domingo, 31 de enero de 2010

Unha manifestación

Fermosa foto dunha manifestación política en favor de Franco, que non sei onde se puido celebrar. Como dixen outras veces sería maravilloso poder saber a historia destas fotos, pero coma sempre non sei si foi en Ribadavia, ou noutra vila ou cidade. O certo é que todas estas xentes que están debaixo desas pancartas son veciños de Ribadavia, e a pesares do mal estado de conservación desta copia, penso que podedes recoñecer a algúns deles.
Eu recoñezo ó "Tonán" que era zapateiro na praza de San Xoan, e ó "Pisco" e a súa muller a "Polita". Lembro que o Pisco foi toda a vida o porteiro do Concello. Pero seguro que vós coñeceredes a algún máis.



Manifestacion Pro Franco Ribadavia

sábado, 30 de enero de 2010

Os abesouros

O outro día falei de insectos, dos famosos carpinteiros cós que me enredaba eu cando subía a costa da Capela do Portal para ir ó parvulario das monxas, e hoxe poño esta foto, que supoño que será da gran nevada do 63, e que pertence a Mª José Bouzas, para ensinarvos exactamente o sitio.
Vedes ese muriño baixiño que hai á dereita e que vai morrer baixo ese ciprés que hoxe está sufrindo, medio podado. Pois ese era o territorio dos chinches carpinteiros, e que agora grazas a internet vexo que reciben o nome científico de "pyrrhocoris apterus".
Pero non só xogamos con estes bichiños vermellos, a medida que fumos medrando comenzamos a xogar con outros máis perigosos.
Eu non sei si os rapaces de agora son máis ecolóxicos, ou é que nós eramos uns perfectos animais. Moitas veces cando chegaba a primaveira e as frores comenzaban a rebentar, colliamos uns cartóns, doblabámolos polo medio, e veña, a dar unha volta pola traseira do Grupo Escolar a ver de pillar algún abesouro.
A técnica era doada, co cartón dobrado en ángulo entre os dedos da man, había que tratar de coller ó insecto cando este pousaba nalgunha flor, sen apretalo moito para non lle facer dano.
Non nos servía calqueira abellón. Tiña que ser un de bó tamaño, un que chamase a atención. Unha vez que o tiñas no cartón comenzaban os problemas, chegaba a hora das picaduras. Tiñas que andar moi fino, e alixeirar a presión ata que avesouro se deixaba ver. Nunha dificil e sempre complicada manobra, cunha folla de afeitar cortabamoslle o aguillón. Se llo arrancabas o insecto morría, e xa non servía para nada. Pero si a operación saía ben, só tiñas que atarlle un fío pola cintura ó bicho, e...¡a voar!.

Paseabámolos pola vila, e era coma levar derriba da túa cachola un bombardeiro da segunda guerra mundial polo ruido que metía. E cando te cansabas, ou non o querías voar, metiámolo no hangar, que non era outra cousa que unha caixa de mixtos daquelas das grandes, das que case non cabían nos petos dos pantalóns.
Cando pillabas un ben grande ías con el todo fachendoso. Supoño que hoxe en día alguén te chamaría a atención.




viernes, 29 de enero de 2010

Os irmáns Escudero

Ou máis ben parte deles, xa que nesta foto só aparecen tres, que son de esquerda á dereita Alfredo, Néstor e Benito Escudero Gallego.
Estan fotografiados na rúa Yáñez da nosa vila no ano 1929, xusto enfrente de onde se atopaba o primeiro comercio do seu pai Agapito, que se chamaba "HIJAGA"(Hijos de Agapito). Supoño que saberedes que dita rúa, é a que saíndo da praza de San Xoán vai baixando ata a fonte da Prata, sendo daquela, no primeiro tercio do SXX, unha das máis comerciais da nosa vila.
Recordaredes a Alfredo porque foi o afortunado rapaz que dous anos despois de sacarse esta foto, sería elixido para esa maravillosa viaxe de estudios que rematou coa foto da portada do ABC ,que vos puxen fai uns días.
Tamén seguro que coñecedes a Benito, do que xa vós puxen moitas máis fotos, coma as do Dr. Kembur.
Os fillos dos dous son grandes colaboradores deste blog, e nesta foto, propiedade de José Luis Escudero, só están tres dos irmáns, pero penso que Agapito Escudero tivo moitos fillos, e a sabiendas de que me vou a esquecer dalgún, voume atrever a dar os seus nomes, aínda que espero algún comentario coas vosas correccións. Os irmáns eran: Mario, Nestor, Agapito, Menchu, Alfredo, Benito, Paulino, Concha e Berta.
Ós que lle temos que sumar Pepe e Julia que eran os que faltaban para os once.

Moitos deles, de seguro ben coñecidos por todos vós, continuaron a saga empresarial e comercial que iniciara o seu pai.




jueves, 28 de enero de 2010

Homenaxe a Jesús Pousa

Esta foto está feita na parte traseira do Club Artístico, e como reza no título fíxose na homenaxe a Jesús Pousa Rodríguez, que xa sabedes que fora entre outras cousas un gran alcalde da nosa vila.
O Museo pouca información máis acompaña con esta foto, polo que non vos podo dicir en que ano se sacou.
A min gustaríame poder identificar a todos estes ribadavienses, e datar a foto, entón o que vos propoño e que entre todos, cós vosos comentarios, vaimos actualizando as ringleiras valeiras de nomes que vou a poñer embaixo.
Cada vez que deixedes un comentario, eu vou a introducir o nome na entrada, e a ver si así , aínda que sexa ós poucos, podemos ir completando a identificación de todos estes personaxes da vila.

Sempre de esquerda á dereita

Fila Superior dos que están de pé (13): Manuel Gómez Juste "Palota", Odilo Freijido, Fidel Dávila, Chucho Pousa, Julio Lira, Manuel López Márquez, Antonio Freijido, Emilio Gómez Casasnovas.

Fila Intermedia que están de pe ( na parte dereita da foto) (8): Manuel Davila Araujo "O Coca" , Alejandro Meruéndano.

Fila dos sentados (15): Francisco Fernández (Cine Río), Manolo Freijido, ? ,Padrón, ? , ? , Jesús Pousa, Manuel Meruéndano, "Garibaldo", José Chao, José Casas Abraldes, Benito Araújo, Agapito Escudero.

Os sentados diante (4): Jesús Freijido, Javier de Burgos, José Araujo, Pedro Orovio Ruiz de Viñaspre.


miércoles, 27 de enero de 2010

Nos "Jardinillos"

Esta foto que me envía Carmela Dávila, é unha verdadeira maravilla por varias razóns. A primeira polas belezas ribadavienses que posan nela, a segunda por que está sacada nos "Jardinillos" que hai ó lado do cemiterio, creo que pouco despois de que estes se inaugurasen, e a terceira pola paisaxe que nos amosan detrás.
Aparecen na foto súa nai Rita e a súa tía Claudina Pousa amais de Milagros Tesouro e de dúas rapaciñas, das que penso que unha é Lula Lira. Apoianse no muro que linda nestes xardíns có Campo da Feira, no que aínda non medraran as árbores que hoxe hai alí, o que nos permite ver con certa claridade A Foz e os seus arredores.
Carmela que é unha namorada da natureza cando me deu a foto, fixo especial fincapé na paisaxe do fondo. Mirade que cantidade de socalcos hai na ladeira do monte de Santa Marta, e o ben traballados que están. Hoxe aquelo parece o mato do Brasil, todo inzado de acacias e toxos.



martes, 26 de enero de 2010

Sastrería de Gumersindo Cortés

Eso penso que é o que pon no cartel que hai debaixo do balcón deste emblemático edificio da nosa Praza da Magdalena.
A foto está feita no mes de Xullo do ano 1925, pola Sta. Ruth Matilda Anderson. A americana que veu facer fotos a Galicia, e da que supoño que vos lembraredes xa que falamos fai pouco dela.
Ruth caracterízabase por crear novas olladas coas súas fotos, novos puntos de vista que non facían os fotógrafos locais, e este da Magdalena có edificio enteiro penso que é maravilloso. Polo menos eu nunca o vira, e mirade que hai fotos desta praza.

Se nós fixamos ben nesta edificación, que penso que antes desta data fora cárcere, e cuartel, caeremos na conta de que non se parece en nada á actual, hoxe só conserva os arcos cós capiteis da planta baixa, e os famosos medallóns da fachada, pero cambiados de ubicación. Mentres que xa non existen os demais elementos importantes dela, coma eses canos de desague tallados nunha soa peza ou esa potente cornixa.
Neste ano de 1925 a sastrería ocupa o primeiro piso, e se vós fixades veredes coma polo oco do balcón que está aberto podemos contemplar a unha muller cosendo sentada debaixo dun traxe pendurado da parede.
O que non sei é si Gumersindo Cortés é ese home que aparece asomado na fiestra da esquerda, xusto a que ten colgada unha gaiola para paxaros.



lunes, 25 de enero de 2010

O parvulario das monxas

Eu non sei si algúns dos que ledes este blog estudiastes nas "monxas" que era así como lle chamabamos nós a escola de párvulos que tiñan as Irmás Franciscanas no Convento Hospital de San Domingos.
Eu si tiven esa sorte, e lembro especialmente á Irmá Úrsula, pola afabilidade, cariño, paciencia e bó trato que tivo con nós naqueles anos.
Pouco lembro daqueles cursos nos que eu era un cativo de 5 ou 6 anos, e ó mellor moitos deses recordos son por ver as fotos daquela época. Sei que andabamos todo o día vestidos cun mandilón, e que ás veces nos deixaban levar os xoguetes á clase. Aínda me lembro ben dalgún dos meus compañeiros vestido de indio e cun penacho de plumas na cabeza.
Outra das cousas que me quedou gravada, era a miña diversión ó entrar e saír do parvulario. Sempre ó subir e baixar polas escaleiras da capela do Portal, detíame a xogar cuns insectos pequeniños de cor vermella que tiñan unhas manchiñas negras, ós que lle chamabamos zapateiros, e cós que podía pasar xogando horas e horas.
Non sei si é que vou pouco ó monte, ou si é que coa altura que temos os adultos, e coas pouca gañas que temos de doblar o cerrizo, os insectos diminutos que pululan polo chan nos quedan moi lonxe, o certo é que fai moitísimos anos que non vexo a eses zapateiros.



domingo, 24 de enero de 2010

Unha celebración no Evencio

Non sei que é o que se celebraba, pero como podedes ver debía de ser algo importante pola alegría que mostra este grupo de amigos.
Postos a especular podería tratarse incluso dun brindis para celebrar o fin de ano, antes de retirarense todos ás súas casas a cenar, xa que polo que se ve esta foto está feita no inverno, senón fixádevos nos abrigos das señoras, e nas luvas que aparecen en primeiro plano dentro dun tricornio da Garda Civil.
Hoxe en día esta imaxen sería case impensable. Coas presas coas que andamos todos, coche vai e coche ven, e aínda por riba brindando con catro botellas de sidra "El Gaitero" cun número da Benemérita, porque aí no medio está sentado un axente da Garda Civil. Adeus puntos do carnet....
Agora xa máis en serio direivos que esta foto é propiedade de Mª José Bouzas, e nela aparecen os seus pais, Purita e Quico cun grupo de amigos dos que descoñezo os seus nomes sentados no Bar Evencio.


sábado, 23 de enero de 2010

Ortigueira 1943

Non sei que facían alí en Ortigueira todas estas damas ribadavienses, para min é un misterio, e máis si nós fixamos no seu vestiario, xa que parece que todas elas levan adornados os seus ombros con cadanseu mantón de Manila.
Estou seguro que moitas teranvos caras moi coñecidas, polo que facede o favor de identificalas deixando algún comentario embaixo, e si descubrides os motivos da viaxe mellor que mellor.
O da vila Ortigueira é o que me informan que puña na traseira da foto, pero ben podería ser tamén algunha outra vila veciña desa, na provincia da Coruña, ou algún famoso santuario que hai por ali cerquiña como o de San Andrés de Teixido, do que xa sabedes o dito: "Vai de morto o que non foi de vivo".

viernes, 22 de enero de 2010

A Sección Feminina de excursión en Vigo

Recibín esta foto por varias vías, e por unha delas din cunha explicación. Trátase dunha especie de campamento que fixera a Sección Feminina coas rapazas de Ribadavia na vila pontevedresa de Gondomar. Penso, polo que me contaron que estiveron aloxadas nas Escolas Proval, que están situadas á saida desa vila pola estrada da Ramallosa.
Un dos días leváronas de excursión a Vigo, e como resultado desa viaxe, temos esta foto feita nas faldas do monte do Castro , que como digo deben de posuir moitas das nosas veciñas, que asistiron a estas convivencias.
Por moito que tratei de escanear ben a foto, resulta de todo punto imposible acadar máis nitidez, supoño que a foto está lixeiramente desenfocada, ou é que a cámara ou o seu obxectivo non estaban moi ben.
Elas, as que saen na foto, e saben onde estaban situadas se recoñecen sen problemas, pero a min por moito que me indiquen, ou por moito que trate de adiviñar, non recoñezo a ninguén.
A foto supoño eu que será de finais da década de 1950.

jueves, 21 de enero de 2010

Emilio "O Coxo"

Esta foto a vin no Museo entre outras moitas que me ían pasando rapidamente, foi somentes un flash, un visto e non visto, e instintivamente me saíu un "dalle para atrás" ó ver algo coñecido.

Efectivamente se trata dunha foto de estudio feita por Foto Chao do Suboficial Cabaleiro Lexionario Mutilado Emilio Pérez Araujo, que era irmán da miña avoa Isaura, e que fai pouco vos presentei nunha foto cando aínda era un cativiño de moi poucos anos.

Na vila coñeciamolo polo alcume de "O Coxo", porque perdera unha perna, e case que a vida na Guerra Civil, en Aragón, dentro dun tanque. Tivo moita sorte, e un médico alemán salvoulle a vida deixandolle bastante metralla no corpo.

Penso que tiña varias tatuaxes no corpo, aínda que só me lembro claramente dun escudo do Tercio que levaba nun dos brazos, e das súas muletas de madeira, moi ben barnizadas e con remates de latón dourado, sempre moi relucintes.
Tamén teño unha imaxe del gardada na miña retina, que penso que nunca esquecerei. Foi nunha fría tarde de Outono, e o vin subir pola rúa do Progreso á altura da Alameda. Ía só, vestido có uniforme de gala, coa gorra lixeiramente ladeada, o barbuqueixo no mentón, e a borla abaneandoselle sobre a frente. Levaba a camisa desabotonada, co peito ó descuberto e as mangas remangadas, a perneira baleira do pantalón perfectamente dobrada e pranchada, marcando un paso firme e serio coas muletas, un paso rápido, case marcial, coma se desfilase.

Subía cara á igrexa San Domingos, era o mes de Santos do ano 75 e acababa de morrer o seu xeneral.

miércoles, 20 de enero de 2010

Primeiras Comunións do ano 42

Fermosa foto sacada no adro de San Domingos no ano 1942 có gallo da celebración da Primeira Comunión destes veciños da vila, que vou a tratar de identificar a continuación. Coma sempre, fago unha súplica, perdón si cometo erros ou xa sexa na identificación ou nos nomes e apelidos, eu non o sei todo, e para eso podedes deixar os vosos comentarios.
Fila superior de esquerda á dereita:
Párroco D. Joaquin Portela Español (non España como puxen en primeira instancia), unha filla do "Kiuvo", Charo Davila, Celsa Villar, Noemí "Lelé" a filla do "Dientes", Fidela, unha rapaza da Arnoia, Mari Carmen Martínez filla da Amelia, Mª Jesús González filla do "Che Vos", Elisa a do "Cebada", e a última rapaza era a filla dun practicante que houbo na vila e do que non sei o nome.
Fila do medio de esquerda á dereita:
Marité Meruéndano, Luz María Davila, Monsita que era prima de Tirso Sánchez, un rapaz da Arnoia, un rapaz do que non sei nada, Agapito Escudero, Moncho González do Moderno, Tirso Sánchez, outro rapaz do que non sei nada, Olga Escudero, Carmen Rosa, e Betty Sánchez a irmá de Tirso.
Fila inferior de esquerda á dereita:
Milagros Chao, Chicha González "Chucarela", Meli Quijada, Tuco Beleiro, Mari Carmen a do "Faneca", Mª Teresa filla do "Kiuvo", e Elvirita Davila filla do Gonzalo.


Comuniones Ribadavia 1942

martes, 19 de enero de 2010

A parada dos taxis

Hai fotos que teñen algo especial...Tan pronto como lle botas o primeiro vistazo, xa te quedas con elas, e dende ese preciso momento estanche a chamar a atención.
Non sei se estaredes conmigo en que esta é unha desas fotos, pero tamén entendo que cada un ten os seus gustos.
Non sei en que ano se fixo esta foto pero si nos fixamos na matrícula do Seat 1500, que é un OR vinteseis mil supoño eu que será de finais dos anos sesenta.
Vemos a Javier Míguez "O Calavera" todo tranquilo, apoiado no seu taxi coas mans nos petos á espera da clientela, facendo contrapunto co aparcamento dos cabalos que había alí os días de feira.
É unha desas estampas que xa se perdeu, que xa é imposible de ver nas nosas vilas. Foi un tempo que xa pasou, e que aínda mesturaba o antiguo có moderno, os automóbiles e os cabalos. E non pasou hai tanto.
Supoño que todos sabedes onde se sacou a foto, a rúa penso que se chama, ou se chamaba General Aranda, e é a que une a Praza de Abastos coa Fonte da Plata. O solar onde estan os cabalos era a parte traseira do cine España, xusto enfrente do bar Celta.
No libro "Ribadavia en el recuerdo" de D. Jesús Sánchez García aparece unha foto deste mesmo sitio tamén con cabalos, pero ateigada de xente e de postos. Non hai ningún espacio baleiro na rúa, á que el lle chama Plazuela da Fonte da Plata, e na que sitúa a instalación de oitenta postos de venta de cepa americana, que xeneraban transaccións por valor de seis millóns de pesetas.
Supoño que como todo, as feiras foron decaendo. O outro día sen ir máis lonxe estiven nunha, que se pasou ó sábado día 9, e xa non son coma as de antes, non hai charlatáns, nin postos de lentes, nin de ratos e cobras secas, ós que os rapaces nos quedabamos mirando aparvados.
Si eliminamos da foto o sinal dos taxis, a Javier e o seu auto, poderiamos estar perfectamente ante un daqueles cadros das películas do Oeste que anunciaban as películas que se ían a proxectar no cine España.
O problema é que tamén os cadros desapareceron.



lunes, 18 de enero de 2010

A miña avoa e os seus irmáns

Hoxe poño esta foto familiar, que penso debe de ser das máis antigas que teño, xa que como máximo estará feita no ano 1920.
A rapaciña que vedes de pé á dereita cun lazo na cabeza é a miña avoa Isaura Pérez Araujo, a quen alcumaban " A Troita", e está acompañada por unha rapaciña que a cuidaba a ela, e ós seus irmáns, da cal non sei o seu nome, e que é a nena de máis idade da foto, sentada á esquerda, có cabelo recollido nuha coleta, e cun picariño nos seus xeonllos .
Tamén están diante dese telón pintado que aparece en moitas das fotos da nosa vila tres dos seus moitos irmáns.
Polo que eu sei Isaura, a miña avoa, era a maior, e detrás dela ían Benjamín que está na Arxentina, Emilio "O Coxo" que foi Cabaleiro Lexionario e perdeu unha perna na guerra civil, Manolo, Celsa que seica vive en Sevilla, Pepe que tamén pertenceu toda a súa vida á Lexión, e que nós deixou fai pouco en Africa, e Toñita que tamén vive na Arxentina.
Eu polo tanto, supoño que o rapaz que está de pé á esquerda debe de ser Benjamín Pérez Araujo, e o que está sentado á dereita nese caixón debería de ser Emilio "O Coxo", do que vos poñerei unha foto proximamente.
O outro, o recén nacido que está espido no colo da cuidadora podería ser entón Manuel Pérez Araujo.


domingo, 17 de enero de 2010

Un ribadaviense na portada do ABC

Esta e a portada do xornal madrileño ABC do día 14 de Outubro do ano 1931, conservada como ouro en pano durante moitos anos na súa casa por D. Alfredo Escudero Gallego, que aparece fotografiado nela, nunha visita ó Palacio Real de Madrid, cando contaba con apenas dezaseis anos.
O rapaz en cuestión é o cuarto pola dereita da primeira fila dos que están de pé. Leva as mans nos petos, e un compañeiro que ten á dereita, lle pasa un man polo ombro, e coa outra lle agarra un brazo. Vai elegantemente vestido, cun traxe como de mezclilla, cun pano no peto da americana. Leva a chaqueta aberta deixando ver un jersey de cor claro.
A chegada da Segunda Republica trouxo novos aires ás políticas do ensino en España. Entre outras novedades, o Patronato Nacional de Turismo financiou xunto có Ministerio de Educación unhas Excursións Escolares para que os nenos saisen das aulas e coñeceran de primeira man o noso pais e o seu patrimonio.
Compuñan a excursión 27 alumnos do norte de España, dende Cataluña ata Galicia, e aínda que non sabemos como fixeron para elixilos, parece ser que foron os Consellos Provinciais de Educación, a instancia da Dirección Xeral de Educación os que se encargaron de escoller ós rapaces que parecesen máis capacitados para aproveitar as ensinanzas culturais derivadas da excursión. E entre eles escolleron a D. Alfredo.
Partindo de Madrid, percorreron Toledo, Guadalupe, Mérida, Sevilla, Córdoba, Loja, Granada, Jaen, Baeza, Úbeda, e xa de volta á capital foi onde se tomou esta foto da portada, o día 12 de Outubro, un día antes da volta á súas respectivas casas.
Foron a gastos pagos, e moi ben acompañados, xa que ó frente da expedición ía D. José Ferrándiz, Catedrático de Letras da Universidade Central, a quen acompañaban as mestras Sta. Plana e Sta. Dolores Llanos, xunto cós mestres D. Sidonio Inhamp, D. Antonio Magarinis, D. José Estruch e D. Luís Estévez que era xefe de contabilidade do Patronato Nacional de Turismo, e que digo eu, que sería o encargado de administrar os cartiños.
Imaxinade que fermosa experiencia para un cativo da nosa vila, que con dezaseis anos escasos ten a posibilidade de coñecer de primeira man sitios e monumentos que con sorte só tiña visto en libros, e que probablemente tampouco chegaría a coñecer por si mesmo, salvo que emigrara, ou moitos anos máis tarde.
Non vós extrañe que gardase con tanto agarimo esta portada, un ribadaviense orgulloso de seren escollido entre centos de rapaces para vivir unha aventura incrible en 1931.
Deixo tres enlaces ó ABC daquela época:
A chegada da excursión a Mérida.


sábado, 16 de enero de 2010

Contra o cólera....

Póñome tolo cando vexo cousas destas dando unha volta por aí, pola Rede. Mirade o que atopei o outro día, a mágoa foi que perdín o link, e levo unha hora trantando de buscalo para poñelo aquí, e non hai maneira, non o atopo.
De tódalas formas , trátase dun anuncio publicitario publicado en Buenos Aires, na Arxentina nun "Almanaque Gallego", no ano 1909. Esto é seguro, xa que foi o único que anotei para non confundilo con outros moitos almanaques galegos que se publicaron a principios do S XX, tanto en Arxentina como en Cuba. Seguro que se alguén ten paciencia e busca ben, atopará o pdf nalgunha biblioteca virtual.
Como podedes ver pon ó viño do Ribeiro polas nubes, como a mellor mediciña do mundo, capaz de loitar incluso coa mesma peste, e abofé que se debía de vender ben, xa que o anuncio ocupaba un cuarto de páxina.



viernes, 15 de enero de 2010

Alfredo, Lage e...

Aínda que esta foto está un pouco borrosa, penso que serve de abondo para recoñecer que o xoven que está á esquerda dos tres non é outro que o Alfredo, o que tiña o taller das bicicletas cerca da Praza Maior, e o que está no medio é Manuel Lage, que tras pasar moitos anos en Venezuela, veu de volta, traballou na Cooperativa uns anos, antes de instalarse en Vigo, onde faleceu xa fai algún tempo. Do outro, do home que está á dereita non vós podo dicir nada, xa que non o coñezo.
A foto é propiedade de Mari Carmen López, que é a viúva de Lage, e a quen lle dou publicamente desde aquí as grazas pola amabilidade e a deferencia que tivo conmigo.
O outro día na Praza Maior saudei ó Alfredo, e a verdade é que está feito un rapaz, ía coa súa cuadrilla de viños. Non lle comentei nada desta foto, non era un momento apropiado, pero cando a vexo me lembro moito dos dous. Ós dous, a Manolo e a Alfredo, os coñecín e os tratei por circunstancias ben distintas, e o único que podo dicir deles son boas palabras, son desas persoas ás que se lle garda cariño. E mirade por onde non sabía que foran amigos de xuventude.



jueves, 14 de enero de 2010

Un lunch na Peña

Supoño que esta foto se sacaría nos anos cincuenta na Peña, e non sei a ciencia certa o que se celebraba, pero polo que se ve, había moita animación e bebida derriba da mesa. Alguén me comentou se podería ser unha "cena americana"daquelas que se facían nesa sociedade, pero eu inclínome máis por un "lunch" privado, xa que é de día, e moita comida non hai.
En primeiro plano pola esquerda aparece un rapaz, que según me contan é o fillo de Amaro, o médico de Melón, despois esta Lois, o do Xulgado, a continuación aparece o fillo do Alfonso o do bar que había ó lado do paso a nivel. Detrás á esquerda está Juan Bande, e á dereita o meu tío Laureano Freijido. Os dous que levan sombreiro e servilletas atadas ó pescozo son Javier Meruéndano e Manolo Padrón, e non me extrañaría por eses detalles que fosen os homenaxeados. A continuación Carlos Padrón que leva gafas, Carmelo que tamén traballaba no Xulgado, e por último este rapaz que esta cortado en primeiro plano á dereita que é Manolito Castro.


miércoles, 13 de enero de 2010

En barca polo Avia

Esta foto a sitúa o Museo cara á década de 1920, e pertence ó Fondo Hipólito.
Como todos saberedes a foto está sacada dende a marxe esquerda do río, un pouco máis abaixo da ponte de ferro, e non sei quen serán eses dous señoritos que saen a bordo da lanchiña, pero o curioso é o feito de que é a primeira foto que vexo eu dunha barca por debaixo da desaparecida presa do muíño que había enfrente do Matadeiro, e augas arriba da presa da Raiña.
Sabía da súa existencia por cousas que me contaran, e incluso no cadro de Beruete aparece tamén unha lancha. No blog "Ribadavia fotos del cajón de los recuerdos" apareceu fai pouco outra foto onde se ven as dúas barcas que había debaixo da ponte de San Francisco. Penso que a da dereita é esta mesma barca da foto. Podédelas ver pinchando aquí.

Outra das cousas salientables e que non me cansarei de repetir, xa que me chama moitísimo a atención en tódalas fotos de ríos desta época, é a ausencia de vexetación e de árbores nas orillas, fixádevos que limpas e coidadiñas están as marxes do río, só se ven os areais e os penedos. Eu non vos son experto nestas cousas, pero pregunto: ¿podería ser froito das cheas regulares de tódolos invernos e primaveiras ou esto é debido ó uso que lle da o home ás beiras do río? .
Dame envexa ver estas fotos con todo aparentemente tan limpo. Se vós fixades veredes incluso a unha muller lavando a roupa ó carón do muíño.



martes, 12 de enero de 2010

O fútbol a principios dos cincuenta

Nesta fotografía vemos o mesmo equipo co da foto que publiquei fai uns días, pero estreando indumentaria, fixádevos que as camisolas son noviñas do trinque, a excepción da dos porteiros.
A foto está sacada no campo que se contruíu definitivamente no ano 1951 nuns terreos propiedade de Benito e Antonia Amil na estrada de Francelos, e que foi denominado "Estadium Municipal de Ribadavia". A idea da construcción do campo no Xestal, que tivera un uso deportivo privado moitos anos antes, quedaría postergada ata o ano 1967.
Falei o outro día da polémica que houbo na vila sobre o tema da elección dos terreos para a construcción dun campo de fútbol, e prometín subir nun pdf as crónicas que apareceron neses días no xornal "La Región", xa que nelas aparecen as opinións que tiñan moitos dos nosos veciños sobre ese tema.
Son varios artigos publicados polo corresponsal Novas-Casas dende Outubro do 50 ata Marzo do 51. Non sei se vós será un pouco tediosa a lectura, pero penso que pagou a pena o esforzo de xuntalos todos.
Pois aquí está o enlace, se o queredes ler ou descargar, só tedes que premer aquí.

Como podedes supoñer esta foto é da mesma propietaria que a que puxen o outro día, Dna. Mª Carmen López, e nela aparecen que eu saiba, Manuel Laje, Antonio Álvarez, O Che, Celso Lorenzo e Javier Meruéndano.
Sería moi interesante que entre todos fóramos capaces de completar a aliñación.

lunes, 11 de enero de 2010

Boda na Peña

Me envían esta foto e me contan que se sacou na sociedade "La Peña" no banquete que ofreceron ós seus invitados con motivo da súa boda Chelo Araújo e Pepe Quijada.
A rapaza que está á esquerda cun tocado de cor branco é Meli Quijada, a continuación está un home que non coñezo, falando con Manuel Davila "O Coca" . Detrás está un de costas que non se deixa ver , en animada conversa con Manuel González Dieguez que fora profesor no Instituto. A continuación está o xuíz Troncoso mirando para a cámara, e de seguido o notario Gerardo García Boente.
Esta boda debeu de ser a principios da década dos 50.



domingo, 10 de enero de 2010

A nevada no 63

Hoxe voltou a nevar en Ribadavia, pola mañán parecía que callaba, pero non..., tivo que ser pola tarde, a iso da hora do café cando a vila escomenzou a tinguirse de branco.
Cando escribo estas liñas todavía non sei cal será a intensidade e o alcance da nevarada, pero frío, o que se dí frío, pódovos asegurar que fai de abondo.
A foto de hoxe, é do inverno de 1963, e esta señora que posa na Alameda, diante do Castelo, e que aínda por riba ten a ousadía de saír de debaixo da protección do seu paraugas no momento da instantanea, é Purita, a muller de Quico Floravia, e a foto nola envía amablemente o seu fillo Francisco Bouzas.
Eu non sei como resultará ó final a nevada de hoxe, pero esta da foto, a do 63, debeu de ser unha das fortes, das que se recordan, e penso que moitos dos rapaces que naquel ano viviamos na vila temos algún recordo gráfico dela.
De tódalas maneiras que a nevada sirva para que a disfruten e se divirtan os nenos durante unhas horas, e que logo desapareza sen causar maiores problemas.




sábado, 9 de enero de 2010

Outra postal da Barca

Esta é outra das postais desas das que estivemoss falar estes días pasados, é a Nº 19 das que teñen a tipografía en cor azul. E vaime servir para contarvos un sucedido que nós relatou un veciño da Franqueiran, sobre como eran os desplazamentos nos vellos tempos.
Contoume que unha vez viñan el e outros mozos máis de volta cara á vila dende as festas da Arnoia, e que entre que a festa rematou tarde, o cargamento de viño que levaban derriba, e a camiñata que paparon ata a Barca, deberon de chegar xa ben de madrugada á beira do Miño, baixo unha pechada néboa. Tras uns minutos de discusión decidiron desamarrar unhas das barcas, e tratar de alcanzar a outra orilla sen facer moito ruido. Como non se vía nada, comenzaron a remar máis ou menos orientados cara a outra marxe, pero pasaban os minutos e non alcanzaban terra por ningures, polo que comenzaron a poñerse nerviosos, ante a abulia dalgún que xa ía durmindo a mona, e que parecía que todo lle daba igual.
Seguiron remando e remando, segundo el en varias direccións, coa intención de avistar terra, pero a néboa llelo impedía. Seica estiveron así bastante tempo, perdidos, ata que a luzada da mañán clarexoulle as ideas. Ós poucos, e có novo día empezaron a ver, e a sorpresa foi maiúscula, xa que non se moveran do sitio.
A explicación que me deu, xa que todo ten unha explicación, é que coa alegría que levaban non se decataran de que a barca tiña dúas amarras , e eles só desataran unha, quedando a barca fixada á terra pola outra, que era a máis longa, e que lle colgaba pola parte de atrás, impedíndolles o avance.
¡Xa podían estar remando toda a noite, e todo o día!.



viernes, 8 de enero de 2010

Cabalgata de Reis de 1961

Este veciño que pilota esa Vespa é Roberto Villar del Castillo, ó que xa temos visto neste blog con motivo das súas pescatas, e hoxe asómase de novo formando parte dunha comitiva motorizada que acompañaba á Cabalgata das súas Maxestades os Magos de Oriente. A foto é do 5 de Xaneiro do ano 1961, e eu non identifico a ninguén máis, nin sei en que parte da vila está sacada. Se vós fixades, veredes que o chan é de adoquins, e ó final, no último plano, detrás da xente que está de espectadora parece que hai un arco como duns soportais.
A foto seguro que terá bastante interés para os amantes das motocicletas. Como non sei si seredes quen de ver as matrículas, volas digo eu. A Vespa é OR-6586, a da esquerda e a OR-2656, e detrás da vespa aparece outra moto coa placa OR-4161.
Hoxe en día en Vigo aínda se segue a ter esta costume de acompañar á cabalgata cunha chea de motos e coches antigos. Van ó rabo da música e fan bulto.




jueves, 7 de enero de 2010

Máis dos Reis

Esta foto traeme de cabeza, tenme descolocado. Evidentemente son os Reis Magos da vila, pero teño moitas dúbidas sobre quen son estes Reis.
Cada un terá a súa versión, eu polo de pronto envieille a foto a algúns para que me dixeran algo, e coinciden en que un parece Felipe Puentes Agregán, outro Edmundo Rionegro, e o outro o Bravo, que seica era un rapaz que vivía na praza maior. E se nos fiamos do cadro que está colgado na parede, supoñemos que sería antes do ano 1975.

Na entrada de onte contei que fora de Rei un par de veces, pois lembro que o ano que fixemos a cabalgata montados a cabalo, fumos ás cinco da tarde a entrenar, xa que ningún de nós sabía nada de equitación. Os donos dos cabalos que seica eran de Covelo, nos mandaron á Veronza, onde tiñan a pastar as bestas, coa única indicación de apretar as pernas, arre e soo. Tras un tempo de aproximación logramos ergernos sobre as monturas e afacernos con elas, (uns máis que outros).
Os donos dos cabalos ían tamén vestidos de paxes, e nós levaban polas riendas para evitar calqueira percance, así nós tiñamos as mans liberadas para poder lanzar o maior número de caramelos posible.
Visitamos ó Asilo dos anciáns en San Domingos, e despois dalgunha esvarada, na que eu case perdo a coroa e as barbas por non cair do cabalo, fumos ó Concello, onde antendimos a tódolos rapaces.
A volta á Concentración, fixemola ó noso aire, pero lembro que ó chegar a estrada do Carballiño puxemos os cabalos ó trote e á carreira berrando coma animais, por ver quen chegaba antes. Foi coma unha liberación despois de tantas horas de nervios, de coroas, de barbas. Por fin eramos nós outra vez.





miércoles, 6 de enero de 2010

O día de Reis

Aínda que esta foto é tamén do día 5 de Xaneiro do ano 1962, o título desta entrada débese ó día de hoxe, o día de Reis. Nela podemos ver ó Heraldo Real á dereita,que penso que é Javier Meruéndano, e ó Rei Baltasar á esquerda que é o "Piernas de Rusia".
Non sei como se fai agora na cabalgata de vila, pero daquela os reis nunca falaban en público, só saían o balcón consistorial a saúdar, e logo recibían ós rapaces. Xa con eles no seu colo, si que intercambiaban algunhas parrafadas se é que os cativos eran quen de articular palabra.
Á hora dos discursos , o que tomaba sempre a palabra en nome deles dende o balcón da Praza era o Heraldo.
Lembro moi ben as dúas veces que fun de Rei nas cabalgatas da vila. Unha das veces foi a cabalo, e outra, nunha carroza feita polo Chacoto sobre unha carroceta. Unha das veces foi no ano 1981, xa que gardo moitas cartas que me deron os rapaces, e todas levan esa data, nembargantes da outra non sei a data, e supoño que sería un ano antes ou un ano despois.

Tamén teño o pregón que leu dende o balcón do Consistorio Pepe Viñas que era o Heraldo, lembro que Baltasar era José Sanchez Moreno, e fixádevos o que son as cousas da memoria, que non caía en quen era o outro rei, e tivo que refrescarme a memoria José dende Brasil. Era Manuel Lorenzo, o "Muito" que desgraciadamente xa non está con nós.
Recordo con moito agarimo os nervios e as presas no ximnasio do Grupo Escolar, a Quico Floravia coas súas maquillaxes, ó Chacoto ultimando as carrocetas, e as bombas que anunciaban a saída da comitiva. ¡Que non nós falten os caramelos! ¡Non podemos quedar sen caramelos! repetiamos unha vez tras outra.

martes, 5 de enero de 2010

A noite de Reis

Dubidei moito para poñer esta foto, é a primeira deste ano 2010 recén estreado, e dubidei porque ese rapaz pequeno que fuxe alporizado do Rei Melchor (que é Juan Bande), son eu. E... ¿onde ía estar mellor que nos brazos do meu pai?. Aí estamos os dous o día 5 de Xaneiro do ano 1962, supoño que na Plaza Maior ou nos salóns do Concello, xa que parece que esa noitiña chovía.
Diciavos que dubidei, e dubidei porque é a primeira vez que poño unha foto do meu pai neste blog. Moitas das fotos e dos documentos que ó longo destes meses fumos vendo, e máis que os mostrarei, eran del. Ós poucos e paseniñamente, coma unha formiguiña ía gardando e anotando papeis, fotos e cousas curiosas relacionadas con Ribadavia.
Quero adicarlle esta entrada, a de hoxe, a desta noite de maxia e de ilusión. Se non fora por el, polo moito que quería a Ribadavia, e polas moitas cousas que nos deixou, este blog non existiría.
Que os Reis Magos esta noite vós traian todo o que desexades neste ano que entra.
¡Sede moi felices!.