Nestes días pasados recibín con moita ledicia un email de Xesús García, que se acompañaba dun par de fotos, para tratar de pescudar sobre o sitio no que estaban feitas, xa que pertencían a parentes de seu, e el non era capaz de ubicalas.
A primeira, que é esta, está firmada no ano 1910 por Jesusa García Varela (que debe de ser a muller marcada coa cruz), que si entendín ben, era natural do Carballiño, e estaba casada con José Osorio Martínez, que era catedrático no Instituto de Ourense.
Jesusa tiña un irmán chamado Antonio García Varela, que casara con Teresa Sánchez, e que mantiña unha casa en Santa María de Castrelo.
Tras poñervos nestes antecedentes, que penso que son obrigados, dicir que na foto tamén aparece sentado na primeira fila, e con bigote, José Luís García Boente, que era médico, e irmán de Gonzalo García Boente que fora notario na vila.
José Luís e Gonzalo eran fillos de Gerardo García Espinosa (Pazos de Arenteiro 1850- Ribadavia 1926) e de Isaura Boente Hermida, natural de Mondariz, que fora madriña de bautizo e de voda dunha das miñas avoas, que levaba o seu mesmo nome.
Como o motivo da consulta era ubicar a foto, eu penso que se sacou, sen dúbida de ningún tipo, no "chalet dos Alonso", no centro da vila, xa que este, era por esas datas un dos lugares de reunión da burguesía da vila e do Ribeiro. Fixádevos sobre todo na carpinteiría das ventás , e na balaustrada das escaleiras que seguen a ser as mesmas.
Xa sei que vai a ser moi difícil recoñecer a alguén máis, pero si algún de vós pode aportarnos algún dato máis sobre a foto, estaríamoslle moi agradecidos.
Grazas Xesús pola foto e pola información.