jueves, 15 de julio de 2010

A veronza

Con esta refrescante postal da Veronza damos por rematada esta tempada, voltaremos no mes de Setembro.
Perdoade que me tome tantas vacacións, pero son días para disfrutar da familia, sen preocupacións, sen conexións a Internet, e sen andar ás apuradas, como andamos moitas veces.
Para os que me seguides, só vos pido un pouquiño de paciencia, pensade que haberá tempo para todo.
Dentro de pouco, cando cando cheguen as choivas, cando os días sexan máis curtos, cando faga frío, e teñamos que quedarnos na casa. Dentro de pouco, seguiremos con Maquiáns.
Un forte abrazo a tod@s e que disfrutedes do verán coma fixemos nós de nenos durante moitos anos nesa presa da foto. A da Veronza no río Avia. Cantos recordos...



miércoles, 14 de julio de 2010

A remo ata Castrelo

Como o que máis e o que menos xa estará a disfrutar, ou a sufrir as calores estivais, nada mellor que tratarvos de refrescar con fotos veraniegas nas que aparezcan os nosos ríos.
Esta nola envía Óscar Escudero, e forma parte dunha serie moi pequeniña, da que xa puxemos outra anterior, e que se deberon de sacar nunha excursión nautica que fixeron estes aguerridos ribadavienses polo rio Miño.
Deberon alugar unha lanchiña na Barca e foron contra corrente ata os arredores da Ponte de Castrelo, e para que os incrédulos, que sempre os hai, os cresen, deixaron unha boa constancia gráfica.
Aquí están, e coa igresa de Sta. Maria de Castrelo detrás. De esquerda a dereita: Toñito Chao, Alejandrino Fernández, Benito Escudero (pai de Óscar), Manolito García e Fidel Dávila.


martes, 13 de julio de 2010

No 1920

Outra desas maravillas que nos manda Antonio Canitrot, tamén cós personaxes coidadosamente numerados para que si identificamos a alguén o poidamos situar sen problemas.
Neste caso trátase dunha foto feita en Ribadavia o día 6 de Abril de 1920, tal como reza na súa traseira, e Antonio só recoñece á súa nai Elisa Gómez Juste, que é a nº 4, e a súas tías Asunción Gómez Juste có nº 1 e Luisa Gómez Juste có nº 13.
Dos demais non sabemos nada, polo que agradeceriamos algunha pista.





lunes, 12 de julio de 2010

Orquesta Nuevos Ritmos Leiro Telf Nº 16 Orense

Este é un póster publicitario da mesma orquesta de onte, dos "Nuevos Ritmos" de Leiro. Atopeino en internet, nunha colección de cartelería galega, creada por alguén que firma baixo o alcume de "Bertez" e que os ten colgados en Flickr. Son sobre todo carteis relacionados coa provincia da Coruña, e penso que debían de ter algunha relación coa imprenta "Roel S.A." que tiña a razón social na Avda. de Finisterre nº 122 da dita cidade.
Si lle queredes botar unha ollada á súa colección, premede aquí, neste enlace.
Nesta foto que é do ano 1971 aparece Raimundo "O Peteira"situado de pé á dereita de todo, pero non o "Virulilla". Se coñecedes o nome dos outros xa sabedes o que tendes que facer.
Faime gracia o do número de teléfono, o 16 de Leiro, e isto me recorda como eran os teléfonos daquela.
Na miña casa tiñamos o aparello nunha parede e o noso número era o 223, lembro tamén que o da miña avoa era o 148, pero non podías marcar ningún díxito, xa que non tiñan nin roda de marcación nin botóns de ningún tipo. Levantabas o auricular e unha amable, cálida, e supoño que cotilla telefonista te preguntaba con quen querías falar. Si sabías o número llo dicias, e senón facías coma min, que levantaba o teléfono e directamente lle espetaba:
- "Ponme con mi abuela".
Que maleducado debía ser eu de pequeno, e vai memoria que tiña a telefonista.



domingo, 11 de julio de 2010

Nuevos Ritmos

Foto da afamada orquesta "Nuevos Ritmos" de Leiro, que contaba entre os seus compoñentes a dous veciños nosos, e que podedes ver no centro en primeiro plano, o segundo pola esquerda é Raimundo "O Peteira", e o terceiro é Olegario "O Virulilla".
Penso que a foto pode estar sacada no parque do Salgueiral en Leiro, pero descoñezo a data en que se fixo a foto, que é propiedade do noso amigo Canedo.
Esta orquesta, supoño que ó longo do tempo iría cambiando de músicos, nutríndose preferentemente dos profesores que formaban as bandas de música da bisbarra do Ribeiro. Proba delo é que no blog amigo "Ourense no tempo" fai pouco se publicaba unha foto desta mesma orquesta, pero do ano 1945. Podedes ir a ese enlace pulsando aquí.






sábado, 10 de julio de 2010

Cortizo

Ó lado do porteiro, formando parte da defensa do Zaragoza da tempada 1964-65 está o ribadaviense Joaquín Cortizo Rosendo, que naceu na vila en Outubro do ano 1932, e que xogou coma futbolista profesional en equipos da talla do Celta de Vigo, Real Zaragoza ou Jaen, que é onde vive na actualidade.
Fíxose famoso en toda España por unha sanción que lle meteron por lesionar a un xogador do Atletic chamado Collar. Pero o mellor e que lle botedes unha ollada directamente a esta reportaxe publicada polo xornal Faro de Vigo no mes de Abril do ano pasado. A foto pertence tamén a ese xornal.
Premedes neste enlace para poder lela.



viernes, 9 de julio de 2010

No Bar Morto

O único que sei desta foto é que puña por detrás "Partida de dominó no Morto", e xa é bastante.

Como me pasa moitas veces, ó non residir na vila, teño problemas para identificar á xente con nomes e apelidos.
Neste caso coñezo a casi todos, a Julio Neira "O Mexicano" que é o primeiro pola esquerda, a Milucho "O Relojero" que é o terceiro, a José Luis Villar de cuarto, e ó Chuchito que é o quinto, pero me falta por identificar ó segundo, e ó que está en primeiro plano pola dereita.

Penso que non fai falta aclarar que a partida celebrábase no Bar Morto, o que non son capaz de axustar é a data desta foto.







jueves, 8 de julio de 2010

Mozos en Francelos

Outra das fotos de Canedo. Nesta ocasión nos trasladamos ó ano 1968, e á veciña localidade de Francelos, terra da súa muller, onde posan para o fotógrafo unha boa representacion da mocidade ribadaviense daqueles anos, que supoño que acusirían alí con motivo das festas e a comer anguías.
Entre outro están Solís, Bendaña, Suso do Jovito, Moncho do Bar Alfonso, Julio e Agapito, pero como podedes imaxinar estou copiando unha pequena nota que me deixou Canedo, xa que eu por moito que mirei a foto só son capaz de recoñecer ó Solís, polo que me gustaría que os identificasedes vós.


miércoles, 7 de julio de 2010

¿De que ano é esta foto?

Penso que esta foto é unha verdadeira xoia, unha desas sorpresas que atopas no correo de cando en vez, neste caso enviada pola nosa amiga Carmela Dávila.
O importante desta foto é a idade que ten, xa que atopamos moitas imaxes de estudio desta época, a maioría familiares, ou de grupos, ou postais dalgún curruncho da vila, pero poucas instantáneas costumbristas como a que presentamos hoxe.
Non sei se se corresponderá cunha procesión da Semana Santa, ou coa da Virxe do Portal en Septembro, pero o certo é que vemos como atravesa unha Praza Maior chea de árbores.
¿Cando se talaron as árbores da Praza? Non o sei, mais vémola así nas postais que hai da vila entre os anos dez e vinte. Pode que sexa deses anos.

martes, 6 de julio de 2010

A derradeira foto

Hoxe poñemos a derradeira foto que se lle fixo a Secundino Gómez Juste, un xoven ribadaviense, que coma moitos outros foi chamado a filas na Guerra Civil e alí perdeu a vida.
Fixádevos na súa caligrafía. Deixa perfectamente anotado que a foto está tomada en Grado, Asturias, o 15 de Abril do ano 1937. El é o segundo pola esquerda, o que non ten número. Os outros, os seus compañeiros de fotografía son : Nº 1 - José Barros, Nº 2 - Antonio Fernández, e o Nº 3 - Egidio Abraldes.
Secundino apuntou coidadosamente os nomes dos seus compañeiros para evitar que o tempo lle borrase os nomes da memoria, e quen lle ía a dicir que uns cantos días despois de sacarse esta foto unha bomba impactaría derriba da mesa da oficina na que estaba a traballar, e acabaría coa súa vida.
Pasaron moitos anos, e hoxe nos lembramos del, e dos seus amigos, dos que non sabemos ren, e todo grazas ás notas de Secundino.
A foto nola envía Antonio Canitrot Gómez, que é o seu sobriño, amais dun recorte de prensa da época, e a esquela que supoño se publicou no mesmo xornal. Grazas Antonio.








lunes, 5 de julio de 2010

A vila segundo Goyanes

Unha das teimas que teño é a de tratar de amosar as diferentes visións que de Ribadavia tiveron ou teñen os artistas plásticos que se sentiron atraidos pola beleza e polos recunchos do noso pobo. E hoxe poño esta paisaxe que é obra do pintor monfortino, aínda que vigués de adopción, Antón Goyanes, do cal podedes ver unha breve semblanza na wikipedia, premendo neste enlace.
Teño que darlle as grazas á miña irmá Chary, que me envía a foto, e ó propio Antón, por deixarnos ver esta fermosa composición, esta visión que supoño que todos vos recoñeceredes, e que a min me transmite unha grande inquedanza , debido sobre todo ó tratamento da luz e das formas.
A vila está a escuras, pero na montaña dá o sol. É un momento crítico, é un instante que se vai, un momento que fuxe, o da saída ou o da posta do sol, o do orto uo do ocaso. Ribadavia esta en penumbra no fondo do val, e vai cara a luz ou a escuridade, según se mire.

domingo, 4 de julio de 2010

Tomando un tostado

Outra foto das primeiras Feiras do Viño, neste caso enviada por Canedo, na que vemos a unha pandilla de xóvenes da vila "descansando" no stand de Licores Soto.
Ó frento do stand podemos ver a Eloy Soto, e hoxe faime gracia ver aquelas botelliñas que xa tiña esquecidas, e que están penduradas do teito, e que non sei si lembrades que estaban forradas con plásticos de diferentes cores.
Penso que a foto é de principios da década dos setenta, e o que si me gustaría, é saber a identidade de todos estes rapaces e rapazas.


sábado, 3 de julio de 2010

Publicitando a Feira

Con iso de que está a vila a celebrar a Feira do Viño do Ribeiro, poñemos hoxe outra foto dos seus inicios, como homenaxe a aqueles veciños, que foron os pioneiros das primeiras feiras, os que con moi poucos medios e moita ilusión lograron poñer a Feira, e ó Ribeiro no lugar no que está agora.
Vemos de fronte a Filiberto Soto e á dereita ó Sr. Andrade Usatorre, e penso que de costas á cámara, e á esquerda de todo está a silueta inconfundible de Quico Bouzas.
A foto e propiedade de Mª José Bouzas coma outras moitas desta serie, e penso que está feita en Pontevedra, nunha das paradas daquela caravana publicitaria polas capitais galegas. De feito podedes ver un cartel derriba dun automóbil publicitando ás adegas "Pericocho".




viernes, 2 de julio de 2010

Na Feira do Viño

Outra foto de Canedo, que nos mete de cheo nas Feiras do Viño que se facían a principios da década dos anos setenta.
Hoxe comenza outra nova Feira, pero penso que moito deberon de mudar as cousas dende aqueles anos.
Esta foto está sacada na parte de arriba da Alameda, máis ou menos debaixo da do Filiberto, onde, si a memoria non me falla, penso que se situaban as polveiras e as zonas de comida naqueles anos.
Entre todos estes xóvenes de Ribadavia, están Marité a do Jovito, Pepita, Fina, Totó e Julio. Os demais a ver si os identificades vós.

jueves, 1 de julio de 2010

Coser e cantar

¿Que di este hoxe?¿Quen cose?. Si nesta foto non hai ninguén cosendo, ¿Que é o que pasa?.
Non pasa nada, digo o de coser e cantar polo traballo tan ben feitiño e tan completo que nos envía outra vez Antonio Canitrot.
O seu envío consta de varias fotos que iremos poñendo pouco a pouco. Fixádevos no labor que fai marcando ós protagonistas da foto cun número para que a identificación sexa máis doada, e non teñamos que andar sempre falando de esquerda, de dereita, de arriba e de abaixo. Así é moito máis fácil.
Antonio só e quen de recoñecer a tres persoas, a que leva o nº 3, que é a súa nai Elisa Gómez Juste, ó que leva o nº 9 que é Francisco Pérez da Silva, e a que leva o nº 10 é Luisa Gómez Juste, que acabaría sendo a esposa do anteriormente citado Francisco Pérez.
É unha mágoa que non poidamos identificar a ninguén máis, xa que como podedes ver, nesta foto está representada unha boa parte da xuventude ribadaviense de 1920, que é a data en que Antonio sitúa a foto.