
Si queredes saber algo máis sobre a súa vida e a súa obra podedes pinchar neste enlace que vos levara a un .pdf do Anuario Brigantino, onde Angel Núñez Sobrino presenta un estudio sobre a súa faceta artística, na que fala incluso, duns debuxos que fixo da igrexa de San Xoán da nosa vila, que eu tamén descoñezo.
Perdoade pola calidade da imaxe, pero xa sabedes de onde está sacada. Máis non puiden facer.




viernes, 15 de abril de 2011

D. Modesto Sánchez

Na primeira das fotos que poño debaixo podemos ver de pé a D. Modesto Sánchez, acompañando a Faustino Santalices que é o que está sentado. Os dous, que eran moi amigos, formaban o grupo de solistas da Coral de Ruada, e xuntos recorreon o mundo dando a coñecer o noso folclore.
De todos é sabido quen era Faustino Santalices, pero hoxe toca falar de D. Modesto Sánchez, ilustre gaiteiro ribadaviense, e irmán do boticario ribadaviense Carlos Sánchez.
Meu pai falárame algunha vez del, e contábame como fora a velo actuar ó teatro María Guerrero de Madrid. Efectivamente, na hemeroteca do ABC puiden comprobar como houbo unha actuación de Santalices o 31 de Marzo do ano 1952 nese teatro, para conmemorar o LIX aniversario da fundación do Centro Galego de Madrid, no que se recaudaron fondos para a reconstrucción do mosteiro de Samos. Supoño eu que sería esa a actuación da que me falaba meu pai, xa que daquela el tiña 23 anos e estaba a estudiar en Madrid.
Ese mesmo ano ía ser de grande importancia para D. Modesto, quizás sen el sabelo, xa que no mes de Novembro aparece pola nosa vila Alan Lomax, do que xa falamos onte, e lles graba a el e ós seus acompañantes varios temas.
Nas gravacións feitas o día 26 de Novembro do 1952 podemos escoitar a Alan Lomax facendo unha presentación en inglés no primeiro rexistro. A Modesto acompañado de Gabriel González Adán ó tambor en varios temas, e a Antonio Domínguez, alcumado "El Pinche" cantando unhas coplas tituladas "Arrieiro de Ribadavia".
É de salientar a grabación nº 10 titulada "Bagpipe demonstration" na que Modesto explica de viva voz cales son as dúas formas de tocar a gaita: en aberto e pechado.
Esta xoias, son hoxe estudiadas polos especialistas da gaita que as están poñendo en valor, como se pode ver en moitos foros. Para poder escoitalas, só tedes que premer aquí. E pulsar logo nos cadriños negros coas frechas en branco. Si pulsades derriba dos títulos accederedes ós datos da gravación de cada tema.
Tamén existe un disco recopilatorio dalgunhas das gravacións que Alan Lomax fixo en Galicia, nas que se incluen, por suposto, as interpretacións de Modesto Sánchez. Chámase "Alan Lomax Collection-Galicia (The spanish rcordings)" e o podedes descargar na páxina de Sempre en Galiza, premendo aquí, neste enlace.
Para os que estedes moi interesados no tema da gaita, ou incluso a toquedes, tamén vos deixo unha partitura do tema "Xota vella" do seu repertorio.
Por último cabe salientar que existen outras gravacións del, tanto coa Coral de Ruada, como con Santalices, como é o caso do disco que vedes na foto, publicado na Arxentina pola Columbia Graphophone.
So me queda pedirvos que me expliquedes quen son Gabriel González Adán e Antonio Domínguez, xa que non os teño ubicados.
Que disfrutedes as cancións, e que pasedes unhas boas vacacións. Vémonos despois da Semana Santa.



jueves, 14 de abril de 2011

Alan Lomax

Seguro que este nome non vos di nada, pero este rapaz que vedes ahí fotografiado en Aragón, naceu nos EEUU no ano 1915 e adicou toda a súa vida, ata súa morte no 2002, a gravar cancións por todo o mundo, converténdose deste xeito no máis importante etnomusicólogo norteamericano, e no máis importante recopilador de cancións populares do século XX.
Fíxádevos si foi grande, que sacou á luz a figuras tan senlleiras como Muddy Waters, Pete Seeger ou Woody Guthrie entre outros.
Se facedes memoria e lembrades a película sobre a vida de Guthrie "Bound for Glory" que en España se titulou "Esta tierra es nuestra" . O protagonista durante a Gran Depresión viaxa a New York para actuar nun programa de radio de audiencia nacional. Ese programa era o de Alan Lomax.
Lomax chega a España dende Inglaterra para asistir en Mallorca a un congreso Internacional de Musicoloxía, para, por encargo da Columbia Records, grabar a uns grupos folcloricos da Sección Feminina. As avanzadas ideas de Lomax chocan de cheo coa política franquista da época, polo que durante a súa estadía no noso país sempre estará vixiado pola Garda Civil.
Recorre a península en seis meses de cabo a rabo, entre os anos 1952 e 53. E como non , tamén estivo en Ribadavia, onde se detén e rexistra varias grabacións, así como en Paredes (Leiro), Faramontaos, Luintra, Sobrado do Obispo, e na mesma Ourense, amáis doutros lugares de Galicia.
Hoxe vos poño un enlace coas gravacións que lle fixo en Paredes (Leiro) o 29 de Novembro do ano 1952 a Ignacio Barrero, Emilio Barrio, Isaac e Pepe Blanco, Camilo Santiago, Emilio Veldrón, e Silvestre Seara.
Tamén sacou fotografías, e revisando o seu arquivo atopei estas dúas que penso que poderían estar feitas na nosa bisbarra.
Hoxe en día o seu legado está repartido entre a Biblioteca do Congreso dos EEUU e a Association for Cultural Equity, onde se atopa a súa obra, e onde poderedes buscar máis información.
Na vila graba a D. Modesto Sánchez coa súa gaita, pero esa xa é outra historia, e vola contarei mañán.


miércoles, 13 de abril de 2011

Futboleiros

Quen lle ía a dicir a este grupo de afeccionados ribadavienses que a selección española de fútbol ía a ser campiona do mundo o ano pasado.
Esta foto sacouse cando todos eles foron á Coruña no ano 1944 para ver gañar á nosa selección ante a veciña portuguesa por catro goles a dous nun Riazor noviño do trinque que se inauguraba ese mesmo día.
Eu como case sempre, non son quen de recoñecer a todos polo que vos teño que pedir axuda. So sei que de esquerda á dereita, o primeiro é Julio Neira, o segundo José Domínguez o "Rei do Papel", e o cuarto, o que se está a abrazar a dous amigos é Antonio Freijido.


Ourense, un século de fotografía

Esta entrada só é un pequeno recordatorio de cara ás vacacións de Semana Santa. Se tedes tempo, recoméndovos que vos pasedes por esta maravillosa exposición que con tanto empeño puxeron en marcha os nosos amigos do Arquivo Visual Ourensán, e do blog "Ourense no tempo". É un percorrido pola fotografía do século pasado na capital.
Podedes botarlle unha ollada a este video publicado por Telemiño, para davos conta da importancia desta exposición.




Xa sabedes tedes unha cita no Museo Municipal de Ourense, na rúa Lepanto nº 6.


martes, 12 de abril de 2011

San Domingos por Couto II

O outro día vos puxen un debuxo feito a plumilla por Francisco Couto no que nos amosaba a súa particular visión dun dos laterais da igrexa de San Domingos, que el dicía que estaba aínda sen rematar. Pois hoxe vos poño outro da portada da mesma igrexa.
É tamén un apunte tomado do natural, que posue un estilo un pouco diferente, coma máis áxil e desenfadado có anterior.
Outro detalle de grande sensibilidade que Couto quere compartir con todos nós. Temos que animalo para que, a pesares das súas obrigas, este verán faga algún máis.
Grazas Francisco.


lunes, 11 de abril de 2011

Rúa Central e Pescadería

Esta é outra desas pequenas xoias que atopo ás veces por Internet. E digo pequena xoia, porque cousiñas destas non se atopan tódolos días. Eu persoalmente nunca antes a vira, ou polo menos a min non me soa de nada. Está coloreada, pero malia a ese pequeno detalle, supoño que debe de ser bastante antiga, xa que iso puido ser froito dunha intervención posterior. A data vai ser difícil de adxudicarlla, pero se nos fixamos nas edificacións, no enlouxado do chan, nos muros da Fonte da Prata que está a man dereita, e na vestimenta de todos eses veciños, entre os que se incluen varias augadoras, penso que sen ningún lugar a dúbidas a foto debeuse de sacar cara ós anos vinte. Para quen non recoñeza o sitio, a foto estaría sacada dende a rúa Salgado Moscoso, a altura do banco Santander Central Hispano, enfocando o cruce entre a rúa Rego de Auga que descende pola esquerda, e Xeneral Aranda que sube pola dereita e é onde se atoparía a Fonte da Prata. O que se vé ó fondo sería a rúa Yáñez, que sube cara á Praza de San Xoán.

viernes, 8 de abril de 2011

Na botica

Esta é unha desas fotos que merece a pena comentar, xa que é antiga de verdade, e penso que sen lugar a dúbidas todos podemos recoñecer o sitio onde se sacou por varios motivos: primeiro, porque o home que está de pé á esquerda é Pepe "O da Botica"; segundo porque se vos fixades ben no caixón no que está sentado o paciente, ten talladas as iniciais "C S"; e terceiro por esa balconada feita en pedra que se asoma a Santa Marta.
Se facemos un pouco de memoria, caeremos inmediatamente no sitio, xa que a botica de D. Carlos Sánchez estivo durante moito tempo instalada na Praza Maior, no edificio dos Xulgados, que era donde traballou moitos anos Pepe, o avó de Mª José Bouzas a quen lle volvo a dar as grazas por este magnífico envío.
A escena e ben curiosa, xa que amosa ás claras como naqueles anos, nas boticas non só se expedían mediciñas, senón que tamén se atendía ós enfermos, aplicándolles os tratamentos necesarios. A escaseza de médicos, enfermeiros e hospitais facían que os boticarios e os seus oficiais fosen nalgúns casos o último recurso para moita parte de poboación da nosa vila.
Neste caso, sacaron ó doente ó aire libre, ó balcón traseiro da botica, para aplicarlle na faciana algunha fórmula maxistral en forma de cataplasma ou sinapismo. A pesares de que a foto está algo movida, vese como un dos oficiais da farmacia, sostén unha especie de bandexa onde se atopa a substancia curativa, mentres Pepe lla vai aplicando coidadosamente pola cara.
¡Fermosa imaxe!.



jueves, 7 de abril de 2011

Abafante

Esa é a palabra precisa para describir esta calor que nos está a invadir nestes día, e a xuzgar polo ben que posa este matrimonio ribadaviense que aparece na foto, tamén debía de abafar ese día do verán do ano 1958 na Veronza onde podemos ver, grazas ó envío Francisco Couto, a estes dous amigos da súa familia. Son Suso Labora ( de apelido, non o confundir cos así alcumados da vila) e a súa muller Pilar. A familia de Couto fixera moita amizade con eles en Venezuela, e pensa que cando regresaron a España, se instalaron en Málaga.
Non sei como andará a Veronza estes días, pero supoño que a pesares das temperaturas ,a auga do río virá a estas alturas do ano un pouco fresquiña, o que non será obstáculo para que algún rapaz atrevido se dea un baño.
Os demais refrescarémonos como poidamos.


miércoles, 6 de abril de 2011

Sae o sol

Así de contentas posan estas señoritas nesta foto propiedade de Mari Carmen López. Como si a chegada das primeiras calores as fixese rir.
Aínda que a primaveira entrou hai un tempo, hoxe o sol pegou con forza. Con el, parece que chega o bó tempo, e comenza a derreterse o touciño. Xa podemos ir de paseo polas tardes, tomar o sol, e recargar as pilas gastadas despois de tanta escuridade invernal. A mágoa é que esta estación ás veces ven un pouco tola, e non sabemos aínda que roupa poñernos. Pensádeo con calma e sede precavidos.
-A Don Seguro nunca o levaron preso. Dicía un amigo meu. Non vaides cortos de roupa, que polas mañáns, e pola noitiña vai frío.
Facede coma estas veciñas nosas, Manolita, Marta Culell e unha amiga delas, nesta foto dos anos cincuenta. Foron a dar unha volta, e como vedes ían ben preparads. Unha prenda de abrigo nunca sobra, aínda que quizás esta instantanea estivese sacada en pleno inverno, senón fixádevos en que Marta leva unhas luvas nas mans.
O que non son capaz e de localizar por onde pasean.



martes, 5 de abril de 2011

Ángeles Gulín

De tódolos ribadavienses é sobradamente coñecida a figura de Ángeles Gulín, polo que non quero abrumarvos aquí con datos e máis datos sobre a súa vida. O único que vou tentar é concentrar nesta entrada algúns dos enlaces máis interesantes que hai na Rede. Por unha banda podedes consultar aquí a súa biografía, e o único luxo que me vou a permitir e a trascripción literal do que dixo dela o crítico musical Alberto González Lapuente:

"Hay voces esencialmente bellas que se recrean en sí mismas conformándose con adornar de forma naturalmente atractiva cuanto hacen; otras que anteponen la inteligencia, colocando al servicio de la interpretación su propia idiosincrasia; las hay también innatas, fornidas, capaces de adentrarse, sin tregua, en el corazón del oyente con la finura de un estilete y la inquietud de lo verdaderamente pasional. A esa estirpe pertenecía la voz de la soprano Ángeles Gulín.... Para los más jóvenes, la voz de Gulín es hoy una rareza conservada en unas pocas grabaciones de zarzuela y otras operísticas cuya realización ‘en vivo’ engrandece su vibrante naturaleza... Los más veteranos recuerdan algo más difícil de guardar: su condición de verdadera soprano dramática, indomable y tenaz como el hierro, poseedora de una gran extensión y de una potencia realmente excepcionales como para adentrarse en el terreno de la leyenda".


Para os que non tivemos a sorte de escoitala, xa que algunha vez cantou na vila, e lle puxo os pelos de punta a máis de un, nestes enlaces poderemos oir dúas das súas interpretacións máis fermosas: "Cuando bajo el cielo..." e ¿Vendrás, mujer? , e neste video vémola nunha das súas actuacións xunto a Plácido Domingo.



lunes, 4 de abril de 2011

Unha comida dos músicos da Lira

Xa me esquecera desta foto que formaba parte da entrega de Juan González Canedo. Tesme que perdoar Juan, pero é que co lío que ás veces teño coas fotos, algunha sempre se me escapa.
Como podedes ver son algúns dos compoñentes da Lira, que estaban de celebración alá polos anos sesenta. Eu só recoñezo a un sorrinte Carballal, a un moi xoven Celso "O Queixeiro" de garabata á dereita de todo, e a un Jesús Freijido situado en primeiro plano abaixo á dereita, que aparece comade esguello.
Ós demais os confundo e non quero adiantar os seus nomes, como é o caso do que está ó lado do Celso, que me parece que tocaba a caixa.¡E moi ben por certo!. Sempre me chamou a atención a facilidade que tiña para os redobres. Sobre todo cando nas procesións os tiña que facer moi baixiños. Con que suavidade lle daba.
Non quero rematar sen que me digades o nome do camareiro que aparece diante. De sobras coñecido por todos nós, e do que non lembro tampouco o nome. Farto de velo pola vila, tiña ese punto de seriedade e de elegancia silenciosa que teñen os bós profesionais.




viernes, 1 de abril de 2011

Os corzos da Peneda

Ó meu avó gustáballe a caza. Máis que gustarlle, devecía por ela, era a súa paixón. A pesca non. Dícía dela que era unha golfería, e súas razóns tería. Dicía tamén que a caza do coello era para coxos, e aínda que el non o fose, adicaballe parte do seu tempo libre. Gustaba de cazar só, á vella usanza, e coñecía as querencias, e as reviravoltas de todo o que se movía no monte.
Nunca exhibía a caza, non era fachendoso, polo que en vez de levar as pezas colgadas, dáballes unha volta por baixo do cinto, e as ocultaba de calqueira mirada baixo o faldón da chaqueta. Cousa que eu non entendía.
Un día nuhas viñas que hai por baixo da Franqueirán, saiu un coello coma un foguete traspintando por entre as cepas. Encarou a escopeta, disparou e fallou. Non a volveu a coller nunca máis.
Quedou tocado de verdade, e durante un tempo andivo aqueloutrado matinando no fallo, na súa vista e nos seus lentes. Pouco lle durou a teima, xa que uns días despois apareceu na casa cunha escopeta do calibre dezaseis, desas que tiñan gatillos exteriores. Deuma e dixo:
-A partires de hoxe, a escopeta lévala ti. Aproveita rapaz, que eu non che tiven tanta sorte.
Segundo me contaba, el tivera a primeira escopeta ó redor dos dezaoito anos, grazas a D. Siro, que lla regalou polas boas mañas, e afección que amosaba cando o acompañaba nas cazatas. Era unha do tipo de Lafouché, dun só cano, e co que costaba a munición daquela, había que andar moi fino, e asegurar o tiro.
Moitas veces lle escoitei falar de D. Siro, e contar as expedicións cinexéticas que este organizaba ós montes da Peneda, na Arnoia. E mirade por onde, hoxe as atopo neste semanario bonaerense.
D. Siro sempre ía de a cabalo coma comandante do exército que era, o resto da comitiva, incluido meu avó, ía a pé, e os pertrechos ó lombo dalgunha mula. Durmían en casas de paisanos, e ó día seguinte, moi cedo, D. Siro guiado por un experto local saía na procura do corzo. Sempre ó rececho, coma ten que ser.
Meu avó nunca o acompañou nestes lances, xa que tres son multitude. Esperaba a que voltase e polas tardes dabánlle duro ás perdices e ós coellos, que seica eran moi abondosas na parte alta da Arnoia.
Cando me contaba estas cousas, eu o escoitaba abraiado. Describía con todo detalle a fraxilidade dos corzos, os voos imposibles das perdices, os tiros de cachete ós coellos, as faenas dos cans. Pero pódovos asegurar que o que máis lembraba meu avó desas cazatas, eran as porcións de queixo francés que lle daba D. Siro. Nunca vira cousa igual, trianguliños envoltos en papel de estaño dentro dunhas latíñas metálicas.
Sabían que rabeaban, dicía.