martes, 30 de noviembre de 2010

Augardente

Outra desas pequenas cousas que atopo na rede, desta vez nuha web dun coleccionista de etiquetas de viños chamado José Luis Silleras, ó que podedes visitar pinchando aquí.
Non sei de que ano será, pero supoño que sería dos tempos anteriores á chegada de Fidel a Cuba. Tampouco vos teño nin idea de quen era Balbino Rodríguez, e si era da vila ou dalgún lugar dos arredores, ni si ten algo que ver cun viño do Ribeiro que na actualidade se chama Viña Cuqueira.







lunes, 29 de noviembre de 2010

Unha relixiosa da vila

A primeira impresión que tiven ó mirar esta foto transportoume ós anos da miña nenez, cando unha chea de rapaces iamos subindo moi despaciño polas escaleiras do Portal cara ó parvulario que no hospital de S. Domingos tiñan as monxas Franciscanas.
Un dos meus pensamentos foi deseguido para a irmá Úrsula, a que lle collín moito aprecio, pero enseguida decateime que non era ela a da foto, a pesares de levar un hábito da mesma orde.
Francisco Couto que é quen ma envía, conta que a relixiosa retratada non sabe como se chama, aínda que sabe que era da familia da súa tía Zoila, viúva de Francisco Gulín, irmán da súa nai. Parece ser que sempre estivo en "misións" en Venezuela, e que cando lle fixo a foto no mes de Septembro do 1963 debía de estar pasando uns días coa familia.
Esperemos que alguén sexa quen de aportar o seu nome ou algún dato sobre ela.



domingo, 28 de noviembre de 2010

Xullo do ano 1925

Esta é a derradeira foto que poño da americana Ruth Matilda Anderson, xa que non teño máis, pero de seguro que haberá outras gardadas nos arquivos que algún día chegarán a ver a luz.
Pensade que estamos a falar do ano 1925, e mirade que que foto, eu non coñezo a ninguén que se lle ocorrese fotografiar a parte traseira do hospital de San Domingos, só a especial sensibilidade desta fotógrafa pódense esperar estas cousas.
Non creo que tirara só estas fotos que vos amosamos da vila. Imaxinade o luxo que sería poder ver toda a colección da súa andaina polo Ribeiro neses anos.



viernes, 26 de noviembre de 2010

D. Rubén e os castros do Ribeiro

Hoxe como tedes toda a fin de semana por diante para poder ler, traio ó blog a D. Rubén, médico que foi da vila, encargado do Dispensario Antituberculoso, amais de insigne historiador medievalista, cunha chea de publicacións que farían desta entrada unha lista interminable.
O caso é que as veces atopamos en internet revistas, artigos, e inclusive libros "on line" , moi interesantes, como é o caso deste traballo de D. Rubén sobre a prehistoria da nosa bisbarra, e que se titula "Castros de un valle gallego (Los del Ribero de Avia, Orense)". Son só vinteunha páxinas, moi faciliñas de ler, e penso que poden resultar moi interesantes.
Están publicadas polo Gestor de revistas científicas da Universidade de Salamanca, e podédelo ler ou decargar premendo aquí.

jueves, 25 de noviembre de 2010

Rafael

Me envía esta foto Miguel López, que aínda que non é moi vella, xa que será da década dos setenta, fainos lembrar o finado Rafael, que como vedes estalle a dar de beber ó Miguelito que era así como lle chamaba a xente debido supoño á súa envergadura.
Rafael foi o meu profesor de conducción na Autoescola Chao, pero agora que o escribo, estánme a entrar as dúbidas de si a autoescola se chamaba así ou é que despois se separou do outro negocio que alí había, ó que se lle cambiou o nome polo de Xestoría Valeiras. ¡É igual!. Como vedes o tempo non pasa de balde, pero o caso é que Rafael era un home xovial, e moi alegre, co que pasei moi bós momentos entrenando os estacionamentos nunha pista que había nas aforas de San Cristobo.
Como eu conducir algo xa sabía, tiña algún vicio, como o de soltar unha man do volante e pousala na panca do cambio de marchas. Cando o facía, dábame un pequeno golpe co cóbado, e me recordaba con moita sorna que só me faltaba facer o e examen co brazo apoiado na ventanilla do coche.
Tamén aparece na foto, penso que coa súa muller (e si me trabuco dicídemo) "O Mirian", que era fillo de Emilio Gómez que fora Alcalde da vila e que xa ten aparecido aquí moitas veces.
Os dous compartiron moitos momentos deportivos no Xestal co Ribadavia Atlético, a finais dos sesenta.
Segundo me indica Miguel a foto podería estar feita no Bar Evencio, se upoño eu que sería no da estrada do Carballiño.

miércoles, 24 de noviembre de 2010

Unha cuadrilla

Outra pandilla da vila, desas que ían sempre de viños. Amigos que acostumaban a se xuntar e a falar das súas cousas mentres percorrían os distintos establecementos hosteleiros na procura dun alivio para a gorxa.
Quizabes agora, cos tempos que corren, e as presas da vida moderna, faise máis difícil ver a estes grupos polas rúas, pero penso que aínda se está a manter esta costume, máis cando comenzan a chegar os fríos do inverno, e síntese a necesida de quecer o corpo.
Me teredes que axudar a identificar ós compoñentes deste grupo, xa que só coñezo a Quico Bouzas "Floravia", que ven sendo o segundo comenzando pola esquerda. Dos outros non sei ren. Teño algunha suposición, pero será mellor esperar ós vosos comentarios, que de seguro estarán máis autorizados.
Por certo ...¿Lembrades cando se fixo aquel "Chiquita Cross" nunhas festas de Ribadavia? ¿Que pasaría si se intentase organizar hoxe?
Para os que non se lembren, tratábase dun concurso-carreira que, como seu nome indica, consistía en recorrer os diversos bares e tascas da vila, e tomar en cada un deles unha chiquita, tendo, coma non, que facer diversas probas sorpresa de habilidade e de equilibrio polo medio. Xa non lembro quen gañou, que debeu de tomar algo así como vinte viños, e tampouco en que ano se fixo, pero de seguro que si se fixera hoxe ocupariamos as primeiras páxinas dos xornais e das televisións.
Grazas coma sempre pola foto a Mª José Bouzas.



martes, 23 de noviembre de 2010

As barcas do Miño

Chamoume poderosamente a atencion esta carta da que cortei un anaco para podela reproducir aquí. Trátase dun mapa feito no ano 1790 titulado "Plan y prespeytiba de la situación de las Aduanas y Fielatos que se hallaban comprendidos en las provincias del Reyno de Galicia, Orense y Tuy, quedando señalados de encarnado y los caminos de amarillo".
Cando vexo mapas antigos de Galicia poucas cousas novas aportan, pero este trae marcadas as barcas, e dicir a situación aproximada dos sitios onde había barqueiro para poder cruzar os ríos, e incluso cos seus nomes.
Está descargada da colección Imago Hispaniae do Arquivo Xeral de Simancas, pertencente ó Ministerio de Cultura, e á que podedes acceder premendo aquí.
Se vos pica moito a curiosidade, podedes ver boas coleccións de mapas antigos online, onde perder o tempo, se é que o tedes, ou simplemente pasar un bó rato vendo como retrataban a nosa rexión anos atrás. De entre todas destaco os Fondos de la Biblioteca Nacinal de España ou a fabulosa Ryhiner Collection ubicada en Suiza e na que de seguro pasaredes un bó rato.


lunes, 22 de noviembre de 2010

Auga da fonte

Outra foto de Couto do ano 1963, sacada na fonte que hai nos xardíns de Robla, na rúa de Extramuros, unha das partes, baixo o meu punto de vista, máis fermosas da vila.
A muller que está a encher o caldeiro me dixeron que era a nai do "Viaxante", que seica era veciña dos arredores. Teredes que perdoarme, coma noutras ocasións, por non saber cal é nin o nome, nin os seus apelidos, pero iso seguro que o solucionades vós.
Este parque Robla era na miña xuventude un lugar de encontro de moitos rapaces, sobre todo nos meses calurosos e nas épocas de pesca, xa que aí iniciábase o camiño que levaba a Alaxancha e ós Caneiros, lugares que foron moi concurridos polos ribadaviense noutros tempos.
Descendía dende alí un sendeiro que entre grandes rosaleiras de frores vermellas, chegaba ata un pequeno túnel que atravesaba a estructura pétrea que servía de reforzo á vía do tren. Ó sair dese estreito e húmedo funil, de súpeto abríase diante nosa a vista A Foz, e ós nosos pés o Avia. Continuaba o carreiro cara á dereita, facendo equilibrios, pendurado sobre o río, pegado ós contrafuertes da vía do tren, ata que ós poucos ía descendendo suavemente ata o río.
A verdade e que nunca estivo coidada esa baixada, que utilizaba moita xente a diario. O lixo acúmulábase por tódolos sitios, e no río desembocaban á vista de todos as augas negras da vila. Penso que por mor diso, a mediados da década dos setenta, a xente deixou de acudir ós Caneiros, e hoxe en día coa pasarela da Foz, e coa pista que percorre a marxe dereita do río, todo iso desapareceu.



domingo, 21 de noviembre de 2010

Un domingo no Club

Naqueles anos os veciños de Ribadavia no tiñan mitos lugares de ocio, e unha das costumes máis arraigadas era ir a algunha das dúas sociedades que había a pasar a tarde, a tomar un café e a falar coas amistades.
Nesta foto feita no "Club Artístico" a finais da década dos anos cincuenta podemos ver a un grupo formado de esquerda a dereita por Mario, Matilde Pepín, que hoxe é escritora e vive na Comunidade valenciana, a Manuel Lage, e a Mari Carmen López que é a que amablemente me cedeu a foto.
A esquerda de todo, aparece fóra do grupo, si non me trabuco, a muller do Jovito, que vivía nos Escobetes ó lado do edificio de Correos que dá á Praza Maior.

viernes, 19 de noviembre de 2010

Así calqueira

Teño que dicirvos que algunhas veces, por non dicir moitas, sonvos bastante desordeado, e vou amoreando cousas no ordenador, que van quedando esquecidas durante moito tempo, ata que vovo a dar con elas, como é o caso deste recorte que atopei no semanario El Correo de Galicia de Buenos Aires (Arxentina) do domingo 10 de Novembro do ano 1920.
É unha pequena reseña sobre a actualidade da vila. Pero o mellor será que lle botedes unha lectura. Fala de dous veciños, de Benigno e de Jesús Pousa, e da recompensa que se lles dá por seren bós estudiantes.




jueves, 18 de noviembre de 2010

Jose María López Ramón

Nesta foto, procedente da mesma serie cá de onte, de Mª José Bouzas, vemos ó Gobernador Civil D. José María López Ramón saudando ós responsables dos viños Bóveda nunha das primeiras Feiras do Viño, alá polo ano 1964 ou 65.
Como son bastante curioso, decidín saber un pouco máis deste home que ocupou o Goberno Civil ourensán neses anos, e resulta que naceu en Santiago no ano 1916, aínda que pasou parte da súa xuventude en Corcubión, trasladándose outra vez a Compostela, onde remataría os estudios de Dereito e Filosofía e Letras. Ingresou despois no exército de onde se retirou co grado de Coronel de Artillería.
Dende 1949 foi delegado na ciudade departamental do xornal "El Correo Gallego" de Santiago, e de 1950 a 1963 foi director da emisora de Radio "La Voz de Ferrol".
Ocupou a alcaldía de Ferrol entre os anos 1959 e 1963, e posteriormente sería nomeado gobernador de Ourense entre os anos 1963 e 1970.
Finou o ano pasado, e dicir no 2009 en Ferrol.


miércoles, 17 de noviembre de 2010

Recepción

Como podedes ver vou dosificando as fotos, e desta vez tócalle o turno, a unha que pertenece á serie de Mª José Bouzas sobre as inauguracións das primeiras Feiras do Viño.
Vemos no centro a alguén do que non sei o nome saudando ó Gobernador Civil da provincia Sr. López Ramón, en presencia de Filiberto Soto que fai as presentacións, e de Jaime Dávila que aparece á dereita algo máis afastado.
Detrás deles, e no medio creo recoñecer ó Argimiro, que amais de seren o conserxe do Clube Artístico, non sei si facía xa daquela as labores de corresponsal en Ribadavia dun xornal, penso que do Faro de Vigo.
Tamén entre os asistentes que están a subir polas escaleiras cara á Alameda, xusto pola dereita detrás de Jaime, aparece Gregorio García, o entrañable "Chicho" da Caixa de Aforros, ó que case non se lle ve, e que vai de gafas escuras e traxe do mesmo ton.


lunes, 15 de noviembre de 2010

Dona Sofía

Non sei en que ano se sacaría esta foto que nos envía Carmela Dávila, e na que aparece a súa avoa Sofía, nai do seu pai Fidel e do seu tío Jaime nunha rúa da vila que non sei localizar, ou que non me arrisco a dicir por medo a meter a pezuña.
Xa vos falei dela noutra ocasión, cando publicamos unha foto dela en cores feita a finais da década dos sesenta, e que podedes ver pinchando aquí.
Entre as dúas fotos hai un longo espacio de tempo, e nesta podemos ver a unha rapaza moi xoven, que quizabes aínda estivese solteira, polo que ó mellor poderíamola situar nos anos vinte ou trinta.




domingo, 14 de noviembre de 2010

De merenda no río

Dúas mozas posando nunha escea campestre. Trátase de Irene Rodríguez e de Vicenta López, a primeira de Vieite e a segunda de Leiro, que debían de estar pasando o día nunhas festas de Leiro alá polos anos cincoenta, cando a xente aínda acudía ás festas do verán aprovisionada de comida e bebida para toda a xornada, e montaban o campamento nas beiras dos ríos.
Lembro ben esa tradición familiar dos xantares campestres, xa que o meu avó tiña por costume levar a toda a familia por San Pedro a Francelos a comer na beira do río Outeiro, nun prado que había un pouco máis abaixo da ponte vella, en donde os cativos pasabamolo de medo refescándonos no coiñal que alí había.
A foto é propiedade de Mari Carmen López que era moi amiga e incluso parente dunha das protagonistas da foto.


viernes, 12 de noviembre de 2010

Kung Fu

Recibo con grande agarimo esta foto na que aparecen dous nenos posando na Praza Maior ante a atenta mirada de Francisco Couto en Septembro do ano 1963. O rapaz é Braulio Gulín, e a nena non sei quen é, aínda que poidera ser algunha curmá del. Como podedes ver a praza está coas entrañas ó aire, xa que debeu de ser nesta época cando sufriu unha das súas últimas remodelacións.
Lembro ben a ese rapaz, a Braulio, e tamén ó seu pai que era músico da Lira, e que andaba sembre a cabalo dunha moto que tiña o depósito pintado de cor verde. Eran veciños do albardeiro que vivía ó principio da rúa Mera Soto, xusto ó lado de onde se atopa o restaurante Plaza, e onde sempre, como ben me recorda Couto, os días de feira había unha morea de bestas amarradas á espera dos seus arreos, que el facía e amañaba con moito xenio.
Case unha década despois desta foto, na única canle de televisón que había, estrearon unha serie nova, Kung Fu. O seu protagonista David Carradine facía as ledicias de tódolos rapaces da vila, era o noso ídolo cando Braulio e máis eu estudiabamos xa no Instituto.
A tanto chegaba o noso entusiasmo que non quedaba nas obras de Ribadavia ningún ladrillo, tablón ou uralita, a salvo dos nosos puños e das nosas pancadas. Incluso aproveitabamos os recreos para atravesar a estrada do Carballiño e xogar nunha obra, que alí había, e que estaba parada, a do bar Veigano. Este era o noso ximnasio de artes marciais, onde, por suposto, non quedaba títere con cabeza.
Foi alí, onde nun deses días no recreo, Braulio sostendo un ladrillo entre as mans e cun ton moi serio dixo que el era quen de partir un ladrillo coa cachola, e que xa o fixera varias veces. A todos os alí presentes pareceunos unha ousadía, pero as discusións foron en aumento, e entre os uns e os outros animámolo a que fixera tal demostración de poderío.
A nosa sorpresa foi cando de súpeto, en vez agarrar o tixolo coas mans e darlle coa cabeza, guindouno ó aire, e o rematou dun seco testarazo, con tan mala sorte que unha das aristas do bloque fendeulle a frente de lado a lado.
Ó mesmo tempo que lle comezou a caer o sangue pola fronte, empezou a berrar levandose as mans á ferida e apalpando o cacho de pel que lle acaía sobre as cellas, arrepiado ó ver coma toda a roupa se ía tinguindo de vermello.
Acudímolo con presteza, e como poidemos, senón lembro mal, levámolo ó recen inaugurado Ambulatorio que por sorte estabo alí ó lado.
De volta ás clases, e coa incertidumbre de saber do seu estado, só se falaba da bravura do noso compañeiro. Tras uns cantos días, uns puntos e unha aparatosa vendaxe xa estaba para outra o noso "pequeno saltamontes".


jueves, 11 de noviembre de 2010

San Martiño por Ksado

Coma hoxe é o día de San Martiño, para celebralo poñemos outra imaxe da vila sacada do libro de cromos "Estampas de Galicia" publicado por Luis Casado no ano 1936, do que se editou unha tirada de 10.000 exemplares.
A rúa de San Martiño, e a súa fonte foron sempre uns dos recunchos que máis chamaron a atención ós distintos fotógrafos que se achegaron ata Ribadavia para retratala, cada un có seu punto de vista. Pero do que non cabe a menor dúbida, e que esta rúa debeu de ter naqueles tempos o seu aquel, xa fora polo seu comercio e actividade ou pola concurrencia da xente á súa fonte.
Unha das cousas que atraen a miña mirada nesta foto, son todos ese postes ou paus, chantados de pé no chan da beira esquerda da rúa. Non sei que utilidade terían, aínda que por atreverse a supoñer, e xa sabedes que a ignorancia é atrevida, apostaría por que se empregasen para atar as monturas e as bestas, como se de un poboado do Far West se tratase.
En fín que cada un saque as súas conclusións. Por certo, se hoxe celebrades o magosto. ¡Bon proveito! E tomade unha castaña por min.




miércoles, 10 de noviembre de 2010

Los Murciélagos

Fai uns días levei esta agradable sorpresa, ó atopar no foro do Instituto un comentario sobre a existencia dun disco gravado por un grupo de xóvenes ribadavienses denominados "Los Murciélagos" e do que eu non tiña ningún coñecemento.
O caso é que Mª José Bouzas atopou nun blog chamado "18 Rodas" estas fotos da portada e contraportada do EP publicado no ano 1966 titulado "Sigue, sigue". É de aí, de onde eu saquei as fotos, e de onde collín o enlace para que poidades escoitar un dos temas do seu disco, en concreto o unha versión do Satisfaccion dos Rolling Stones.
Nese blog tamén podedes ler un artigo completo sobre esta banda, escrito por Antonio Castro coa colaboración de Carlos Rego.
Neste outro enlace do " SonicWave Magacine" falan tamén deles nun artigo sobre os comezos do rock ourensán.
Segundo Mª José, o guitarrista era o seu primo J. Antonio Bouzas Bouzas "Totó"que vive agora en Sevilla, e pensa que un dos fillos do Bejarano tamén formaba parte do grupo. Na pouca información que fun capaz de atopar sobre eles, se fala de que outro dos seus compoñentes era o ourensán Curro Outeiriño, e que no ano 65 fixeron varios bolos por Galicia da man do representante Pepe Garalva.




martes, 9 de noviembre de 2010

Un posado nos anos vinte

Outra das fotos que ten a amabilidade de enviarnos Antonio Canitrot, na que podemos ver de esquerda a dereita a Elisa Gómez Juste, Asunción Gómez Juste e outra rapaza da cal non sabemos o nome.
Non sei por que teño a sensación, a pesares da pouca paisaxe que se amosa a imaxen, que esta foto debe de estar sacada á beira do río, xusto a rentes da ponte de san Francisco. O digo pola vexetación de ribeira, e pola area que elas esta a pisar, amais do murallón de pedra que se ve ó fondo que quizás poidera ser un pilar da ponte.



lunes, 8 de noviembre de 2010

A ponte de San Francisco

Outra postal da vila, desas que pertencen ás series publicadas pola imprenta "El Ribadaviense" e Hermenegildo Rodríguez Casas, a principios da década de 1910. Neste caso trátase doutra postal das que eu lle chamo da serie vermella, xa que a tipografía que leva é dese cor.
A foto ma pasaron así, polo que a calidade non é moi boa, pero podemos facer notar o cambio na paisaxe que se ve ó fondo, coa que existe hoxe. A maioría desas viñas que vemos, extendéndose por debaixo dos montes da Franqueirán e da Brinca, nos anos setenta xa non existían. Foron quedando ermas, primeiro as do Monte de Palacio, por encima da Levada, e despois as do Monte de Duarte cando a vexetación foise extendendo ladeira abaixo ata case chegar ás casas de estrada do Carballiño.


domingo, 7 de noviembre de 2010

Excursión a Leiro

Esta foto debe de ser de preto do ano 1956, e segundo me conta a sua propietaria, Mari Carmen López, sacouse nunha excursión ciclista que a súa pandilla fixo á veciña vila de Leiro.
Non sei se me trabucarei nos nomes, pero para eso estades vós, para corrixirme se é necesario. Na ringleira superior de esquerda á dereita aparece de perfil e cunha bufanda un rapaz chamado Roberto, a continuación está MariCarmen López, no máis alto José Luis Chao, e despois entre todos están un rapaz chamado Orlando, Fina Lira, Marta Culell e a escritora afincada en Valencia Matilde Pepín.
Na de abaixo temos á esquerda a Pili a "dos Cabedos", e máis ou menos no medio cun xerxei escuro de pico o actor Ernesto Chao. Manuel Pousa está sentado coas pernas colgando e cunha pucha na cabeza, ó lado dunha rapaza cunha chaqueta de cor claro e falda escura que é Guti Conde.


viernes, 5 de noviembre de 2010

Un pequeno problema

Supoño que saberedes que ás veces publicamos documentos en formato pdf, e para podelos visionar no blog, hai que subilos a algún servidor que soporte este tipo de arquivos. O caso é que cando empezamos, poucas opcións tiñamos, e eliximos á empresa norteamericana Scribd para aloxalos.
Resulta que dende fai máis dun mes, esta empresa está a mudar de política, e agora só permite a visualización dos documentos, mentres que si o que se quere é descargalos, hai que lles pagar.
Caúsame grande sorpresa este cambio que fan sen informar previamente ós usuarios, e máxime cando a nosa filosofía é a de compartir con vosco gratuitamente todas estas cousas. De cobrarlle a alguén, deberían de cobrarme a min, por utilizar os seus servidores.
Por este motivo, vou a ir cambiando ós poucos tódolos documentos de Scribd a Google Docs, que xa soporta arquivos pdf, e polo de agora permite a descarga gratuita.
Tede paciencia se nalgún momento houbera problemas cós enlaces, pero penso que valdrá a pena.
É tamén posible que os elimine definitivamente de Scribd, xa que ninguén ten que pagar cando os pode descargar gratuitamente doutro sitio. O único que perderemos serán as estadísticas, como as 1000 lecturas que leva xa o entrañable artigo "Tío Benito" escrito por Paula Bouzas, e que xa podedes consultar en Google Docs pinchando aquí.

De troula na Sala Río

Recibo con ilusión máis fotos de Miguel López, como esta que se sacou a finais dos anos sesenta na famosa Sala Río, que debía ser a única distracción dos mozos da vila. Como podedes ver a indumentaria dos protagonistas non ten nada que ver coas dos xóvenes de hoxe en día, daquela íase de chaqueta e garabata. Asimesmo, tampouco ten nada que ver a decoración e iluminación daquela sala coa que temos hoxe nas discotecas, e xa non vos digo nada da música.
Enfín que os tempos mudan, e aí temos ó Miguel agachado no centro dun grupo de amigos dos que descoñezo os seus nomes. Poida que fosen traballadores do salto, pero si sabedes algo, dicídeo.

jueves, 4 de noviembre de 2010

A Magdalena por Loty

Outra desas maravillosas vistas da vila que me envía Anxelis, procedentes do arquivo da Editorial Loty, que non sei si se chegou a converter algunha vez en postal impresa.
Coma sempre, o problema estriba en establecer unha datación dela, e unha das posibles formas de saber cando se sacou, sería coñecer o ano en que se fixo a reforma da antigua sinagoga xudea que aparece á esquerda. Se vos fixades ben, a fisonomía do edificio coincide perfectamente coa que tiña no 1925 na foto que sacou no mesmo sitio, mais cun enfoque diferente, a americana Ruth Matilda Anderson, como podedes ver pulsando aquí.
Parece que non pasou nin un momento, e segue no mesmo sitio, debaixo do balcón o letreiro que anunciaba a sastrería de Gumersindo Cortés, do que por certo non teño nin idea de quen podía ser.




miércoles, 3 de noviembre de 2010

Lola e Antonia

Envíame Francisco Couto esta entrañable foto sacada por el no ano 1963 , onde aparece a súa nai, Antonia Gulín sentada nun banco, que non son quen de localizar, acompañando a unha anciá da cal descoñece o nome.
El e máis eu esperabamos que algún de vós lle puxera nome a esa velliña de aspecto calmo que cruza as mas sobre as súas pernas. Pero o que son as cousas, xa non fai falta que a identifiquedes. Era veciña nosa na Praza Maior, e non é outra que Lola Touza, protagonista xunto coas súas irmás Julia e Amparo desa fermosa historia de protección e salvamento de xudeos ó traverso da raia con Portugal, e pola que recibiron unha grande honaxe fai ben pouco.
Quizás esta foto inédita sexa unha das últimas fotos que lle sacaron.




Lola Touza y Antonia Gulín

martes, 2 de noviembre de 2010

San Domingos por Loty

Outra imaxe da nosa vila, desas tres que nos fai chegar o noso amigo de "Ourense no Tempo", e que pertenecen ó fondo do arquivo Loty.
O que máis me chama a atención dela é esa construcción anexa a igrexa, que hoxe en día non existe, e que tapaba a porta lateral e as escaleiras exteriores polas que se ascendía ó coro.
Non vós podo dicir exactamente cando se derrubou este edificio, por que non o sei, pero por algunha consulta consulta que fixen debe de ser cara a década dos cincoenta.
Seica era a sacristía, pero parece ser que estaba en moi mal estado, e tiverona que tirar, e tapiar a porta que comunicaba con ela, que si a memoria non me falla ten un arco trilobulado dentro dun de medio punto. De todas formas, esta construcción debía de ser parte dunha anterior que tiña máis altura, e da cal aínda se poden ver claramente nesta foto as marcas que deixou na fachada lateral a unión có desaparecido tellado.
Como as outras desta colección debe de estar feita a finais dos vinte, ou a principios dos anos trinta.



lunes, 1 de noviembre de 2010

¿Será a Veronza?

Esta foto forma parte dalguhas imáxes que me enviou fai tempo o noso amigo de "Ourense no Tempo" , e teredes que perdoarme se vós digo que xa non me lembro de que libro as sacou.
O caso é queno seu envío aparecen varias tomas dende a Ponte de San Francisco, e algunhas outras das pontes do Avia, e esta dunha presa, que se non me equivoco me parece que é a da Veronza.
O único que me ten descolocado é esa casiña que hai a esquerda, e que me fai dubidar, xa que a ausencia das árbores da ribeira podería ser normal, o que tamén e certo é que eu non coñecín esta paisaxe a finais dos anos corenta ou a principios dos cincoenta, que é de cando debe datar a foto.
Se tedes algunha idea xa sabedes onde estamos.