viernes, 21 de marzo de 2014

Orillas del Avia

Fai tempo que puxemos en Maquiáns unha imaxe deste cadro de Beruete, e hoxe traemos unha colaboración de Antonio Míguez Amil que, como sabedes, é o técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia. Nela nos vai a explicar como deu con el, e como acadou do seu propietario os permisos para poder usalo. Por certo, a foto do cadro está en alta calidade, polo que si a descargades poderédela estudiar a fondo.


"Esta imaxe é do cadro orixinal de Aureliano de Beruete titulado "Orillas del Avia". Trátase dun oleo  sobre lenzo de 100X178 cm, feito en Ribadavia polo autor arredor do verán do ano 1883 ou 1884, e que formou parte dunha exposición que se titulaba "Aureliano Beruete, 1845-1912", a cal foi producida no Museo de Arte Contemporaneo "Muñoz Sola" de Tudela do 30 de Abril ao 5 de Xuño de 2005.
A devandita imaxe do cadro foi asemade portada do libro da exposición que se publicou no ano 2005.
¿Como chegou ao noso coñecemento a existencia desta imaxe?.
No mes de Xullo de 2005 nunha das reunións técnicas que a Red de Juderías de España leva a cabo en Madrid, co gallo de facer o seguimento das actividades e promoción das cidades de dita Red, da que Ribadavia forma parte, atopeime co representante técnico de Tudela, o director do Museo Muñoz Sola, Don Manuel Motilva.  Alí foi onde o Sr. Motilva, con quen eu mantiña unha cordial relación, púxome ao tanto do fermoso cadro do que estamos falando.
A medida que o Sr. Motilva me ía falando sobre o autor do cadro e a pintura en cuestión, eu ía alumeando o desexo de coñecer ao propietario do cadro, falar con él, convidalo a visitar Ribadavia e poder obter a sua autorización para poder reproducir e publicar a imaxe do cadro por parte do Concello de Ribadavia, con fins culturais e turísticos loxicamente.
Así foi como souben que o propietario do cadro era un mecenas das artes, un empresario alemán, o Sr. Hans Rudolf Gerstenmaier. Logo todo foi cuestión de tempo e de insistencia, e por suposto de utilizar os contactos que me levarían a coñecer ao Sr. Gerstenmaier. Logo o Sr. Motilva pasoume o contacto do comisario da Exposición, o Sr. Arturo Navallas, co que falei un par de veces por ver si era quen de pasarme o contacto do propietario do cadro. O seguinte paso foi ir á sede do Deutsch Bank en Madrid onde o propietario do cadro, o Sr. Gesternmaier, tiña varias obras cedidadas para unha exposición sobre a pintura Flamenca do s.XVI, eu xa procurara chamar antes, falara coa encargada da exposición quen me dixo que o Sr. Gesternmaier estaba polas mañáns. Cando cheguei non o atopei no lugar, pero a  sua secretaria con moita amabilidade deume o número de teléfono do Sr. Gesternmaier para que o chamara cando quixera . Dous meses máis tarde convidoume a que fora visitalo ao seu domicilio en Madrid, confeso que fiquei abraiado de onde vivía este señor, pois tratábase dun piso, ou mellor dito dunha planta enteira dunha urbanización con tódalas medidas de seguridade imaxinadas, mesmo semellaba casi un bunker,  erá tal a amplitude daquel piso que alí atopábase un auténtico museo de arte dos s.XV e XVI dos grandes pintores da época, sobre todo Flamencos e Alemáns. Alí estaba por suposto o cadro de Beruete, nun lugar destacado, o Sr. Gesternmaier díxome que erá unha das obrás que máis cariño lle tiña, tratábase dun lenzo de grandes dimensións dunha beleza incomparable, a imaxe semellaba desprender o arrecendo das augas frescas do Avia nos primeiros calores da mañá do verán .
Eu levaba conmigo un estuche de viño do Ribeiro, que o Concello de Ribadavia me facilitará para ofrecerlle como presente, teño que dicir que tiven un acollemento moi agradabel por parte do Sr. Gesternmaier, o cal se interesou por coñecer Ribadavia, e por suposto  deunos  a sua autorización para poder publicar a devandita imaxe cando quixeramos. Logo tiven que contactar coa Galería de Arte Jorge Juan, en Madrid, xa que eles eran os que tiñan a diapositiva do cadro. Hai que dicir que nun primeiro momento esta galería non quixo facilitarnos copia da diapositiva, co que tiven que ir acompañado polo Sr. Gesternmaier para que a propietaria da devandita galería nos facilitará deste xeito a diapositiva, da cal fixemos copia e devolvemos nos termos comprometidos.
Así remataron, un ano despois, as xestións e labores para poder ter unha das imaxes máis fermosas e antigas coñecidas dunha parte de Ribadavia.  Si nos fixamos ben (de dereita a esquerda) trátase da parte traseira das casas do García, do Benito Amil, da Fidela, do Freijido e da Marisol.
Segundo pon no libro da exposición da que falamos, o cadro en cuestión foi executado no obradoiro do pintor con vistas ao seu envio para a Exposición Nacional de Bellas Artes de 1884, utilizando apuntes e bocetos preparatorios realizados ante o natural nun dos veráns de entre 1880 e 1884 que o autor pasou en Galicia.
Anos máis tarde o Sr.Gesternmaier, como prometera, visitou Ribadavia, para situarse no mesmo lugar no que Beruete estivo para facer o cadro, deste xeito puido ver o paso do tempo e como mudou esta parte da beira do Avia. Un bo exercizo que nos leva a maxinar a Ribadavia de hai máis dun século".

Antonio Míguez Amil

Técnico municipal da Oficina de Turismo do Concello de Ribadavia.


1 comentario: