Facía ben tempo que non pasaba por aquí! Xa tiña isto medio esquecido, se non fora por algún que outro comentario que, de cando en vez, me envía alguén. Mais o outro día, recibín un moi especial. Unha rapaza me falaba da súa avoa nunha antiga entrada no blog. Púxenme en contacto con ela, e tivo a amabilidade de enviarme estas fotos. Esta é razón pola que estou aquí, de volta nesta entrada.
Resulta que María, é neta da señora Rafaela "A Raiña", que xunto ó seu home Manolo, levaban o muiño que había no Avia, entre a vila e A Foz.
Vivían na rúa de Fornos, abaixo de todo, nunha casa a cabalo de Extramuros. Moi perto de alí, tan só atravesando a vía férrea, xusto onde comenza o camiño que baixaba ó muiño, (digo baixaba, porque penso que hoxe en día xa non se pode cruzar a vía por alí) había unha pequena casa, que era onde tiñan a Poli, un loro de cor verde, do que xa vos contei as súas habilidades nesa entrada da que falaba máis arriba.
De pequeno pasei moito tempo xogando alí con el, e me colleu certa confianza. Como xa vos dixen, imitaba moi ben os asubíos dos trens, en especial o do Ferrobús.
Estaba sempre na súa percha, solto, tal como o vedes na foto, a carón dunha ventá con vistas á Alaxancha, á Foz e ós Caneiros, para que o quecese o solciño da tarde.
Foi toda unha sorpresa, e un verdadeiro agasallo recibir estas fotos, a de Rafaela e Manolo acompañados por dous dos seus netos, que suxeitan a Poli nun pau, e a outra onde aparece el só.
A verdade é que daquela, a finais dos sesenta ou principios dos setenta, poucos loros se miraban pola vila. Había outro, africano, de cor gris cincento, que era propiedade do dono de "Mobles Montero", pero ese era inaccesible, xa que o tiñan no balcón da súa casa, moi perto da Fonte da Prata.
A min, o pouco tempo que pasaba con Poli non me prestaba, polo que se meteu no meu maxín conseguir un loro como fora. Mareei ós meus pais con esa teima durante algún tempo, sen acadar resultado algún. Pero xa sabedes que o tempo o cura todo, e máis a esa idade. Meu avó pareceu cun cadelo novo, ou eu medrei, e as visitas a Poli fóronse espaciando.
Un día, anos despois da morte de Poli, miña nai falando coa Rafaela, entre unhas cousas e outras, lle debeu de comentar a teima que me entrara a min co loro. E sabedes que lle dixo?
-Hai muller! si o chego a saber, doullo.
Grazas María pola fotos, e grazas á túa avoa Rafaela polo seu agarimo e paciencia.