martes, 9 de junio de 2009

Chegou o inverno

Como en troques do mes de Xuño parece que esteamos no de Xaneiro, traio hoxe a esta páxina outra foto de D. Roberto Villar que aínda que non é de moi boa calidade, mostra ben ás claras unha boa nevarada que caeu na vila na década dos cincoenta.
Non saiades da casa, que é onde mellor se está, ata que esto mellore.

lunes, 8 de junio de 2009

Máis tardes taurinas

¿Onde se facían as corridas de touros? ¿Nun campo que había na estrada de Francelos ou no Campo do Consello?. Dna. Digna Soto, que é a propietaria desta maravillosa foto, e que ma cedeu tan amablemente, aseguroume que esta, foi sacada nunha praza instalada cerca de Francelos nun campo que alí había.
Segundo a miña nai, estes últimos festivais celebráronse nos cincoenta, e sempre nese campo. Me conta tamén que estiveran organizados uo polo menos, algo ou moito tiveran que ver, Lázaro Moreno que por aquel entón era o xefe da estación e o pai do Chuchito.
Entre outros podemos ver ós Srs. Santoro pai e fillo, Freijido, Docampo, Loeda, Soto, Chao, Araújo, etc.

domingo, 7 de junio de 2009

A terraza do Café Moderno

Supoño que esta foto debe de ser de finais dos corenta ou principios dos cincoenta, e nela podemos ver ó fondo ós meus avós maternos, mentres que na mesa de diante está o Torejas có seu fillo, acompañado por outras persoas que non coñezo. ( Sigo a pedir axuda)
Penso que debe de ser unha tarde festiva do verán, e varias cousas me chaman a atención: unha é que a xente pasea pola metade da rúa, que era a estrada Madrid-Vigo, coma se nada debido á ausencia de trafego. Outra é que hai árbores nas beirarúas, e a última é a tina que está na porta do café coas bebidas a refrescar.
Sonvos cousas doutros tempos...

sábado, 6 de junio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 7

Hoxe seguindo coa colección de gravados que fixo este artista ourensán dos diversos rincóns de Ribadavia, tócalle o turno a esta espléndida vista da Ponte e do Convento de San Francisco, có monte de Santa Marta detrás.


viernes, 5 de junio de 2009

Un ano despois

Deixeivos fai uns días coa historia do meu tío avó Perfecto enviandolle unha foto ó seu pai dende a cidade cubana da Habana no ano 1922, estoutra nembargantes xa é do ano 23, e fixádevos que cambio... Nesta na que aparece el sentado en compañía dun amigo, nótase que a vidaese ano lle foi algo mellor, e sobretodo faime gracia, en comparación coa outra foto, ese certo airede de señoritos caribeños no seus traxes e nos seus sombreiros.

jueves, 4 de junio de 2009

A voda de Agapito Escudero

Gústame moitísimo esta foto de familia sacada no adro da igrexa de San Domingos de Ribadavia. No centro os noivos, e como supoño que xa sabedes as noivas soían vestir de negro, para poder aproveitar logo o vestido ( só se casaban de branco as señoritas de moitos cartos segundo di no seu blog o noso amigo Ánxelis).
Supoño que a foto está feita antes da guerra civil, pero como sempre aproveito para dicirvos que se algún de vós está ben informado deixe abaixo o comentario pertinente, como por exemplo a data desta voda. Tédesvos que animar a facer máis comentarios.
Darlle de novo as grazas a Mª José Bouzas por esta maravilla nas que podo recoñecer ó meu avó Odilo e ó seu irmán Julio.

miércoles, 3 de junio de 2009

A Sección Feminina

Non sei onde se sacou esta foto nin cando, pero eu lle calculo que debeu de ser polos anos cincoenta.
O que aquí vemos é unha exibición ximnástica das señoritas ribadavienses que formaban parte desa organización. Alguén me comentou que quizais fose no Clube Artístico coincidindo con algunha celebración ou festividade, mais non volo podo asegurar, soio é unha suposición.

martes, 2 de junio de 2009

As señoritas

A estas veciñas da vila lle chamaba sempre miña avoa as señoritas, nembargantes agora mesmo miña nai xa non soubo dicirme a ciencia certa quen son esas dúas damas.
Como vedes a foto está feita en Montevideo, e como hoxe esto de internet fai milagros, localicei tamén o autorretrato de Jorge Vigouroux, xa que todo o mundo me dí que cando se poida non só hai que citar ó propietario da foto, senón tamén ó fotógrafo. Pois ben aquí non só o citamos senón que poñemos a súa foto.
Tamén me puxen en contacto cun coleccionista de fotos uruguayo que sitúa esta foto entre 1890 e 1910.
Podedes visitar a súa páxina pinchando aquíEste é Jorge Vigouroux o fotógrafo que fixo a foto.

lunes, 1 de junio de 2009

Batalla de frores

Esta foto debe de ser dos anos 50 ou 60, e según me conta Mª José Bouzas que é a propietaria da foto, parece que se trata dos compoñentes que interviron nunha carroza na batalla de frores que se celebraba en Ourense, e como non ía ser doutra forma a representación ribadaviense tiña moito que ver co viño, e como non, na parte superior tendes ó Quico disfrazado de deus Baco presidindo a comparsa, rodeado dunha morea de belezas da vila.

domingo, 31 de mayo de 2009

II Feira do Viño do Ribeiro

Este é o programa oficial da" II Feria Exposición de Vinos del Ribeiro", e supoño que así sería o cartel anunciaor da Feira. Perdoade polo estado de conservación do exemplar, que como podedes observar ten un roto xusto no medio, que me nego a retocar.
Consta dunhas corenta páxinas a dús tintas, abondosa publicidade e algunha que outra foto.
Celebrouse esta Feira baixo o mandato do Alcalde D. Jaime Dávila, presidindo a Comisión Executiva D. José Filiberto Soto acompañado por D. Emilio Gómez, D. Juan Antonio Bande, D. Benito Escudero, D. Manuel Meruéndano e D. Jose Luís García Casasnovas.

sábado, 30 de mayo de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 6

A fonte de San Martiño ou como lle chamabamos nós de pequenos a "fonte de dous caños", vista dende a rúa do mesmo nome.

viernes, 29 de mayo de 2009

Unha voda

Como mañá algúns compañeiros e compañeiras das antigas promocións do Instituto de Ribadavia, unidos pola asociación Exaprin, temos festa rachada na Veronza publico hoxe esta foto que pertence a unha voda. Para que todos os que alí nos xuntemos, nolo pasemos tan ben coma parece que o pasan os da foto.
Me parece que é a voda de Lolita Freijido e Castor Cao no Clube Artístico alá polos anos cincoenta .Concretamente en Abril do 1958.
A foto é cortesía de Mª José Bouzas, e nela podemos ver ós seus avós Pepe e Juana, mailos meus Ricardo e Isaura.


jueves, 28 de mayo de 2009

Barcelona

Xa sei que non ten moita relación, pero esta foto sacada no porto de Barcelona nos anos corenta sérveme de felicitación a todos eses futboleiros que onte disfrutaron coma ananos. E que conste en acta que eu non che son do BarÇa.
Na foto aparece unha tía avoa miña que nunca coñecín e que se chamaba Toñita, e que se foi á Cidade Condal a vivir.

miércoles, 27 de mayo de 2009

O Huracán

Como hoxe se celebra en Roma a final da Champions, e sei que moitos de vós sodes futboleiros, poño esta foto do ano 1932 correspondente ó equipo Huracán F.C. sacada no Xestal, xa que se recoñece perfectamente a paisaxe que está detrás.
Aínda que ó mellor moitos de vós xa sabiades desta foto sacada por Chao, xa que se publicou no libro "O Deporte" do Museo Etnolóxico de Ribadavia, esta copia cedida por Carmen Dávila penso que está un pouco mellor conservada.
Segundo esa publicación aparecen entre outros Rufino Martínez e Leandro Cortés.

martes, 26 de mayo de 2009

A Cooperativa

Esta foto debe de ser do ano 1967, que me parece que foi o primeiro ano que admitiu uva a Cooperativa "Nuestra Señora del Portal". De feito a empresa constructora "Dragados y Construcciones S.A." fixo a entrega oficial 0 1 de Novembro dese mesmo ano concluindo así as obras que comenzaran en Maio do 65.
O 1º de Febreiro de 1968 se fusiona coa "Bodega Cooperativa de Leiro"( primeira cooperativa de Galicia fundada no 1953) e pasa a ter 1500 socios, procesando xa ese ano 10 millóns de Kg de uva.
A foto que debe ser das primeiras feitas en cor, mostra as claras o contraste da industrialización en pervivencia cós usos tradicionais.

lunes, 25 de mayo de 2009

A maqueta da Cooperativa

Esta foto é da II Feira do Viño do Ribeiro que se celebrou entre o 28 de Abril e o 3 de Maio do ano 1965, e nela vese a D. José Mª López Ramón por aquel entonces Gobernador Civil de Ourense contemplando a maqueta da futura Cooperativa "Nuestra Señora del Portal"que xa se estaba a construir naquel ano baixo un proxecto do prestixioso enxeñeiro D. Ángel Arrue.
A "Cooperativa", como a coñecemos todos, constituírase nunha asamblea feita no cine Río de Ribadavia o 19 de Marzo do 1963 con 500 socios fundadores.
Esta serie de fotografías son xentileza de Mª José Bouzas.

domingo, 24 de mayo de 2009

Festas do Portal de 1939

Aquí está o programa de man das Festas da Virxe do Portal do ano 1939, é un tríptico publicado pola editorial Arco de Ourense, e se o queredes ver completo en formato pdf pulsade aquí.
Teño que darlle as grazas a D. Secundino Lorenzo por ter a deferencia de conseguilo e deixarmo para que todos vós o poidades disfrutar.

sábado, 23 de mayo de 2009

Salmóns

Aquí temos a D. Roberto Villar del Castillo cun magnífico exemplar de salmón pescado por el no ano 1969. Máis adiante colgarei outras fotos das súas pescatas, sempre impresionantes.
Estoulle moi agradecido por ceder tantas e tan boas fotos a este blog, e aínda que algúns de vós xa as vistes publicadas no blog Ourense no tempo, creo que merecen un espacio propio neste blog da súa vila natal.

viernes, 22 de mayo de 2009

ADEMAR

Como xa falamos nunhas entradas anteriores os Irmáns Maristas tiveron en Ribadavia un colexio ata o ano 1936, e a pegada que deixaron nos seus alumnos debeu de ser tan forte, que estes crearon unha asociación con fins sociais e culturais chamada ADEMAR , que eu recordo que tiña as súas oficinas no baixo dun edificio próximo á Praza Maior ata fai relativamente pouco tempo.
Hoxe traio a primeira circular publicada no ano 1956, e que podedes ver na súa totalidade en pdf pulsando aquí.

jueves, 21 de mayo de 2009

II Feira do viño

Non sei si se trata da recepción ou da despedida do Gobernador Civil por parte das autoridades locais na inauguración da II Feira do Viño. Non creo que teña maior importancia, o que si nós importa é que nesta foto cedida por Mª. José Bouzas podemos recoñecer a moitos veciños que non se quixeron perder este acontecemento en 1965.
Moitas veces é dificil poñerlle data ás fotografías, pero sempre estamos a tempo de corrixir os erros, e agora teño a seguridade de que esta foto e outra que vós puxen o día 7 de Maio son da II Feira, e dicir do ano 65 polo que vós pido disculpas, e corrixo o título desa entrada.