lunes, 30 de noviembre de 2009

Morito Pititón

Aquí están as integrantes do Teatro Morito Pititón. Seguro que vós preguntades ¿e iso que é?, pois unha obra de teatro que puxeron en escea estas rapaciñas que vedes aí.
Foi alá polos anos 1941 ou 1942, e a representación fixérona na escola das monxas Franciscanas. A foto por suposto está sacada alí, no adro de San Domingos.
Seica cantaban algo así como: " Morito Pititón, de nombre Pirulí, revuelto con la sal, la sal y el pirulí".
Xa pasaron anos dende aquelo e moitas destas rapaciñas aínda a recordan.¡O que son as cousas!, eran outros tempos, os da fame, e non había outras diversións.
As artistas son, de pé e de esquerda á dereita: Meli Quijada, Milagros Chao, Charito Davila, a filla dun garda civil que vivía na vila, e da que no sei o nome, Beti Sánchez, Olga Escudero, Luz María Davila que era a filla do "Bernardo", Clara Menacho, e Carmen Rosa, a filla do "Rosendo".
Sentadas, e tamén de esquerda á dereita: María Teresa que era filla do Kiuvo, unha Chao da que tampouco sei o nome, e María Teresa Meruéndano.
Coma sempre pido disculpas xa que eu non son capaz de identificar a todas, e as veces pode que os apelidos estén confundidos, pero seguro que os vosos comentarios seran moito máis acertados.



domingo, 29 de noviembre de 2009

No Instituto

Esta entrada é un pouco excepcional, xa que moitos dos que seguides Maquiáns estudiastes no Instituto de Ribadavia. Xa pasaron moitos anos daquela, e eu, tódalas fotos que se conservaban na miña casa relacionadas con el, paseillas a D. Secundino, o noso profesor de Matemáticas naqueles anos, que ten unha maravillosa páxina sobre a historia do centro, e onde poderedes atopar un chea de fotos daqueles anos. Podedes acceder a ela pinchando aquí.

Como vós dicía xa non tiña fotos do Instituto, pero de repente o outro día me enviaron esta por e-mail, e non puiden resistir a tentación de poñela no blog. Secundino disculpa por esta intromisión, pero é que a foto é unha ledicia.
Deixovola en grande para que a podades explorar con calma. Debemos de estar aí todos os "mocosos" do Ribeiro que daquela, no ano 1972 ou 73, tiñamos once ou máis anos.
Eu así a bote pronto vexo dende a Collarte de San Andrés, a Celso, a Enrique, e a César na primeira fila, ata o Madarnás de Cartelle, de pé ó fondo de todo, xusto na porta, pasando por polo Aguín, os Caracas, o Fon, o Alemán, o Blas, o Belisario etc.
Non vós aburro cós nomes e o mellor será que a vexades con calma.


sábado, 28 de noviembre de 2009

A rúa do Progreso

Me envía esta foto Benito Amil, e me conta que algunha das persoas que aparecen nesta foto son da familia dos Ballesteros. pero o que non me deixa moi claro é quen son en concreto.
Como saberedes esta imaxen é a mesma que unha das 20 que forman parte da colección de postais editadas a principios da década do 1910 por Hermenegildo R. Casas. Como este dato xa vós dixen que o saquei dun libro, supoño que Hermenegildo, será Rodríguez Casas, a quen na vila chamaron sempre o "Achigildo", por aquelo de facilitar a pronunciación. El foi o propietario da imprenta "El Ribadaviense", e uns anos despois sería o director do semanario do mesmo nome. As postais están impresas en Barcelona pola Fototipia Thomas, que era daquela unha das empresas especializada en facer este tipo de postais en España, xa que penso que sería inviable facelas na vila con esa calidade.
Eu aínda que tentei buscar información sobre D. Hermenegildo non atopei nada, polo que si algún de vós ten algunha información, agradeceríalle que se puxese en contacto conmigo. Sería interesante facer unha entrada adicada a este impresor e xornalista ribadaviense.
Outra cousa que noto e que esta imaxen debe de ser unha copia sacada do negativo có que se fixo a postal da colección, xa que é moito máis nítida, non está recortada, e non está feita en tonos azuis, ademais de non ter ningún texto escrito. Poño tamén a postal, e así as podedes comparar.
Moitas grazas Benito pola túa colaboración, e se nos queres aclarar algo máis, podes deixarnos algún comentario aquí abaixo, non vai a ser que eu esté metendo a pata.

viernes, 27 de noviembre de 2009

O edificio da Praza de Abastos

Estas dúas fotos pertencen ó libro "Avance de la provincia de Orense 1923-1929", e ó igual co plano do Grupo Escolar que puxen fai un tempo, mas envía Rafa Salgado.
Eu non teño agora mesmo ningunha constancia documental de cando se fixo este edificio, pero non sei porque me soa que se inaugurou no 1929. O que si teño algún recorte xornalístico que fala da construcción da nova rúa que vai enlazar a Praza de San Xoán e a rúa do Progreso. Se vós fixades no plano da vista lateral, vese como ten escrito " a la nueva calle".
Unha pequena nota nun xornal do mes de Setembro do ano 1927 fala de que xa comenzaron as obras de derribo das casas afectadas, e que en breve estará rematada esa rúa, que se debe á entusiasta iniciativa do Alcalde D. Jesús Pousa. A nova vía será adoquinada e con amplas beirarúas. Supoño que a construcción deste edificio polo tanto andará por eses anos 1927-1929.
Estou tratando de facer memoria para ver as principais diferencias que hai entre este proxecto e o edificio na actualidade, pero penso que antes de meter a pata, e falar de memoria, o mellor será que cada un saque as súas propias conclusións, aínda que a min eso da fonte nun lateral soame moito, o que xa non me resulta tan familiar son as escaleiras laterais, e a altura do edificio.
Seguro que alguén que o teña máis cerca poderá botar un pouco de luz sobre este asunto.
Tamén aproveito esta entrada para colar un pequeno detalle de sociedade adicado á nosa amiga Matilde. Nesa mesma páxina aparece outra pequena nota, que paso a transcribir a continuación:
"Natalicio: Ha dado a luz con toda felicidad un robusto niño la distinguida señora Dña. Ramona Campos, esposa de nuestro buen amigo D. Luís Chao Rodríguez".





jueves, 26 de noviembre de 2009

Tarde no río II

Onte a eso das oito da noite abro o meu correo e atopo estoutra foto que me envía Óscar Escudero, xusto cando a entrada de onte estaba xa no aire. Por iso hoxe poño o mesmo título pero engadíndolle o número II, xa que é complementaria da anterior, ou polo menos iso pensamos Óscar e máis eu.
Agora teredes máis facilidade para recoñecer ás persoas que saían na foto anterior a contraluz, aínda que neste grupo aparece máis xente, concretamente, e vós aforro o choio de contar, dezasete. Son dous máis e a maiores con música. Vemos dúas guitarras e unha bandurria.
Óscar me dí que a terceira pola esquerda podería ser a súa tía Concha, e eu penso que coñezo a tres persoas máis: a que ten a bandurria na man podería ser Julita Escudero, o home que está sentado no medio cunha guitarra é Antonio Álvarez , que tiña un almacén de piensos na rúa de San Martiño, enfrente e un pouco máis abaixo do Amil, e ó que se lle daba moi ben o fútbol, e o da dereita de todo, en camisa e con tirantes e Fidel Dávila.
Penso que con esta imaxen xa podemos concretar un pouco a zona onde se sacou a foto. Eu non sei que pensaredes vós, pero a min me parece que está sacada nos Caneiros, tal como dí Mimiá nun comentario onte "un paraiso perdido". Ó que non me atrevo e a poñerlle unha data, a ver si algún de vós o fai.


.

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Tarde no río

Outra maravilla.¡Que imaxe!. Un pandilla de xóvenes da vila pasando a tarde no río.
Pero eu lanzo unha pregunta : ¿En que parte do río? Eu non quero aventurar ningunha opinión, eso queda nas vosas mans. O que si hai que facer notar é o baixiño que vai o río, en plena estiaxe.
A foto é propiedade de Óscar Escudero, polo que supoño que nela estará o seu pai ou polo menos algún dos seus parentes que eu non alcanzo a ver.
Eu só recoñezo a Olga Amil, a muller de Pepe Casas, que está sentada en primeiro plano cós pés e cunha man dentro da auga, a Carmucha Amil e a Olga escudero, a muller de Filiberto, xuntas como en segundo plano e a medio agachar. De homes a Eulogio Mato e a Manolito García, que son os que están en segundo plano agachados.
Do resto, espero a ver os vosos comentarios, aínda que hai algúns que saen a contraluz e vai ser moi difícil recoñecelos.
A foto en si é preciosa, a min gústame moito. A tonalidade sepia, os vestidos das mulleres, e a frescura da imaxen parece que nos trasladan a un tempo aínda máis antigo. Eu non sei en que ano estará feita, pero calculo que non me equivoco moito se a situamos na década dos 50.



martes, 24 de noviembre de 2009

O accidente do camión en San Francisco

Lémbrome ben deste asunto, polo cal imaxino que debeu de producirse este accidente ó redor dos anos 7o. A voz correu pola vila coma a pólvora " Un camión quedou colgando na ponte de San Francisco, e o chofer vai saltar ó rio".
Tódolos rapaces da vila deixamos o que estabamos a facer e emprendimos a carreira inmediatamente, e nuns minutos xa estabamos alí tratando de non perder detalle.
O que nós contaran de que o camioneiro se tirara ó río penso eu que fora un trola (xa non me lembro ben) , debeu de baixar pola outra porta e andaba por alí tratando de organizar o salvamento do vehículo.
Xa pasou moito tempo dende aquelo, e tampouco podo precisar a que hora se produciu o accidente, o que non lembro presenciar foron as labores de rescate das grúas, polo que sospeito que foi en horas nas que toda a rapazallada da vila estaba en clase.



lunes, 23 de noviembre de 2009

A Oliveira derrubada

Mándame esta foto Francisco Bouzas, có comentario seguinte"Penso que é a igrexa da Oliveira, pero non sabía que caira". Eu tampouco, e ata fai ben pouco non sabía nada disto. A verdade é que ó non residir na vila, faise moi difícil eso de investigar certas cousas.
Andivemos varios días tolos con esta foto, sen que ninguén nos aportara algunha noticia, ata que decidín chamar a nosa amiga Lolín Lira Pousa.
O primeiro era saber si esa igrexa que sae na foto é ou non é a nosa Santa María da Oliveira. Se así fose, a segunda cuestión sería ¿Cando se derrubou? e ¿Cando se reconstruíu?, para así poder datar a foto.
A min dábame a espiña que si, que era a Oliveira. Comparei o cruceiro que ten diante, con fotos actuais e coincide, ó igual que unhas pedras que sobresaían da fachada a media altura. Na foto a pesares da desfeita, aínda se pode apreciar con claridade á esquerda unha desas pedras.
E como non ía ser doutra maneira, a resposta de Lolín non se fixo esperar. Efectivamente é a igrexa de Santa María da Oliveira, e moi pouca xente sabe que se derrubou no ano 1964 a consecuencia dun temporal, que como podedes ver na foto desfixo a fachada, o campanario, o tellado e parte dun muro lateral.
Parece ser que as obras de reconstrucción comenzaron de inmediato para darlle o aspecto que ten agora, na actualidade.
Aproveito a ocasión e poño tamén unha foto de como era a igrexa antes da restauración. Publicouse no blog " Ribadavia y su gente", e si vós fixades ben, a Oliveira estaba en moi malas condicións. Nesta foto apréciase unha gran fenda na parte superior esquerda da fachada, e a carga dos arcos do campanario facía que os pilares deste se inclinasen cara a fóra a causa da presión.
De tódolos xeitos deberiamos de estar orgullosos de tela hoxe enteiriña e ben restaurada, que como xa sabedes " cousas peores temos visto".


domingo, 22 de noviembre de 2009

Fidel na piscina

Preciosa imaxen de Fidel Dávila coas súas fillas Rita e Carmela, que é quen me envía a foto, na desaparecida piscina do Castelo. O bonito desta foto é a contraposición dunha escea tipicamente estival e familiar, nun entorno privilexiado, có Castelo, a capela do Portal e a igrexa de San Domingos ó fondo, e a aparente calma tensa que ten esta piscina no momento da foto.
Ese día , que debeu de ser sobre os anos 1964 ou 65 era un deses días de cheo total, e senón fixádevos no fondo . Moitos rapaces (dito nos dous sentidos da palabra) á espera dalgún incauto que se aventurase a pasar por abaixo para arrearlle un bombazo. Se non me credes, mirade o chan. Totalmente mollado, non hai nin unha baldosa seca, e auga parece que ferve.
Lembrome dos días así. Era moi complicado estar tranquilo. Eu non vou dicir aquí que eu fose un santo, que tamén as fixen boas na piscina, pero é que estes días non había descanso, como te acercases á parte do fondo caíanche tres ou catro bombazos como mínimo, e aínda que non te rozaran, sempre podía vir alguén por abaixo e tirar de ti cara o fondo. Rara era a vez que non tragabas auga.
En serio, daquela, na piscina os rapaces desenvolviamos un sexto sentido na auga, xa que os peixes grandes se comían sempre ós pequenos.




sábado, 21 de noviembre de 2009

A lamprea de Quico

Xa fai bastante tempo que Mª José Bouzas me enviou esta foto, xunto a outra que publiquei o día 7 de Abril, e que podedes atopar na etiqueta de Deportes, na parte dereita do blog.
Na outra foto, aparecía Quico saíndo do Avia cunha lamprea pinchada nun garfo, pero a foto estaba feita dende lonxe, e ó mellor moita xente non a vía con claridade, polo que hoxe vós poño esta, na que se aprecia moi ben que o trofeo que exhibe é unha verdadeira lamprea.
Como dicía un amigo meu, aparte da sorte, que sempre inflúe, para facer esto hai que saber. Primeiro hai que coñecer o río, e segundo hai que poñer ollos de peixe. Onde todos ven unha rabaza, Quico viu unha lamprea.
E conto todo isto por experiencia propia, algunha vez, xa fai moito tempo, acompañei a un gran pescador da vila ás anguilas con tenedor. Eu ía ó seu lado , e nunca collín ningunha, mentres que el se fartaba. Así é a vida, o que sabe. Sabe.
O que non sei é se agora como o prohiben todo, se pode pescar con tenedor.



viernes, 20 de noviembre de 2009

Veciños da Praza

Nesta foto aparecen José Gonzalez Reyes, José Mª Gómez Carballido, e Antonio Chao.
Pero vaiamos por partes. De José González Reyes, máis coñecido como Pepe " O de Correos", teño moi bós recordos, xa que os meus avós paternos viviron durante moitos anos nos Escobetes, xusto ó lado de onde vivía Pepe e a súa familia. Lembro con moito agarimo á súa muller Sagrario, e a algúns dos seus moitos fillos: as xemelgas, Juanín, José, etc. Aparte de traballar na oficina de Correos, de ahí ó seu alcume, foi profesor no Instituto de Ribadavia nos anos 60.
Tamén foi profesor no mesmo centro e nesa época José María Gómez Carballido , era veterinario, e se a memoria non me engana, estaba casado cunha profesora de debuxo que nos deu clase no Instituto, alá polos principios dos anos 70. Lembro que vivían na rúa Merelles Caula, xusto derriba da tenda da "Chucarela", e que tiña dous fillos.
Como a miña zona de acción nos meus primeiros anos xiraba en torno ós Escobetes, Praza Maior e Rúa de Fornos, tamén coñecín a Antonio Chao, que vivía na Praza. Foi un dos grandes empresarios da vila, home moi educado, e que traballou arreo no Padroado do Ensino da vila, creado nos anos cincoenta, para que Ribadavia poidera disfrutar dun centro de ensino medio en condicións, xa que unha das súas meirandes preocupacións, e delo téñovos constancia, era que tódolos rapaces do Ribeiro tiveran acceso á unha boa formación.
Sabedes que unha da súas fillas ten tres blogs maravillosos sobre Ribadavia : "Ribadavia en el cajón de los recuerdos", "La fábrica de los Chao y sus gentes " y "Ribadavia y su gente". Na sección de "Volvo e recomendo" a parte dereita deste blog tedes os enlaces ás súas páxinas.



jueves, 19 de noviembre de 2009

Futbol, o equipo contrincante

O outro día vós prometín a foto do outro equipo, que penso eu que sería este, xa que as fotos teñen a mesma procedencia. Como dixen, debeu de ser un partido entre afeccionados no campo do Instituto.
Nesta foto recoñezo a Benito Amil e a Serafín Escudero, que non están vestidos de curto, e que aparecen á esquerda da imaxen de pé, supoño eu, que farían as funcións de managers, ou aadestradores.
Entre os que están agachados recoñezo ó Lamas, a José Escudero, a Tirso Sánchez e ó "Torejas".
Permítideme tamén que dende aquí teña unhas palabras de afecto para o "Torejas", que xa non está con nós, e que foi o meu adestrador de baloncesto no equipo da vila durante algunhas tempadas. Derrochou connosco tremendas doses de entrega, comprensión e cariño. ¡O que disfrutaría vendo hoxe os partidos da Selección, ou da NBA!. Un pequeno gran home, que deixou en moitos de nós unha fonda pegada.


miércoles, 18 de noviembre de 2009

Na sala de festas do Cine Río

Dame a sensación que esta foto sacouse o día 23 de Xullo do ano 1959 no Cine Río, no xantar que se lle fixo coma homenaxe de despedida ó xuíz D.Juan Francisco Troncoso Facorro, e digo que teño esa sensación porque esta foto está feita alí, na sala de festas que había embaixo, e aparece este señor rodeado de algúns amigos. Tamén veredes, que ó fondo á esquerda da foto, entre as columnas, hai mesas preparadas para un xantar.
Non sei si lembrades como era a antiga sala de festas, pero aí nesas portas con anuncios de Kas, había unha especie de patio de luces que lindaba cun solar que tiña unha nogueira ó lado do bar Odilo .
O da data é porque teño unha foto distinta a esta, que por detrás ten escrito esa data e esa comida de homenaxe.
Coma sempre pido disculpas por cometer erros nas identificacións, pero para eso estades vós, e os vosos comentarios, que nós axudarán a facelo correctamente.
Eu só coñezo de esquerda a dereita: Un que era "Dos de Quins", Chucho, Facorro, Gregorio García "Chicho", Manuel Lorenzo e Ignacio Mato. Falta algún, pero eu que non sei quen é.




martes, 17 de noviembre de 2009

Construcción do encoro de Castrelo

Nesta foto do Museo feita por Foto Chao podemos ver as obras da marxen dereita do encoro de Castrelo, é dicir a de Sta. Cristina. É dificil de datar, pero non creo que vai moi errado si a situamos entre os anos 1963 e 1965.
Para os que estedes moi interesados nesta construcción atopei en Internet un documento na "Revista de Obras Públicas" titulado "Presas de Velle, Castrelo e Frieira" publicado no ano 1967 por Luciano Yordi de Carricarte e Ángel Mario Carreño.
Nel atoparedes fotos, planos e datos técnicos da construcción das tres centrais. Penso que teñen bastante interés, e non son excesivamente técnicos.
Podedes lelo simplemente pinchando aquí neste enlace.
Acompaño esta foto cun plano da planta da presa de Castrelo sacada deste estudio.
Tamén vós anticipo que en breve tratarei de subir en pdf algún dos documentos socio- económicos que se elevaron ás autoridades públicas anos antes da súa construcción, tratando de evitala, así como algún informe da empresa concesionaria, e algunha cousiña máis, pero tedes que ter un pouco de paciencia.


lunes, 16 de noviembre de 2009

Futbol, futbol ,futbol

¿Quen non xogou nunca ó futbol? Pois aquí tedes a un equipo de afeccionados ribadavienses a este deporte. Para que algúns despois digan aquelo de " eu futbol, non". Supoño que esto de vestirse de corto sería co gallo dalgunha festa ou celebración.
A foto está tomada no campo do Instituto, e non teño nin idea de en que ano se fixo, aínda que lle calculo que será de finais dos sesenta.
Estaría ben que alguén me deixara a alineación completa, como si de un equipo profesional se tratase, xa que eu só alcanzo a recoñecer na fila que está de pé a Manuel Domínguez, e na ringleira inferior ó Dr. Enrique Pumar, a Celso, a un dos Neira e ó Evencio.
Mención especial merece a equipación, van todos uniformados dos pés á cabeza, aínda que á maioría deles lles queda un pouco escasa a camisola, que se nota que xa leva moitas lavadas derriba. Cousas dos tempos, fixádevos que un, ata leva cinto de coiro con fibela metálica. Hoxe en día o árbitro non o deixaría xogar.
Dentro dalgúns días poreivos a foto do equipo contrincante, para telos a todos no blog.




domingo, 15 de noviembre de 2009

Os entroidos do Dr. Kembur

Hoxe poño dúas xoias que nós envía Óscar Escudero, e aínda que non é o meu costume poñer as fotos de dous en dous, xa que hai que aforrar a munición para cando as cousa veñan mal dadas, hoxe fago unha excepción porque penso que a ocasión o merece.
Como podedes ver trátase de fotos de grupos de entroido nos que aparece o pai de Óscar, Benito Escudero. Na primeira,el está sentado á dereita cunha grande paxarela, e provisto dun maletín de médico que leva rotulado o nome do Dr. Kembur. Esta foi a primeira foto que recibín, e problema é que non sabiamos quen era ese tal doctor.
Tempo despois Óscar me envía outra foto, que non sei si será do mesmo ano, nun día distinto, e con outros disfraces, ou pertencerá a un entroido doutro ano. Eu persoalmente penso que as dúas fotos son de anos distintos, xa que na primeira se lles vé moito máis xóvenes.
As dúas teñen en común a apareción do mesmo maletín. Pero sigue habendo un problema, esta vez o maletín non sae enteiro na foto e ten máis letras polo que o doctor, en vez de Kembur podería chamarse tranquilamente Jakembur ou calqueira outra palabra que poidamos imaxinar.
Non sei, eu xa lle din moitas voltas, probei en Internet a buscar moitas combinacións e nada.
Os dous da esquerda da primeira foto me teñen unha cara moi coñecida, pero non me aventuro a dar os nomes, mentres que na segunda recoñezo no centro a un moi xoven Toñito Chao.
Deixo todo nas vosas mans, o problema do maletín, o nome dos fotografiados e a datación desta dúas imaxes.



sábado, 14 de noviembre de 2009

Excursionistas

Supoño que esta imaxen e froito dunha excursión, pero como pasa sempre, recibo as fotos sen ningún tipo de información, polo que é bastante dificil de datalas, e xa non vós digo nada de ubicalas nalgún espacio concreto.
Nesta que poño hoxe podemos ver a moita xente coñecida de Ribadavia, empezando polo Venanancio, a Celeste, a Toñita coa filla da Celeste, uha filla do Sr. Buján, o Sr. Cristino e a súa muller, Rosa "A da Casula" e a súa sobriña Pilarita, un neto do Sr. Mario "O Pirillán", e moitos máis que vós, se queredes me podedes ir dicindo, a pesares do estropeadiña que está a foto.
Despois das meteduras de pata que tiven con isto das datas, o mellor e que tratedes de botar as vosas contas, e si sabedes algo concreto mo dicides.


viernes, 13 de noviembre de 2009

Voda en 1921

Esta foto que me envía Mª José Bouzas é da voda da "Palota". Tedes que perdoar, mais eu aínda que son de Ribadavia, estou un pouco alonxado da vila , polo que estas cousas dos nomes me veñen un pouco grandes, e máis cando pasaron tantos anos.
Como podedes ver a foto ten a data escrita a pluma, sete de Abril de 1921.
Á única persoa que recoñezo é ó avó de Mª José, a Pepe " O da Botica", que está situado á esquerda do único cabaleiro de chapeu da foto. O sitio onde pode estar feita tamén é moi difícil de recoñecer.
Unha persoa que a viu a foto, díxome se o noivo poidera ser un "Requinto", e explicoume que de ser así , sería un irmán da nai de Rosarito, a muller de Celso.
O mellor vai ser que espere polos vosos comentarios, se é que ides perdendo a vergonza dunha vez, e vos animades a deixar algunha información. ¡Veña animádevos!.
Como sabedes que me fixo en todo, non podo deixar escapar esta ocasión, para facer un comentario sobre as botas tacholadas do rapaz de cabeza rapada que está sentado de segundo pola esquerda. Un parente meu unha vez contoume que nos anos da fame el tiña a sorte de posuir unha moto, e que con ela ía a Santiago, ou a Ourense, e en cada viaxe pinchaba unha ou dúas veces, polo que tiña que ir pertrechado con parches, cola, ferramenta e desmontables. É a culpa deses pinchazos botáballa ás tacholas. Non vós vou a reproducir aquí as palabras exactas que lle adicaba a estes claviños, pero sempre remataba o conto con "As estradas estaban cheas de tacholas que ía perdendo a xente".


jueves, 12 de noviembre de 2009

A barcaza da Barca

Esta foto é histórica, penso que é única, polo menos polo que sei eu. Supoño que cada un ten a súa teima, e quizás a min se me vexa un pouco o plumeiro con esto do monte, dos ríos, da caza e da pesca, e por certo que pouquiñas fotos de caza e de cazadores temos.
Ó que ía, puxen moitas fotos da Barca, pero é a primeira vez que vexo esta barcaza. É máis, eu aínda me lembro de cruzar o río cós barqueiros e con meu avó para ir a cazar polas costas da Carixa e a Reza, e de alquilar algunha vez as barcas con outros rapaces para dar unha volta, pero nunca vira este artefacto diseñado para o transporte das caballerías e carruaxes. Si vira fotos semellantes pero noutros ríos.
A foto como podedes ver está sacada dende o lado da Arnoia xa que ó fondo vese o Val de Francelos, e non sei en que ano estará feita. Tampouco coñezo a ninguén dos que nela saen.
Tecnicamente e de salientar que esta embarcación era moi grande, eu lle calculo así como uns 10 m. de eslora e 4 de manga. Debería de ser moi estable, dadas as súas dimensión xa que o estar feita para un uso exclusivamente fluvial se lle supón que é de fondo plano. Ó non ter nin proa nin popa a súa maniobravilidade está garantida, xa que os toletes dos remos están situados en extremos opostos, é dicir: un na suposta aleta de babor, e outro na suposta amura de estribor. A extremada lonxitude dos remos facía que tivesen que compensalos dalgún xeito, e a solución ven dada pola colocación duns pesos de pedra en cada un para así poder movelos aplicando pouca forza.
Outra das cousas que me chama a atención é que parece pola foto, que posue unha rampa levadiza feita de madeira e rematada por un tronco para abrir ou pechar a proa, e que sería utilizada cando fose necesario para embarcar ou desembarcar as carruaxes.
Non vós canso máis, pero esta foto a considero unha pequena peza de museo. É unha parte da nosa historia e da tecnoloxía que facía posible con poucos medios solucionar grandes problemas.





miércoles, 11 de noviembre de 2009

Na estación

Maravillosa imaxe esta que se fai este grupo na estación do ferrocaril de Ribadavia, fixádevos que ata o empregado da Renfe (si se chamaba así daquela) posa tamén para a foto subido na dianteira da máquina.
Non sei de que ano será, e só coñezo a un moi xoven Julio Neira, " O Mexicano"que é o que está á dereita da foto.
Falando tamén un pouco de todo, con respecto á estación, e aínda que non sae na foto, teño visto nun deses xornais que tanto me gusta consultar, que a marquesina que cubre o andén da nosa estación instalouse a principios do ano 1927, despois de arduas xestións dos ribadavienses, que ata ese ano tíñanse que mollar para acceder ós trens.
Ou sexa que xa temos un referente para datar as fotos da estación, do 27 para atrás non hai marquesina.



martes, 10 de noviembre de 2009

Nunha praia da Coruña

Desta foto todo o que sei é o que tiña anotado pola parte de atrás, e penso que é unha sorte atopar fotos destas, nas que os seus donos tiveron a paciencia de anotar cousas.
Son unha pandilla de mozos de Ribadavia que se fotografían na Praia de Chanteiro, na provincia da Coruña, concretamente no Concello de Ares en Julio do ano 1941 . O que non sabemos é a que se debeu esta viaxe.
Os nomes que están por detrás, e si non me trabuco na súa lectura xa que a letra e o paso do tempo os fan difícil de ler, son: Barreiro, Lloréns, Vila, Neira, Blanco, Pajariño, Sentador, Portugués, Borbén, Pereira.
Se podedes dar algunha información sobre esta foto ou os seus protagonistas, sería benvida.


lunes, 9 de noviembre de 2009

Benito Escudero en 1934

Envíame Óscar Escudero esta preciosa foto na que aparece o seu pai, que é o rapaz da dereita, mentres que dos outros dous non sabemos nada. Está sacada no ano 1934, polo que seu pai, Benito Escudero tiña nese momento 14 anos.
Óscar me escribe que nunca se fixara tan detenidamente nas fotos, pero que agora ó velas comenza a facerse preguntas. E sobre esta en particular me fai varios comentarios:
O primeiro é que ¿quen fai a foto?, xa que están no Piñeiral, ¿é outro rapaz ou é un adulto? Se fose outro rapaz, ¿quen tiña cámara daquela?.
Outra cuestión é o da postura que poñen para a foto. Non deben de ter moi claro se van saír nela ou non. Fixádevos que un deles está como encollido para entrar no cadro. Aínda que Óscar pensa que tamén pode ser para que se vexan as súas casas, xa que a do seu avó vese perfectamente, ó igual que o Cine España, e a Igresa da Oliveira.
Por último é de salientar o cariño que estes tres veciños tiñan pola nosa vila, xa que mirade ata onde se foron para sacar unha foto na que saíra a súa querida Ribadavia.
A min só me queda dicirvós que aparte dos rapaces esta foto é unha espectacular vista da vila no ano 34, e non me farto de repetilo, sempre me chama o mesmo a atención, mirade o limpiño e o ben traballado que estaba o monte de Santa Marta. Hai xocalcos con cepas case ata a cima.
Por certo, falando de que se ve tan ben o monte Sta. Marta. ¿Sabe alguén si existen fotos ou documentos de calquer tipo das explotacións mineiras de wolfran que alí había?

domingo, 8 de noviembre de 2009

Casa Menacho

Se vós fixades ben, na parede do restaurante, á dereita dun cartel publicitario de "Kas" hai outro cartel, que non é outro co das "Festas do Portal de 1960". Polo que máis ou menos xa temos datada a foto.
Este restaurante estaba situado á saída da vila pola estrada de Valdepereira, uns metros despois do paso a nivel, máis ou menos enfrente da estación do ferrocarril.
Tiña moita sona de boa cociña, e como podedes ver este grupo que parece que é de bó dente sae bastante contento despois dun xantar.
Eu só recoñezo a Serafín Almuíña que é o que está de terceiro de pé pola esquerda, a César Menacho, que está de branco, de pé á dereita de todo, e que era o propietario do establecemento, á súa esquerda Salustiano Solís, e á súa esquerda "O Chuco"(perdoade, mais non sei nin o seu nome nin os seus apelidos). Dos que estan encollidos só coñezo ó Carballal.
Dos demais, nada de nada, polo que espero os vosos comentarios, xa que a foto non é tan vella.


sábado, 7 de noviembre de 2009

Lucila Pousa no Miño

Rectifico esta entrada, xa que un non pode estar en todo, e ás veces ocurren despistes como o de dicir que non coñecía este sitio. O que pasa, é que xa son varias as equivocacións, polo que volvo a pedir disculpas. Aínda que xa pasaron moitos anos, e que coa subida das augas a partires do ano 1968 a fisonomía do val do Miño mudou radicalmente, claro que o coñezo. É a Barca, xa que agora , e tras ler o comentario feito por Mimiá, fixeime que á esquerda efectivamente se ven as casas, e o camiño que ven da Reza, que esta ó fondo, polo que á dereita quedaría Francelos. A foto está sacada dende a confluencia do Avia e o Miño.
Así era os nosos ríos augas abaixo da nosa vila antes de que se construiran as presas.
A foto é propiedade de Carmela Dávila e a que aparece na foto é Lucila Pousa. Non sei en que ano se fixo, pero Mimiá nun comentario que deixou abaixo a situa nos anos vinte ou trinta.





viernes, 6 de noviembre de 2009

Homenaxe a D. Rubén

Esta foto como vós podedes imaxinar está feita no patio traseiro da sociedade "Club Artístico" da nosa vila, e pertence a unha homenaxe que se fixo a Dtor. D. Manuel Rubén García Álvarez ", D. Rubén". Penso que todos coñecedes de sobra a traxectoria deste galeno ribadaviense que foi ó mesmo tempo un dos grandes medievalistas do pais.
Segundo a información que me deu o Museo, quen foi quen me cedeu amablemente a foto aparecen na ringleira superior, de pé e de esquerda a dereita: Gonzalo Dávila, Manuel Davila " O Coca", Bernardo Davila (irmán de Gonzalo), Jesús Sánchez Orriols, José Chao Rodríguez, o secretario -?-, e José Carrera Olivares ( sogro de Lázaro Moreno).
Sentados na fila de adiante: Darío Feijoo Montenegro, Carlos Sánchez Rey, o Dtor. Fermín Hervella, D. Rubén que é o homenaxeado, Antonio Padrón, e Víctor Quijada.
Si vós poñedes a contar na fila superior falta un, eu non sei si é que non se sabe o nome do secretario, ou que é outro o que falta.
A foto non é moi antiga, debe de ser dos anos sesenta, polo que seguro que alguén vós pode dar algunha información para poder completar os nomes dos fotografiados.

jueves, 5 de noviembre de 2009

Dna. Sofía na Barca

O outro día na entrada que fixen sobre o cine España falaba de Dna. Sofía, e dicía que se enfadaba moito sempre que a xente asubiaba no cine España. E non era para menos, a súa reacción era lóxica si pensamos que era a nai dun dos empresarios que rexentaba o cine, en concreto de D. Fidel Dávila. Algún se preguntará que como me fixaba eu niso, pero ten unha explicación : a miña avoa Isaura era moi amiga dela, e a acompañaba moitas veces ó cine España, sentándose ambalas dúas nun daqueles palcos.
Tamén era a nai de D. Jaime Dávila, avogado que foi Alcalde da nosa vila, e que xa apareceu en bastantes ocasións neste blog.
Esta foto ma envía a súa neta Carmela, e aínda que está feita en cor, é de finais dos sesenta.
A foto tamén ten o seu interés xa que con ela podemos facernos unha idea de como era a Barca neses anos, nos que aínda non estaban os seus arenais asolagados polas augas dos encoros.


miércoles, 4 de noviembre de 2009

Sta. Marujita Gómez Iglesias en Ribadavia

No ano 33 Ribadavia recibiu a vista de dúas misses, unha foi a Sta. Marujita Gómez , Miss Ourense, e a outra foi a da Sta. Emilia Docet a flamante Miss España de ese ano.
A foto que presento hoxe é a que se fai Marujita Gómez no "Club Artístico" e tedes que perdoar polo meu erro, xa que rectifico esta entrada grazas á información que me dá de Lolín Lira, que amablemente me comenta que esta confusión xa se produciu outras veces, como por exemplo no libro "Ribadavia" da editorial Ir Indo que xa citei noutras ocasións.
Non me queda outra que recoñecer humildemente o meu erro, pedirvos disculpas, e darlle as grazas a Lolín pola súa acertada e rápida chamada.
Como cambiar así rapidamente esta entrada é un pouco complicado, e feita a aclaración, vós deixo tal cual a historia da accidentada vista da Sta. Docet, Miss España do ano 1933 á nosa vila, aínda que non teña nada que ver con esta foto.
Con motivo da celebración dun partido de fútbol en Ourense entre a selección viguesa e a orensana, a Srta. Emilia Docet, que era a flamante Miss España dese ano, visitou a capital da provincia, e pola tardiña desplazouse á nosa vila onde lle ofrecían unha cea na súa honra, xunto cos xogadores vigueses, concretamenta no restaurante "La Parra".
A nova correu pola vila coma a pólvora, e ó pouco tempo había unha chea de xente e de rapazada concentrada na Praza de San Xoán tentando vela de cerca e saudala. Como seica viña bastante cansa pediu unha habitación para asearse antes da cea. Isto non foi impedimento para que as persoas alí congregadas tratasen de seguila ata ó interior da fonda, sita no mesmo edificio, apelotonandose no seu interior, o que fixo que o piso da devandita casa cedera, caendo todos, incluida a miss, á adega que tiñan no soto. Na aterraxe a Sta. Docet non sufriu danos, só rompeu os tacóns, pero non correron a mesma sorte algúns dos nosos conveciños.
Segundo o xornal ourensán "La Región" do día 5 de Maio do ano 1933 os feridos foron: Celestina Vidal, José Benito Deaño, Maruja y Ángeles Martínez Taboada, Carmen y Concepción Fernández Freijedo, Carmen Deaño Seoane, Rita Tielas Gulín, Vicente Araujo Mosquera, Julia, Carmen, Concha y José Escudero Gallego, Laura, Milucha y Tirso Casasnovas, Rita Casasnovas, Ernesta Casasnovas Alvarez, Manuel Iglesias, Bernardo,Carmen Retorta, Carmen Núñez Escudero, Milagritos Tesouro, Javier Carrera, Petronila Fernández y Claudio Tesouro Díaz.
Parece que tódolos feridos foron de carácter leve agás catro graves que foron trasladados a Ourense.
Nesta foto aparece a Sta. Marujita Gómez Iglesias rodeada por varias señoritas da familia das "Cancholas", por D. Siro Alonso, varios Freijidos, e o Agapito, que eu coñeza.
Desta foto hai moitas copias pola vila, e esta en concreto é propiedade de Carmela Dávila.


martes, 3 de noviembre de 2009

Ó redor da prensa

Mirade que foto, destas quedan moi poucas. Non sei en que ano estará feita, pero debe de ser moi antiga, de cando as vendimas eran unha festa, e todos arrimaban o ombro. Toda a familia, e incluso os veciños colaboraban e botaban unha man.
Tampouco sei onde está feita, nin quen é toda esa xente. ¿Pode que sexa no Barrio Xudeo?.
A súa vestimenta nós traslada a outro tempo, a outra época , á da fame. ¡Como mudaron os tempos!
É unha mágoa que non saibamos nada, a ver se alguén de vós e quen de aportar algunha información. Pero ó mirala con calma cada vez me impresiona máis. Posan para a foto, un dos homes incluso cun culeiro cheo de bagaño ó lombo. Derriba da prensa poñen unha xarra de viño, e a muller que está diante ensina un anaco de pan, coma dicindo "con pan e viño..."E que me dicides desa morea de picariños descalzos e sorrintes, alguns deles cós seus irmáns pequenos nos brazos. A foto destila en vez de augardente felicidade, tamén pobreza pero moita felicidade.


lunes, 2 de noviembre de 2009

Javier e o reloxo da torre do Concello

Fai algúns días puxen unha foto da Praza e falaba de Javier Fernández Casas "O Ferreiro", que como sabedes é encargado dende fai máis de trinta anos de mimar esa máquina que é o reloxio da torre do Concello. E mirade que foto máis bonitiña me fai chegar, é de 1966. Un luxo.
Estes dous privilexiados que están empoleirados na torre son Javier, e se non me trabuco moito, me parece que José Puga Alonso. E digo privilexiados porque, eu así, entre nós, e coa boca pequena pódovos dicir que tamén estiven algunha vez aí, o que sucede é que eu non teño un recordo gráfico que o poida atestiguar.
Pero hoxe esta foto dame pé para falar un pouco da historia dese reloxio , grazas a un artigo publicado na revista "Diversarum Rerum" e escrito por D. José Ramón Estévez Pérez baixo o título de "Historia artística de la torre, del reloj y de la campana. Ayuntamiento de Ribadavia".
Baséase este traballo nun anterior feito por D. Rubén García chamado "La casa consistorial, edificio ribadaviense de S XVI".
Parece ser que a Praza Maior cara o ano 1520 era unha especie de campo da feira en intramuros, polo que se decide potenciar esta zona dando facilidades para que algúns artesáns se instalen nela, e como tamén facía falta un lugar axeitado para as reunións municipais, o consistorio dando exemplo decide construir aí o edificio municipal no ano 1543. Deste edificio hoxe en día só se conserva a torre, que se vós fixades é coma un engadido ó edificio que se fixo máis tarde e que é de estilo neoclásico.
Despois de se instalaren varios artiluxios mecánicos no edificio, aínda que non é seguro que fose na torre do concello, dos que dá cumprida conta este autor, e que cada pouco había que arranxar, no ano 1733 D. Fulgencio Antonio de Castro que era o reloxeiro da catedral de Tuy ven a facer o propio có da nosa vila que estaba moi deteriorado, deixando por escrito probas do seu traballo, e a maiores construe o cadrante solar que hai xusto debaixo, e onde deixou gravado o seu nome e o de D. Pascual de Cuevas, Procurador. Segundo o reloxeiro para que " quedaran gustosos y bien servidos". pero é no ano 1883 cando se contrata a maquinaria actual a D. Francisco Macía, sendo alcalde D. César Rivera.
A mecánica está fabricada polo Sr. Montaner, e segundo lle conta Javier Fernández que é como vós dixen o encargado de darlle a corda, ó autor deste traballo: hai que darlle 142 voltas de manivela no pomo da dereita, para que soe a campá, e logo 12 voltas no pomo da esquerda para que funcionen os minutos.
A campá tamén ten a súa historia, pero dela falaremos noutra ocasión.
Gustaríame poder subir a Scribd este documento de quince folios, para que todos vós poidades ter acceso a el, pero xa sabedes como está iso da propiedade intelectual, e eu a respecto moito.
Agora despois de todo isto non vaides todos á vez a marear a Javier para que vós suba á torre.





domingo, 1 de noviembre de 2009

Xantar no Cine España

Así de ben engalanado estaba o Cine España para a celebración de este xantar, con mantóns e guirnaldas colgando do teito, pero o que que non sei é a quen homenaxeaban, e é unha mágoa xa que por saber tampouco sei a data na que se fixo esta foto.
Este cine era, como se lle chamaría agora, o espazo multiusos de Ribadavia, naqueles anos da década dos vinte. Teño referencias xornalísticas de que a maioría dos espectáculos que se celebraban na vila, facíanse case sempre aquí, desde acatucións teatrais, concertos de corais, de bandas de música, e incluso como podedes ver nesta imaxen xantares de homenaxe. Non me preguntedes, que tampouco vós podo dicir era o que servía o catering.
Como non sei nada, esta foto podería servirnos de exemplo, e o que si que sei, é que no ano 1929 se serviu aquí un banquete .

Nese ano, Ribadavia e toda a comarca do Ribeiro rendiulle unha homenaxe a D. Eladio Rodríguez, que era o Presidente da Real Academia Galega, e entre os moitos actos programados, ás duas da tarde deu comenzo o banquete no cine España. As crónicas falan así do cine:
"Este se hallaba artísticamente adornado con flores y los escudos de las cuatro provincias gallegas. "La Lira" ocupaba el escenario y durante la fiesta no cesó de cosechar merecidos aplausos por su hermosa ejecución de obras, casi todas de sabor regional.
Asistieron ciento sesenta comensales que representaban todo lo que en Galicia tiene un valor definido tanto en el orden espiritual como material".
Eu non sei se esta foto se corresponde con ese día, pero podería ser. O certo é que neste cine a xente da vila pasou moitos e bós momentos. As súas paredes nós viron rir e chorar, e de seguro que máis de un namorouse no seu patio de butacas.
Non vós quero aburrir cós meus recordos, pero aí pasei momentos inesquecibles: Fantomas, quizás a primeira película que recordo acompañado do meu pai; as clases de música de D. Fidel, Dávila que era un dos empresarios do cine; os palcos eses do final , onde se sentaba sempre Dona Sofía, a nai de D. Fidel e as súas amigas, e que se enfadaban moito cando había asubíos; e as saídas do cine os domingos pola tarde, despois de ver as películas de Bruce Lee, onde toda a rapazallada facía chaves de karate .
Non sei si sabedes que unha das súas máquinas de proxección hoxe está na entrada da Facultade de Ciencias da Información en Madrid, é un cachiño da historia da vila na capital, xa que un dos fillos dun dos empresarios, concretamente o de D. Francisco García, é Catedrático nesa facultade.
Pero o que tampouco sei aínda é o que fixo o fotógrafo para sacar esta foto. ¿Subiu polos tellados?