viernes, 29 de octubre de 2010

Unha postal da Capela do Portal

Esta é outra desas cousiñas que as veces me atopo curioseando pola Rede. Trátase dunha postal de Edicións Arribas que é bastante difícil de datar.
O zaragozano Mariano Arribas a principios dos anos corenta lanza unhas series de postais nas que se reproducen a maioría das capitais e vilas importantes de España. Son pequenas tiradas en branco e negro, xa que as postais en cores non chegarían ata os anos cincuenta, polo que podemos deducir que a edición desta imaxe, que ten a curiosidade de que aparece a Capela do Portal cós muros encintados de cal, debe ser de finais da década dos trinta ou de principios dos anos corenta.
Por outra banda penso que a aplicación da cal nos muros da vila foi por causa dunha epidemia, como se pode observar noutras fotografías antigas, polo que pode que esta foto se sacase moito tempo antes. O que non son capaz de dicir é canto. Xente nacida nos anos trinta non lembra esta imaxe, pero si recorda que lle contaron os seus pais que case todo o barrio xudeo estaba encalado por cuestións de salubridade.
¿Podería ser despois da gripe do ano 1918? Si fora así, esta sería o aspecto da Capela a principios dos anos vinte.

jueves, 28 de octubre de 2010

Foise un amigo

Permitídime que hoxe Maquiáns se poña de loito, e cambie a súa liña habitual, para facer una pequena lembranza deste amigo, pequeno de estatura pero cun corazón ben grande.
De neno compartín con el episodios inesquecibles de caza, que era a súa grande paixón, e pouco a pouco foise creando un vínculo moi especial entre nós, que o tempo e a distancia foi incapaz de borrar.
Lembro que entre outras cousas, foi el quen me deu a coñecer a Delibes, prestándome os seus libros, e mirade por onde, vaise case canda el. Seguramente nestes momentos andarán os dous, escopeta en man, detrás dun bando de perdices.
Sempre que ía a vila o buscaba, e ó vérme emocionábase moito e se me queixabase das pernas. E eu lle retrucaba que xa non era un mozo, e que onde estaba ese ánimo e esa alegría que sempre contaxiaba.
Vaise un home bó, unha boa persona. O meu máis sentido pésame á súa viúva e ós seus fillos.
Braulio, descansa en paz, e que a terra che sexa leve.


miércoles, 27 de octubre de 2010

No ano 1978

Aínda que esta imaxe é bastante recente, penso que vale a pena colocala en Maquiáns xa que polo menos a min me trae moi bós recordos dos tempos nos que se xogaba ó baloncesto na cancha que había no Castelo.
Está feita no ano 1978, pero non sei onde. O que aparece agachado, é o dono desta foto, Miguel López Álvarez a quen dende aquí lle expreso as miñas grazas por facerme chegar algunha das súas xoiñas.
O da esquerda coa camisa a cadros non sei quen é, pero o do medio é Cuiñas, e o da dereita Rivera, e detrás aparece o fabuloso Austin Victoria de cor vermello que tiña Miguel daquela, có que fixemos algunha que outra excursión, sobre todo relacionadas con temas de desplazamentos deportivos.
O que lle tocaba ir detrás del ía aviado, xa que a corpulencia de Miguel facía case imposible que alguén fose no asento de detrás do conductor, pero eramos xóvenes e ...¡Non había dolor!




martes, 26 de octubre de 2010

Algúns compoñentes da "Lira"

Outra foto moi interesante que nos envía Canedo. Trátase dunha imaxe que se sacaron algúns dos componentes da banda de música "A Lira", a título persoal, despois da homenaxe que se lle fixo nos anos sesenta a D. Pedro Orovio.
A imaxe oficial, de todo o grupo que participou nesta reunión, xa a puxemos fai tempo, pero si a queredes recordar, podédelo facer premendo neste enlace.
Nesta aparecen entre outros Olegario "O virulilla", Raimundo e Arturo "Peteira", Celso "O Queixeiro" a quen por certo vexo moito por Vigo, e o sogro de Canedo "O Carballal".
O interesante sería que entre todos lles foramos poñendo a cada quen o seu nome.



lunes, 25 de octubre de 2010

O viño novo

Esta instantánea é moi fermosa, parece feita por un gran profesional. E que dicir do noso protagonista de hoxe, de Quico "Floravia". Parece aquí un daqueles actores das películas americanas de éxito que se proxectaban nos cines da vila. O único que desentona é o decorado, pero tedes que pensar que estamos na taberna do Papuxa a finais dos anos cincoenta, e ese pipotiño tenvos tódala pinta de conter algo moi especial. Xa sabedes o refrán aquel que falaba dos frascos pequenos... E senón mirade a cara de pillo que pon cando cando abre a billa.
A foto é propiedade de Mª José Bouzas.


domingo, 24 de octubre de 2010

San Xoán por Couto

Outro estupendo debuxo que nos envía Francisco Couto Gulín. Esta vez nos amosa unha parte da traseira da igrexa románica de San Xoán, concretamente do ábside, dende un punto de vista situado no fondo das escaleira que unen a rúa Xuíz Viñas coa de Cervantes.

viernes, 22 de octubre de 2010

Outra foto nos "Jardinillos"

Seguimos con esta imaxe a longa serie de fotos feitas nos "Jardinillos" lugar que estaba de moda en décadas pasadas, e a onde se dirixían moitos dos nosos veciños a pasar as tardes de estío.
De esta volta poñemos unha propiedade de Carmela Dávila na que aparecen Rita Pousa, Emilia Pousa e Milagros Tesouro, acompañadas dun neno que case se esconde, como elas, na vexetacións dos xardíns.
Detrás, de fondo vese o monte de Santa Marta, e as copas das árbores do Campo da Feira, que daquela aínda non medraran moito.


jueves, 21 de octubre de 2010

A fonte de San Martiño

Esta imaxen que amosamos hoxe, xunto con outras dúas que poremos máis adiante, son cortesía do noso amigo Anxelis do blog "Ourense no tempo". Segundo me conta, pertencen a "Colección Loty", da que era dono un francés que se chamaba Justin Marie Charles Alberty Jeanneret e do que xa publicamos algunha postal como a que podedes ver premendo aquí.
A verdade é que este home era o copropietario da Editorial en compaña da súa muller Concepción López, e de ahí é de onde ven o nome de Loty, da unión da primeira sílaba do apellido dela e da última do del.
O portugués Antonio Passaporte foi o que fixo a maioría dos traballos desta editorial, polo que é bastante posible que fora el o que pasou por aquí e retratou os monumentos da nosa vila.
A datación exacta destas fotos é complexa, pero sin lugar a dúbidas podémola situar antes da guerra civil, quizais na década dos vinte, xa que na guerra pérdeselle a pista ó francés, e só queda A. Passaporte ó frente da editorial, ata que se alista nas Brigadas Internacionais onde fai excelentes reportaxes, e retorna a Portugal onde morre no ano 1983.

Foi por casualidade cando nos anos 90 se descubriu nun edificio madrileño unha chea de material fotográfico moi documentado, que resultou ser un auténtico descubremento para a historia da fotografía. O legado de Loty está composto por máis de 12.000 imáxenes, que conforman un completo arquivo de edificios civís, relixiosos, e de esceas cotidianas de España, Portugal, Arxentina, Italia, Brasil, e o Norte de África.
Os fotógrafos desta firma captaron as vistas máis bonitas e interesantes de moitísimos lugares, e hoxe conforman un magnífico arquivo que é propiedade do ministerio de Cultura.


Este que vedes embaixo é Justin Marie Charles Alberty Jeanneret. o dono de "Loty".

E este é Antonio Passaporte, o fotógrafo.

miércoles, 20 de octubre de 2010

Outra panorámica de Leiro

Como lle estamos a dar un repaso fotográfico a esta vila non podía deixar de poñer estoutra foto na que se ve a vila dende a outra banda do río Avia.
Non sei en que ano se faría, pero podemos ver como na curva que fai o río, xusto debaixo da vila hai unha chea de árbores, mentres que á dereita hai unha o espazo baleiro, sen vexetación que é o que hoxe cubre o Salgueiral, e onde se sitúa o Camping.


martes, 19 de octubre de 2010

A cooperativa de Leiro

Esta que aquí vedes foi a primeira Cooperativa de Galicia. Fundouse no ano 1952, e inaugurouse ó ano seguinte. Contaba entón con 260 socios, que garantiron cós seus bens os máis de tres millóns de pesetas que custou daquela.
Está situada á entrada do pobo, na marxe dereita da estrada que unía Ribadavia có Carballiño e Cea, e contaba con 56 tinos de formigón armado cunha capacidade aproximada do millón de litros, aínda que pensaban construir 34 máis para superar o millón seiscentos mil litros.
Xa sabedes que no ano 1968 fusionouse coa de Valdepereira, e supoño que esta foto será de un pouco antes.



lunes, 18 de octubre de 2010

Outra vez os "Nuevos Ritmos"

Como estes días se me deu por poñer cousas de Leiro, e como xa puxen tamen en días pasados fotos da orquesta "Nuevos Ritmos" cuios seus fundadores eran de alí, hoxe poño esta postal que atopei tamén nun portal de ventas a coleccionistas. Non é que teña moita calidade pero penso que merece a pena ver como se publicitaba este grupo que no seu longo percorido ( xa existía nos anos corenta) chegou a ser un dos máis solicitados, e dos que máis tirón tiña nas festas de Galicia.



domingo, 17 de octubre de 2010

O Avia por Leiro

Esta é unha postal destas que está a venda por ahí, en Internet. Supoño que será dos anos sesenta, e nela vemos a Ponte da Esperela, que como sabedes unía Ribadavia có Carballiño. Moitas veces ó longo das nosas vidas o cruzamos, ata que a nova estrada o deixou un pouco afastado. Mais lembro que para moitos de nós cando eramos cativos e andabamos coas nosas bicicletas era coma un límite, poucas veces iamos máis alá. O motivo era ben sinxelo: a costa do Barón metía medo. Ata Leiro todo ía ben, o terreo era nivelado, pero pasar de ahí era só para os bós ciclistas, e eu a verdade nunca o fun.
O que non teño moi claro é dende onde está sacada a foto, si dende Gomariz ou dende Leiro, aínda que a primeira opción tira máis que a segunda.




viernes, 15 de octubre de 2010

A Festa da Flor

Seguimos con Leiro, cós seus arredores, e coa Sta. Anderson, que retrata esta vez a Festa da Flor, en San Clodio. A foto está datada o día 7 de Xuño do ano 1925, e polo que eu recoñezo, o que aparece na foto é a praciña que hai diante do Mosteiro, onde seguramente algún de vós, nun deses soportais, tomou algún viño e algo de munición para aguantar a xornada.
Eu non vós estou moi posto nesto das festas. Lembro só a de San Pedro en Leiro, polo que non teño nin idea si se segue a celebrar esta festa, se é que mudou de nome, ou foi unha de tantas que caíu no pozo da memoria.





jueves, 14 de octubre de 2010

Leiro segundo a Sta. Anderson

Como podedes ver a Sta. Ruth Matilda Anderson tamén fotografiou Leiro, e aquí vemos unha excelente panorámica de como era esta veciña vila nos anos vinte dende a estrada de Osebe.
Na marxe esquerda do Avia, onde ahora está o Camping e o Salgueiral non había nada, só un gran campo que supoño eu que sería inundado polas cheas do inverno. E por suposto non existía daquela a ponte colgante que une as dúas beiras do río. O que si vemos ó fondo é a ponte das Poldras que penso non debeu de mudar moito neste tempo.
O que me parece é que Leiro debeu de medrar moito cara a esta banda da foto. Dame esa sensación pola referencia da curva do río, e polas árbores que están nas insuas da presa, onde hoxe estaría situada a ponte colgante.
En fin, non sei si me explico, parece como si o núcleo urban antigo estivera basculado máis cara a Ribadavia do que hoxe o está.


miércoles, 13 de octubre de 2010

Nos Escobetes

Nesta foto que nos manda Francisco Couto aparece á esquerda, de pé ,a nai de Francisco, Antonia Gulín. No centro, sentada, a súa avoa Luisa Pérez. E á dereita a súa tía Luisa, que é a máis pequena, e está sentada no colo da súa nai, ou sexa da avoa de Francisco.
A avoa Luisa era a muller de Braulio Gulín, que tocaba o trombón na Lira, e do que xa publicamos unha foto de estudio no que aparecía uniformado e co seu instrumento ao seu lado.(Podédela ver pulsando aquí)

Francisco nos conta que a súa nai Antonia naceu no ano 1921, e pola idade que aparenta na foto, poderiamos datala cara ó ano 1928 máis ou menos.

Como algúns de vos recoñeceredes, a instantanea está feita nos Escobetes, coa muralla do Castelo detrás, xa que era alí onde tiñan a súa casa antes de irse a vivir xunto á Praza Maior.



martes, 12 de octubre de 2010

Na fonte dos "Jardinillos"

Foto feita no ano 1958 na que podemos ver á pequena María Arocas na fonte dos "Jardinillos", que como se ve, tiña moito tirón nesa época como lugar de esparcemento e ocio dos veciños ribadavienses.
Está acompañada pola súa nai Pepita.



lunes, 11 de octubre de 2010

O Castelo por Couto

Outro deses fermosos debuxos que nos envía Couto, e que amosan a súa propia visión dalgúns elementos arquitectónicos senlleiros da nosa vila, e que estamos a compartir con vós. Non fai falta dicir que é, penso que de sobra o coñecemos todos. Disfrutádeo.



domingo, 10 de octubre de 2010

Os Canitrot en 1913

Neste retrato de estudio vemos a Dominica Méndez Fernández, que está no medio sentada nunha cadeira rodeada polos seus tres fillos: Josefa, Otilia y Antonio Canitrot Méndez. O envío é cortesía de Antonio Canitrot Gómez, e supoño que o rapaz debe de ser o seu pai cando aínda era un picariño. Segundo me comenta está feita no ano 1913.







viernes, 8 de octubre de 2010

Ollando as tolvas

Esta foto que nos cedeu Mª José Bouzas debe de ser dunha serie que se fixo cando a inauguración da Cooperativa do Ribeiro.
Nela, que eu saiba, aparecen amais do Gobernador Civil Sr. López Ramón, Jaime Dávila eVictor López Quijada ollando a zona das tolvas, que é onde se recepcionaba a uva, e onde algúns colegas e máis eu traballamos durante varias campañas das vendimas a principios dos oitenta tomando o grao do mosto.

jueves, 7 de octubre de 2010

Dándolle á prensa

Un foto ben fermosa dunha das tarefas das que vimos falando, e que xa case non se ven polas rúas da vila.
Supoño que vós daredes conta se quen son e onde están. Efectivamente o que lle está a dar á prensa e Julio Neira, "O Mexicano" que xa apareceu varias veces nestas páxinas. Ós demais non os coñezo, pero de seguro que vós si, e deixaredes algunha información cós vosos comentarios.
A foto que debe de ser de finais dos anos 60, está feita nos soportais da praza de García Boente, nos que tiña a tenda o Leopoldo, o municipal, e a súa muller Julia, que é esa porta metálica que se ve xusto detrás.
Supoño que un dos protagonistas é o dono da prensa itinerante, que como podedes ver leva rodas para poder levala dun sitio a outro, alí onde necesitasen dos seus servicios.


miércoles, 6 de octubre de 2010

Có bagaño a voltas

Teño que darlle as grazas a Canedo por deixarnos ver esta estampa de fai tantos anos. Esta, como outra que puxemos fai uns días, tamén é das vendimas do ano 1962, en Francelos, na adega do seu sogro, "O Carballal".
Están a descargar o bagaño da prensa, e como vedes se traballa arreo. Son tres homes os que fan esta labor, pero seguro que haberá algún máis por ali.
Cando a uva está ben compactada pola prensa hai que darlle duro ó sacho para poder sacala, acababas derreado, e xa non vos conto o que é facer este traballo nas grandes adegas. O bagaño entraba mediante unha cinta transportadora nos silos que o ían a almacenar ata que se fixera o augardente, e nós, cuns sachos, tiñamos que ir esparexendo, pisando e acomodando en toda a superficie do silo para que entrase máis. A operación faciamola cuns potentes ventiladores que renovaban o aire, senón alí non aguantabas nin un cuarto de hora. Só recordo que acababas esfolado. Nunha das adegas, cuio nome non ven ó caso, con dezasete anos aguantei tres días. Era doce ou máis horas cada xornada dándolle ó sacho.
Era un traballo penoso e mal pagado. Supoño que alguén debeu de influir por detrás, para que soubese o que era traballar.



martes, 5 de octubre de 2010

O viño da prensa

Seguimos coas imaxes relacionadas có viño, e como non podía ser doutra maneira, hoxe poñemos unha foto do traballo coa prensa, na que ollamos como se facía o trasvase do viño dende esta última ó pipote.
Cando me fixo ben nesta foto caio na conta de como pasa o tempo e como evoluciona a técnica. Fixádevos en que todo o traballo que están a facer é manual, dende a recollida do mosto da barcaleta por medio dunha xarra, rompendose o lombo, ata a súa introducción na cuba suxeitando a garrafa en peso.
A única axuda que tiña este home, que penso debía de ter pouca estatura, é un pequeno poio sobre o que se sube cós pés, para así poder alzarse con máis comodidade sobre o funil que encarrila o viño nas entrañas da cuba.
Do funil non vos digo nada, non teño palabras para describilo. Xa non existen.




lunes, 4 de octubre de 2010

O traballo ben feito

Sonvos días de vendima e de moito traballo, pero como amosa esta foto que nos envía Juan José González Canedo, as vendimas tamén eran días de festa e de celebración polo traballo ben feito. Toda a familia e incluso os amigos botaban unha man. Senón mirade que felices están todos nesta foto, feita no mes de Setembro do ano 1962 en Francelos, dediante da adega do sogro de Canedo, do Carballal. Mirade como o celebran, elas posando cós seus moñicos de vendimadoras, e eles cós seus molidos de carexóns, e cunhas xarras de viño. Cansos, mais felices e contenos por rematar o traballo.

Como dicía sempre o meu avó cun grande sorriso cando entraba o derradeiro cangallo no pipote. "Xa esta na cuba". Máis que un sorriso era un aceno nervioso, como de de tranquilidade, como de sacarse un grande peso do lombo.



domingo, 3 de octubre de 2010

A descarga da tinta

Outra imaxen en cores datada a finais da década dos sesenta, na que se ve con claridade como se transportaban antigamente as uvas na tina do carro ata adega.
Non foi ata o ano 1968, cando tras unha xuntanza na Cooperativa, os colleiteiros empezaron a utilizar masivamente os sacos de plástico nas vendimas, abandoando para sempre ós culeiros e as tinas dos carros. Os campesiños galegos, que sempre foron tan tan reacios ós cambios e ás modernidades, parvos non son, e abrazaron a nova "relixión do plástico" porque todo eran vantaxes e comodidades, aínda que logo se demostrara o contrario.

Cós sacos os nosos paisanos, mataban varios paxaros dun tiro, por unha banda evitaban a compra de culeiros e moñicos, e por outra non tiñan que facer pesados trasvases dende as tinas dos carros ás muegas en barcaletas, amais da bondade do seu transporte.

Os carros, debido á mellora dos medios de transporte, foron tamén enmudecendo para sempre das nosas corredoiras e a calma e a lentitude foi mudando en velocidade e presas.

viernes, 1 de octubre de 2010

Traspaso de poderes

Seguimos con esta serie de fotografias adicadas ás vendimas, e neste caso, e nunca mellor dito, estamos a ollar un "traspaso de poderes" entre dous carrexóns. Unha labor de equipo, xa que entre eles formaban unha cadea pola que ían pasando os culeiros, ata chegar ó derradeiro home, que era o encargado de elevar a carga pola escada que se apoiaba no ventre da cuba, e verquela na muega da adega onde serían trituradas pola máquinas, ou pisadas polos pisóns.

Temos que dicir que os culeiros estaban feitos por láminas de madeira de castiñeiro entrelazadas entre si, e que cando se cargaban ben, o seu peso podía chegar ós oitenta quilogramos, polo que andar con eles..¡Era para homes!