miércoles, 28 de abril de 2010

Fillo adoptivo de Ribadavia

Perdoade que estea a seguir dando á paliza con D.Francisco Pons-Sorolla y Arnau, pero unha das moitas cousas que pouco a pouco vou sacando dese libro sobre este arquitecto, é que o día 30 de Xuño do ano 1962 foi nomeado fillo adoptivo da nosa vila, supoño que polas numerosas actuacións realizadas en Ribadavia, e que podemos visualizar neste plano da vila feito por el.
Se vos fixades veredes que hai unha serie de edificacións e de rúas de cor máis escuras. Son as obras que el, ó longo dos anos foi dirixindo. Falta o Castelo no que tamén fixo intervencións xunto a Chamoso Lamas que se encargou do estudio arqueolóxico.
Entre os dous, e supoño que coa Corporación Municipal, fan que a nosa vila sexa declarada Conxunto Monumental e Artístico no ano 1947, e que ó ano seguinte se dicten unhas Ordenanzas Especiales de Protección do casco historico para tratar de preservar para o futuro as edificacións dese entorno .
Unha das razóns que esboza para protexer e restaurar o Barrio Xudeu, é que detecta que a poboación de Ribadavia estaba a bascular ós poucos para a zona nova, e dicir cara ós novos edificios da estrada Villacastín -Vigo, quedando nun certo estado de deixadez e de abandono as antigas rúas empedradas, que pouco a pouco vanse tornando nunha zona cun certo grao de degradación. Anota tamén que neses anos a nosa vila estase a convertir nun lugar de paso, no que a xente non se detén.


Para evitar estas tendencias, tenta de voltar a poñer en valor este barrio medieval. Desexa que Ribadavia sexa disfrutada, e paseada outra vez polos visitantes, para elo deciden actuar sobre unha serie de rúas, as que conectan cos entornos das igrexas e a Praza Maior, de maneira que o espectador ou o visitante poida percorrer un circuito ben coidado, que lle dé unha visión completa da historia e dos monumentos máis senlleiros de Ribadavia.




No hay comentarios:

Publicar un comentario