miércoles, 21 de diciembre de 2011

Felices Festas

Coma tódolos anos por estas datas, deséxovos o mellor. Que pasedes unhas entrañables festas na compaña das vosas familias, e que o vindeiro ano veña ateigado de paz, saúde, traballo e cousas boas para todos.
Felices Festas.



viernes, 16 de diciembre de 2011

Alcumes

Teño a plena seguridade de que moitos de vós xa coñeciades este pequeno libriño, que recopila os alcumes ou apodos dos habitantes que vivían en Ribadavia, alá polos primeiros anos do S. XX.
Pero tamén é moi certo, que hai xente- naturais, ou descendentes de ribadavienses- que por distintas circunstancias da vida, andan espallados polo mundo adiante. Sei que moitos seguen este blog, e ó mellor, eles nunca tiveron a oportunidade de telo nas mans. Nunca poideron comprobar se aqueles nomes que escoitaron ás veces nas casas, eran reais ou imaxinarios.
Para todos eles, vai hoxe adicado este galano de Nadal. Para que coma min poidan lembrar os sobrenomes dos seus devanceiros.

miércoles, 14 de diciembre de 2011

Feira na Praza

Fermosa instantanea da Praza Maior nun día de feira nos anos corenta. Aquí nesta época se situaban as vendedoras das fabas que despois se usarían para sementar. Expuñan os seus productos no chan, ata que anos despois se foron a instalar ós soportais da praza da Magdalena.
Tamen por este tempo se puña neste sitio un home que mercaba o cornezuelo do centeo, que lle traían sempre os paisanos en pequenas cantidades envoltas en panos. Non teño nin idea para que o querería, pero de seguro que reportaba algunha ganancia este comercio.
Daquela os meus avós vivían nese edificio que se ve detrás, no que fai esquina coa rúa de Merelles Caula, e no que houbo durante moito tempo, como se pode ver, unha pintada coa efixie de Franco. Vivían no primeiro piso, o que se ve na foto; e xusto derriba, no segundo piso, moraba D. Claudio coa súa familia, na que eran maioría as fillas.
D. Claudio era unha persoa moi entrañable, sempre vestido de escuro e de moi fino trato, traballaba no Concello, e sufría dos xoanetes, polo que ás veces calzaba uns zapatos recortados cun pequeno burato nesa parte do pé, para que lle temperarara a dor. Este detalle lle chamaba moito a atención a rapazallada que por alí aformigaba.
Á dereita, e non aparece na foto, se atopaba a botica de D. Carlos Sánchez; e no baixo do edificio da esquerda, o que ten as fiestras abertas e enfeitadas cunhas macetas, estaba a taberna do Asturiano, que era onde repuñan as forzas os feirantes que aquí acudían.


lunes, 12 de diciembre de 2011

A estrada do Carballiño

Retomando o tema das postais de Canda, hoxe poñemos esta, na que podemos ver como era, a principios de século XX, a estrada que comunicaba a nosa vila co Carballiño, que máis que estrada, deberiamos de chamar camiño. O camiño de Leiro e Carballiño.
Rodeado por viñedos a un lado e outro, sen apenas edificacións, é bastante estreito, como correspondería a aqueles tempos, nos que os automóbiles escaseaban, e maioría dos vehículos eran de tracción animal.
As augas do Avia, cando se desbordaba asolagaban todos eses fondais que aquí se ven. Terrazas fluviais moi vizosas, onde amais de viño, a xente cultivaba todo tipo de verduras en pequenas hortas próximas á vila, que aínda se seguen a manter detrás das edificacións que ocupan hoxe en día as marxes da estrada.
Os baixos destes edificios aínda se anegan de cando en vez, a pesares do control que ten do Avia o encoro de Albarellos, pero xa sabedes o que dicían os vellos: "O que é do río, sempre será do río".


viernes, 9 de diciembre de 2011

A Pardo Bazán na vila

Aproveito esta postal da Estación, anterior ó ano 1927, xa que foi nesa data cando se instalou a marquesina que tanto pedían os viaxeiros para protexerse do ventoimperio, para transcribir parte dun artigo escrito por Emilia Pardo Bazán, que fala de Ribadavia. Apareceu no número do 28 de setembro do ano 1908 na revista "La Ilustración Artística" editada en Barcelona , nel reflexiona sobre a chinche, e a hostaleria nacional; pero tranquilos, que a nosa vila sae moi ben parada.

"Hace algún tiempo, creo que dos ó tres años, he sostenido aquí mismo la tesis de que uno de los mayores enemigos de España es la chinche; enemigo que nos ha hecho y nos hace poco menos daño que Napoleón y hasta que los yanquis y filibusteros. Ello parece una paradoja gruesa; pero si se reflexiona, es una verdad sencilla. Diré en abreviatura lo que entonces explicaba quizás prolijamente.

Para un país como España, con grandes extensiones de despoblado y cuantosísima riqueza artística y monumental, nada es tan útil, tan sano, como el movimiento y afluencia de viajeros, que despierta y estimula todas las energías civilizadoras, y además deja dinero en abundancia…

.....En Ribadavia -uno de los pueblos más bonitos, pintorescos y monumentales de la provincia de Orense- pasamos una noche. La fonda está agasajada entre parras y álamos, como rodeada de la fresca y vivaz vegetación de un parque, y se asienta frente a la estación misma. Yo recordaba haber dormido allí otra vez, limpiamente. Y limpiamente voví a reposar en cama pulcra, con sábanas de nieve y a la cabecera un San Antonio, que acentuaba la sensación monástica de celda alegre, flotante sobre un mar de follaje denso y frondoso de viña, que amaga invadir las ventanas, abiertas al calor de septiembre y a la regocijada luz del cielo ribeirano. ¡Oh, si en toda España se encontrasen estos albergos, sencillos, pero libres de asquerosas plagas! Creo que no es mucho pedir; no exigimos el hotel fastuoso, con ínfulas de palacio, al estilo del que se alza al lado de la fuente de Mondariz ó al pie de los manantiales de La Toja. Bastan para empezar y tienen su grato perfume de manzanilla y violeta las fonditas como la de Ribadavia, sin pretensiones…y chinches.

miércoles, 7 de diciembre de 2011

Próxima Cooperativa

Esta é outra das fotos que nos envía Manuel Meruéndano, e na que tamén aparece o seu pai, xusto no centro dela, detrás do gobernador civil, tapando co seu corpo parte da maqueta da cooperativa, que se exhibe detrás.
Seguro que vós recoñeceredes a máis xente, pero eu podo ver á esquerda do toro da árbore que aparece na foto a Edmundo Fernández, que era o propietario do que nos chamabamos "O cine de abaixo", cuio nome oficial penso que era o de Cine Principal.
Na parte inferior esquerda, medio tapado por un home con boina, tamén podemos ver a Francisco Cuiñas revisando uns papeis que leva nas mans, sempre traballando para dar cumpridas noticias do que acontecía na vila, como corresponsal que foi de diversos medios escritos.
Dos que están no primeiro plano, e que se ven perfectamente, e dalgún máis que se atopa entre o xentío, non me animo a dar a identidade, pero seguro que vós deixaredes os seus nomes nalgún comentario.

Como houbo tanta preocupación pola vosa parte na entrada anterior, aquí tedes a foto ó revés. Tiñades toda a razón. Está sacada en S. Francisco, e non na Almuiña. Non caín en que podía estar mal revelada. Agora xa o vexo claro.
Moitas grazas a todos, e seguide así.


lunes, 5 de diciembre de 2011

Os Cardeñosa

Si estes días pasados falabamos de Manuel Meruéndano, hoxe imos poñer unha foto da súa esposa Chicha, recentemente finada, xunto coa súa familia, a dos Cardeñosa.
Na nosa vila, como en tantas outras, cando os fríos amainaban, e as primeiras clareeiras permitían saír o sol, a xente animábase a camiñar para matar as tardes dos festivos. E nun destes paseos pola Almuíña é cando se toma esta instantánea familiar.
Si comenzamos pola dereita, vemos ó matrimonio formado por Manuel Cardeñosa de Vega e Juana López Márquez, el era de Benavente (Zamora), e ela do Carballiño. De como se coñeceron , e de como chegaron a Ribadavia nada sei, pero o certo e que aquí fixaron a residencia e criaron ós seus fillos. A súa esquerda está unha delas, Chicha Cardeñosa, que como dixemos antes, casara con Manuel Meruéndano Pardo. Despois vemos a Mercedes López, irmá de Juana, que xunto coa súa irmá Catalina tiveron durante moitos anos o negocio das máquinas de coser Singer, no cal moitas mulleres da vila aprenderon costura e bordado. Por último, á esquerda de todo vemos a Maruja e a Vicente Cardeñosa, irmáns de Chicha, e fillos polo tanto de Manuel e Juana.
A foto é propiedade de Manuel Meruéndano. Ánimo Manuel.

viernes, 2 de diciembre de 2011

Catando o viño

Nesta fotografía podemos ver como o Gobernador Civil da provincia proba o viño dun expositor na II Feira do Viño do Ribeiro no ano 1965, baixo a atenta mirada de Manuel Meruéndano Pardo, que é o que aparece no centro, acompañado á súa dereita por Jaime Dávila. Ambolos dous exerceron a avogacía en Ribadavia , e este último foi alcalde da vila en varias ocasións.
É un novo apunte, outra ilustración que se suma ás que xa publicamos, sobre a historia das primeiras Feiras do Viño,e que lle temos que agradecer a Manuel Meruéndano, que é o propietario da foto.


jueves, 1 de diciembre de 2011

De novo a maqueta da Cooperativa

Tedes que perdoar, xa que estes días tiven que atender varias obrigas e non puiden poñer a entrada que tiña prevista para onte, polo que a poñemos hoxe.
É unha foto da segunda Feira do Viño, celebrada no ano 1965, moi parecida a outra que puxemos fai bastante tempo, e na que podemos ver como a comitiva, que presidida polo gobernador civil de Ourense D. José María López Ramón, pasa revista ós stands das marcas que concorrían á Feira.
Como daquela aínda non se construíra a Cooperativa, esta, publicitábase mediante unha maqueta do edificio, que máis tarde se levantaría nos terreos de Valdepereira.
Esta foto, e outras dúas que porei estes días son propiedade de Manuel Meruéndano, e nelas apareceo seu pai, Manuel Meruéndano Pardo, que exerceu a avogacía na vila durante moitos anos, e que é o máis alto dese grupo central, en concreto, o que está situado máis á dereita. Detrás del, como levantando a cabeza para poder observar a escea con todo o detalle, vemos con gafas Javier de Burgos, dentista da vila que tiña a súa consulta no edificio onde estaba a sociedade "La Peña".
Moitas grazas Manuel.