lunes, 28 de febrero de 2011

Cabaleiros no Club

Fai bastante tempo que puxen unha foto parecida a esta. A diferencia con aquela, estes cabaleiros ribadavienses puxéronse todos serios para a foto, a pesares de ser nun día de festa, como podedes ver polas serpentinas que colgan dalgunha das lámparas do salón.
De esquerda a dereita os que están de pé son: Argimiro, Antonio Chao, Venancio, Javier de Burgos, "Chucho" Sánchez, Antonio Ríos, Carlos de Burgos, e Pepe Conde.
Na fila de abaixo: Fidel Dávila, Braulio Soto, Manolo Padrón, Pepe Casas, Jaime Dávila, Benito Escudero, e Eloy Soto.


viernes, 25 de febrero de 2011

A cobra

Non sei de cando é esta foto da Praza Maior, nin de que libro está sacada, pero ven hoxe a colación polo tema de onte, o da figueira da Torre do Reloxio, que como podedes ver aquí, se aprecia claramente e en todo o seu esplendor.
Pero a finais da década dos anos sesenta o noso Consistorio non só tiña ese inquilino. Lembro ben como un día no que eu estaba a xogar na Praza, oíronse berros de alarma que proviñan da rúa Mera Soto, á que se accedía baixando unhas pequenas escaleiras por detrás dos soportais de Previsión.
-¡Acudan!. ¡Unha cobra!. ¡Unha cobra!.
Tódolos rapaces que por alí andabamos dirixímonos cara a ese lugar, e a nosa sorpresa foi maiúscula, ó contemplar como unha grande serpe estaba medio colgada do aleiro da Casa Consistorial. Concretamente na súa parte traseira, xusto onde estaban, máis ou menos, ubicadas daquela as dependencias do xulgado de Primeira Instancia.
O curioso do caso é que o becho non se movía, nin entraba nin caía, tiña coma un metro ou metro e medio do corpo á vista, e o resto debaixo das tellas, polo que debía de ser ben grande.
Enseguida se arremuiñou moita xente, e entre eles a o cabo da policía Local, o Ricardo, e penso que algún Garda Civil. Puxeron orden, e rapidamente tomaron a determinación de derrubala a tiros. Imaxinade hoxe o que pasaría cos ecoloxistas. ¡Menudo lío!.
O problema era que coas pistolas, e a esa distancia as probabilidades de facer blanco eran mínimas. Polo que a solución pasaba pola escopeta dalgún cazador da vila.
A historia, chegado a este intre, se me perde na memoria. Penso que me pediron que fose correndo a avisar ó meu avó para que viñera coa escopeta, e tamén mandaron recado ó Lelo, e ó Eduardo que eran recoñecidos cazadores da vila. Como meu avó non estaba, volvín correndo a presenciar o desenlace.
Non me fagades moito caso pero penso que foi o Eduardo, quen lle soltou os dous canos con munición do catro.



jueves, 24 de febrero de 2011

O reloxo da Praza

O outro día vos falei dun libro publicado por Caixanova onde D. Francisco Fernández del Riego contaba a súa visión da vila, e vos dicía tamén que viña con ilustracións de Alex Vázquez-Palacios. Poi esta é a súa particular interpretación da nosa Torre do Concello.
Por certo, pódese ver perfectamente a figueira que alí había, e digo había, por que penso que xa non está. Desta árbore se comentaba que o día que desaparecese, o pobo tamén esmorecería, ou polo menos eso é o que eu tiña ouvido, aínda que pode que eu esté trabucado e o conto vaia por outros derroteiros.
Seguro que algún de vós saberá máis do tema e nolo poderá contar.



miércoles, 23 de febrero de 2011

Retrato

Non sei si este retrato está feito por Foto Chao, e aínda que non volo poida asegurar, da o mesmo, xa que seguro que é obra dun dos moitos fotógrafos de pobo ou de provincias que foron quenes de ir enchendo esas caixas nas que todos imos metendo a memoria das nosas familias.
Nel vemos á dereita a Rita Pousa acompañada dunha amiga que non coñezo. Pero o que me chama verdadeiramente a atención é o traballo artístico que facían estes fotógrafos cos poucos medios dos que dispoñían.
Hoxe en día é moi doado, e está ó orde do día, grazas ós programas de retoque fotográfico, suavizar xestos, unificar tonalidades, escurecer ou aclarar as cores. Pero ollade esta foto, parece que o tempo se detivo durante unhas décimas de segundo para sacar estas dúas caras tan anxelicales.
Non só se necesitaban medios e coñecementos técnicos, facía falla algo máis, ese algo especial que os ingleses chaman "feeling".
Grazas Carmela por esta fermosa imaxen.


martes, 22 de febrero de 2011

Foto invernal

Polo que parece, e polas prendas de abrigo deste animado grupo a foto debeuse de facer en pleno inverno, o de non ser así, polo menos nun dos meses máis desapacibles do ano.
A foto fíxose en Leiro no ano 1956, e nela podemos ver na fila inferior de esquerda a dereita a Celsa, Mari Carmen Bueno e a Matilde Pepín, e na de arriba, á primeira da esquerda non a temos identificada, mentres que a seguinte é Julia, e a da dereita de todo Mari Carmen López que foi quen me cedeu amablemente a foto.


lunes, 21 de febrero de 2011

Na Quinza

Esta é a derradeira foto da serie enviada por Miguel López. Como podedes ver é unha xuntanza de amigos nun prado á beira do Avia. Na foto por detrás puña A Quinza, pero non traía ningunha información da fecha.
Eu só coñezo ó Miguel, aínda que algún e algunha me teñen caras moi coñecidas, pero non quero aventurarme a dicir nomes que logo non sexan verdade, polo que vou a esperar a que vós digades algo.



viernes, 18 de febrero de 2011

A bici

¿Vedes a ese rapaz que vai empurrando a bici na Praza da Magdalena? Pódovos asegurar que non son eu, aínda que farteime de dar voltas coa miña vella BH por esas rúas. E xusto esta foto me trae grandes recordos, e entre eles un, dun día moi caluroso do verán.
Os rapaces que viviamos pertiño da Praza Maior, nas vacacións, e cando o tempo o permitía tiñamos o costume de sairmos a xogar un ratiño á praza despois de cear. Coma os días eran moi longos e sempre había alguén por alí, os nosos pais quedaban tranquilos na casa. Estouvos a falar de cando eu tiña uns oito ou dez anos.
Unha noitiña desas quixen sair coa bici, pero os meus pais, supoño que con criterio, non me deixaron, debido quizás á pouca luz que xa había, e ó curto espazo de tempo do que ía a dispoñer. Pero eu de intelixente e pola calada collín a bici que estaba apoiada no portal da casa, e sin que ninguén se dese conta tirei para a praza.
Despois de darlle unhas voltas, decidín botarme por Merelles Caula, cruzando a Magdalena cara a dereita, ata a praciña onde está o mirador que dá a Extramuros, xusto por derriba do Parque Robla. Como o percorrido me gustou, e non había xente, repetín a operación varias veces, co consabido aumento de velocidade nos descensos.
Nun deles, case a obscuras, cando estaba a piques de tomar a curva diante da igrexa, se me cruzou unha sombra por diante da roda. En décimas de segundo tentei esquivar ó gato, pero o que non puiden esquivar foi a fachada da igrexa.
Cando me incorporei, medio atordoado tratei de montar outra vez, pero o aparello no ía. Pensei que a dirección se desaliñara co impacto, e de pé, agarrando o manillar e metendo a roda entre as pernas tentaba unha e outra vez colacala ben, cousa que era imposible.
Aínda tardei un bó rato en caer da burra. Despois de varios intentos por arranxala, decateime do que pasara. Como ía a rodar aquelo, si a galla dianteira estaba totalmente dobrada cara atrás, e a roda tropezaba no cadro.
Collín a bici ó lombo e leveina para casa, metína no portal tan silandeiramente como a sacara. Subín as escaleiras, din de lonxe as boas noites a todos, e me metín en cama pensando e como ía a acabar aquelo.
Á mañan seguinte a cousa foi máis doada do que pensara, ó veren na casa a cor moura e o vulto na miña fronte.
A saúde é o que importa.



jueves, 17 de febrero de 2011

Animada charla

Animada charla nunha paradiña, é a que tiñan estes veciños nosos, nuha calurosa tarde do verán a piques de escomenzar a década dos setenta na rúa do Progreso.

A foto nola envía Francisco Couto, xa que o home da esquerda é o seu pai Francisco Couto Touza, e o segundo pola dereita é Benigno Pousa Cortés, de quen Francisco nos conta que era moi intelixente, e unha das mellores persoas que el coñeceu. Era tío de seu, e marido de Carmen, irmá da súa nai. Desde a guerra viviu fóra de Ribadavia, en Guadalajara e Torrejón de Ardoz. Naceu en 1915 e morreu no 2006, polo que non é, a pesares de chamarse igual, aquel rapaz que no ano 1920, xunto co seu irmán acadaran grande éxito na Escola de Comercio de Vigo, tal como reflectía unha nota de prensa que publicamos hai un tempo.

Benigno era sobriño do pai deses escolares, de Jesús Pousa, que fora alcalde da vila, e curmán deles. O Benigno Pousa do xornal segundo as súas informacións morreu en madrid nos anos cincoenta.

O que nos gustaría saber a todos é que nos digades os nomes dos dous que faltan por identificar na foto.



miércoles, 16 de febrero de 2011

Nas escaleiras da Alameda

Máis fotografías con belezas da vila. Desta vez posando nas escaleiras da Alameda, e como quero ser un cabaleiro, tratarei de omitir calqueira especulación sobre a data desta foto. Non se lle pregunta a idade a unha dama.
É un envío de Carmela Dávila , na que aparece a súa nai Rita Pousa a quen xa coñeceredes ben por vela noutras entradas anteriores. Ás que non coñezo son ás súas acompañantes.



martes, 15 de febrero de 2011

Arte en Sampaio

A igrexa de Sampaio, co camposanto que a agarima, son baixo o meu punto de vista, dunha beleza especial. Merece a pena sentarse pola tarde no seu entorno, pendurado sobre o río, e perder a vista no val do Miño, nesa ampla lámina de auga por veces tranquila coma un espello, onde se reflicten as gavias da outra beira. Alí, nun dos seus recunchos hai un peto de ánimas, este que aparece na foto, e que é motivo dun estudio feito polo investigador Julio Fernández Pintos que podedes ler premendo aquí.
Na mesma páxina web deste autor se publica tamén un traballo sobre a capela do veciño pobo de Santa Cristina, situada un pouco máis arriba de Sampaio, e ó que tamén podedes acceder pulsando aquí.




lunes, 14 de febrero de 2011

Paseando cos amigos

Esta é unha foto da que o seu propietario Francisco Couto, ten datos bastante incompletos. Como podedes observar, debe de estar feita na rúa do Progreso da vila, e el, lle calcula que debeuse sacar a mediados da década dos anos corenta. Dos catro amigos que pasean alegremente entre esa morea de xente que hai pola rúa, o que se vé á dereita é o seu pai Francisco Couto Touza.

A Francisco gustaríalle saber quen son os outros tres, por si algún de vós os coñece, e nos pode informar.

Seica a foto orixinal ten ese formato, polo que a definición non é moi boa, e é unha mágoa, xa que eu me aventuraría a situala debaixo da Alameda, aínda que non sei si o muro que se ve ó fondo a dereita, sería o do solar que ocupa hoxe o endificio que albergou durante tantos anos o Cine Río.


viernes, 11 de febrero de 2011

Excursión ciclista

Esta foto que data do ano 1956 é complementaria doutra que xa puxemos fai un meses, e que podedes ver aquí. Tratábase dunha excursión en bicicleta que fixo esta pandilla de xóvenes ribadavienses a Leiro, e supoño que esta foto é a verdadeira testemuña de que o obxectivo se cumprira, xa que penso que está feita na praciña que hai ó lado da estrada nesta veciña localidade.
Posan todos fachendosos despois do esforzo, coas bicis arrumbadas tras deles na estrada, onde seguro que fixeron unha paradiña para repoñer líquidos e folgos.
Entre elas podemos recoñecer a Mari Carmen López que foi quen me pasou a foto, Marta Culell, Fina Lira, Matilde Pepín, Guti Conde e Pili a dos Cabedos. E entre os esforzados ciclistas a José Luís Chao, Orlando e Roberto.
Si recoñecedes a algún máis podedes deixar un comentario explicandonolo.

jueves, 10 de febrero de 2011

No novo Instituto

Esta é, como supoño que notaredes, unha fotocopia dunha foto que me fai chegar Carmela Dávila, e na que podemos ollar un momento dunha das moitas celebracións que se facían ó longo do curso no espazo que tiñan como salón de actos no Institituto da vila, cando este se chamaba aínda Instituto Laboral Martínez Vázquez, e se atopaba na rúa de Santiago, no edificio que hoxe aloxa ó Museo Etnolóxico da vila.
Non recoñezo a tódolos que conforman a mesa presidencial, pero o que está de pé pronunciando unhas palabras debe de ser o franciscano P. Saco. E entre os que están sentados, vexo ós profesores López Grien, María Pérez, e a un xovencísimo Gerardo Álvarez Vidal case cortado á esquerda da foto.

miércoles, 9 de febrero de 2011

Javier Meruéndano en Roma

Xa vos puxen fai tempo a foto dunha homenaxe que se fixera a este ilustre diplomático ribadaviense no Club Artístico, pois ben, dase a casualidade de que no ano 1935 estaba destinado como Cónsul de España na Cidade Eterna, e nese ano aterrou alí o avión modelo Breguet XIX de 600 hp. amadriñado pola Raiña Victoria Eugenia co nome de "Jesús del Gran Poder" .Ós mandos da nave ía o Capitán Ignacio Jiménez Martín, que uns anos antes tentara co mesmo aparello batir o record mundial de distancia sen escalas, cousa que non acadou,aínda que conseguíu a segunda maior distancia .
Como non ía a ser de outra maneira o noso veciño foi ó aeroporto romano a darlle a benvida, e alí, nesa recepción foi fotografiado, tal como recolle o xornal madrileño ABC na súa portada do día 1 de Septembro de 1935 na edición de Sevilla. Polo que é o segundo ribadaviense do que temos constancia que aparece na primeira páxina dese xornal. Si lembrades, anteriormente puxéramos a foto da portada ocupada no ano 1931 por D. Alfredo Escudero Gallego grazas ós seus méritos académicos.
Na foto da portada, no aeroporto de Roma, á que podedes acceder premendo aquí, aparece D. Javier Meruéndano ó lado esquerdo, cun chapeu na súas mans, acompañado entre outros do Sr. Banda de la Bermeja, que era o presidente da Casa de España; o Sr. Muns, conselleiro da Embaixada; e o Capitán Jiménez.

martes, 8 de febrero de 2011

Dúas avoas

Esta imaxe nola envía Francisco Couto Gulín e nela podemos ver ás súas dúas avoas paseando pola rúa do Progreso. A da esquerda é Joaquina Touza que é a paterna, e a da dereita, a materna, é Luisa Pérez. Polo que respecta ó cabaleiro que posa no centro entrámbalas dúas nada sabemos.
É unha mágoa que a foto non teña unha pouca máis de definición, xa que me parece que podemos ver detrás deles como se está a construir o edificio do cine Río, ou polo menos se intuen andamiaxes nas últimas plantas. Se vos fixades á esquerda, xusto onde está aparcada esa vella furgoneta está o solar no que anos despois se edificaría o Sanatorio.


lunes, 7 de febrero de 2011

Pasando a tarde

Esta foto debe de ser dos anos cincoenta e supoño que estaría feita na parte traseira do Club Artístico durante unha tarde do verán. Eu so coñezo a dúas das tres mulleres que nela aparecen, en concreto ás dúas que están situadas á dereita da foto, a de chaqueta e falda obscura é Olga Freijido, e ó seu carón medio ladeada, e coas súas mans apoiadas sobre os ombreiros dun dos homes, está a Concha de Melón, que polo que sei, xa daquela debía ser a Xefa Local da Sección Feminina.
Dos demais non podo dicirvos absolutamente nada xa que descoñezo as súas identidades, pero espero que algún de vós poida aportar algún dato.

viernes, 4 de febrero de 2011

Corredoiras

Así como se ve nesta foto da rúa que hay tras o Castelo, estaban moitas das nosas rúas nos anos cincoenta, e pouco a pouco, co paso do tempo, se foron adecentando para alegría dos veciños. Moito máis tarde, non sei exactamente cando, se abriu a rúa de Otero Pedrayo(da que non posuo ningunha foto antiga), si, esa que baixa a carón da Alameda dende os Chalets, e que remata onde agora está a parada dos taxis, fronte o Castelo.
Resulta que cando se acondicionou o seu firme con cemento, alá a finais dos sesenta, a ledicia foi sobre todo para moitos rapaces, xa que ata ese momento non existía na vila ningún "circuito" para carros de caixas de bólas.
A maioría das nosas rúas estaban mal enlousadas, e as que estaban "empichadas" soportaban unha morea de vehículos e peóns que desaconsellaban seriamente a práctica deste noble deporte.
A rapazada víu o ceo aberto o día que se abriu ó trafego esta rúa. e a nova correu de boca en boca coma a pólvora.
O domingo seguinte, despois da misa das doce, alí coincidimos unha morea de cativos cos nosos bólidos preparados para a carreira. Algúns inclusive levaban ferramentas nos seus petos, e ata aceite de máquina para engraxar as rodas e así poderen acadar máis velocidade.
As carreiras repetíanse tódolos fins de semana, e a cousa foise voltando perigosa xa que o primeiro obxectivo, meramente deportivo, foise trocando polo de desviar ós adversarios contra a beirarúa, para impedirlle o descenso, polo que empezaronse a ver aleróns laterais, non por cuestións aerodinámicas, senón para defenderense dos choques laterais cos que algúns tentaban botarte fóra da pista. Algún prototipo chegou a levar, inclusive, puntas metálicas ben afiadas para que ninguén se lle arrimase. Penso que debeu de ter algo de culpa a película de Ben Hur.
Habíaos de tódolos tipos, o meu, ben o lembro, levaba caixas grandes atrás, e pequenas diante, que xunto a unhas aletas de cor azul, dábanlle un aspecto moi agresivo.
A pesares diso nunca chegou o sangue ó río, algunha magulladura e algún que outro negrón amais dalgún sete na roupa.
Un deses domingos estrenei un par de zapatos. Eran deses coma de tipo mocasín, de cor branco e nos que a goma do tacón ascendía pola traseira do calcañal. Tódolos pilotos coincidiron en que estaban feitos para frear.
Unha hora despois, e tras unhas cantas baixadas meténdolle ben aos freos, ó final da rúa decateime de que a goma desaparecera dos tacóns e do calcañal, e no sue lugar quedaba un burato de coiro raido.
Foi o final do carro. Xa non houbo máis carreiras.


jueves, 3 de febrero de 2011

Este son eu

Parece que nos quere dicir Quico Bouzas cando co seu mirando para a cámara levanta a man e se sinala a cabeza co seu dedo índice. Unha mostra máis do seu carisma, da súa alegría e do seu excepcional sentido do humor. É ó único que coñezo deste grupo que parece que está a degustar algunha tapa acompañada dunhas cuncas de Ribeiro.
Do que tampouco sei nada e da localización desta instantanea. Non me soa este establecemento, coa escaleira ó fondo, con esa mesa alta colocada enrriba deses depósitos, coas latas de conservas ó fondo e os chourizos pendurados do teito.
A foto é propiedade da súa filla Mª. José, e a ver se alguén nos pode dar algunha pista sobre os acompañantes e o bar en cuestión.


miércoles, 2 de febrero de 2011

Grupo primaveral

Mirade que rapazas da vila en idade de merecer. Deberon de ser fotografiadas na década dos cincuenta, supoño eu, que no parque dos "Jardinillos" que era o que estaba de moda daquela.
A da esquerda é Maricarmen López, a propietaria da foto, a quen lle mando desde aquí os meus mellores dexesos para que se recupere dunha intervención á que foi sometida recentemente, e da que polo que sei evoluciona moi favorablemente.
Derriba dela está Teresa Culell, e no medio a súa irmá Marta. Rematan este grupo tan primaveral unha sobriña do Mato, que é a que está no máis alto, e da que descoñezo o nome; e á dereita de todo, Vicenta.



martes, 1 de febrero de 2011

Unha incognita

Esta entrada vai adicada a dous insignes colaboradores do blog. Por unha banda a José Luís Escudero que foi quen nos pasou este recorte dalgún xornal, que gardaba o seu pai coma ouro en pano, coa data do ano da publicación escrita ó lado, que como podedes ver é 1934. Para el é un misterio a razón pola cal o conservou tanto tempo, e supón que aparte de seren veciños da vila terían unha boa amizade.
O outro a quen lle adico a entrada é Antonio Canitrot, que aparte de colaborar connosco, é un estudioso do seu apelido e da súa xenealoxía; e do que espero que aporte algo de luz sobre este rapaz do que non sabemos ren.