jueves, 30 de abril de 2009

A estrada do Carballiño

Supoño que esta foto do ano 55 está sacada dende a ponte de S. Francisco, e colle a estrada que partindo do cruce no centro da vila vai ata o Serralleiro. Notade a falta de edificacións en comparación coa actualidade, e que aínda non existía o Instituto.

Por certo ese monte que se ve a esquerda detrás do único edificio grande é o chamado monte de Duarte que citei nunha entrada anterior.

miércoles, 29 de abril de 2009

Homenaxe a D. Pedro Orovio

Esta foto que me envía Mª José Bouzas está sacada na traseira do Club Artístico, e como podedes apreciar hai moita xente coñecida. Trátase da despedida dun dos mellores directores que tivo a nosa banda de música A Lira. D. Pedro Orovio, que según unha información da nosa amiga Mimiá veu desterrado á nosa vila dende a súa terra natal Santander. El foi o compositor da famosa marcha republicana "No pasarán".

martes, 28 de abril de 2009

Solidariedade

Esta é como vós prometín a contraportada do "Noticiero del Avia" do 31 de Decembro de 1922.
Normalmente non escribo moito para deixarvos disfrutar das fotos, pero esto que poño hoxe como comentei nun post anterior, para min ten un significado moi especial por dous motivos.
O primeiro é que "Una suscripción" que é o título do artigo que aparece neste xornal, conta unha historia de xenerosidade. A historia dalgúns dos nosos veciños que tiveron que emigrar lonxe, pero que nunca esqueceron esta vila. Eu non sei que valor tiñan mil pesetas do ano vintedous, nin canto custaba gañalas, aquí ou na Habana. Pero o certo é que eses homes que aparecen na lista foron capaces de desprenderse dun xeito desinteresado dunha parte deses cartiños que tanta suor lles levou gañar, para calzar e vestir ós rapaces mais necesitados desta vila.
O segundo é que dous deles son antepasados meus. Xa vós porei máis adiante algunha foto deles. Só me resta agradecerlle ó meu bisavo e ó meu avó que gardaran con tanta delicadeza e durante tanto tempo este papeliño.
Leede con calma o texto titulado "Una Suscripción"de seguro que vós vai a emocionar.

lunes, 27 de abril de 2009

Rondalla do Club Artístico

Como podedes ver na nosa vila sempre houbo unha grande afección á música. Hoxe poñemos esta foto cedida por Mimiá ( á dereita tedes un enlace ó seu photoblog Fotos do Ribeiro) na que se ve a Rondalla do Club no ano 1946. A foto está sacada tamén no patio traseiro desa sociedade. Recoñeceredes de seguro a moita xente.

domingo, 26 de abril de 2009

Troita no Avia

Estas dúas fotos que nos envía Mª José Bouzas mostran unha troita de grandes dimensións pescada por Quico no Avia. Non sei e en que ano fixo semellante captura, pero mirade a cara de ledicia que ten.

sábado, 25 de abril de 2009

Ribadavia

Esta e outra imaxen dende un punto de vista diferente. É tamén do ano 55 e supoño que estará sacada dende o monte de Duarte, que era así como lle chamaban os vellos ó monte que quedaba por riba da estrada do Carballiño.

jueves, 23 de abril de 2009

Neve en Ribadavia

Coma este ano nevou na vila e seica cada poucos anos neva, aquí vós traio esta estampa cedida por D. Roberto Villar a Anxelis. Non sei de que ano se trata, xa que ma envían situandoa no 1943, máis nesa data pensamos que non había Land Rovers. Mirade que ben lle sentan as folerpas ó laranxo do Murciano.
Nieve en Ribadavia Feb 1963

miércoles, 22 de abril de 2009

Noticiero del Avia

Como podedes ver trátase da primeira páxina dun exemplar deste famoso xornal da vila dirixido por D. Emilio Canda, que tamén tiña un estudio fotográfico na Praza Maior. Só é unha folla a do día 31 de decembro de 1922. Disfrutádeo xa que non atopei ningunha foto na rede ( se sabedes dalgúnha aí tedes o meu e-mail).
Para min ten un valor moi especial por un artigo que sae na contraportada. Pero tempo ó tempo. Xa vós irei contando.

Xuntanza na Parra

A Parra era un restaurante que estaba ó carón da igrexa de San Xoán. Meu avó, que está na foto cuns amigos, contoume que unha vez nunha comida de encarga tiveron que comer de primeiro ovos fritidos con arroz en branco, de segundo arroz con polo e de postre arroz con leite. Non había outra cousa. Eran tempos...
Esta foto debe de ser de finais dos cincoenta ou de principios dos sesenta.



martes, 21 de abril de 2009

Merenda no Club Artístico

O certo é que non sei se é unha larpeirada, unha merenda ou unha festa de rapaces. Ata que me fixei moito, non caín en que esta foto está feita no patio que había na traseira do Club, enfocada cara a Praza de Abastos. Tamén é de finais dos cincoenta.

Na ponte

Esta foto cedida por D. Alfredo Escudero Gallego está feita na ponte de San Francisco no ano 1946 e amósanos a un nutrido grupo de xóvenes ribadavienses da época.


lunes, 20 de abril de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 3

Seguindo con esta colección de gravados, aquí tedes a igrexa de Santiago.

domingo, 19 de abril de 2009

Jean Dieuzaide e as irmás Touza

O ano pasado fun a ver na Fundación Caixa Galicia de Vigo unha exposición fotográfica co título "La Galice" do fotógrafo francés Jean Dieuzaide. Nela había tres fotos de Ribadavia do ano 1961. Unha era da igrexa de Santo Domingo, pero as outras dúas, mirade que coincidencia, teñen algunha relación coas irmás Touza . Na primeira saen os soportais da súa casa , e na segunda, neses coches diante do Castelo, podería estar o Dodge de cor negro do taxista Javier Míguez que era un dos que as axudaba, tal como nolo conta o noso veciño Paco Rego no seu artigo publicado no xornal El Mundo.
A terceira imaxen é unha das páxinas do programa de man das Festas do Portal do ano 1951 onde se anuncia o taxi de D. Javier Míguez.
Sirvan estas imaxes como unha pequena homenaxe a estes ribadavienses de corazón tan grande.



























































sábado, 18 de abril de 2009

O cruce

Non sei se é correcto o nome, pero sempre lle chamamos así.
Esta era a estrada Madrid - Vigo en 1955, e esa terraza a do Café Moderno. Sempre, cando a xente saía das fábricas un garda municipal trataba de ordear o posible atasco. Mirade que ben lle senta o salacof.

viernes, 17 de abril de 2009

D. Juan Parracia

Foi párroco de S. Xoán, cando aínda en Ribadavia había varias parroquias. Según as informacións que teño esta foto pode ser de principios do S XX. Parece ser que despois foi párroco de Amorín, no Rosal.
Se vós fixades ben no balcón de ferro que rodea o campanario da igrexa da Magdalena, veredes que alí esta escrito o nome Parracia xunto a unha data incompleta 188...

Pois ben teño que corrixir a entrada xa que según D.Emilio Davila había dous curas na vila con ese apelido, e o que morreu no Rosal e ó que se refire a balaustrada da igrexa da Magdalena, non é Juan, senón José, que foi párroco da Magdalena.

jueves, 16 de abril de 2009

A Barca e os barqueiros

Como vós dixen fain uns días, para cruzar o Miño había que facelo en barca. Aquí tedes aos barqueiros e as súas barcas no lugar chamado A Barca. Por algo será.

miércoles, 15 de abril de 2009

Fútbol

Nesta foto penso que está o meu avó Ricardo, xa que a foto era del. Sempre foi moi futboleiro, e sempre me falaba de Ben Barek. Si naceu no ano nove, botade vós as contas.

martes, 14 de abril de 2009

A ponte de ferro

Esta foto está sacada dende a Fundación tamén sobre o 1955, e ten un detalle que me chama moito a atención. É a gran superficie de terra traballada, e ese gran muro que sobe ladeira arriba, que supoño pertencía ó convento dos Franciscanos. Todas esas terras hoxe en día están invadidas polo monte, e paréceme lembrar que nese muro ou ao seu carón baixaba unha levada que abastecía de auga o convento, por certo moi ben construída, e que partía dunha mina subterranea de pedra abovedada. Habería que investigar...


lunes, 13 de abril de 2009

Escola Academus

Nesta foto pódese ver a media Ribadavia. Todos eses nenos e nenas que aparecen nela, hoxe deben de ter sobre os sesenta ou setenta anos, e algúns desgraciadamente xa non están con nós. Facede unha cousa, ensinádelle esta foto á xente maior, e xa veredes como recoñecen a todos.
Grazas outra vez a D. Roberto Villar e a Anxelis ( http://ourensenotempo.blogspot.com) por cederme tan amablemente esta imaxen, que datan no ano 1942.

domingo, 12 de abril de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 2

Seguimos coa serie de gravados de Xosé Conde Corbal feitos no ano 1973.

sábado, 11 de abril de 2009

Coto do Frade

Seguimos coa serie de 1955. Dúas fotos da confluencia do Avia có Miño. Se non é exactamente o Coto do Frade, trátase dos seus arredores. Fixádevos que aínda non existía a ponte da Barca, e para poder cruza-lo río había que usar os servicios do barqueiro. Estas fotos estan sacadas dende esas barcas.



viernes, 10 de abril de 2009

Tarde taurina

Esta maravilla foi sacada nun festexo taurino celebrado na vila no ano 1950. A foto pertence a D. Alfredo Escudero Gallego. Moitas grazas a el, e ao seu fillo José Luis por conservar e permitirnos disfrutar de xoias coma esta.

jueves, 9 de abril de 2009

Orillas del Avia

Aínda que non é unha foto, este óleo de gran formato ( 178x100 cm), penso que merece isto e moito máis.
Trátase de "Orillas del Avia" pintado por D. Aureliano de Beruete na década de 1880 nunha viaxe que fixo a Galicia.
http://es.wikipedia.org/wiki/Aureliano_de_Beruete
Pertence á colección privada de Hans Rudolf Gerstenmaier.
http://www.rudolfgerstenmaier.com/
Mostra a marxen dereita do Avia uns metros máis abaixo da ponte de San Francisco.

Extramuros

Ano 1955. Supoño que poucos cambios hai con respecto a hoxe: menos roupa a secar, e o mastro coas bandeiras no edificio do actual Museo .

miércoles, 8 de abril de 2009

Grupo feminino

Esta foto debe de situarse en torno o ano 1955, e supoño que está feita na terraza do que hoxe é o actual Museo Etnolóxico do Ribeiro.
Deixade os vosos comentarios se coñecedes a alguén.

martes, 7 de abril de 2009

Lamprea a tenedor

Esta é unha ledicia de foto. É Quico pescando unha lamprea " a tenedor" no rio Avia. Isto desapareceu, non existe, pasou á historia, xa que os nosos ríos cambiaron moito nestes últimos anos.
Descoñezo en que ano foi sacada, pero dende eiquí quero agradecerlle á súa filla Mª. José Bouzas a cesión desta e outras fotos que pouco a pouco irei publicando. Grazas Mª. José.

lunes, 6 de abril de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 1

Non sei se coñecedes estes gravados do pintor ourensán Xosé Conde Corbal. Penso que teñen bastante interés xa que mostran os rincóns máis representativos da nosa vila.
Eu atopei soamente vinteún dos teóricos vintecatro que conforman toda a colección.
Como podedes ver teñen data do ano 73, e aínda que as fotos non son moi boas, penso que vós poden dar unha idea da forza expresiva deste pintor.
Pouco a pouco irei subindo o resto. Polo de agora, eiquí tedes a igrexa de San Xoán.



sábado, 4 de abril de 2009

Tendido de sol

Como vedes había moita afección ás corridas de touros en Ribadavia. Parece ser que esta é do ano 1954.
O primeiro é agradecerlle a Anxelis os seus consellos e o seu apoio, el foi quen me cedeu esta foto e algunhas máis que xa veredes.
Está a facer un excelente traballo co seu blog Ourense no tempo.
http://ourensenotempo.blogspot.com/
O segundo é darlle tamén as grazas a D. Roberto Villar del Castillo que é o propietario da foto.
Para min esta foto ten unha importancia moi especial, xa que despois de mirala varias veces sen decatarme de nada, descubrín a meu pai por aí, sentado no medio. ¡Toda unha sorpresa!
Toros en Ribadavia

Lavandeiras

Esta foto está sacada dende A Foz. Ten a curiosidade de que entre eses dous grandes penedos, se facemos un esforzo, poderemos ver unhas lavandeiras. Lembro que sempre nese sitio, xusto debaixo do muiño da Raíña lavaban a roupa. Utilizaban uns caixóns de madeira para axeonllarse e moito xabrón "Lagarto" de barra que se compraba por trozos.
Vese tamén como teñen toda a colada a secar detrás delas nunhas laxes.

viernes, 3 de abril de 2009

Hermandades del Ribero

Outra foto que é da mesma Feira Exposición de 1955. Se vós fixades ben esta caseta está situada a continuación do stand da foto anterior. Seica deben dar viño gratis pola gran afluencia de parroquianos.
¿Terían algo en común a Marca Ribadavia e as Hermandades del Ribero?
Gustaríame poder explicar dende aquí estas cousas, espero os vosos comentarios.


jueves, 2 de abril de 2009

Marca de Ribadavia

Vós presento hoxe dúas fotos tamén do ano 55, sacadas, supoño eu, polo meu pai igual cás anteriores na III Feira Sindical de Ourense. Aparece nelas unha caseta rotulada con "Marca de Ribadavia".
¿Sería iso unha primeira aproximación ó asociacionismo, ou a un primeiro intento de denominación de orixen?
O que saiba algo que no lo comente.

miércoles, 1 de abril de 2009

III Feria Sindical Agropecuaria e Industrial de Orense 1955

Unha das estrelas gandeiras daquela Feira-exposición.