miércoles, 28 de septiembre de 2011

A procesión

Vaise indo o mes de Setembro, e con esta foto de Francisco Couto, da procesión da Virxe do Portal do ano 1963, rematamos esta pequena serie adicada ás festas patronais da vila.
Coma sempre, eu non vos son quen de recoñecer os que aparecen nela, pero supoño que vós si. Un xa é coñecido. No comentario da foto anterior Couto dí, que o que vai portando á Virxe, de traxe escuro na parte de atrás é Braulio Gulín, parente del, e supoño que un dos motivos pola que tirou a foto.
Unha das mulleres que aparece na foto, vai descalza, e tampouco sei si ese costume, o de ofrecerse a facer o percorrido dese xeito, se segue a facer agora.
Outra das cousas que se ven na foto, e por iso vos poño unha ampliación, e que na beirarúa, diante da porta do Castelo, hai un carriño de xeados atendido por unha muller. ¿Podería ser do "Heladero"?, o que tiña o seu establecemento a rentes do Club Artístico. Eu ben me lembro deles, del, da súa dona e dos seus fillos. Moito xeado, moitas pipas e moitas lambetadas consumimos alí. E moitos portes de uvas lle fixo ó meu avó nas vendimas co seu camión. Pero o que non lembro é ¿como se chamaba a xeladería?



jueves, 15 de septiembre de 2011

Esforzo

Na entrada anterior alguén deixou un comentario falando de que lle estrañaba moito que os porteadores da Virxe fosen mulleres.
Eu penso que non é así, que son homes. Os porteadores na foto anterior non se ven. Están ocultos por unha das ringleiras de mulleres que van na procesión.
Nesta foto que poñemos hoxe, podémolo ver máis claro. É tamén de Francisco Couto, e da mesma procesión do ano 1963. A comitiva xa vai de retirada subindo pola costa que hai diante do Castelo, e os porteadores son homes. E se nos fixamos ben na faciana do protagonista da foto -do que descoñezo o nome- notaremos o esforzo e cansancio do seu labor.


miércoles, 7 de septiembre de 2011

Outra vez de volta

Chega outra vez o mes de Setembro mecido entre as nubes, e chegan tamén as nosas festas patronais, as festas do Portal. Moitos dos ribadavienses que estan fóra, aproveitan estes días para retornar á vila, como se estas datas fosen un xeito de cordón umbilical que os une, polo menos unha vez ó ano, coas antigas amizades e coas nobles pedras da nosa localidade.
Énchense as rúas e os cafés, as historias afloran recordando os vellos tempos, e a devoción á Virxe exténdese por todo o Ribeiro.
Aínda que cun certo retraso, tamén nós voltamos. Este mes paseniñamente, será un tempo como de quecemento, un reencontro intermitente, como o cauce do Maquiáns, que aparece e desaparece, ó seu paso polas pedras da Derrota. Non nos veremos todos os días, pero ós poucos, seguro que lle iremos collendo o truco.
Gústame esa palabra "derrota". Ten moitos significados, pero o topónimo no regato supoño que llo aplicarían como sinónimo de cataclismo, desastre, deleiba, ou catástrofe. De cando as pedras cairon e ocultaron o río .
Pero esta mesma palabra, derrota, tamén ten outro sentidos, e un deles é o de fracaso, e eu non quero que Maquiáns morra. Estamos moi escasos de fotos, de documentos, e de todas esas curiosidades que día a día imos poñendo no blog, polo que vos pido axuda. Seguro que nas vosas casas, ou nas dos vosos avós, ou mesmo nas vosas cabezas, teredes cousas que amosar e que contar.
Podedes escribirme premendo no "Contacto" que aparece na parte dereita da páxina. Espero as vosas colaboracións, para que entre todos poidamos manter vivo este pequeno recuncho de Ribadavia na Rede.
Cambiando xa de tema, e para non aburrirvos máis, iniciamos esta nova andaina coa foto da nosa Patroa, retratada na procesión do ano 1963 por Francisco Couto.