viernes, 17 de junio de 2011

Xuño: anguías e cereixas

Unha das cousas que con máis agarimo lembro deste mes de Xuño no que as clases remataban, eran as tardes vagabundeando polo río Avia, e o máximo, xa era cando os nosos pais nos daban permiso para ir armar unhas canas ás anguias á noitiña. Poucas veces nos deixaban, temerosos supoño da perigosa mestura da nosa xuventude, a noite e o río.
Esas noites, nalgúns sitios, o Avia ás veces era unha festa, e en lugares como o muiño da Raiña, eran tantos os pescantíns, que case non había sitios libres para poder colocar as canas.
A xente levaba de todo, incluindo comida e bebida, e así ían pasando as horas, pendentes do ruidiño dos axóuxeres que se puñan nas puntas das canas.
Como as anguías tragan ata ben adentro o anzol, tiñamos que cortar o sedal e colocar un novo de cada vez, polo que tamén levabamos sempre unha pequena lanterna, para poder facer os nós e colocar ben as miñocas no engado.
A mágoa era que non nos deixaban quedar ata tarde, tiñamos que voltar á casa as once, pero moita xente seguían ata a madrugada. ¡Unha golfería dicía o meu avó!
Na foto podemos ver a Roberto Villar de Castillo como posa fachendoso no ano 1966, cun bó exemplar de anguía, que máis parece un anguiacho, que é como lle chaman nos portos de mar ós congros pequenos, e coma nós lle chamabamos na vila ás anguías grandes.
Detras del observan atentamente a escena dous homes, o da esquerda non o recoñezo ben, pero o da dereita, é o avogado Manuel Feijoo, que creo que tiña alí mesmo o seu gabinete, ó igual que o seu irmán, o médico e forense da vila Casiano Feijoo .
A foto está feita ó lado de Foto Chao, e como tamén este mes é o tempo das cereixas, teño a obriga de recordar aquel pequeno posto de lambetadas que había un pouco máis arriba na beirarúa oposta, xustamente na esquina da zapatería do Gonzalo que cadra fronte ó Kopa Club. Alí debaixo dun pequeno buzón de Correos, os domingos montaba o seu telderete "A Urbana" . Só era unha pequena mesa e unha banqueta onde ela se sentaba. Entre os chicles "Bazooka" e os "Chupa Chups", colocaba unha morea de cereixas, que vendía en atadiños dunha ducia, que ela mesma facía con moito xenio atando os rabiños cun fío. Eu devecía por elas.
Moitas grazas a Ánxelis de "Ourense no Tempo", e a Roberto Villar pola cesión da imaxe.


2 comentarios:

  1. El que esta junto D. Manuel creo que era un teniente de la guardia civil que caso en Ribadavia.

    ResponderEliminar
  2. "La Urbana" en la esquina del Gonzalo, también tenía unos "pirulís" riquísimos... una "delicatesen" de aquellos tiempos.Saludos para Julio.

    ResponderEliminar