viernes 4 de diciembre de 2009

Documentos do encoro de Castrelo I

Como non teño moitas fotos da construcción do encoro de Castrelo, aproveito esta, do paso de maquinaria polo centro da vila por causa destas obras, para falar dos documentos que fai uns días vós prometín.

Hoxe poño o primeiro informe, trátase dun estudio socio-económico de oposición elevado ós poderes públicos polos campesiños afectados, que segundo se pode apreciar no propio documento se presenta con posterioridade ó mes de Septembro do ano 1945.

Este documento é unha copia que estaba en poder do meu pai, e consta como anexo Nº 1, nun libro que escribiu sobre O Ribeiro e que nunca chegou a publicarse. Segundo as súas notas, xa que desgraciadamente nunca falei moito con el destas cousas mentres vivía, debeu de ser o primeiro escrito presentado ante as autoridades pola xente afectada.

Non é moi extenso e penso que se pode ler con certa facilidade. Para consultalo ou descargalo, só tedes que pinchar aquí neste enlace.



jueves 3 de diciembre de 2009

¿É un aperitivo ou unha merenda?

O título que lle pusen a esta multitudinaria foto é porque non sei a ciencia certa a conto de qué se fixo esta xuntanza. Moita pitanza derriba das mesas non hai, de noite non é, polo que só pode ser un aperitivo ou unha merenda.
A min ma mandaron dicindo que podería estar feita nunhas Feiras do Viño, e pode ser, si. Pero si a observades con calma veredes que o rapaz que está agachado no centro e en primeiro plano sostén, e mostra á cámara, un bandeirín có escudo de Ribadavia, polo que penso que ten que ver moito có fútbol.
Facer unha lista da cantidade de rapaces que saen na foto, sería encher esta entrada de letras e letras, polo que penso que o mellor será que a disfrutedes, e que cada un si se anima, vaia deixando os seus comentarios enbaixo.
E como moitos dos que están na foto son coñecidos vosos e de seguro que vós cruzades con eles, facédeme o favor de preguntarlles o motivo desta reunión, o sitio e a fecha.
¡E xa me esquencía! ¿Si foi un aperitivo, unha merenda ou metín eu a pata ata o fondo?





miércoles 2 de diciembre de 2009

D. Pedro, Dna. Ana e os cabezudos

Aquí están uns dos protagonistas das festas da nosa vila, os xigantes e os cabezudos, fotografiados nunha das súas habituais paradas na rúa do Progreso.
Lembro que cando eu era moi cativo tíñalles un medo atroz, non me acercaba a eles nin de broma, e a medida que fun medrando o medo transformouse en respecto e distancia ós cabezudos, que ían armados con paus e bimbios, e se te pillaban arreábanche no cu.
Pasados os anos todo isto desapareceu, e varias veces fun de cabezudo nas comitivas. Lembro as pelexas entre nós, entre os nenos, nos baixos do Xulgado para escoller o cabezudo, vestirse e saír á Praza Maior á carreira, como en estampida, pau en ristre, tratando de meterlle medo a tódolos rapaces que atopásemos.
Despois os municipais puñan orden, e o " Enterrador", e o Simón "O Barrendeiro" metíanse en candanseu xigante, respiraban fondo, o elevaban , e veña para adiante, a bailar ata a seguinte paradiña. Nas paradiñas como é o caso desta foto, os Gaiteiros de Berán, que eran os que nos acompañaban daquela, deixaban de tocar, e xunto cós portadores dos xigantes descansaban nalgún bar cercano cunha taza de viño, despois de refrescarse e coller folgos, os gaiteiros voltaban a tocar, e outra vez para adiante, a seguir có pasarúas .
Esta foto non sei en que ano estará feita, pero penso que temos a alguén que nola podería datar. Eu non sei si ese rapaz que aparece en primeiro termo, á esquerda, con camisa branca e pantalón curto é Segundo Deaño, máis coñecido por "O Xaguai" ou por " O Chacoto", ou algún dos seus fillos. Eu teño as miñas reservas, aínda que me inclinaría máis por que fose o pai.
Seguro que alguén aclarará o asunto.



martes 1 de diciembre de 2009

Un posado

Outra foto que me envía Carmela Dávila, e como eu sempre me fago un pequeno lío con eso dos nomes, teredes que perdoarme se meto a pata.
Penso que a foto está sacada na rúa de San Martín, xusto debaixo do cruce, e nela podemos ver a un dos Pinal, penso que á nai de Loli Torrado, a Rita Pousa que é a nai de Mimiá, e pode ser que a Milagos Tesouro.
Os outros dous, a muller de vestido branco, e o home da dereita non sei quen son, e tampouco me atrevo a datar a foto, pero atopei unha pequena reseña de sociedade no xornal "La Región" do día 12 de Abril do ano 1950 que ten moito que ver cunha das protagonistas desta foto. Como fago sempre, copio a reseña a continuación:
"PETICIÓN DE MANO: Por el funcionario del Banco Pastor de La Estrada D. Manuel Torrado Otero, acompañado de su hija Marina,y para su hijo y hermano respectivamente, el funcionario de la misma entidad en esta plaza D. Antonio, ha sido pedida en matrimonio a sus padres, el Depositario de fondos del Ayuntamiento y destacado industrial D. Antonio Freijido la mano de su bellísima hija Emilia.
Entre los novios se cruzaron los regalos de rigor, celebrándose a continuación el el domicilio de los señores de Freijido-Pousa una agradable fiesta, haciendo los honores de la casa con la distinción que la caracteriza Dña. Emilia Pousa, madre de la futura desposada.
Nuestra cordial enhorabuena a los novios, extensiva a sus familiares, deseándole para el futuro todo género de venturas".


lunes 30 de noviembre de 2009

Morito Pititón

Aquí están as integrantes do Teatro Morito Pititón. Seguro que vós preguntades ¿e iso que é?, pois unha obra de teatro que puxeron en escea estas rapaciñas que vedes aí.
Foi alá polos anos 1941 ou 1942, e a representación fixérona na escola das monxas Franciscanas. A foto por suposto está sacada alí, no adro de San Domingos.
Seica cantaban algo así como: " Morito Pititón, de nombre Pirulí, revuelto con la sal, la sal y el pirulí".
Xa pasaron anos dende aquelo e moitas destas rapaciñas aínda a recordan.¡O que son as cousas!, eran outros tempos, os da fame, e non había outras diversións.
As artistas son, de pé e de esquerda á dereita: Meli Quijada, Milagros Chao, Charito Davila, a filla dun garda civil que vivía na vila, e da que no sei o nome, Beti Sánchez, Olga Escudero, Luz María Davila que era a filla do "Bernardo", Clara Menacho, e Carmen Rosa, a filla do "Rosendo".
Sentadas, e tamén de esquerda á dereita: María Teresa que era filla do Kiuvo, unha Chao da que tampouco sei o nome, e María Teresa Meruéndano.
Coma sempre pido disculpas xa que eu non son capaz de identificar a todas, e as veces pode que os apelidos estén confundidos, pero seguro que os vosos comentarios seran moito máis acertados.



domingo 29 de noviembre de 2009

No Instituto

Esta entrada é un pouco excepcional, xa que moitos dos que seguides Maquiáns estudiastes no Instituto de Ribadavia. Xa pasaron moitos anos daquela, e eu, tódalas fotos que se conservaban na miña casa relacionadas con el, paseillas a D. Secundino, o noso profesor de Matemáticas naqueles anos, que ten unha maravillosa páxina sobre a historia do centro, e onde poderedes atopar un chea de fotos daqueles anos. Podedes acceder a ela pinchando aquí.

Como vós dicía xa non tiña fotos do Instituto, pero de repente o outro día me enviaron esta por e-mail, e non puiden resistir a tentación de poñela no blog. Secundino disculpa por esta intromisión, pero é que a foto é unha ledicia.
Deixovola en grande para que a podades explorar con calma. Debemos de estar aí todos os "mocosos" do Ribeiro que daquela, no ano 1972 ou 73, tiñamos once ou máis anos.
Eu así a bote pronto vexo dende a Collarte de San Andrés, a Celso, a Enrique, e a César na primeira fila, ata o Madarnás de Cartelle, de pé ó fondo de todo, xusto na porta, pasando por polo Aguín, os Caracas, o Fon, o Alemán, o Blas, o Belisario etc.
Non vós aburro cós nomes e o mellor será que a vexades con calma.


sábado 28 de noviembre de 2009

A rúa do Progreso

Me envía esta foto Benito Amil, e me conta que algunha das persoas que aparecen nesta foto son da familia dos Ballesteros. pero o que non me deixa moi claro é quen son en concreto.
Como saberedes esta imaxen é a mesma que unha das 20 que forman parte da colección de postais editadas a principios da década do 1910 por Hermenegildo R. Casas. Como este dato xa vós dixen que o saquei dun libro, supoño que Hermenegildo, será Rodríguez Casas, a quen na vila chamaron sempre o "Achigildo", por aquelo de facilitar a pronunciación. El foi o propietario da imprenta "El Ribadaviense", e uns anos despois sería o director do semanario do mesmo nome. As postais están impresas en Barcelona pola Fototipia Thomas, que era daquela unha das empresas especializada en facer este tipo de postais en España, xa que penso que sería inviable facelas na vila con esa calidade.
Eu aínda que tentei buscar información sobre D. Hermenegildo non atopei nada, polo que si algún de vós ten algunha información, agradeceríalle que se puxese en contacto conmigo. Sería interesante facer unha entrada adicada a este impresor e xornalista ribadaviense.
Outra cousa que noto e que esta imaxen debe de ser unha copia sacada do negativo có que se fixo a postal da colección, xa que é moito máis nítida, non está recortada, e non está feita en tonos azuis, ademais de non ter ningún texto escrito. Poño tamén a postal, e así as podedes comparar.
Moitas grazas Benito pola túa colaboración, e se nos queres aclarar algo máis, podes deixarnos algún comentario aquí abaixo, non vai a ser que eu esté metendo a pata.