viernes, 26 de marzo de 2010

Có velo na procesión

Outra foto de Rizo para rematar con esta serie adicada ás procesións da Semana Santa, e neste caso si que a foto se corresponde cunha feita nestas datas, xa que pertence ó álbum familiar meu, e nela podemos ver á miña nai seguida da súa, é dicir da miña avoa materna.
Antigamente tódalas mulleres ían tocadas cun velo de cor negra que usaban obrigatoriamente na misa e nas procesións como sinal de respecto, e que era froito da antiga lei canónica emanada dunha epístola de San Pablo ós Corintios. Esta práctica caeu en desuso fai anos, aínda que que se mantén o uso das mantillas, unha tradición moi española e luxosa derivada do velo.
Parece ser que hoxe hai xente que quere voltar a empregar o velo na misa e nas procesións, sobre todo dende que Benedicto XVI publicou un novo decreto permitindo a celebración das misas polo antigo misal.
Veremos en que queda o asunto dos velos e das mantillas. Pero eu polo de pronto despídome por uns días. Que pasedes un boas vacaións, vémonos o 6 de Abril.
Saudos.

jueves, 25 de marzo de 2010

Unha procesión pola rúa de San Martiño

Pásame o mesmo que coa foto de onte, esta foto é dunha procesión, pero é dunha das que se fan nas Festas do Portal en Setembro, xa que na Semana Santa a Virxe que se saca en procesión é a das Angustias, que aínda que se parece algo á do Portal, vai vestida totalmente de negro.
Supoño que esta foto será dos anos cincoenta, máis que nada polas vestimentas dos que van na procesión, e coma sempre pasa, non teño nin idea de quen son esas rapaciñas que saen en primeiro plano vestidas de Primeira Comunión.
Mañán é venres e poreivos a derradeira foto deste trimestre. O sábado collerei uns días de descanso e voltaremos á carga o día 6 de Abril.



miércoles, 24 de marzo de 2010

Chega a Semana Santa

Algún xa me vai a botar a bronca por esta foto, pero estade tranquilos, xa sei que esta procesión pode non ser dunha Semana Santa, senón dunha das festas do Portal, pero que lle imos a facer si non vos teño outras.
A foto é propiedade de Mari Cármen López, e nela está o seu marido Manuel Lage, que é quen leva esa bandeira na que podemos ler a data de 1948. Acompáñanlle á esquerda Totó Chao, e á dereita un dos irmáns Soto ( perdoade pero non recordo o seu nome). O cura que aparece á dereita de todo, coma en segundo plano me din que é un Chao, pero os que seguides o blog "Ribadavia en el cajón de los recuerdos" veredes que Javier Olivares Chao, si é que é el, é ordeado sacerdote no ano 57, é dicir 9 anos máis tarde, polo que a min as contas non me cadran.
Como podedes ver a foto é de Rizo, ese gran fotógrafo móbil ourensán que retratou durante moitos anos a vida na provincia.


martes, 23 de marzo de 2010

Os campións

Preciosa instantanea que nos envía Carmela Dávila e na que vemos ó seu avó Emilio Dávila Alonso, que era o pai de Jaime e de Fidel Dávila, presidindo unha entrega de trofeos dun dos torneos de fútbol que se celebraban na Alameda.
A foto aparte de estar perfectamente enfocada transmite unha mestura de ledicia polo triunfo, e cansancio despois do partido, con tódolos compoñentes do equipo gañador tentando de entrar no plano do fotógrafo.
Na foto aparecen, segundo uns dos libros publicados polo Museo, Francisco Almuíña, Eduardo García, Juan Bande, Julio López Quijada, Celso Lorenzo, e o referido Emilio Dávila.
A espectación destes partidos que se celebraban na Alameda como podedes ver era máxima, senón fixádevos na cantidade de xente se arremuíña detrás, quizás porque estes torneos penso que debían de ser das poucas opcións de ocio de que dispuñan os xóvenes ribadavienses, nuns tempos difíciles.




lunes, 22 de marzo de 2010

Remando ata Castrelo

Esta foto é unha desas das que falei o outro día. Mirade hasta onde chegaban os xóvenes da nosa vila cando se lles daba por remar en serio. Dende A Barca onde alugaban as lanchas, ata aquí aínda hai unha boa tirada.
Esa é a ponte de Castrelo, esa ponte que se fixo tristemente famosa na guerra civil, e que penso que se construíu a principios do S XX.
Detrás, centrada xusto debaixo da estrutura metálica, podemos ver a silueta do monte coroado coa ermida de Sta. María dende onde hoxe se domina o encoro.
A foto é propiedade de Carmela Dávila e supoño que estaredes conmigo en que é unha cucada, xa que estas fotos tan antigas e tan ben coloreadas teñen un encanto especial.


domingo, 21 de marzo de 2010

Flores do Ribeiro

Hoxe Maquiáns cumple un ano, e resulta que coincide có comenzo da primaveira, pero non quero facer moita festa, xa que a nosa amiga Matilde, a que fai eses blogs tan maravillosos sobre a nosa vila, está a pasar por momentos moi difíciles. Dende aquí quérolle desexar a ela e ó seu fillo moita forza, moito ánimo e a mellor e a máis rápida das recuperacións.
Como non ía ser doutra maneira aproveito o título desta postal publicitaria publicada en Arxentina a principios de século, e que me envía o noso amigo de "Ourense no Tempo" para inaugurar a Primaveira.
Recoñeceredes nela a ponte de Leiro adornada cunha morea de señoritas da bisbarra en primeiro termo, e que non son outras que as flores do noso Ribeiro.


sábado, 20 de marzo de 2010

O Miño por Barbantes

Outro dos cromos de Ksado, esta vez do río Miño o seu paso por a vecina vila de Barbantes nos anos 30. Unha estampa totalmente distinta da que temos na actualidade, na que o encoro de Castrelo ten asolagadas estas terras, e por suposto esa presa e ese muíño que vemos nesta imaxen.
No río Miño existían varios muíños, sei que na marxén dereita había un en Trasariz propiedade de D. Pedro García, outro en Barbantes propiedade de D.Santiago Somoza, outro en Laias de D. Antonio García, e outro en Santa Cruz de Arrabaldo de D. Luis Pérez, que tamén producía enerxía eléctrica grazas a unha turbina de 40 Hp. que recibía a auga do río Barbantiño mediante unha canle de mais dun quilómetro de lonxitude, e que producía luz para varios dos pobos que hai entre Sta. Cruz e Razamonde, e que incluso na estiaxe puña en marcha un xenerador Diesel, para suplir a falta de auga.
Na marxe esquerda existía un en Feá de D. Victoriano Villanueva, e outro de D. José Carnero en Puga.
A cal deles pertence a presa que aparece na foto. Un misterio, pero que bonito estaba así o Miño.



viernes, 19 de marzo de 2010

Un domingo de pesca

O outro día estiven compartindo unha xornada moi fermosa con algúns dos meus antigos compañeiros do Instituto. Facía polo menos vintecinco anos que non os vía , e as anecdotas e as historias xurdiron lembrando aqueles tempos. Nunha terraza da Praza Maior un deles me recordou o día que crucei a praza, e media vila, coma un peixe, enganchado por unha cucharilla e un sedal a unha cana de pescar. E foi verdade.

Era un domingo primaveral, deses dos que o sol xa che cega namais erguerte da cama. Había que vestirse de domingo para ir a misa de doce a San Domingos, e dispois a xogar cos amigos ata a hora de comer. Estreaba chaqueta, unha desas de punto con oitos de cor marrón ou máis ben café con leite, e coma sempre antes de sair da casa as recomendacións da miña nai: ¡Que non se che ocurra ir ó río!.


Nada máis sair da misa xa estabamos correndo cara ó río. Tiñamos pouco tempo, e nun tris pillamos a cana e chegamos ó muíño da Raíña.
Ós poucos comenzou a leria, eramos tres, e só tiñamos unha cana, polo que medio en serio medio en broma rifamos polas quendas para facer os lances. Todos queriamos a cana, tira de aquí , tira de alá, e nesas estabamos cando notei unha dor aguda no cóbado do meu brazo dereito. Non se alcanzaba a ver claramente como os garfos se afundían na pel, xa que estes atravesaban a chaqueta. Tras algúns esforzos inútiles por liberarme, tomámola decisión de acudir ó sanatorio máis nada, porque se botaba a hora do xantar encima, e cada un tiña que voltar á súa casa.
Cando vou cortar o fío para coller o camiño de volta noto que este colle tensión, non moita, pero a xusta para producir algo de dor e evitar a miña manobra. Protesto, levanto a mirada, vexo as súas caras de risa e caio da burra, non van deixar que me libere. Terei que ir así, coma unha troita ata o Sanatorio.

Aproveitaron a viaxe para amosar fachendosos a súa captura a todos cós que nos cruzamos no camiño, pola Magdalena, pola Praza Maior e pola Alameda.

Pensaredes que é broma, pero eu aínda seguía enganchado á cana cando D. Enrique, o médico me sentou na padiola e sen mediar palabra, colleu unhas tesoiras, e en vez de cortar dunha vez por todas aquel maldito fío, escomenzou a cortar a chaqueta. ¡A manga da miña chaqueta nova! ¡A dos domingos!.
Os pequenos cortes que me fixo có bisturí non me doeron nada en comparanza cos que lle deu a chaqueta.

Voltei a casa desfeito, e pensando en que historia lle podía contar á miña nai sobor do sete que levaba a manga da chaqueta.


jueves, 18 de marzo de 2010

As Angustias de 1913

Como temo moito aburrirvos coas miñas parvadas, e as miñas teimas sobre as fotos das que non sei nada. Traio hoxe un recorte dun xornal vigués do ano 1913, que nos relata nunha crónica como foron as Festas das Angustias dese ano.
Estas festas se celebraban tódolos anos na parroquia de San Xoan, e penso que xa non se celebran dende fai anos.
Lede o artigo do Noticiero de Vigo do 9 de Abril de 1913, no que se fala entre outros do párroco D. Juan Parracía, do que xa pusemos unha foto aquí.


miércoles, 17 de marzo de 2010

No adro da igrexa

Esta foto está sacada no adro de San Domingos, pero non sei en que ano. Supoño que a farían para conmemorar algún acto relixioso, xa que no medio aparece un frade franciscán.
Eu coñezo a bastante xente, o que pasa é que teredes que perdoar por no saber nalgúns casos os seus nomes.
Dos que están de pé e comezando pola esquerda, vexo de segundo e cunha chaqueta clara ó "Paco Katrina", xusto á esquerda do frade a Berta Escudero, e detrás dela asoma á cabeza da "Toñita da Imprenta".
Das mulleres que hai de pé á dereita do frade, recoñezo de terceira, á muller do "Xiada", tamén a Charo Chao, e a "Pepita da Gelucha" . Ó final, á dereita de todo está Manuel Lage, foi a súa viúva quen me cedeu amablemente esta foto.
Dos que están agachados o segundo pola esquerda é un irmán de Lage que vive en Vigo, e que foi chofer de Vitrasa, o seguinte é o pai do Chito e de Maloles, e tamén andan por aí o "Can Sentado" e o famoso tenor Toni de Soto.
Por último sentado no chan e en primeiro plano un dos Chao.




martes, 16 de marzo de 2010

Baños no Miño

Non sei quen son estes rapaces que posan así para esta foto, que supoño bastante antiga. Lle calculo que será da década dos trinta, e apunto cara o río Miño, porque este rochedos tan escarpados só existían na confluencia do Avia co Miño no lugar chamado Coto do Frade, que parece que era moi concurrido pola xuventude ribadaviense á hora de tomarse uns baños.
Outra solución sería que a foto estivese sacada subindo polo río Miño, é dicir augas arriba da desmbocadura, e incluso pode que lle sacasen esta foto dende algunha das lanchas que se alugaban na Barca, e digo isto primeiro polo punto de vista do que saca a foto, e segundo porque máis adiante amosareivos fotos feitas por outras pandillas, de excursións en barcas ó longo do río Miño.
Faime gracia que un deles use aínda un traxe de baño deses enteiros, dos que parecían unha camiseta de tiras, mentres que os outros xa non.

lunes, 15 de marzo de 2010

Tío Julio e tía Lola

De cando en vez falo da miña familia, dos meus devanceiros, e hoxe vouvos presentar a tío Julio e a tía Lola.
Ela era arxentina e chamábase Lola López Buisán, era pianista, e polo que teño entendido os seus pais eran españoles. Tivo, que eu saiba, un irmán chamado José Gabriel, escritor e profesor universitario de certa sona na Arxentina, e alí, non sei si na cidade de Córdoba ou na de Buenos Aires coñeceu ó meu tío avó Julio Freijido Montero, que era o único irmán do meu avó paterno Odilo.
Así comenzou unha maravillosa historia de amor, viñeron de volta a Galicia cargados de libros e de ilusións. Regresan coa esperanza posta na República, e coas súas ideas socialistas fervéndolle na cabeza, pero os acontecementos en España van a discorrer por un camiño ben distinto ó que el soñara. Tense que refuxiar na casa petrucial, escapando ós montes de Cenlle moitas noites, ata que nunha delas, unha camioneta con xente de Ribadavia có motor e as luces apagadas descende pola recta da Groba ata as Chavolas e o fan preso.
A familia púxose en marcha para tratar de evitar o que todos sabían que podía suceder. Tivo sorte, moita sorte, e como mal menor pasou varios anos na cadea, traballando na imprensa de Oseira.
A súa vida mudou para sempre, incluso de cando en vez, en datas moi sinaladas sufría arrestos domiciliarios na súa casa de Ourense, á que eu devecía por ir, xa que sempre había un libro para min. Algunhas tardes as pasaba no Liceo, a onde me levaba ás veces.
A súa "enfermidade" non ten cura, dicía José Gabriel, o irmán de tía Lola nalgunha das súas cartas enviadas dende o país andino, referindose á situación política española.
No ano 1975 todo mudou, pero eles non chegaron a velo. Uns anos antes morreu Lola, e el non sabía vivir sin ela. Arroupamolo moito, xa que non tiña fillos, pero como vós digo sin Lola non aguantou máis dun mes, e un 20 de Novembro, casualidades da vida, deixounos.
Os dous están xuntiños, coma estiveron sempre, no cemiterio de Sampaio, debruzados sobre o val que o veu medrar a el de neno, e moi lonxe da Plata a onde Lola, de seguro quixera voltar.



domingo, 14 de marzo de 2010

A campá da torre do Concello

Tedes que perdoar, pero é que ás veces con tanta foto pérdome e non cumplo coa palabra dada. Fai xa bastante tempo falei aquí do reloxo da torre, e prometín falar da campá que hai sobre ela, esa que durante tantos anos marcou o noso ritmo de vida, ou polo menos da miña.
Para elo utilizo estas dúas postais da Praza Maior, que como podedes ver teñen as letras en cor vermella, e que teñen fotografías diferentes ás das series en azul. Pero ese é un tema que deixaremos para outro día.
Como sucedeu na outra ocasión, o que vos vou a contar pertence a un traballo feito por José Ramón Estévez que se titula "Historia artística de la torre, del reloj y de la campana del ayuntamiento de Ribadavia", baseado no traballo de D. Rubén García " La Casa Consistorial, edificio ribadaviense del siglo XVI".
Parece ser que antes do ano 1657 había unha campá na torre, e a súa rotura foi a que xerou toda unha serie de información que se conservou ata hoxe, xa que nese momento o Concello puxo en marcha toda a maquinaria para construir unha nova campa.
Despois de recibiren varias ofertas, encárgaselle o labor ó mestre campaneiro Pedro de los Corrales, que vai a aproveitar os trozos da vella que pesou 317,4 Kgs. para fundir unha nova no adro de San Domingos o día 8 de Abril dese ano.
Engádenlle outra pequena campá moi antiga para facer a nova máis grande, que acadará un peso de 335,8 Kgs. Farían falta máis de trinta homes para subila ó alto da torre. O mestre cobrou en total pola suma de varios conceptos 1755 reais.
Pero esta campá non aguantou o paso do tempo, e tras 124 anos de traballo os veciños notaron como o seu son se ía esvaecendo e se deterioraba. Tiña unha fenda de máis de tres cuartas como consta no informe presentado o día 10 de Marzo do ano 1780 polo mestre campaneiro D. José de Rucabado, " este defecto le bajo la más de su boz, y cuanto más prosiga menos o ninguna le quedará". Non quedaba outra que fundir de novo a campá, e vai a ser este mesmo mestre que contaba daquela 35 anos e que residía no Coto de Gomariz, aínda que era veciño de Tuy, quen baixo un presuposto de seis mil reais de vellón, o 19 de Abril de 1781 remataría a fundición da campá que na actualidade coroa a torre do Concello.
Segundo conta Samuel Eijan, dispuxose que levara a seguinte inscripción: "Verbum caro Factum est. Xptus. Vincit. Xptus Regnat. Xptus ymperat. Xptus. ab omni malo nos defendat". Que máis ou menos debe de significar:"A palabra querida é necesaria. Cristo Vence. Cristo Reina. Cristo Gobierna. Cristo .Nos defienda de todo mal."
Pero por esas cousas das meigas e da colocacion das letras en negativo nos moldes, nunha época de moito analfabetismo, a inscripción que aínda hoxe te a campá escrita no seu anel é : "9 Regnat. Xpt 9 Imperat. Xpt 9 Ab. Omi is M Verbum Caro. Factum est. Xpt 9 vivit Xpt Ni Malo Nos Defendat". Que quere dicir: Reina. Cristo Gobierna. Cristo Para todo tiene que ser la palabra querida. Es necesario.Cristo Vive. Cristo nos defienda de lo malo."
Ou sexa que a frase quedou desordeada, pero máis ou menos se pode entender, igual que a outra frase que leva que é:
"ADI/CON FACUITR ANO D 1781/SET IIZO DE CUENTA DE LOS PROPIOS DE ESTA V(villa)/RUCABADO MEFECIT".
E que penso que se entende claramente.


Plaza Mayor Ribadavia

Plaza Mayor Ribadavia

sábado, 13 de marzo de 2010

A canella do muíño

Xa lle teño dado moitas voltas a esta foto que me cede amablemente Matilde, e por máis que lle dou, non son capaz de ubicala. Alá ó fondo vese unha estrada cuns petriles e unha especie de cruce cun camiño de baixada, que irá a dar ó regato.
Supoño que este muíño non está en Ribadavia, pero seguro que ten que ser dalgún dos regatos que hai nos arredores. O problema é de onde.
Estes canles dos muiños ás veces tiñan moita lonxitude, e moito traballiño xa que algúns están feitos de pedra e incluso tallados nela. Tamén temos levadas coma a que viña dende Maquiáns ata a vila, ou a do río Outeiro que nos amosa Carmela Dávila no seu fotoblog, e que podedes ver pulsando aquí.
Penso que todas estas canalizacións tradicionais, deberían de ser un patrimonio a conservar.
Espero as vosas respostas. Eu non sei de onde pode ser esta foto.



viernes, 12 de marzo de 2010

Ksado dende a ponte.

Magnífico cromo da colección de Ksado, que enlazo coa foto que puxemos recentemente da Srta. Ruth Matilda Anderson. O nexo de unión das dúas fotos é a roupa tendida ó sol, a secar na mesma zona do río Avia, xusto augas arriba da ponte de San Francisco.
Un saca a foto dende arriba nos anos trinta, e a outra a fixo uns anos antes dende abaixo. Entre as dúas deberon de pasar case que dez anos, e a roupa segue no mesmo sitio.
Tamén podemos enlazar esta foto coa postal do Ribadaviense que puxen fai uns días, as dúas retratan o mesmo tramo do Avia, esta dende a ponte e río arriba, e a outra dende a Veronza e río abaixo, pero con vinte anos entre elas.
Non quero pecar nin de antigo nin de romántico por andar tódolos días con estas cousas vellas, pero despois de ver estas fotos penso, e é unha opinión, que era moito máis bonito o río antes que agora. Mirade que coiñal á esquerda coa roupa a secar, é inmenso.




jueves, 11 de marzo de 2010

Diante do telón

Esta é unha desas fotos das que non sei absolutamente nada, polo que teño que tratar de focalizar a vosa atención noutras cousas. ¿Quen son esas dúas rapazas? Si o sabedes perfecto, podedes deixar un comentario cós nomes delas, e así desvelaremos este misterio. Pero a gracia desta foto é o telón ou pano que usa o fotógrafo de fondo.
Fixádevos ben nel, desenvólvese, colgase de calqueira sitio, e os protagonistas da foto pasan a ser habitantes dun deses paisaxes románticos nos que a néboa envolve xardíns e fontes.
Non sei se alguén se detendrá a estudiar estes telóns, e tampouco sei quen os pintaría, pero dende logo, os que os facían eran uns verdadeiros artistas da perspectiva cónica.
O fotógrafo que sacou a foto, tampouco era parvo, coñecía ben o seu oficio. Mirade onde sitúa o pano, xustiño derriba dun escalón, para que todos, grandes e meniños salgan ben, ou como neste caso estas dúas señoritas queden á mesma altura.
Supoño que se farían esta foto nalgunha feira ou festa, o que non sei, nin aventuro a dicir é de que ano.




miércoles, 10 de marzo de 2010

Outra postal do Avia

Outra desas postais editadas a principios do SXX por D. Hermenegildo Rodríguez, que retrata unha parte do Avia. Eu máis ou menos lle calculo que a foto está sacada dende onde hoxe está o Ambulatorio, e dicir un pouco máis abaixo da Veronza.
Pódese apreciar con total claridade á esquerda un gran coiñal limpo de vexetación. Era unha insua que discurría paralela ó campo do Consello, e que separaba a canle do muiño do río.
Eu non sei se poderedes apreciar que ó remate desa isla de coios, hai unhas rochas que separan as augas en varias canles. Nelas vense a varios homes, como si estiveran a traballar, e nunha das canles, na da esquerda pódese ver unha especie de represa feita con tablóns de madeira chantados no chan que non sei que utilidade podería ter¿Sería para colocar redes de pesca?.
Outra das cousas que me chama tamén a atención é que algún propietario desas terras que dan ó río xa fixera un poderoso muro nesta época, para elevalas e defendelas da auga das avenidas invernais, como é un que podemos ver debaixo dunhas árbores da orilla dereita, que son as únicas que se reflicten nas augas do río.
Ó fondo vemos o barrio da Estación, o convento e a ponte de San Francisco, e detrás a inconfudible estampa da vila.

Rio Avia. Ribadavia 1912

martes, 9 de marzo de 2010

Os Cabedos

Eu na casa escoitara falar moito a meu avó desta singular e pioneira empresa que se creou na vila, e que desgraciadamente desapareceu, penso que, ó non adaptarse ós novos tempos, polo que chamoume poderosamente a atención esta foto ó vela no Museo.
Polo pouco que sei penso que estaba instalada na rúa do Progreso nun baixo entre o edificio do Bar Evencio e o da armería Lira, pode ser que no mesmo sitio que despois ocupou "Confecciones Luys".
Os Cabedos eran da zona de Levante e crearon na vila esta empresa que tiña como finalidade a exportación de ovos a outras partes da xeografía, tanto galega como española, para o que necesitaban man de obra capaz de manipular, clasificar e envasar esta delicada mercancía.
Na foto vemos a algúns dos traballadores no seu local, rodeados de caixas cheas de ovos e de viruta que servía de illante nas caixas fronte os golpes nos transportes. As caixas ían marcadas a lume cun rombo e con distintas inscripcións segundo a calidade e o tamaño dos ovos.


Non sei exactamente cando se fixo a foto, pero debe de ser de mediados da década de 1940. A empresa parece que chegou a ir moi ben, e tiveron bastantes empregados, incluso tamén fabricaban eles mesmos as caixas. Sei que Emilio Pérez Araujo "O Coxo", ese lexionario que ultimamente visita estas páxinas con bastante asiduidade, despois da guerra traballou para eles de carpinteiro, a pesares de andar cargado de metralla e sen unha perna.
A única información que acompaña a esta foto no Museo é que nela aparecen Francisco Lorenzo Lorenzo, Fidela Rodríguez Cendrón, Celsa Feijoo e Nieves Blanco Leboso.

Mirade por onde tiñamos na vila, e sin sabelo, ós precursores das empresas avícolas ourensás.



Os Cabedos. Ribadavia

lunes, 8 de marzo de 2010

O sacho e a cavadora

Esta foto penso que debeu de ser feita nos fondales de Beade, a principios da década dos sesenta, de cando as primeiras feiras do viño, de cando se comenzaba a tratar de mecanizar e a incorporar as novas tecnoloxías ó Ribeiro. Nela vemos o Sr. Andrade Usatorre facendo unha demostración dunha das súas máquinas cavadoras.
A foto é perfecta polo simbolismo que ten, porque retrata dous mundos contrapostos: o mundo do sacho fronte ó da máquina, o mundo da boina fronte o do chapeu publicitario, dous mundos que daquela eran case antagónicos, e que están perfectamente situados a candanseu lado da imaxe.
Á esquerda o home da boina, un apocalíptico do sacho, collendo prestadas as palabras de Eco, que como bó galego dubida das bondades e da efectividade das máquinas. Pensa que as arma o demo, e que cando máis as necesitas se derraman, e que non son quen de facer a cava coa cautela e o mimo que cada un lle sabe dar á súa peta.
Está en minoría fronte ó optimismo dos outros tres, que aparecen á dereira, e que só lle ven avantaxes. Como eles hai moitos, cada vez máis, enchen as viñas con gorras de publicidade, e con ruidosas máquinas de sulfato, e como vemos na foto incluso se permiten poñerlle o pé derriba á máquina en claro símbolo de dominación. Son os integrados, e que Eco que me perdoe, ou mellor dito eran, xa que isto aconteceu fai moito tempo.



As máquinas chegan ó Ribeiro

domingo, 7 de marzo de 2010

Xogadores de dominó

Outra das fotos propiedade de Mª José Bouzas, esta vez dunha partida de dominó no bar Evencio alá polos anos sesenta. A partida comao tiña que ser, das de antes, con café e copa e con mesas de mármore para que as fichas poidesen facer ruido.
Aparte de aparecer á esquerda o seu pai Quico, tamén vemos a "Cholo" de pé, e botándolle a man por derriba, como facendo un aceno ó fotógrafo. Dos outros tres membros da partida penso que só coñezo a dous, un podería ser Milucho "O Relojero", tamén debaixo de Cholo, e o outro, á dereita de todo, debe de ser Venancio Montero, que tiña unha moblería na esquina oposta á Fonte da Prata, e que era sobriño das señoritas Libia e Barbarina que puxemos fai uns días. Posuía un loro gris africano que sacaba ó balcón da súa casa, e que a min de pequeno me chamaba moito a atención.
Pode ser que erre nas identificacións dos xogadores, pero seguro que os vosos comentarios non fallan. Ademáis falta por coñecer a un, ó do medio, o que leva un pañuelo no peto da chaqueta.

Dominó no Evencio. Ribadavia

sábado, 6 de marzo de 2010

"A Morena"

Moito non sei desta foto, que me manda Mª José Bouzas. Parece ser que a Srta. que aparece á dereita da foto é "A Morena", e non me debo de trabucar moito si situamos esta imaxe cara a 1921, anos arriba ou abaixo. Digo isto porque estas tres ribadavienses xa apareceron nestas páxinas con anterioridade, e a súa fisonomíe é bastante parecida nas dúas fotos.
Podédelas lembrar si pulsades aquí. Veredes unha entrada anterior da voda da "Palota" do ano 1921, elas saen na foto entre os que están de pé.


viernes, 5 de marzo de 2010

Os Bragianos

Xa pasou o entroido pero o outro día recibín unha agradable sorpresa en forma de fotos , entre elas esta que nos envía o noso amigo Amando Canitrot, e que sitúa na década dos cincoenta. Con ela viñan unhas liñas coas que nola explica un pouco, e que paso a transcribir a continuación:
" A murga en cuestión creo que se chamaba "Os Bragianos", na honra do director da banda en aquela época que me parece que era Luis Brage (corríxeme si me trabuco), que debe ser o que na foto está situado na esquina inferior esquerda co seu abrigo escuro e a sua prominente barriga.
Desta foto coñezo a pouca xente: na segunda fila de arriba, o terceiro pola esquerda creo que é o Raimundo Gulín "O Peteira", afamado trompetista; o primeiro da terceira fila superior pola esquerda é meu pai, que vai vestido de mexicano, na mesma fila, o quinto se me parece ao Ricardo "O Municipal", e o derradeiro desa misma fila é o Manolo Vázquez, o pai do "Chapote." O da chisteira con gafas e o "Paxarín", un home que traballou moitos anos na maderera gallega (ó lado do Bar Menacho), e o mejicano a sua dereita e o Vicente "O Barbeiro", que tiña a barbería na curva da ponte de S. Francisco. O Napoleón, somentes sei que lle chamaban "o chepiña". O de camisa branca, enrriba de Brage é o Braulio Gulín (outro Peteira, primo do Raimundo), que tamén é un grande trompetista. Recoñezo ao "Pechochou", o avó do José Tielas, que é o que está enriba do da chisteira e o bombo, cun traxe branco cos bordes das solapas e bolsillo en tono escuro, e con boina."
Eu por aportar algo a maiores direi que penso que o que está xusto detrás do "Paxarín" fumando un puro debe de ser "O Alegría", e o que está en primeiro plano vestido de mouro, é Emilo Pérez Arujo, "O Coxo" que fora lexionario. Se vos fixades ben veredes que lle falta a perna, e que leva unha insignia do Tercio na chilaba.
Nun dos libros editados polo Museo aparece esta foto e din
que é da comparsa "Os mismos e os de sempre" do ano 1951. Si sabedes algo sobre o nome exacto desta formación, podédelo compartir connosco deixando algún comentario.


Entroido Ribadavia 1951

jueves, 4 de marzo de 2010

De paseo

Facía vento ese día festivo, que supoño de primaveira ou de outono, xa que algunha destas señoritas ribadavienses aínda mesturan as roupas do inverno cunhas sandalias de verano.
A foto está sacada na rúa do Progreso máis ou menos á altura do Castelo, e se nos fixamos ben vemos detrás á esquerda a Alameda, na que aínda non se elevara o muro coa fonte que durante tantos anos nos acompañou ata a construcción do aparcadoiro soterrado.
Non sei en que ano se construíu a fonte e o muro, polo que non son capaz de poñerlle unha data a esta foto. ¿Anos corenta? Non sei tampouco a identidade desta xóvenes, pero penso que me podería arriscar a dicir que a primeira pola esquerda e a nai dos Carrera, ela débese apelidar Fernández, e digo isto polas semellanzas cós seus fillos.
Espero que vós saibades quen son as outras.




miércoles, 3 de marzo de 2010

Outra ollada á ponte

No mes de Xullo do ano 1925 esta dama americana que aparece fotografiada embaixo, debeu de descender ata o río polas empinadas escaleiras que hai xusto enfrente do Convento de San Francisco, percorreu a orilla dando unhas pequenas voltas de inspección, ata que decidiu o punto exacto onde poder instalar os seus aparellos fotográficos para sacar esta fermosa foto.
Esta é a americana da que falamos varias veces, é a Sta. Ruth Matilda Anderson, e debaixo vemos outra das súas olladas, outra das visións tan persoais que tivo da nosa vila, esta vez da Ponte de San Francisco e do río Avia.
As laxes que hai nesta parte do río aparecen totalmente cubertas de roupa a secar, isto é común nesta parte do río con outras fotos desta época, e incluso posteriores. Aínda non se coñecían as lavadoras, e as señoras tiñan que baixar ó rio a lavar a roupa, para elo lembro que utilizaban un caixón en forma de L, o puñan á beira do río, e se axeonllaban dentro, para protexerse dos envitas da auga.
Outra das cousas que hoxe xa non se ven, son esas maneiras tan especialis de transportar en equilibrio sobre a cabeza as pesadas tinas de roupa para baixar e subir ó río, tal como fai esa lavandeira que posa baixo a ponte, nun terreo que por certo está totalmente limpo e rozadiño, coidado. Case parece como si o aseasen para a foto.






Puente San Francisco Ribadavia

martes, 2 de marzo de 2010

A rúa de San Martiño

Fermosa imaxe da Rúa de San Martiño sacada dende a atalaia do cruce da estrada do Carballiño a principios do S XX. Se vos fixades veredes que esta foto é unha copia feita cun dos negativos que se empregaron para facer aquelas postaliñas das que falamos varias veces, encargadas por D. Hermenegildo Rodríguez á Fototipia Thomas de Barcelona alá polo ano 1915.
Se a mirades en detalle podedes ver como unha morea de cativiños están a xogar sobre, e ó rredor da fonte de Dous Canos, e facendo un pouco de esforzo podemos ver como moitos deles están descalzos.
As señoras que aparecen, todas levan saias longas e avultadas, propias da moda daqueles anos, ou dos poucos recursos cós que contaban.
Outra das cousas que me chama moi poderosamente a atención e o cambio de empedrado no medio da rúa, non sei se estarían en obras, ou é que os cartos non deron para máis e así quedou, a medias. E debeu de quedar así bastantes anos, xa que en fotos feitas bastantes anos despois, aínda seguía así.
Temos que darlle as grazas a Benito Amil por compartir connosco estas pequenas xoias. Grazas Benito.








Rúa San Martiño Ribadavia 1912

lunes, 1 de marzo de 2010

Fidel na Praza de Abastos

O rapaz que vedes aí no medio sinalando para o fotógrafo, como dicíndolle ó cativo que sostén no colo: - Mira para a cámara. Non é outro que Fidel Dávila, e como podedes ver a foto leva escrito o ano de 1935. Non sei quen son os que acompañan a Fidel nesta imaxe, polo que moito non vos podo contar, o único que sei é que debeu facerse uns días antes da súa marcha á Arxentina onde estivo ata o ano 1945, segundo nos conta a súa filla Carmela que é que tan xentilmente nos cede esta instantanea.
A foto está sacada na rúa que une a do Progreso coa Praza de San Xoán, e o edificio que vemos detrás, e a flamante Praza de Abastos de Ribadavia, que nesa data levaba xa 6 anos funcionando, despois de que a inaugurara D. Jesús Pousa no ano 1929.
Aproveito esta foto para ensinarvos como era antes. Como vedes era cuspidiña ós planos que puxen no blog fai uns meses e que podedes ver pulsando aquí.
Tiña unhas amplas escaleiras no seu lateral e unha fonte xusto embaixo, a mágoa é que este grupo de mozos tapa a fonte, e só nos permite ollar as escaleiras.
Na actualidade as escaleiras e a fonte non existen xa que o edificio sufríu varias reformas. A primeira delas debeu de eliminar as escaleiras, pero mantendo a fonte no seu sitio, e despois cara a 1961 se sacou a fonte e se construiron varios kioscos adosados á parede como o do Murciano, que penso que xa non existen hoxe en día.



Plaza Abastos Ribadavia 1935