miércoles, 22 de diciembre de 2010


Pasádeo ben, e que o 2011 sexa moito mellor que este que remata. Vémonos de novo en Xaneiro.

martes, 21 de diciembre de 2010

A lotería do Nadal

Este é un recorte do semanario "El Heraldo Gallego" de Buenos Aires publicado o día 6 de Febreiro do ano 1927, no que cun par de meses de retraso, lóxico debido á lentitude das comunicacións, nos fala da sorte que tivo a nosa vila na loteria de Nadal do ano 1926.
Outras veces visitounos a sorte, e non falo do premio que caeu este ano no Moderno. Sei que fai moitos anos tocou o Nº1252, e dende aquela convirtiuse nun número máxico en Ribadavia, que aínda se sigue a vender. Tocáralle entre outros a Benito Araujo, e segundo me contaron foi cousa da casualidade, xa que Benito era algo así coma o apoderado da Banca Nogueira, e a maiores recibía lotería, e a puña á venda pola rúas mediante a colaboración dun rapaz chamado Jesusiño. Desa vez o Jesusiño non lle devolveu a tempo os billetes no Banco, co que a Benito Araujo non lle quedou outra que quedarse con eles, e comelos, non sin antes botarlle o pobre do rapaz unha bronca tremenda e expulsalo a caixas destempladas do Banco.
Cuando o Jesusiño xa estaba fora do banco a berros retrucoulle os insulto a Benito dicíndolle:
-Halle de tocar e terá que mercarme un traxe novo e unha gorra.
E así foi, o que parecía que ía ser un desastre para o apoderado, grazas a sorte, converteuse nun suculento pico.
Que a sorte nos acompañe, que boa falta fai.



lunes, 20 de diciembre de 2010

"Paisajes sin alma" y "El padre Miño"

Fai xa máis dun ano puxen unha foto da conferencia que pronunciara D. José María Castroviejo no antiguo Instituto da vila no ano 1955, cando este aínda estaba na rúa de Santiago, no edificio que ocupa hoxe o Museo Etnolóxico de Ribadavia.
Hoxe poñemos outras dúas fotos desa charla, na que podemos ver a algún compoñente máis da mesa presidencial que non saía naquela, como D. Julio o párroco acompañado do xuiz Troncoso Facorro.
Trasteando un pouco pola hemeroteca do xornal madrileño ABC atopei este artigo escrito por D. Jose María, e publicado o día 21 de decembro do ano 1968, en relación co remate do encoro de Castrelo. Titúlase "Paisajes sin alma" , e no pé da foto que o acompaña pódese ler: "Esta era la feraz vega de Castrelo de Miño, en vez de vino y frutos se cosecharán kilovatios" .
Premendo neste enlace, podedes descargalo ou lelo.
Dez anos antes publicara no mesmo xornal outro artigo titulado "El padre Miño", onde xa ía dando avisos do que pensaba que lle podía suceder á nosa arteria fluvial. Xa falaba entón de "río abandonado". Como está publicado en dúas paxinas separadas por publicidade, o mellor seá que volo deixe en dous enlaces separados: Páxina 1 e páxina 2.
Tamén vos deixo outro enlace que non ten desperdicio, o do libro "Unha paixón herdada" Obra ambiental de José Mª Castroviejo y Blanco-Cicerón (1909-1983) de Marta Lemos Jorge publicado pola Xunta de Galicia no ano 2007. Son 386 páxinas, pero podédelo descargar e ir lendo ós poucos, xa que contén moitos dos artigos que foi publicando en distintos xornais ó longo da súa vida. Imprescindible para pescadores, cazadores, ecoloxistas e tódolos amantes da natureza e de Galicia.


Castroviejo en Ribadavia

domingo, 19 de diciembre de 2010

Sampaio por S. Llobet

Outra das fotos que fixo D. Salvador no ano 1952 cando se deu unha volta polo Ribeiro. Desta vez tócalle o turno a Sampaio, pero non sei exactamente en que parte do noso veciño pobo estaría sacada esta imaxe.
Fotografía unha escena típica de Galicia, por unha banda o típico hórreo, pola outra unha reunión familiar ou veciñal, onde unhas velliñas con panos nas súas cabezas e sentadas nuns bancos acompañadas dalgún rapaz, quizás estén compartindo algunha labor agrícola, e na parte esquerda da foto, ó final da corredoira un carro de bois cargado de estrume cunha vaca a remolque.
Sen lugar a dúbidas unha proba da laboriosidade das xentes do Ribeiro.



viernes, 17 de diciembre de 2010

Santa Cristina por Salvador Llobet

Hoxe poño dúas fotos, pero se vos fixades ben son a mesma, o que pasa é que unha está dada a volta. A primeira é a orixinal tal como aparece no traballo dos profesores Pons e Castejón. Segundo eles o que se ve na imaxe é Santa Cristina, polo que o val que se ve ó fondo á dereita é o val do Miño, antes de que instalaran a presa do encoro de Castrelo. A magoa é que non se vexa a ponte sobre o Miño.
Como digo a primeira é a orixinal, pero á segunda eu deille a volta, e dicir está reflexada, xa que teño sospeitas de que poidera ser que a diapositiva estivese do revés. Eu fai tempo que non vou por alí, e a foto é do ano 1952. Pero... ¿A vos que vós parece? ¿Cal das dúas é a imaxe real?
Me gustaría acercarme ata alí e retratar, co mesmo enfoque, o sitio na actualidade, para poñervos a foto e así sair de dúbidas.



jueves, 16 de diciembre de 2010

A feira da vila por Salvador Llobet

No ano 1952 un xoven xeógrafo catalán chamado Salvador Llobet i Reverter (Granollers 1908-1991) moi interesado na xeografía rexional e agrária, e que ó cabo dalgúns anos chegaría a ser Catedrático do Departamento de Xeografía da Facultade de Xeografía e História da Universidade de Barcelona, andivo a estudiar a nosa bisbarra, supoño eu, que interesado na nosa paisaxe agrícola.
Sacou fotos das súas excursións, e algunhas delas veñen de facerse públicas ó editaren os profesores Pons e Castejón da Universitat de Barcelona, a quen lle dou as grazas pola súa amabilidade, un traballo sobre o seu legado, a Colleció Salvador Llobet.
Só son seis fotos, e hoxe de primeira poño esta, a única de Ribadavia, xa que as outras mostran a paisaxe agraria e rural do Ribeiro.
Como podedes ver é o Campo da Feira ateigado de gando e de tratantes. ¡Eso si era unha feira!



miércoles, 15 de diciembre de 2010

Na Toxa

Me parece que xa puxen unha foto deste grupo de veciños nosos. Case que estou seguro de que son os mesmos, pero podédelo comprobar por vós mesmos pulsando aquí.
De tódolos xeitos aquí están noutro sitio diferente, e a foto é moito máis nitida. Está sacada no entorno da illa da Toxa, ou polo menos eso é o que me parece a min.
Polas caras dos que coñecemos, Caroli, Rosa da "Casula", o Venancio, a Celeste e Julio "O Mexicano"etc, e polo seu atuendo debeu de facerse na década dos sesenta.


martes, 14 de diciembre de 2010

Na mili en Bilbao

Outra das fotos que me remite Miguel López. Trátase dun amigo del, e veciño de todos nós chamado Perfecto Villar, ó que lle tocou facer o servicio militar na cidade vasca. Aquí o temos co cabelo perfectamente cortado, vestido á moda daquela época, posando nos anos sesenta en Bibao.



lunes, 13 de diciembre de 2010

De volta da División Azul

Esta foto que amablemente envía Carmela Dávila aparentemente amosa a uns cantos rapaces da vila posando na terraza do Instituto Laboral Martínez Vázquez, que era así como se chamaba ó Instituto cando este estaba ubicado nas dependencias que hoxe ocupa o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Pero coma a min me gusta indagar e saber que historia hai detrás de cada foto, buscando e buscando, por fin din con ela, aínda que non fun capaz de resolvela de todo.
Como sabedes este centro foi o primeiro de Ensino Medio e Profesional da provincia, e inaugurouse oficialmente o día 14 de Xaneiro do ano 1954, aínda que comenzára a funcionar dun xeito provisional en Decembro do 1953, con 65 alumnos matriculados no primeiro curso, baixo a dirección interina de D. Manuel Dieguez, que aparece sentado no medio da foto cunha gabardina de cor claro. Na memoria deste curso académico (53-54), aparece unha foto deste mesmo grupo titulada "Alumnos y profesores con el repatriado de la División Azul Antonio Canitrot", e na parte adicada á Formación do Espíritu Nacional dí textualmente:
"El día 27 de Abril, y previamente invitado por el F. de Juventudes y por este centro, se desplazó a esta villa el repatriado de la División Azul José Canitrot Torres, que fue presentado a los alumnos e interrogado por ellos por la Profesora de Geografía e Historia, a los que narró y explicó cuál era el trato que tras el telón de acero se daba a los niños de sus mismas edades. El Director del centro le hizo entrega de un obsequio adquirido con las aportaciones del Profesorado y alumnos".
O problema reside agora mesmo en saber cal era o nome do conferenciante, si Antonio ou José Canitrot. É o que está sentado entre o Director e o Rvdo. Pai Saco Alarcón.
Na foto tamén podemos ver a D. Gerardo Álvarez Vidal , casi de pé apoiado noutro profesor chamado Paulino Sánchez Martínez, e na outra banda da foto á profesora de Xeografía María Pérez López.
Do resto, dos alumnos o mellor será esperar ós vosos comentarios.



domingo, 12 de diciembre de 2010

Miguel en Leiro

Outra foto dun grupo de xóvenes de Ribadavia, que me parece que está sacada nunhas festas de Leiro de non sei que ano, aínda que podería se de mediados dos setenta.
Recoñezo só ó Nemesio, o da Franqueirán, e ó Miguel que é o dono da foto. Do resto non vos podo dicir nada, xa que como sempre ocorre son caras moi coñecidas que non sei identificar.
A xuventude da vila como podedes ver sempre vos foi moi festeira, e aproveitaba calqueira oportunidade para desplazarse ás verbenas que se organizaban nas localidades veciñas.



viernes, 10 de diciembre de 2010

Rapaces do Grupo

Outra fota das boas, desas que vos gustan tanto, e que como podedes ver está feita na Alameda, moito antes de que se remodelase por enésima vez, xa que non sei cantas veces se transformou. O caso é que cando eu era pequeno, e estudiabamos no Grupo Escolar tiña este aspecto. Pódense ver claramente as rampas de acceso á escola, que se deberon suprimir nos anos setenta cando se fixo un muro de contención adosado ó palco da música, o que obligou ós estudiantes a subir polo sucalco superior que daba á rúa do Sanatorio que se non lembro mal se chamaba do Alférez Provisional.
Por esas rampas era por onde os contei un día que baixabamos coma tolos, correndo para tratar de ser os primeiros en coller os sinais de stop que se gardaban nos baixos do Ruso, e poder ter a autoridade de parar o trafego da, daquela estrada Vigo- Madrid, para que a rapazada cruzara a rúa sen prigo.
Tamén podemos ver o morro do coche de D. Enrique Pumar, un Renault R 10 de cor branco que case sempre estaba alí aparcado en fronte do Sanatorio, un pouco afastado da zona onde se xogaba ó fútbol entre as árbores.
Como na foto sae a dona de Canedo, Mari Carmen Carballal, e son veciños meus, falei con eles e case me identificaron a todos.
Na 1ª Fila (Superior): Choni a da" Recareda", Carmen Carballal, Clara filla do" vista al pepe", Merceditas a do "Coconero" e Valeiras
Na 2ª Fila: Justa a do "Pitolo", Lino un mestre de Prexigueiro que estivo moi pouco tempo no Grupo, o seguinte non o coñecemos.
Na 3ª Fila: Braulio Gulin do que xa publicamos unha foto, Manolita a "Gandalleira" filla do Aladino, Mª Carmen Almuiña filla do Lelo da Vichita, que casara co "Coruñes" teclado dos Cisnes, Antonio fillo da dos Conxelados, e Suso fillo dun dos de Materiales de Construción Martínez.
Na4ª Fila (abaixo): Tito fillo do "Alegria", un rapaz da Vichita do que non recordamos o nome, Pepe da Portanova, Javi o "Calavera", Alfonso, o fillo do Simon o barrendeiro vivía nos Escobetes, e José o " Viñuelas", a quen máis tarde lle alcumarían o "Hendrix".


jueves, 9 de diciembre de 2010

Cada vino en su lugar

Hoxe poño unha foto do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor (1897-1979), autor entre outras de obras como "A Esmorga", "Os Biosbardos" e "Xente ao Lonxe" do que atopei un artigo referente a Ribadavia, titulado "Cada vino en su lugar" publicado polo xornal ABC o día 17 de Febreiro de 1967.
Como non quero ter problemas cos dereitos de autor, o mellor será que lle botedes unha ollada na súa ubicación actual, na hemeroteca dese xornal.






miércoles, 8 de diciembre de 2010

A copa co Ribadavia Atlético

Despois deste longo acueducto, que supoño que moitos de vós disfrutaríades, hoxe tócalle o turno a estas fotos, que son as derradeiras desta serie adicada ó Ribadavia Atlético. Como se pode apreciar na primeira das imaxes, Mirian sostén xa o trofeo e conversa co Quinín, mentres que na segunda posa todo o equipo cos dous rapaces encargados de lles entregar o trofeo, dos cales seguimos descoñecendo a súa identidade.





viernes, 3 de diciembre de 2010

Recibindo a Copa

O que non sei é de que copa estamos a falar, pero como podedes intuir, a entrada de hoxe é continuación da de onte, e as fotos son da mesma serie. Nelas vemos a uns rapaces que non logro distinguir, saíndo dende o graderio cara o centro do campo para facerlle entrega ó capitán do equipo o trofeo. Supoño que o capitán era Mirian, que ó agacharse para saudar os rapaces deixa espacio á cámara para que se vexan algúns dos seus compañeiros do equipo, coma o seu amigo Rafael.
Fai moitos anos que non entro no campo de fútbol do Xestal, pero lembro ben como era daquela, xa que era alí onde pasabamos moitas tardes dos domingos asistindo os encontros do equipo que daquela militaba na 1ª Divisió rexional.
Lembro tamén que estaba rodeado por unha pista de cinza branda, á que tódolos anos nos levaba D. Gerardo a facer competicións de atletismo.
Que eu recorde sempre faciamos o mesmo, unha carreira de fondo, da que non lembro cantas voltas se lle daba ó campo, unha de velocidade na recta da tribuna, lanzamentos de peso nun círculo de cemento que estaba situado a carón da portería que dá a San Cristobo, e os saltos de lonxitude e de altura ó seu lado, nunha caixa chea de area na que nos divertiamos moito, ata que chegaba o momento de saltar a altura. Cada un se zafaba como podía, uns ían de cabeza, outros de rodillo, e outros co medo metido no corpo amagaban e tiraban o listón, pero a moi poucos se lles ocorría saltar de espaldas ao estilo Fosbury. A caída era dura.



jueves, 2 de diciembre de 2010

Ribadavia Atlético

Son moi poucas, por non dicir nulas, as fotos que teño de deportes e deportistas da vila. Esta é unha sacada no campo do Xestal, supoño que a comenzos dos anos setenta, aínda que tamén podería ser de finais dos sesenta. É unha mágoa que teña tan pouca calidade, e que apareza recortada por un lado xa que é unha boa testemuña daquel equipo. Acompañando a esta, hai outras que irei poñendo e que me fan supoñer que se trataba dalgún trofeo celebrado por algún motivo especial coma unha festa ou algo así.
Si o outro día vos falaba de Rafael e de Mirian, e da súa afección o fútbol, esta é a proba. Aí os tedes ós dous, o problema e que coñezo a casi todos, pero non recordo os seus nomes, si exceptuamos ó Fidel, ese rapaz que se acoplou na parte dereita do equipo.
Fadece o favor, e deixade a alineación completa. Si podedes dar máis datos, mellor que mellor.

miércoles, 1 de diciembre de 2010

A Armería Lira

Creo que atopei este cartel nas páxinas do xornal "La Región", pero como sucede sempre, agora xa non son capaz de atopar o enlace.
Non sei tampouco onde estaba exposto, si na Armería de Ourense, ou na da nosa vila, pero non vos engano se vos digo que me transporta á Ribadavia dos anos setenta, cando todos os nenos, e tamén os maiores, visitabamos ese establecemento na procura de anzois, plomos, cucharillas, e incluso os afeccionados á caza, coma min mercabamos algún que outro cartucho solto daqueles de cor amarelo marca Trust, que seica debían de ser os máis baratos do mercado.
O que si que lembro é que alí había alo menos na entrada e no interior outros parecidos, aínda que ó mellor me confundo cunhas señoritas recortadas en cartón a tamaño case que natural que nos convidaban a mercar os carretes Mitchell.
De tódolos xeitos penso que Lolín nos poderá informar.