jueves, 23 de junio de 2011

A noite de San Xoán

Nesta noite máxica, o Club acostumaba a celebrar sempre unha verbena, onde ás veces se elixía á "Miss Club Artístico"e ás súas damas de compañía, pero no ano 1976, a directiva desta sociedade elixiu para a celebración do baile as pistas deportivas que había no interior do Castelo. Eu a bote pronto, supuxen que este feito se podería deber ás obras de ampliación do edificio social, pero pensandoo ben, esa obra, coa que se cubriu a traseira da sociedade fíxose moito antes.
Bueno, o caso é que nesta foto podemos ver perfectamente preparados para a ocasión e cun atuendo totalmente yeyé, como mandaban os cánones da moda da época, a un grupo de xóvenes ribadavienses dispostos a pasalo ben. De esquerda a dereita son: Xoán Canedo, Jovito, Jorge "do Pichín", Victoiro, Rogelio Domínguez e Javier "O Calavera".
A foto é de Xoán Canedo, a quen de paso aproveito para felicitar, ó igual que a tódolos Xoán que lean este blog no día da súa onomástica.
Cambiando de tercio, tamén vos comento que Maquiáns vai a coller vacacións. Recargaremos folgos, e tentaremos buscar cousas interesantes. Sigo tamén insistindo en que si tedes fotos, documentos ou calqueira cousa que pensedes que pode encaixar no blog, non dubidedes en enviarmos. Á dereita da páxina, tedes un "CONTACTO", se o premedes, aparecerá un formulario. Só o tedes que cubrir, e rapidamente comunicareime con vós. Animádevos.

miércoles, 22 de junio de 2011

Toca poñerse os sombreiros

Chega o verán, a calor apreta, e o Sol pode facer dano, e iso sabíano ben as nosas nais e avoas, que nos protexían constantemente dos sus raios, como é o caso destas dúas nenas e o neno que supoño que todos coñeceredes, xa que están fotografiados no seu barrio, onde viviron sempre, na Praza de San Xoán.
De pé á esquerda está Rita Dávila Pousa, ó seu carón, a súa curmá Pilar Dávila Padrón, e sentado na beirarúa, ó seus pés Gregorio García Ríos.
A foto está feita xusto ó lado da tenda de calzado da avoa de Gregorio, que tiña o xénero exposto derriba do caixón que aparece á dereita da foto, que supoño que deberá de ser, máis ou menos, do ano 1962 ou 63.
A foto é cortesía de Carmela Dávila.


martes, 21 de junio de 2011

Subidos ó canón

Que sorte teñen agora os rapaces que xa non teñen que facer a mili. Senón que llo pregunten a tódolos que tivemos que pasar por ela, e a ver que lles contan. Moitos dirán que co paso do tempo todo se suaviza, e só se lembra un das cousas fermosas que se viviron, pero a verdade é que a mili a uns lles abriu portas, e para outros foi unha absoluta perda de tempo. Cada un conta a feira segundo como lle foi.
Na foto vemos subido á parte alta do canón a Manuel Lage, cando facía o servicio militar, obrigatorio por suposto, en Parga no ano 1953, grazas á cortesía da súa viúva Mari Carmen López.
Supoño eu, que daquela serían a lo menos dous anos de leria, entre unhas cousas e outras, pero como o humor é o último que hai que perder, aquí o temos facendo de tripas corazón e poñendo boa cara coa que lle estaba a cair. Fixádevos nas alpargatas que calzan co uniforme. Sen palabras.


lunes, 20 de junio de 2011

O casino das irmás Touza

Este edificio era outro dos que lle chamou a atención ó arquitecto Francisco Pons Sorolla, e por iso o fotografiou. Está situado como sabedes ó caron da torre do reloxio do edificio do Concello, e hoxe en día, restaurado, mantén a mesma fisonomía que a principios dos anos cincoenta, que é cando se fixo esta foto.
Na súa planta baixa con soportais, se pode ver unha mesa que era a que anunciaba, e daba paso á taberna que alí había, e da que se falou dabondo fai uns anos, cando se soubo a historia das tres irmás Touza, que tamén rexentaban a Cantina da Estación.


viernes, 17 de junio de 2011

Xuño: anguías e cereixas

Unha das cousas que con máis agarimo lembro deste mes de Xuño no que as clases remataban, eran as tardes vagabundeando polo río Avia, e o máximo, xa era cando os nosos pais nos daban permiso para ir armar unhas canas ás anguias á noitiña. Poucas veces nos deixaban, temerosos supoño da perigosa mestura da nosa xuventude, a noite e o río.
Esas noites, nalgúns sitios, o Avia ás veces era unha festa, e en lugares como o muiño da Raiña, eran tantos os pescantíns, que case non había sitios libres para poder colocar as canas.
A xente levaba de todo, incluindo comida e bebida, e así ían pasando as horas, pendentes do ruidiño dos axóuxeres que se puñan nas puntas das canas.
Como as anguías tragan ata ben adentro o anzol, tiñamos que cortar o sedal e colocar un novo de cada vez, polo que tamén levabamos sempre unha pequena lanterna, para poder facer os nós e colocar ben as miñocas no engado.
A mágoa era que non nos deixaban quedar ata tarde, tiñamos que voltar á casa as once, pero moita xente seguían ata a madrugada. ¡Unha golfería dicía o meu avó!
Na foto podemos ver a Roberto Villar de Castillo como posa fachendoso no ano 1966, cun bó exemplar de anguía, que máis parece un anguiacho, que é como lle chaman nos portos de mar ós congros pequenos, e coma nós lle chamabamos na vila ás anguías grandes.
Detras del observan atentamente a escena dous homes, o da esquerda non o recoñezo ben, pero o da dereita, é o avogado Manuel Feijoo, que creo que tiña alí mesmo o seu gabinete, ó igual que o seu irmán, o médico e forense da vila Casiano Feijoo .
A foto está feita ó lado de Foto Chao, e como tamén este mes é o tempo das cereixas, teño a obriga de recordar aquel pequeno posto de lambetadas que había un pouco máis arriba na beirarúa oposta, xustamente na esquina da zapatería do Gonzalo que cadra fronte ó Kopa Club. Alí debaixo dun pequeno buzón de Correos, os domingos montaba o seu telderete "A Urbana" . Só era unha pequena mesa e unha banqueta onde ela se sentaba. Entre os chicles "Bazooka" e os "Chupa Chups", colocaba unha morea de cereixas, que vendía en atadiños dunha ducia, que ela mesma facía con moito xenio atando os rabiños cun fío. Eu devecía por elas.
Moitas grazas a Ánxelis de "Ourense no Tempo", e a Roberto Villar pola cesión da imaxe.


jueves, 16 de junio de 2011

A recuperación do entorno da Praza Maior

Francisco Pons Sorolla falaba nos anos cincoenta, do deterioro que presentaba o casco histórico da vila , e da necesidade de tratar de recuperar moitas das súas edificacións, pero non só as de propiedade municipal, senón outras moitas, que sendo de propiedade privada, e que sen ter un especial valor histórico, coa súa ruina afeaban o conxunto.
Así foi sacando fotografías coma esta, nas que supoñemos que amosa os casos máis chamativos.
Esta é a fisonomía que tiña o edificio que estaba ó lado do de Correos, ó carón da Praza Maior, antes de que fose reconstruido. Estiven varias veces dentro del, xa que alí vivían uns amigos meus, Antonio e Alejandro, aparte de que no do lado vivisen durante moitos anos os meus avós paternos. Todas estas casas, que daban coa súa fachada traseira contra a rúa dos Escobetes, foronse restaurando en diferentes épocas, e a primeira penso que foi esta, pero non son capaz de situar agora mesmo a data, aínda que se tivera que dicir algunha, diría que a mediados, ou finais dos anos sesenta.


miércoles, 15 de junio de 2011

Unha postal de San Xoan

A verdade é que non caira antes en poñer esta postal, que non é das que atopo en Internet, senón que ma mandara, xa fai tempo, Pepe Lui Escudero.
Pertence á serie que Hermenegildo Rodríguez Casas publicou a principios do século XX, e pensaba que estaba moi vista, pero se nos fixamos nos detalles, aparte do folclorico que resulta o carro de bois que aparece nela, podemos ver perfectamente o lintel que existía orixinariamente na porta da igrexa, e do que me din conta ollando as imáxenes da película do ano 1929 que vos puxen fai un tempo, e que deben de pertenecer a que rodou nese ano Luis R. Alonso, co gallo de presentala na Exposición Iberoamericana de Sevilla.
O outro día pasei por San Xoan e fixeime ben na porta. Nótase ben o apaño que lle fixeron ó cortar a pedra, e me atrevería a dicir que os retoques están feitos con cemento, o que non sei é a razón pola que se eliminou o lintel, nin en que ano. A pregunta queda no aire.


martes, 14 de junio de 2011

A familia da porta do Castelo

Xa me esquecera desta foto que fai algún tempo me enviara Pepe Lui Escudero, que segundo me contaba, ven publicada nun libro de Ramón Blanco Arean, titulado "Galicia. Historia e Imagen" que me parece que consta de varios tomos editados pola antiga Caixa de Aforros Provincial de Ourense no ano 1979, ou eso era o que puña na traseira do tomo, polo cal podemos deducir que as fotos serán a lo menos dalgúns anos atrás.
A pregunta que se facía Pepe Lui, era si seremos quen de saber que familia, no caso de que fose ribadaviense, é a que sae na foto.
Seguro que algún de vós se atreverá a deixarnos algunha indicación, xa que só teriades que botar conta das familias numerosas que daquela había na vila, e tratar de sacar algunha conclusión.
Pinchade derriba da foto para ampliala, e ainda que a calidade, ó se tratar dunha foto de libro non é moi boa, a ver si obtemos algún resultado.

lunes, 13 de junio de 2011

A publicidade da Granxa D´Outeiro

Algunha vez xa falamos aquí da Granxa D´Outeiro, que como ben sabedes é unha propiedade situada en Francelos, na marxe dereita do río que leva o seu mesmo nome.
Fai uns días Francisco Bouzas enviounos este maravilloso folleto publicitario que debe de datar de pouco antes da guerra civil, xa que o análise químico dos viños que adxunta ven con fecha do mes de Decembro do ano 1933, e a pequena reseña histórica sobre os caldos do Ribeiro publicouse na revista viguesa Raig, en Marzo do ano 1935, como poidestes ver no blog fai tempo.
Espero que se lea sen dificultades simplemente pinchando derriba das fotos, e como está moi ben escaneado, recortei a foto desa rapaciña cun bó racimo de tintas, xa que sei que algunhas descendentes dos Pereira Borrajo son lectoras do blog, e a ver si elas nos poden aportar algunha información máis sobre a historia desta finca e os seus propietarios.




viernes, 10 de junio de 2011

A capela do Portal II

Para rematar esta semana, vos deixo estoutra foto da capela da Virxe do Porta, patroa da nosa vila e de todo o Ribeiro. Non sei en que data se sacaría, aínda que o camión vello aparcado a carón das escaleiras poderianos dar algunha pista.
Entrei fai pouco nela, e está ben conservada, pero o que non fixen foi entrar á parte alta, pola ponte que a une a San Domingos, que era por onde, de costas ó párroco, entrabamos de pequenos, cando axudabamos a misa de monaguillos, para fedellar nun pequeno órgano que alí había, e que ainda soaba ben.
No órgano grande, no da igrexa parroquial, por moito que nos subiamos, e pedaleabamos nos fuelles, non eramos capaces de facelo soar.
Non sei en que estado estarán agora, se é que ainda existen.
Pasade unha boa fin de semana.



jueves, 9 de junio de 2011

A capela do Portal I

Hoxe tócalle o turno a outro dos monumentos emblemáticos da nosa vila, a capela da Virxe do Portal. Esta é unha postal que estaba á venda en Internet, e como podedes ver, presentaban tamén unha ampliación da zona central, onde se poden intuir a dúas personas posando ó carón do ciprés da esquerda. Os que a vendían, a datan cara ó ano 1920, e na súa traseira pon que está editada por Hermenegildo Rodríguez, e impresa na Fototipia Thomas de Barcelona.
Unha dos cousas chamativas desta postal son as dúas cruces situadas a ámbolos dous lados da porta da capela, que so vira antes na portada do libro "Ribadavia y el santuario del Portal. Historia, arte y fenomenología religiosa" de José Ramón Hernández e Ramiro González, nunha fotografía parecida.



miércoles, 8 de junio de 2011

No Castelo III

Tampouco é que queira aburrirvos con este tema, pero o caso é que acabo de atopar esta nova foto do interior do Castelo, e como a semana pasada falamos del, hoxe fago este engadido con este novo aporte, máis que nada, para que quede constancia dos cambios que se foron producindo co paso dos anos, ainda que non sei moi ben en que ano poderia estar feita esta foto.


martes, 7 de junio de 2011

No Entroido do ano 1951

Esta foto tíñana os pais de Francisco Couto, xa que eran veciños desta muller, cando despois de casdos foron a vivir á Porta Nova de Arriba.
Dela xa puxemos outra foto, e agora a podemos ver disfrazada no entroido do ano 1951, tal como se pode ler na foto.
É é a nai de Totó "O Viajante", e o que non sabemos é quen a acompaña, polo que , coma sempre, solicitamos a vosa axuda en forma de comentarios.
Despois de darlle varias voltas, penso que podería estar sacada nos xardíns do parque Robla, xa que se intue a fonte detrás e o monte de Santa Marta.


Ribadavia entroido 1951

lunes, 6 de junio de 2011

Xogando ó trompo

Eu nunca xoguei ó trompo. Nos meus tempos de rapaz na vila xa non estaba de moda, e ainda que algunha vez probamos a xogar con eles, non nos entrou a afección de facelo tódolos días, nin despertaba en nós a espectación que parece que desperta nestes nenos.
Grupos de rapaces así só os vin en Ribadavia cando era o tempo das canicas, por que xa sabedes que estes xogos son temporais. Cada ano, e sen saber a causa, de repente tódolos nenos empezan a xogar ó mesmo, como si dun andazo se tratara, e pasados un mes, a cousa vaise esvaecendo e os sus interes se concentran noutra cousa.
Esta foto nola envía C.G.S. e está feita nun dos campos de xogos do Colexio dos Xesuítas de Vigo, no ano 1952 ou 1953, e entre este grupo de cativos están dous ribadavienses que alí estudiaban internos. O primeiro pola esquerda é Julio Lira Pousa que faleceu hai bastantes anos, e o terceiro é Rafael Chao Gómez, fillo de Toñito.
Como podedes apreciar polas caras deles, e polo interese que amosan, a competición debía ser dura, e as fendas e roturas dos trompos importantes.
Para min tamén quizas o máis importante desta foto sexa o xogo en si mesmo. Xa non se ven imaxes coma esta hoxe en día, e de seguro que hai moi poucas fotos nas que se vexa ós rapaces cos trompos.


Jugando al trompo en Jesuitas Vigo año 1953

viernes, 3 de junio de 2011

O aviador Piñeiro

Supoño que sabedes que o famoso aviador Piñeiro, que era natural de Sanxenxo, veu dar unha exhibición á nosa vila.
Segundo o xornal"El Heraldo Militar" do día 14 de Xullo de 1913, o aviador Piñeiro voou sobre a vila elevándose a máis de 5000 metros. Numeroso público chegado da capital en varios trens presenciou as súas evolucións.
Piñeiro estivo dezasete minutos voando, saudando co seu pano branco á concurrencia que o aplaudía, pero debido as pésimas condicións do campo de aterraxe, en extremo reducido, faltoulle terreo para aterrar, polo que tratou de remontar de novo o voo, indo a parar a unhas parras cercanas.
O aviador saiu ileso mentres o aparello sufriu desperfectos de consideración.
Penso, polo que me contou meu avó, que o campo de aterraxe estaba situado á beira do Avia en San Cristobo, e que foi todo un acontecemento que quedou gravado nas retinas de tódolos que tiveron a sorte de presencialo.
A foto que teño e de moi mala calidade, pero reflicte o momento no que o público arremuíñase ó redor do avión siniestrado. Escoitei tamén falar de que na vila hai fotos mellores deste suceso, pero eu non fun capaz de atopalas.
Ese xornal tamén fala de que ese mesmo día, pola tardiña declarouse un gran incendio nun aserradoiro de madeira a carón da estación do ferrocarril, cuios danos se valoraron en 6000 pesos.
Poñovos tamén un pequeno video que narra as andanzas deste galego pioneiro do aire.




jueves, 2 de junio de 2011

No Castelo II

Onte falabamos do aspecto ruinoso que presentaba o Castelo nos anos corenta, e quizás esta foto aclare máis a cuestión. Esta é a parte de fóra da muralla que daba cara á rúa dos Escobetes, e como se pode ver, un cacho do muro estaba totalmente derruido, e cun aspecto realmente ameazante.
Esto fai que a intervención de restauración se teña que facer pola vía da urxencia, tratando de manter e consolidar a estabilidade dos muros.
Debaixo poño unha foto que aínda que ten pouca calidade, amosa os traballos de excavación feitos nos anos cincoenta no seu interior, onde se ven claramente os restos da necrópole que alí había, e a fermosa fonte plateresca que centraba o patio principal, que segundo Francisco Pons Sorolla, conservábase, aínda que caida.


miércoles, 1 de junio de 2011

No Castelo I

Esquecera xa o libro de Belén Mª Castro Fernandez sobre Francisco Pons Sorolla y Arnau, e agora co gallo do remate das obras que se estan a facer no Castelo, penso que ven outra vez a conto rescatalo no blog.
Así era o interior do Castelo no ano 1951 cando este arquitecto recibe o encargo de restaurar e reconstruir o casco histórico da vila.
Parece ser que todo comenzou no ano 45 tras un informe de Chamoso Lamas sobre a monumentalidade de Ribadavia, e a necesidade de facer intervencións para conservala do xeito mellor posible.
Entre as moitas actuacións que se levarán a cabo entre os anos cincuenta e setenta en toda a vila, destaca a intervención no Castelo, na que será o propio Chamoso Lamas quen se encargará das excavacións arqueolóxicas.
Como vedes, antes das excavación, era un solar rodeado de muros que ameazaban con cair debido ás fendas que presentaban en moitos sitios as murallas, e por suposto non había nin rastro da necrópole que uns anos máis tarde aparecería baixo o chan.