miércoles, 7 de mayo de 2014

De sobremesa

Desta volta, seguimos con outra foto que ten a ben enviarnos Juan Antonio Fernández "Pipo". Está datada no ano 1957 e como sempre sucede eu non vos podo aclarar moitas cousas.
Penso, e repito a palabra penso, que o que aparece no primeiro plano pola esquerda é o Agapito, o terceiro dende esa mesma banda é o Carrera, e o quinto, se non me confundo, é  Alejandro Fernández Casas (o avó de Pipo), mentres que ó fondo, na cabeceira da mesa penso que recoñezo a un dos irmáns García Deive, que tiña a ferretería situada ó lado do Bar Morto.
Se sodes quen de identificar a todos e  aínda por riba con nomes e apelidos, só tedes que deixar un comentario, e todos volo agradeceremos.
Grazas.



martes, 22 de abril de 2014

Quen son?

Desta foto que comparte connosco amablemnete Juan Antonio Fernández "Pipo" e que está datada no mes de Abril do ano 1945,  só recoñezo a Alejandro Fernández Casas, o avó de Pipo que é o segundo pola dereita, e a Benito Escudero, que é o segundo pola esquerda.
O primeiro pola dereita, segundo o último comentario da entrada anterior, podería ser Manolito García, pero habría que deixalo en dúbida.
O mellor será que os identifiquedes vós, xa que a foto vai case para os setenta anos.
Quedamos entón á espera dos vosos comentarios, polos que por anticipado vos damos as grazas.




sábado, 5 de abril de 2014

De alivio

Hoxe poñemos esta foto, da que descoñecemos a data, e que nos envía Juan Antonio Fernández "Pipo", a quen lle damos as grazas. 
De todos os que aparecen na foto, se non estou errado, só coñezo a Antonio Chao, que é o primeiro pola esquerda. Pero teño a confianza de que vós lle poñades o nome ós outros tres cabaleiros que aparecen con el.
A instantanea, penso  que está sacada na rúa Progreso, diante do edificio da Banca Nogueira, xa que aparece detrás outra construcción coa fachada feita en ladrillo e con arcos apuntados, que hoxe en día xa no existe, e da que falamos nalgunha entrada anterior. Si supésemos cando se derrubou ese edificio, teríamos algunha axuda para poñerlle un data de tope a esta foto.
Unha das cousas que me chama a atención, aparte da elegancia destes homes, é que un deles leva na solapa da súa chaquete un fita de loito.
Corrixídeme se me equivoco, pero neses años, a morte dun familiar de primeiro grao conlevaba que os seus deudos vestisen de riguroso loito a lo menos un par de anos, máis un tempo a continuación, que se chamaba de "alivio", no que se ía substituindo a modiño as prendas de cor negro por outras de cores grises ou máis suaves. Quizás as mulleres eran as que máis sufrían estas ríxidas pautas sociais, mentres que os homes, paréceme a min, que o levaban doutra maneira. 
Se non recordo mal, moitos homes en vez dunha fita, o que puñan era un botón de cor negro no ollal da mesma solapa. Pero a verdade é que, como podedes notar, non coñezo moi ben cales eran as normas que se estilaban naqueles tempos para levar o loito, xa que hoxe eses costumes están sendo totalmente esquecidos.
Outro picar de faneca era o que se podía e se debía de facer, ou deixar de facer estando de loito, e con isto refírome ás festas,saídas, alegrías e celebracións. 
A sociedade, daquela, era moito máis rixida coa morte, e hoxe, como di o refrán, a procesión vai por dentro.



domingo, 30 de marzo de 2014

Outro punto de vista

Nos envía Benito Amil esta foto, que nos ilustra sobre unha das partes da vila que aparecen no cadro de Beruete que puxemos na entrada anterior.
A foto seica é dos primeiros anos do século XX, e nela podemos observar con bastante claridade como se desenvolveu esa parte da vila, nos trinta anos que pasaron dende  que se pintou o cadro, alá pola década de 1880, ata  que se sacou esta foto a principios de século.
Como se ve, e sempre pensando en que Beruete puido aportar moitas cousas do seu maxín,  as construccións aumentaron en altura, aínda que se mantén, case en estado ruinoso, esa edificación que aparece no primeiro plano, e que está reforzada con contrafuertes.
Penso que é  moi interesante esta aportación, que eu polo menos non coñecía, xa que se pode ir comparando a foto co cadro. Se vedes cousas interesantes que se nos pasaran a nós, podédelas deixar nos comentarios.
Grazas de novo Benito pola túa dedicación.



viernes, 21 de marzo de 2014

Orillas del Avia

Fai tempo que puxemos en Maquiáns unha imaxe deste cadro de Beruete, e hoxe traemos unha colaboración de Antonio Míguez Amil que, como sabedes, é o técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia. Nela nos vai a explicar como deu con el, e como acadou do seu propietario os permisos para poder usalo. Por certo, a foto do cadro está en alta calidade, polo que si a descargades poderédela estudiar a fondo.


"Esta imaxe é do cadro orixinal de Aureliano de Beruete titulado "Orillas del Avia". Trátase dun oleo  sobre lenzo de 100X178 cm, feito en Ribadavia polo autor arredor do verán do ano 1883 ou 1884, e que formou parte dunha exposición que se titulaba "Aureliano Beruete, 1845-1912", a cal foi producida no Museo de Arte Contemporaneo "Muñoz Sola" de Tudela do 30 de Abril ao 5 de Xuño de 2005.
A devandita imaxe do cadro foi asemade portada do libro da exposición que se publicou no ano 2005.
¿Como chegou ao noso coñecemento a existencia desta imaxe?.
No mes de Xullo de 2005 nunha das reunións técnicas que a Red de Juderías de España leva a cabo en Madrid, co gallo de facer o seguimento das actividades e promoción das cidades de dita Red, da que Ribadavia forma parte, atopeime co representante técnico de Tudela, o director do Museo Muñoz Sola, Don Manuel Motilva.  Alí foi onde o Sr. Motilva, con quen eu mantiña unha cordial relación, púxome ao tanto do fermoso cadro do que estamos falando.
A medida que o Sr. Motilva me ía falando sobre o autor do cadro e a pintura en cuestión, eu ía alumeando o desexo de coñecer ao propietario do cadro, falar con él, convidalo a visitar Ribadavia e poder obter a sua autorización para poder reproducir e publicar a imaxe do cadro por parte do Concello de Ribadavia, con fins culturais e turísticos loxicamente.
Así foi como souben que o propietario do cadro era un mecenas das artes, un empresario alemán, o Sr. Hans Rudolf Gerstenmaier. Logo todo foi cuestión de tempo e de insistencia, e por suposto de utilizar os contactos que me levarían a coñecer ao Sr. Gerstenmaier. Logo o Sr. Motilva pasoume o contacto do comisario da Exposición, o Sr. Arturo Navallas, co que falei un par de veces por ver si era quen de pasarme o contacto do propietario do cadro. O seguinte paso foi ir á sede do Deutsch Bank en Madrid onde o propietario do cadro, o Sr. Gesternmaier, tiña varias obras cedidadas para unha exposición sobre a pintura Flamenca do s.XVI, eu xa procurara chamar antes, falara coa encargada da exposición quen me dixo que o Sr. Gesternmaier estaba polas mañáns. Cando cheguei non o atopei no lugar, pero a  sua secretaria con moita amabilidade deume o número de teléfono do Sr. Gesternmaier para que o chamara cando quixera . Dous meses máis tarde convidoume a que fora visitalo ao seu domicilio en Madrid, confeso que fiquei abraiado de onde vivía este señor, pois tratábase dun piso, ou mellor dito dunha planta enteira dunha urbanización con tódalas medidas de seguridade imaxinadas, mesmo semellaba casi un bunker,  erá tal a amplitude daquel piso que alí atopábase un auténtico museo de arte dos s.XV e XVI dos grandes pintores da época, sobre todo Flamencos e Alemáns. Alí estaba por suposto o cadro de Beruete, nun lugar destacado, o Sr. Gesternmaier díxome que erá unha das obrás que máis cariño lle tiña, tratábase dun lenzo de grandes dimensións dunha beleza incomparable, a imaxe semellaba desprender o arrecendo das augas frescas do Avia nos primeiros calores da mañá do verán .
Eu levaba conmigo un estuche de viño do Ribeiro, que o Concello de Ribadavia me facilitará para ofrecerlle como presente, teño que dicir que tiven un acollemento moi agradabel por parte do Sr. Gesternmaier, o cal se interesou por coñecer Ribadavia, e por suposto  deunos  a sua autorización para poder publicar a devandita imaxe cando quixeramos. Logo tiven que contactar coa Galería de Arte Jorge Juan, en Madrid, xa que eles eran os que tiñan a diapositiva do cadro. Hai que dicir que nun primeiro momento esta galería non quixo facilitarnos copia da diapositiva, co que tiven que ir acompañado polo Sr. Gesternmaier para que a propietaria da devandita galería nos facilitará deste xeito a diapositiva, da cal fixemos copia e devolvemos nos termos comprometidos.
Así remataron, un ano despois, as xestións e labores para poder ter unha das imaxes máis fermosas e antigas coñecidas dunha parte de Ribadavia.  Si nos fixamos ben (de dereita a esquerda) trátase da parte traseira das casas do García, do Benito Amil, da Fidela, do Freijido e da Marisol.
Segundo pon no libro da exposición da que falamos, o cadro en cuestión foi executado no obradoiro do pintor con vistas ao seu envio para a Exposición Nacional de Bellas Artes de 1884, utilizando apuntes e bocetos preparatorios realizados ante o natural nun dos veráns de entre 1880 e 1884 que o autor pasou en Galicia.
Anos máis tarde o Sr.Gesternmaier, como prometera, visitou Ribadavia, para situarse no mesmo lugar no que Beruete estivo para facer o cadro, deste xeito puido ver o paso do tempo e como mudou esta parte da beira do Avia. Un bo exercizo que nos leva a maxinar a Ribadavia de hai máis dun século".

Antonio Míguez Amil

Técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia.


sábado, 15 de marzo de 2014

¿Unha riada?

Recibo, esta foto totalmente descoñecida para min,  de Juan Antonio Fernández. Seica é do ano 1935, e como podemos ver, a rúa está parcialmente enchoupada de auga. O que  no sei, coma sempre,   é o que pasou exactamente. Supoño que toda esa chea de auga foi froito dunha forte e violenta treboada de choiva, que debeu de  arroiar a terra das partes altas da vila ata aquí.
Penso que a  fermosura  da foto radica na captura do momento. O fotógrafo e capaz de amosarnos a ledicia e a fachenda deses picariños, que ata ousan a mollalo cos seus caldeiros, en presencia de todos os veciños, que observan a escena situados  a rentes dos muros para evitar mollarse.
Unha fermosa foto. Gracias Pipo por compartila connosco.



viernes, 28 de febrero de 2014

O entroido de 1957 en "La Peña"

Como comenza o entroido, e Ribadavia dende moi antigo, celebra por todo o alto esta festa; hoxe poñemos grazas á colaboración de Benito Amil, este folleto anunciador dos festexos que a desaparecida sociedade "La Peña" tiña programadas para o Carnaval do ano 1957.
Na portada pon, como podedes ver, "Aniversario de su fundación". O que pasa, é que eu, aínda que tratei de indagar un pouco, non fun quen de saber en que ano se fundou a sociedade. O que si sei é que tanto a Peña como o Club Artístico, eran as protagonistas, e o eixo vertebrador destas festas na vila, xa que daquela non había a moda das comparsas, que tanto se estilan na actualidade. Mirade o poder de convocatoria que tiñan, que  incluso había "Cena Americana" antes do baile.
Para non cansarvos moito, simplemente vos direi que fai uns días estiven no interiordo local que ocupaba a desaparecida sociedade, e que na actualidade alberga un taller escola de pintura. Eu ben recordo asitir a algún baile de disfraces, cando aínda era cativo, pero o que non me imaxinaba era  a pouca superficie da súa planta. No meu maxín era moito máis grande, moito máis.
Será o paso do tempo... Ou medrei eu, ou minguou o local.



sábado, 22 de febrero de 2014

A vella estación do tren

Esta foto é unha impresión actual do negativo co que se fixo aquela   postal da estación do ferrocarril que xa apararcera en Maquiáns fai algún tempo. Si o lembrades formaba parte da colección de tarxetas postais da Fototipia Thomas, e era anterior ó ano 1927, xa que aínda non se construira a marquesina da estación que protexe hoxe en día ós viaxeiros.
Merece moito a pena, xa que ten bastante boa definición, e pódense apreciar moitos detalles que na copia anterior eran totalmente  imposibles de ver, como por exemplo, a hora en que foi sacada: a unha e cuarto da tarde, se é que o reloxio da estación funcionaba ben daquela.
Incluso, se nos poñemos, e ampliamos ben a foto, podemos recoñecer ó home que está atendendo a cantina dentro da ventá, e  tamén observar o limpiños e ordenadiños que ten os vasiños no mostrador para expender os licores típicos do Ribeiro.
Podemos ver tamén, como todo o mundo está pendente do fotógrafo. En serio... debe de ser a novidade ese día. Dende as rapaciñas que se asoman nas ventás do primeiro piso da estación, ata os maquinistas da locomotora, todo o mundo está mirando para o fotógrafo, a excepción de ese home de gabán branco que vai de costas polo andén. Non me extrañaría nada, polo seu atuendo, que fose un dos axudantes do fotógrafo.
Outra cousa que me chama poderosamente a atención é que non hai travesas nas vías, nin esa morea de pedras soltas que teñen na actualidade.
Só me resta darlle as grazas pola foto a Benito Amil, que segue tratando de que Maquiáns non esmoreza.