lunes, 14 de noviembre de 2011

Outra postal

Sempre van aparecendo cousas novas pola Rede, e hai uns días déronme o soplo desta postal que non estaba publicada aínda no blog. Trátase da rúa da Pescadería, a principios de século.
Parece que esta rúa, era xunto á de Yáñez, e a praza de San Xoán o "downtown" da vila. A verdade é que a actividade comercial desta zona, debía de estar moi influenciada pola Fonte da Prata, xa que a maioría das edificacións nesta época (principios do século XX) non tiñan auga. A traida fíxose máis tarde, polo que o abastecemento dos veciños dependía unicamente dos pozos particulares, ou das continuas viaxes a fonte, que habitualmente facían os rapaces, como se pode ver na postal.
Esta imaxen da xente cos cántaros na cabeza xa desapareceu, hoxe en día non se ve a case ninguén cargando as cousas deste xeito, cando uns anos atrás, e non hai que ir moi lonxe, era unha imaxe típica de Galicia.
O que non é nada visto, é o que vin o outro día, e que me chamou poderosamente a atención. Circulaba eu por unha estrada do Val Miñor, cando vin ó lonxe a un velliño cargando dous baldes de auga bastante grandes, un a cada lado do corpo, pendurados por cordas dunha estaca que levaba atravesada sobre os seus ombros. Era a primeira vez que vía a un galego carrexar cousas así, como facían os chineses que viamos nas estampiñas do Domund que nos repartían na escola. Tanto me sorprendeu, que reducín a velocidade, e pasei amodiño ó seu carón, para observalo ben. O velliño, xirouse, miroume en fite, e ó ver a miña sorpresa, sorriume educadamente, agachándo a cabeza a modo de saúdo, mentres seguia camiñando pola estrada desequilibrado pola pesada carga.
Era un xenuíno chinés, ou alo menos, iso me pareceu a min, que non son quen de discernir a que país oriental pertencen os da raza amarela e os ollos rasgados.
Xa me chocaba moito a min que un galego andivese así polas estradas, e máis nestes tempos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario