miércoles, 7 de abril de 2010

A restauración da igrexa de Santiago

Esta foto é das obras de reconstrucción que se fixeron na Igrexa de Santiago no ano 1971, nas que incluso se non recordo mal, houbo un canteiro morto nun desgraciado accidente laboral.

Resulta que a dirección da obra foi do arquitecto Francisco Pons-Sorolla. Así a bote pronto, este nome non vos dirá nada, pero resulta que foi este arquitecto quen fixo a maioría das restauracións das igrexas e dos monumentos que se fixeron en Galicia e no Camiño de Santiago nas décadas dos 50 e dos 60.

Era neto do gran pintor levantino Sorolla, e de aí lle viña a vena artística. Na nosa vila restaurou entre outras cousas as igrexas de Santiago, San Xoan, A Oliveira, e San Domingos, a maiores do Pazo dos Xulgados, do Castelo e algunhas casas do barrio xudeu.

Se queredes saber máis da obra e da vida deste gran arquitecto, podedes ver aquí un dos folletos que se publicaron co gallo dunha exposición que se celebrou o ano pasado na súa honra, e que se titulou "Os naufragos de Galicia". Podedes pulsar aquí para velo.

Pouco a pouco vos irei poñendo máis fotos das súas actuacións en Ribadavia, que están sacadas dun libro publicado pola doutora Belén Mª Castro Fernandez e a Universidade de Santiago, e que leva por título "Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985)" e que foi a súa tese de doutoramento.


No hay comentarios:

Publicar un comentario