lunes, 7 de noviembre de 2011

O sair de clase

Hai días en que un recibe agradables sorpresas coma estas que poñemos hoxe, e que envía C.G.S. A satisfacción que iso produce, axuda a seguir tirando deste carro.
Esta foto pertence á mesma serie que comenzamos o outro día coa foto da piscina, polo que agora, ó ver caras coñecidas será mais fácil poñerlle as datas.
Penso que varias veces falara de cando ó sairmos do antiguo Grupo Escolar, que estaba situado por riba da Alameda, corriamos coma galgos para chegar os primeiros ó deposito dos Rusos e así poder coller os sinais de "stop" que alí se gardaban, para poder parar o trafego que circulaba pola rúa do Progreso, que daquela era, coma todos sabedes, a estrada Villacastín Vigo.
Poder poñerse de diante dos automóbiles, e paralos, enchíanos de orgullo, era como unha pequena mostra de autoridade e de poder para un rapaz que apenas cumplira os dez anos. Senón mirade a cara de fachenda que pon o rapaz que porta o sinal.
Eu , se vós son sinceiro poucas veces tiven a honra de coller esa ferramenta de mando. O meu nunca foi o atletismo. Iso estaba reservado para os bós corredores do entorno da Praza e do Barrio Xudeu, que eramos os que os que desfogabamos por esa ruta cara a casa, onde nos esperaba a comida ou merenda, poño por caso, segundo fora pola manán ou pola tarde. Xa que esta escea se repetía todos os días á unha do mediodía, e ás cinco da tarde.
Pero a cousa non quedaba aí, os que non eramos quen de dirixir o trafego, seguiamos en veloz carreira ata a Praza Maior, onde se atopaba a teórica meta, o que xenerou algún que outro pequeno accidente nas dúas curvas que levan alí.
Eu aquí non quero dar nomes, pero máis de un pasou por derriba do capó dalgún automóbil, ou quedou deitado derriba del, ó atoparse de supeto co vehiculo que viña en dirección ascendente no medio da curva. Enfín, cousas de rapaces, que nunca foron a maiores, xa que daquela o parque móbil da vila era escaso, e de pouca cilindrada.
Eu só recoñezo con claridade ó "Pepe da Portanova", pero espero que vós por medio dos comentarios lle poñades nomes ás caras, e deades algunha indicación exacta do ano en que Cuco Gómez sacou estas fotos.



2 comentarios:

  1. na segunda foto paréceme reconocer a Luisa o do bar Orellas, unha das tres rapazas que están no grupo detrás do do STOP. Na primeira paréceme ver a Don Pépe o mestre

    ResponderEliminar
  2. Na primeira foto pódese recoñecer a Celsita a filla do Papuxa, tamén a Luísa Rodríguez Fidalgo e a das coletas que son eu.
    Na segunda o rapaz da esquerda e Gelín ( Xiada), tres rapazas que están xuntas, son: Luísa Rodríguez F., Nitola e Celsita.
    Detras do rapaz que suxeita o STOP, Tina (Filla do Alfredo das bicicletas) e Rita Dávila.

    ResponderEliminar