miércoles, 14 de diciembre de 2011

Feira na Praza

Fermosa instantanea da Praza Maior nun día de feira nos anos corenta. Aquí nesta época se situaban as vendedoras das fabas que despois se usarían para sementar. Expuñan os seus productos no chan, ata que anos despois se foron a instalar ós soportais da praza da Magdalena.
Tamen por este tempo se puña neste sitio un home que mercaba o cornezuelo do centeo, que lle traían sempre os paisanos en pequenas cantidades envoltas en panos. Non teño nin idea para que o querería, pero de seguro que reportaba algunha ganancia este comercio.
Daquela os meus avós vivían nese edificio que se ve detrás, no que fai esquina coa rúa de Merelles Caula, e no que houbo durante moito tempo, como se pode ver, unha pintada coa efixie de Franco. Vivían no primeiro piso, o que se ve na foto; e xusto derriba, no segundo piso, moraba D. Claudio coa súa familia, na que eran maioría as fillas.
D. Claudio era unha persoa moi entrañable, sempre vestido de escuro e de moi fino trato, traballaba no Concello, e sufría dos xoanetes, polo que ás veces calzaba uns zapatos recortados cun pequeno burato nesa parte do pé, para que lle temperarara a dor. Este detalle lle chamaba moito a atención a rapazallada que por alí aformigaba.
Á dereita, e non aparece na foto, se atopaba a botica de D. Carlos Sánchez; e no baixo do edificio da esquerda, o que ten as fiestras abertas e enfeitadas cunhas macetas, estaba a taberna do Asturiano, que era onde repuñan as forzas os feirantes que aquí acudían.


No hay comentarios:

Publicar un comentario