jueves, 31 de marzo de 2011

O Avia fóra de si

Estou xa farto de chuvia, a ver se comenza a escampar, si sae o sol e nos poñemos a secar. Pero como podemos ver nesta foto non debiamos de ser nós sos. Nos anos cincoenta os ribadavienses tamén fartáronse de auga, e supoño que sería así case que tódolos anos, o que pasa é que esta chea debeu de ser desas de campionato. Fixádevos que a auga case lle chega arriba á ponte de San Francisco, e o Matadeiro Municipal e as casas que hai ó seu carón quedan totalmente asolagadas nas súas partes baixas. En fin un bó documento para saber como as gasta a natureza. Meu avó sempre dicía "O que é do río, é do río" e canta razón tiña.





miércoles, 30 de marzo de 2011

Tony de Soto

Na web "Música Galega" tamén atopei estes dous discos do noso veciño Tony de Soto. Tenor ribadaviense que chegou a acadar certa fama fóra da nosa vila como se pode comprobar nas hemerotecas. Pero non é cousa agora de aburrirvos colocando enlaces onde se reflexan os seus éxitos por esos mundos de Dios, senón de deixarvos polo menos un par de xemplos do seu bó facer, neste par de enlaces, para que os que non tiveron a sorte ou a ocasión de escoitalo en directo, o poidan facer aquí e agora.
Gustaríame poder incrustar as cancións aquí, pero aparece moita publicidade, e trato de escapar dela, polo que pinchando nos temas accederedes á paxina onde podedes escoitar:
"Morriña" e "Negra Sombra"

Non sei si chegou a publicar máis discos, pero o caso é que aquí temos estes dous. Os podedes descargar premendo arriba na web de donde os saquei.







martes, 29 de marzo de 2011

San Domingos por Couto 1

Estes días, como andamos coa vena artística, a saber: cine, música, e máis música que virá. Non podiamos deixar de por no blog algo relacionado coa pintura e co debuxo. E para iso temos este apunte do natural tomado a plumilla por Francisco Couto no adro de San Domingos.
Me comenta que está sen rematar, que coas súas obrigas non ten moito tempo para vir á vila. Pero asegura que este verán, fará todo o posible para acabar este e algún máis cos que nos sorprenderá.
Unha fermosura.


lunes, 28 de marzo de 2011

"Los Ribadavienses"

Esta é outra das curiosidades que atopei por internet. Trátase dun disco no que interveñen varios grupos, e entre eles está un que interpreta unha soa canción, a última do disco. É un grupo denominado "Los Ribadavienses", e o seu tema titúlase "Aromas del Avia".
Eu non teño nin idea de quen son, si é que efectivamente estes músicos eran da nosa vila ou da súa bisbarra. Digo esto, porque despois de escoitar o LP teño serias dúbidas de que os temas se correspondan cos grupos en cuestión, e de que non estea todo mesturado á boa de Deus. De feito, hai cancións con grupos de gaitas, e outras con orquestas, e en concreto o tema dos ribadavienses, que é orquestal e cunha vocalista feminina, para mín que se corresponde con outro grupo. Tomádeo con prevención, escoitádeo, e xa me contaredes.
Xa pasaron moitos anos dende a edición deste disco (1968), pero seguro que si son de Ribadavia , alguén saberá algo deste grupo.
Podedes descargar o disco aquí, na web "Musica Galega" de onde saquei as fotos. E oir a canción "Aromas del Avia" abaixo.

Ía incrustar o tema, pero resulta que sae con moita publicidade, polo que o mellor será que si o queredes escoitar pulsedes aquí, neste enlace.

viernes, 25 de marzo de 2011

Película da vila do ano 1929

Queimábame nas mans esta pequena película, que según me contan data do ano 1929. Recibina por mail fai aproximadamente unha semán, sin que a acompañase ningún tipo de información sobre a súa orixe, e sobre os seus autores.
Non esperdes moito dela xa que só dura uns cantos segundos. A mágoa é que non tivese máis metraxe, para poder contemplar como era a vila nesa época, dato que por outra parte, coma vos dixen antes, non podo certificar, xa que o único que a acompañaba era o título de "Ribadavia 1929".
Tratei de acadar información sobre ela, pero polo de agora non sei nada. Si recibise algunha nova máis, vola achegaría inmediatamente.
Non sei si algún de vós tiña noticias da súa existencia, ou xa a visionara antes, pero eu ata o de agora a descoñecía, polo que esta pequena xoia foi para min unha grande sorpresa que quero compartir inmediatamente con todos vós..
Contén algún erro, como o de mesturar imaxes da igrexa de San Xoán e a de Santiago, detalle de mínima importancia, que pódenos inducir a pensar que o que fixo a montaxe non era da vila. Nesta captura que fixen, apréciase claramente que eses nenos están sentados diante da porta de de Santiago, e non da de San Xoan.
Fixádevos tamén como era o tímpano da porta da igrexa de San Xoán, daquela tiña un dintel debaixo do arco.
Só me resta darlle as grazas a Manuel Iglesias por este fermoso aporte, e que a disfrutedes.




jueves, 24 de marzo de 2011

San Francisco co paso dos anos

Aproveito unha foto sacada por Francisco Couto no ano 1963 de San Francisco, para comparala con outra moito máis anterior do mesmo barrio, xa que os puntos de vista de onde estan feitas son bastante parecidos.
Na primeira aínda non se construira o edificio da Sindical, e podemos intuir como no seu lugar había unha explanada con árbores rodeando o acceso á igrexa e o mosteiro, que ía descendendo cara ó camiño da Foz, coas as casas e cara ó río.
O que si xa estaba construido era o edificio do Matadeiro Municipal, que ó igual que o da Sindical, tampouco sei cando se edificou.
Outra diferencia notable podémola ver na desaparición das bufardas que había no tellado do mosteiro, que na foto do 63 vemos substituidas por unha pranta con cinco amplas fiestras á vila e tellado novo máis alto.
Se vós atopades outras diferencias ou queredes comentar algo que vos chame a atencion, animádevos, e facédelo aquí embaixo, premendo onde pon "comentarios".





miércoles, 23 de marzo de 2011

Carta de José Antonio

A falta de material fai que me teña que ir reinventando constantemente, e que aguze cada vez máis o inxenio para ir solventando o día a día do blog. Como supoño que haberedes notado tiven que reducir o número de entradas semanais para tratar de mantelo vivo. E aínda que case estou nas últimas tratarei irvos achegando tódalas cousas que teñan algún interese para a nosa vila.
Como é o caso desta carta que transcribo a continuación, escrita por José Antonio Primo de Rivera a B.P.C. domiciliado na nosa rúa de San Martiño:

"JOSÉ ANTONIO PRIMO DE RIVERA
Abogado
Alcalá Galiano, 8
MADRIDTeléfono 44722

Madrid, 18 de junio de 1934.

B.P.C.San Martín, 20Ribadavia. Orense.

Muy señor mío:
Si usted pertenece a la Falange Española de las J.O.N.S. sólo a su disciplina puede estar sujeto y no a la de ningún otro que bajo algún otro nombre se haya podido constituir.
Así pues, siento no poder enviarle la fotografía que me pide para su "Juventud fascista", por cuanto el envío de esa fotografía pudiera parecer un acto de aprobación.
Le saluda su affmo. s. s.,
JOSÉ ANTONIO PRIMO DE RIVERA"

Esta carta está sacada da páxina web "Obras completas de José Antonio Primo de Rivera", e segundo ela, apareceu publicada na "Vieja Guardia" de Madrid no número correspondente ó mes de Xullo de 1936. Estaba dirixida a un simpatizante da nosa vila, do que solo publica as iniciais. Nesa mesma páxina tamén aparece unha reseña do discurso pronunciado por José Antonio no Cine España de Ribadavia o día 4 de Septembro do ano 1930, e que podedes ler pinchando aquí.


martes, 22 de marzo de 2011

Ribadavia no ano 1677

Si, non me trabuco na data, e a foto que vedes non é un soño, senón unha captura do video que leva este título, e que podedes ver máis abaixo.
Atopeino en You Tube, e o único que sei é que está feito por Prodeseño Produccións e montado por Xosé Rodríguez.
Trátase dunha montaxe fotográfica que nos intenta amosar como sería a nosa vila a finais do século XVII.
Non é que sexa unha cousa antiga como as que habitualmente poñemos aquí, pero esta serie de imáxes trucadas, chamáronme moito atención , e penso que merece a pena que lle botedes unha ollada.
Non sei quen son os autores, nin entro tampouco no rigor do seu plantexamento histórico, pero penso que os podemos felicitar polo novedoso do seu traballo na nosa vila.




lunes, 21 de marzo de 2011

Achegamento á historia da fotografía en Ourense

Este é o título dun novo libro que ven a aportar un pouco máis de luz sobre a historia da fotografía en Ourense. O seu autor é ben coñecido polos seguidores deste blog, xa que se trata de Rafael Salgado, webmaster do blog "Ourense no tempo" e colaborador ocasional deste, e a quen lle teño que agradecer, amais de envíos de fotos como por exemplo esta que poñemos hoxe, moitos consellos sobre estes temas, no que el é un verdadeiro experto.
O libro vaise presentar o vindeiro mércores 23 de Marzo ás 20,15 h. no edificio Simeón de Ourense.
Unha cita imprescindible para todos os amantes da fotografía.
¡Non volo perdades!. Despois non digades que non o sabiades. Fago o aviso con tempo para que poidades organizar as vosas axendas, e buscar un oco para poder asistir.
Noraboa Rafa.



Esta é a portada do libro

viernes, 18 de marzo de 2011

O Museo Etnolóxico en Hispana e Cer.es

O goberno de España, por medio do Ministerio de Cultura ten unhas páxinas web que reune as coleccións dixitais de moitos museos. Como non ía ser menos, o noso Museo Etnolóxico tamén está a aportar os seus fondos a esta plataforma denominada "Hispana" dentro do CER (Coleccións en rede) dos museos españois.
Para poder acceder a ela podédelo facer de dúas formas:
Pola páxina de Hispana: http://hispana.mcu.es/es/inicio/inicio.cmd
Ou pola páxina de Cer.es: http://www.mcu.es/museos/MC/CERES/index.html
Unha vez dentro delas, ide ás pestañas de "búsqueda" e tecleade o nome de Ribadavia. Sairanvos de inmediato os resultados da pesquisa.
En Hispana veredes unha lista de 240 fotos. O problema é que non aparacen as fotos, senón os datos delas, polo que teredes que pinchar derriba de cada unha, e se abrirá unha páxina nova cos datos do rexistro. Abaixo de todo, nesa páxina, hai un enlace subliñado baixo o epígrafe de "identificador del recurso". Pois si pinchades ahí, veredes a foto e a poderedes ampliar e incluso descargar.
Entendo que o proceso é un pouco complicado, pero é o que hai.
Por outra banda na páxina do Cer. es, a cousa é máis doada. En búsqueda, introducides o nome de Ribadavia, dádeslle a buscar, e aparecerá a primeira páxina das vintecinco que polo de agora forman o catálogo online do Museo. Nesta páxina as coleccións aparecen fotografiadas, polo que é máis intuitiva e gráfica cá outra. Aquí aparte de fotografias tamén se expoñen ferramentas, traxes e outras cousas, amén de fotos que non son da vila.
Aínda que se aveciña un excelente fin de semán, e seguro que todos sairemos da casa, perdede un ratiño investigando nelas.
Hai fotos que merecen que lle botedes unha ollada. Por exemplo unha que eu non coñecía, dos municipais da vila, cun xoven Ricardo antes de ser "O Cabo", recollendo o aguinaldo nunha fría noite de Decembro no cruce da estrada do Carballiño. Costume que tiñan fai anos, e da que xa me esquecera.
Podédela ver aquí.

jueves, 17 de marzo de 2011

Postal da Ponte de Ferro

Outra desas postais que vou atopando pola rede, e que aparecía no mesmo lote que as que vos presentei estes días pasados. Como se pode ver claramente, non é da mesma serie que as anteriores, e máis que unha postal, parece unha foto normal polos seus bordess ondulados.
Non sei de que data pode ser, nin tampouco me atrevo a tratar de situla no tempo.
É unha unha postal máis que engadir á colección da vila.


miércoles, 16 de marzo de 2011

Couto no sidecar

Outra fermosa foto de Francisco Couto Touza, que como vos dixen o outro día rematou o servicio militar na base aérea de Cuatro Vientos en Madrid. Aqui o temos subido e ese fabuloso sidecar e cun dos famosos Junkers Ju 52 servindo de telón de fondo.
Segundo me conta o seu fillo Francisco, a foto é moi pequeniña polo que a resolución non é moi boa, pero aínda así é un unha boa testemuña daqueles tempos. E xa non vos digo nada ós amantes das motocicletas. Non son capaz de saber de que marca é, pero quen a pillara hoxe en día.


martes, 15 de marzo de 2011

Outra postal nova

Outra postal desas que hai á venda por internet. Neste caso da Igrexa e do Convento de San Domingos.
Tampouco a coñecía, e supoño que a podemos situar na mesma época que a vos presentei onte. É dicir, a mediados dos anos vinte.
Esta imaxe faime lembrar as miñas andanzas de cativo polas igrexas da vila, e a tremenda mestura de inquedanza e curiosidade que me provocaba a visión dalgúns dos santos que nelas había.
O primeiro deles era o S. Antonio de Pádua que estaba situado daquela nun ábside lateral de San Domingos. Unha imaxe pequena dun santo cun coitelo cravado na cabeza coma si dunha sandía se tratase. O outro era o San Lázaro que había na capela do mesmo nome. Unha talla de parecido tamaño, na que se representa o santo escarvabándose cun garfo dentro da súa orella.
Eu non entendía o seu significado, e tampouco lembro si as explicacións que daquela me daban as miñas avoas sobre estas determinadas cuestións me convencían.



lunes, 14 de marzo de 2011

Unha postal nova

Acabo de atopar esta postal nunha páxina de ventas por internet. E digo nova porque eu no a coñecía de nada. Mirade que puxemos fotos do Castelo, pois esta non a vira nunca.
Si nos poñemos a revisar un pouco as que xa publicamos, a que máis coincide con esta, e a foto que fixo do noso monumento a americana Rut Mathilda Anderson no ano 1925. As pistas que tomo como referencia son eses postes que aparecen fronte o tellado da dereita, e as copas dos cipreses que aparecen ó fondo detrás da muralla . Na foto do ano 1912, na de Ciarán non aparecen esas edificacións, xa que só hai unha. E na de Ksado de 1936 só aparecen tres postes, polo que penso que esta imaxe debe de ser de mediados dos anos vinte.
Outra cousa na que nunca me fixara, é que ó lado da cheminea central que hai na fachada, un pouco á dereita había unha especie de ventá que hoxe non existe, e que podemos ver en tódalas imaxes antigas.
Si algún de vós quere conseguir esta postal e algunha máis da vila , están á venda nunha coñecida casa de subastas online. Teñen prezos de arredor dos 7 dólares americanos, e penso que a súa orixe está na Arxentina.


viernes, 11 de marzo de 2011

Onde xogan os nenos

Moitos ribadavienses por cuestións laborais tiveron unha relación bastante destemida cos cadaleitos, e inclusive moitos dos que hoxe teñen a miña idade, xogaron máis dunha vez ó escondite nalgunha fábrica de caixas como se de algo normal se tratase.

Penso que xa falei algunha vez como algúns amigos meus do barrio da Estación eran os máis ousados á hora de meterse nelas, cousa que si vós son sinceiro, eu nunca fun capaz de facer. Incluso vin como algúns botados para diante, chegaban a durmir sestas dentro deles.

Isto sempre lle chamou bastante a atención á xente de fóra da vila, como foi o caso do escritor e xornalista catalán Quim Monzó.

Resulta que Quim viviu a súa xuventude no barrio barcelonés de Sants, xusto ó lado do depósito que alí tiña a fábrica de cadaleitos "Hijos de Luis Chao Sobrino S.L." como podedes comprobar na dirección escrita nese papel secante que atopei nunha páxina de ventas de internet.
O pasado ano invitaron a este xornalista a un programa de radio, e cando falaba dun home que reparaba aparellos de radio preto de onde el vivía, para situar ós oíntes, comentou que ó lado había unha carpintería de caixas de morto, da cal non recordaba o nome. A xente comenzou a chamar, a aportar dar datos, e incluso Lluis Chao Paradas, neto do fundador da empresa lle enviou un mail.

Isto foi o xérmen de "Donde juegan los niños", que é o título dun artigo publicado por el no xornal barcelonés "La Vanguardia" o 15 de Xullo do pasado ano.
Pero o mellor será que o leades vós mesmos, e que disfrutedes con el. Este é o enlace. Premede aquí.
E se queredes escoitar o programa de radio, no que xurdiu a idea. Podédelo facer aquí. A mágoa é que falan en catalán.





jueves, 10 de marzo de 2011

En familia

Fai anos a rúa de Merelles Caula, que é, como saberedes a que baixa dende a Praza Maior á da Magdalena, bulía de xente e de actividade. Nela había moitos establecementos comerciais. Non sei si esquecerei algún, pero lembro a tenda da Amelia, a queixería do Celso e da Esther, que estaba enfrente; a taberna do Piiño un pouco máis abaixo; o estanco que aínda sigue alí; dúas barberías; a tenda do Charo; e no medio de todas elas, a tenda da Chucarela da que xa vos falei algunha vez.
Esta tenda a diferencia das outras tiña algo de especial. Amosaba sempre no seu exterior moitas cousas, entre elas sempre había algunha barrica de sardiñas afumadas, algúns cestos cheos daquelas escobas de caña, e unha morea de tripas secas, desas coas que se fan longanizas, penduradas dos marcos das portas. ¿Lembrades como ulían? Tiñan ese cheiro intenso, picante, tan típico e penetrante, que se me quedou metido para sempre nos miolos, supoño eu que de tanto pasar por diante delas.

Pois hoxe lle imos a poñer cara ós propietarios desa entrañable tenda, que continuaron por medio da saga familiar rexentando establecementos hosteleiros por todos coñecidos como o Kopa Club e o Café Moderno.

A foto é moi fermosa e destila elegancia. Debeuse de sacar a finais da década dos cincuenta, e nela vemos á dereita, de escuro e cun colar de perlas a Ernesta Graña, acompañada do seu home Ramón González. Ela era quen levaba a tenda, mentres que el rexentaba o Café Moderno, que posteriormente levou o seu fillo Moncho e que hoxe levan os seus netos.
No medio elegantísimas dúas das súas fillas: Feli, cun abrigo de cor blanco, rexentou sempre co seu home Fidel a cafetería Kopa Club; e Chicha cunha espectacular pamela situada ó lado da súa nai.
Á esquerda da foto, e tamén de negro cun colar de perlas está unha prima delas, María Jesús Graña, e xusto detrá dela, está Gelines, que é outra das fillas deste matrimonio.
Dos demáis non vos podo dicir ren, pero seguro que me diredes algo.
A foto é propiedade de Francisco Couto, que tiña moita relación e moito aprecio por esta famila tan recoñecida da vila.




viernes, 4 de marzo de 2011

As inxeccións

Si hai algo aínda que non soporto á miña idade é que me poñan unha inxección. Co paso dos anos a lóxica fai que un amaine, e aínda que saibas que é mellor o remedio que a enfermidade, cando chega o momento decisivo do pinchazo non as teño nunca todas conmigo. Empezan as suores frías, as contraccións dos músculos,  e ata ás veces chegan os mareos.
Como non son experto nestas cuestións, non vos sei explicar si este trance é algo natural ou propio dalgunhas persoas, ou froito do  rexeite, ou do bloqueo que o cerebro vai creando co paso dos anos ante tamaña agresión ó corpo. No meu caso, eu sempre lle botei a culpa  ás multiples inxeccións e vacinas que nos puñan día si e día non naquel vello dispensario de Previsión que había na Praza Maior.
Podédelo crer, de cativo, alí, me puxeron centos de vacinas. Non me lembro ben, pero tocaba  unha cada dous días, e  ían aumentando a dose de medio en medio centímetro cúbico ata rematar o tratamento. E volta a empezar. E así inverno tras inverno.
Algún de vós pensará que non estou ben da cabeza. ¿Que terá que ver  todo isto, con  unha foto da Feira do Viño?.
Pois que nesta foto, xusto á dereita desa columna central, está "Tucho" Padrón, que exerceu de practicante na nosa vila durante moitísimos anos.
Con el a cousa era ben distinta. Como excelente profesional, e aínda mellor persoa, cando chegaba, te tranquilizaba, nunca tiña presa, e te ía metendo a mediciña lentamente para que non te doera, sen esa leria de primeiro te clavo a agulla, e  un rato despois atornillo a xiringa. Cousa que  facían  outros, e que a min me desesperaba.
Con el os pinchazos non doían tanto, a excepción das inxeccións que lle chamaban do fígado, que nos sei para que raio valerían. Para elas viña aviado cunha especie de cilindro de cor verde que contiña unha xiringa un pouco máis grande do habitual. Cando cha puña, quedábache o cu amolado para un par de horas.
Penso que na foto está acompañado por un dos seus fillos. O que non sei, é cal deles. Si Antonio ou Ricardo. Tamén aparece na foto o Gobernador e máis xente da vila que seguro que vós coñeceredes.

jueves, 3 de marzo de 2011

Baixo mínimos

Así estaba o río Miño nese verán de finais dos anos corenta, baixiño, baixiño de verdade, cousa que era aproveitada polos veciños da vila para pasar unhas horas de lecer ó fresco na súa ribeira. Non sei quen son os que descansan neses areais, xa que a foto está bastante borrosa, pero serve perfectamente para ilustrar como era A Barca neses tempos nos que non había encoros .
Polas marcas areosas que quedan nas marxes as oscilacións do río debían de ser ben grandes, pero a praia que deixaban no verán, debía de ser unha verdadeira marabilla. Seguro que si tiveramos un areal así hoxe , estaría inzado de sombrillas e de tumbonas con rapaces tomando o sol.



miércoles, 2 de marzo de 2011

Couto no ano 36

O rapaz que está no medio na ringleira superior é Francisco Couto Touza, co uniforme do Exército de Terra, á idade de 17 anos cando foi mobilizado, xa que nacera no ano 1919. Posteriormente o enviarían a aviación, e en concreto ó aeródromo de Cuatro Vientos, pero iso é outra historia da que tamén daremos aquí boa conta.
As fotos mas envía o seu fillo Francisco, a quen lle sigo agradecendo estes fermosos agasallos.


martes, 1 de marzo de 2011

Sorte ós pescantíns

Esta entrada vai adicada a tódolos afeccionados á pesca, que neste mes que comenza deben de estar xa desempolvando e afinando tódolos trebellos propios do seu deporte.
O outro día lin, non sei onde, a un deles que se queixaba amargamente da escaseza de troitas, e culpaba directamente á proliferación dos corvos mariños nos nosos ríos. Dicía que cada un deles necesitaba, sen non lembro mal, cerca de dous quilos de peixe ó día.
A verdade é que nunca escoitara un razoamento tan orixinal. Deixando a un lado istes argumentos, caín na conta de que nós, cando eramos novos, fai xa unha morea de anos, non mirabamos ningún polos nosos ríos.
Recordo ben que os únicos cormoráns que coñeciamos aparecían nun libro de ilustracións que D. Leandro nos ensinaba na Biblioteca Municipal, cando esta estaba na rúa Merelles Caula. Nel observabamos incrédulos o debuxo dun indíxena de raza aceitunada, que era así como se lle chamaba ós habitantes da Oceanía, que levaba catro ou cinco destes paxaros atados con cordeis polo pescozo para que lle procurasen a pesca. E que envexa nos entraba. Soñabamos con ter algún día un deses paxaros amaestrados.
Como sigamos así, dentro de pouco haberá granxas de corvos mariños, e veremos ós paisanos sentados na beira do río sostendo nas súas mans as liñas duns cantos destos especímenes. E xa vexo vir ó gardaríos solicitando a cartilla de vacinación dos paxaros, e a consecuente prohibición de pescar con máis de dous mergullóns.
En fin. Que haxa sorte e que se dea ben a pesca.