lunes, 31 de octubre de 2011

¡Parou!

A xente que visita a vila, e sobre todo, a que disfruta dun lento deambular por entre as vellas pedras do Barrio Xudeu, sentíase sempre ben acompañada no seu paseo polas badaladas do reloxio da torre do Concello. Cada hora, e cada media, os veciños e os visitantes escoitaba de fondo ese son lene e inconfundible que marca a diferencia entre unha vida tranquila na vila, e o balbordo da cidade.
Agora xa non soa, dixéronme que o reloxio xa no dá as horas, nin a medias, detívose. E esperemos que non sexa para sempre.
Xa sei que corren malos tempos, que a crise apreta, que Javier "O Ferreiro" está xubilado e xa non pode reparalo, pero non deixemos que este vello aparello que durante tanto tempo marcou a vida na vila esmoreza para sempre.



viernes, 28 de octubre de 2011

Infografía do Castelo

Acabo de atopar este video na páxina de "Revives". Trátase dunha recreación infográfica do Castelo dos Sarmiento.
Chamoume a atención polo novedoso do asunto, xa que, sabía que existían cousas deste estilo, pero dos grandes monumentos artísticos do mundo, e nunca pensei que se fixese algo así sobre a nosa vila.
Aproveito tamén para felicitar e darlle as grazas ós autores deste fenomenal traballo, que sen ninguha dúbida, axudará a poñer aínda máis en valor o noso patrimonio artístico. Son o profesor Miguel Taín, e os arquitectos Miguel Ángel Calvo Salve, e Mª Jesús Blanco.
Por outra banda sinalar que os autores das investigacións históricas que fixeron posible este traballo son:
David Chao Castro na época medieval. María José Villar na idade moderna, e Sagrario Abelleira Méndez que se ocupou da época contemporánea.
Que o disfrutedes.


jueves, 27 de octubre de 2011

Gaiteiros

O outro día atopei esta foto na páxina web do "Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego", e ó seu pé estaba escrito o seguinte: "Gaiteiros na procesión do San Antón en Ribadavia, Ourense. Fondo fotográfico Antón Méndez Gándara.
A verdade é que a imaxe está un pouco borrosa, pero aínda así, se recoñece perfectamente a Ponte de San Francisco, xa que parece feita dende o alto das escaleiras polas que se accede á igrexa dos frades.
Supoño que a sacaron un 13 de Xuño, o que non sei é de que ano, cando a procesión viña de volta para recollerse en San Francisco, rodeada, como non ía ser doutra maneira, dos nenos con flores como segue a ser o costume.
Descoñezo quen son os gaiteiros, que nese intre van silandeiros, xa que o do bombo, e o da caixa levan os instrumentos recollidos.
Quizás algún de vós, sobre todo os do barrio, poidades dar información sobre quen é ese frade que dirixe ós monaguillos.
¿Non sería o "Padre Camilo"?, que tan bó recordo deixou na vila.


lunes, 24 de octubre de 2011

A primeira Feira do Viño

Esta seica é a portada do programa de man da "1ª Feria Exposición de Vinos del Ribero". Aparece publicada no Facebook do Museo Etnolóxico da vila, a onde podedes acceder premendo neste enlace.
Eu non sei se o coñeciades, pero penso que ven ás mil marabillas, a súa publicación xa que tempo atrás publicara no blog os da segunda, e o da terceira feira.
Por outra banda, xa me gustaría a min poder publicar os carteis de tódalas festas de Ribadavia ó longo dos anos, tanto os das Feiras do Viño, como das do Portal.
Lembro algúns moi fermosos que empapelaban as paredes do forno do meu avó, e que xa se perderon. E agora que falo disto, e aínda que a dúbida me invade, penso que algún ía firmado polo meu pai.


viernes, 21 de octubre de 2011

Gaseosas

Eu non sei si vós tendes a mesma sensación que teño eu, pero penso que hoxe en día non se consume tanta gaseosa como se consumía antes. Recordo que en Ribadavia sempre houbo ó longo do tempo algunha fábrica de gaseosas, e nas casas, a xente sempre tiña algunha botella ben fresquiña, quizás para alixeirar un pouco o alcol do viño, ou restarlle un pouco de acedume.
En todo caso, eu sempre lembrei os refrescantes do Xouba, os do Neira, e os do Mexicano, do que puxemos xa neste blog algunha foto da súa fábrica .
Como en Internet se atopa de todo, e tamén hai xente que colecciona de todo, hoxe traemos unhas fotos de envases de gaseosas da vila e de Francelos.
Eu nunca ouvira falar das marcas "E-V-CH", que supoño será a mesma que a do sifón "Eulogio Veloso", e a da chapa que aparece máis abaixo; nin da marca "M. Gómez".
A mágoa é non ter unha foto dalgún envase do Mexicano, para completar o lote.
Si sabedes algo máis da historia das gaseosas ribadavienses, deixade un comentario.









miércoles, 19 de octubre de 2011

O grao

Este era o choio polo que pasabamos todos os traballadores temporais nas campañas das vendimas da Cooperativa. Era o primeiro labor que tiñamos que facer, ou mellor dito, que ías aprendendo a facer, xa que os primeiros días, os novatos o único que facían era subir ós camións e coller as mostras de uvas que se ían esmagar.
O traballo era doado. Ti subías ó camión armado con caldeiros e unha pala, para tratar de apañar unha mostra, "chamemoslle de tipo medio" das uvas que se ían a descargar na tolva, e aí era onde á veces comenzaban os problemas, xa que os propietarios das uvas tentaban dirixirte para que escolleses as máis maduras e sans, cousa que tropezaba frontalmente coas ordes que nós tiñamos da superioridade de escoller un pouco de todo.
Despois triturabamos as uvas, recolliamos o mosto nuha xarra, e tras colalo, verquíamolo nunha probeta na que introduciamos o mostímetro que indicaba mediante a densidade, os graos Baumé que tiña o mosto.
- ¡Colle esas rapaz!
- ¡De aí, de aí, esas son as boas!.
Esa era a cantinela que escoitabamos todos os días. Pero tamén sabiamos que as mellores uvas as colocaban ben á vista, polo que a nosa obriga era a de remexer un pouco.
Cando as dúas partes non nos púñamos de acordo, era cando tiña que actuar o capataz que supervisaba estas funcións, e normalmente todo se arranxaba cunha nova toma de mostras, e cunha demostración palpable de que o grao do mosto non variaba o máis minimo entre unha e outra.
Despois triturabamos as uvas, recolliamos o mosto nuha xarra, e tras colalo, verquíamolo nunha probeta na que introduciamos o mostímetro que indicaba mediante a densidade, os graos Baumé que tiña o mosto.
Esta operación era seguida con moita atención polos donos das uvas, tal como se pode ver nesta foto de Mª José Bouzas, xa que os cartos que recibirían por elas, dependía directamente do grao que se lle apuntase na tarxeta. E xa sabedes, ó final os cartiños son os cartiños.


lunes, 17 de octubre de 2011

Tuning

Perdoade que titule así, en inglés, esta entrada, pero é que o carro que aparece na foto é un exemplo claro da evolución da técnica e da mecánica.
A palabra inglesa "tuning", significa axustar, poñer a punto, e extendeuse polo noso país fai relativamente poucos anos, cando comenzou a moda de personalizar os automóbiles, xa non tanto mecánicamente, senón estéticamente.
Eu lembro como a mediados dos anos setenta o Miguelito xa tiña instalado no seu Seat 850 verde botella de catro portas, un sistema de iluminación interior que dotaba ó habitáculo de luz indirecta de diversas cores, segundo el pisase os distintos pedales, e tamén como xa daquela comenzabamos a ver polas nosas rúas os primeiros aleróns, faros suplementarios, e pegatinas varias, que lle conferían ós coches un aspecto máis agresivo.
Pero como podemos ver nesta foto dos anos sesenta de Mª José Bouzas, a cousa xa viña de moito antes. Este carro que está a piques de descargar as uvas na Cooperativa, ten as súas rodas modificadas. Non sei si por efectividade mecánica, ou por comodidade do seu dono á hora de facerse cunhas novas.
Eso si que é tuning, a evolución da especie ante o que se lle viña encima, o último alento antes da súa desaparición.


viernes, 14 de octubre de 2011

Camións

Fai tempo falei no blog dos traballos temporais que algúns rapaces do Ribeiro facíamos nas vendimas da Cooperativa, e como alí fumos coñecendo a moitas xentes e personaxes da bisbarra. Traballabamos arreo, pero tamén disfrutabamos, e agora, coa visión que dá o tempo, penso que a experiencia foi para todos nós moi enriquecedora.
Nesa entrada falaba dos camioneiros, cos que pasabamos ás veces moitas horas de conversa, e de entre todos eles citaba ó Argimiro, que vivía un pouco antes da Almuiña, e do Arca de Francelos, pero queixábame de que non tiña fotos das súas máquinas.
Esta foto que nos manda Mª José Bouzas ven a solucionar este problema. Nela podemos ver unha boa colección de camións en plena actividade, ateigando a explanada da Cooperativa, nos primeiros anos da súa andaina.
Pero como a imaxe está en branco e negro, xa non consigo distinguir cal deles é de cada quen.

martes, 11 de octubre de 2011

Un mapa

Estas imaxes son recortes que dun mapa da provincia de Ourense que fixo no ano 1856 o Coronel Comandante de Enxeñeiros D. Francisco Coello, a escala E 1: 200.000, e que pertenece ó Instituto Geográfico Nacional. Dentro del, e na súa marxe inferior esquerda ten este plano particular da nosa vila, a escala E 1: 10.000, feito por D. José Sáenz Díez, que segundo se conta no mapa fixo o traballo de campo percorrendo a provincia.
Como podedes ver, o plano presenta algunhas incorreccións. Confunde o Monte de Santa Marta co de San Domingos, e cambia de ubicación algunhas das igrexas parroquiais de Ribadavia.
Tamén fixen un recorte da zona do Ribeiro, máis que nada para que poidades ver con detalle a toponimia da nosa bisbarra nesa época. Palabras como Maquianes, Cuenga , Beronza, La Almuiña, etc, son perfectamente recoñecibles, pero hai outras que non son quen de identificar. Seguro que seredes quen de ver máis cá min.




lunes, 10 de octubre de 2011

A rúa do Progreso

O outro día atopei esta postal en Internet. Penso que debe de ser dos principios da década dos anos sesenta, e digo isto pola curiosa mestura de automóbiles que se ven na rúa. A maioría deles son antiguos, e non coñezo eses modelos, aínda que teño que recoñecer que son un ignorante nestas cuestións. Pero entre todos eles podemos ollar un par de Renault 4/4, un de cor azul e outro branco, que se fabricaron en Valladolid desde o ano 1953 ata o 1959, e un Seat 1500 que debe de ser o máis moderno da foto. Tamén podemos ver unha furgoneta Citroen 2CV, que se comenzou a ensamblar en España no ano 1959. Sinais inequívocas de que o progreso estaba a chegar a esta rúa do mesmo nome, e por ende á nosa vila.
Si vedes máis cousas curiosas, ou que vos chamen a atención. deixade un comentario



martes, 4 de octubre de 2011

Na festa da vendima de Leiro

A primeira foto é propiedade de Mª José Bouzas, e transpórtanos directamente á 1ª Festa da Vendima, que se fixo no Salgueiral, en Leiro no ano 1963, e que aínda hoxe se segue a celebrar cada último domingo do mes de Agosto.
Como eu non sabía nada desta festa, tratei de procurar algo de información en Internet, e mirade por onde, atopei estoutras fotos, que a pesares de teren menos calidade, penso que aportan algo máis á historia do Ribeiro.
Estaban incluidas no programa da que foi a 2ª Festa da Vendima que se celebrou no ano 1964, polo que deberon facelas o ano anterior. De feito o home que dirixe o carro de bois é o mesmo que na foto de María José.
Nunha das imaxes recoñezo claramente a D. Álvaro Cunqueiro e a D. José Mª Castroviejo sentados á esquerda da mesa. Supoño eu, que como bos catadores e gastrónomos galegos non se perderon esta cita, participando na cata dos viños da zona.
Do que xa non estou tan seguro, é de que nesa mesma foto, me parece ver a Antonio Freijido, e a Víctor Quijada. O primeiro deles de pé, observando atentamente a cata, e o segundo, sentado ó fondo da mesa.







miércoles, 28 de septiembre de 2011

A procesión

Vaise indo o mes de Setembro, e con esta foto de Francisco Couto, da procesión da Virxe do Portal do ano 1963, rematamos esta pequena serie adicada ás festas patronais da vila.
Coma sempre, eu non vos son quen de recoñecer os que aparecen nela, pero supoño que vós si. Un xa é coñecido. No comentario da foto anterior Couto dí, que o que vai portando á Virxe, de traxe escuro na parte de atrás é Braulio Gulín, parente del, e supoño que un dos motivos pola que tirou a foto.
Unha das mulleres que aparece na foto, vai descalza, e tampouco sei si ese costume, o de ofrecerse a facer o percorrido dese xeito, se segue a facer agora.
Outra das cousas que se ven na foto, e por iso vos poño unha ampliación, e que na beirarúa, diante da porta do Castelo, hai un carriño de xeados atendido por unha muller. ¿Podería ser do "Heladero"?, o que tiña o seu establecemento a rentes do Club Artístico. Eu ben me lembro deles, del, da súa dona e dos seus fillos. Moito xeado, moitas pipas e moitas lambetadas consumimos alí. E moitos portes de uvas lle fixo ó meu avó nas vendimas co seu camión. Pero o que non lembro é ¿como se chamaba a xeladería?



jueves, 15 de septiembre de 2011

Esforzo

Na entrada anterior alguén deixou un comentario falando de que lle estrañaba moito que os porteadores da Virxe fosen mulleres.
Eu penso que non é así, que son homes. Os porteadores na foto anterior non se ven. Están ocultos por unha das ringleiras de mulleres que van na procesión.
Nesta foto que poñemos hoxe, podémolo ver máis claro. É tamén de Francisco Couto, e da mesma procesión do ano 1963. A comitiva xa vai de retirada subindo pola costa que hai diante do Castelo, e os porteadores son homes. E se nos fixamos ben na faciana do protagonista da foto -do que descoñezo o nome- notaremos o esforzo e cansancio do seu labor.


miércoles, 7 de septiembre de 2011

Outra vez de volta

Chega outra vez o mes de Setembro mecido entre as nubes, e chegan tamén as nosas festas patronais, as festas do Portal. Moitos dos ribadavienses que estan fóra, aproveitan estes días para retornar á vila, como se estas datas fosen un xeito de cordón umbilical que os une, polo menos unha vez ó ano, coas antigas amizades e coas nobles pedras da nosa localidade.
Énchense as rúas e os cafés, as historias afloran recordando os vellos tempos, e a devoción á Virxe exténdese por todo o Ribeiro.
Aínda que cun certo retraso, tamén nós voltamos. Este mes paseniñamente, será un tempo como de quecemento, un reencontro intermitente, como o cauce do Maquiáns, que aparece e desaparece, ó seu paso polas pedras da Derrota. Non nos veremos todos os días, pero ós poucos, seguro que lle iremos collendo o truco.
Gústame esa palabra "derrota". Ten moitos significados, pero o topónimo no regato supoño que llo aplicarían como sinónimo de cataclismo, desastre, deleiba, ou catástrofe. De cando as pedras cairon e ocultaron o río .
Pero esta mesma palabra, derrota, tamén ten outro sentidos, e un deles é o de fracaso, e eu non quero que Maquiáns morra. Estamos moi escasos de fotos, de documentos, e de todas esas curiosidades que día a día imos poñendo no blog, polo que vos pido axuda. Seguro que nas vosas casas, ou nas dos vosos avós, ou mesmo nas vosas cabezas, teredes cousas que amosar e que contar.
Podedes escribirme premendo no "Contacto" que aparece na parte dereita da páxina. Espero as vosas colaboracións, para que entre todos poidamos manter vivo este pequeno recuncho de Ribadavia na Rede.
Cambiando xa de tema, e para non aburrirvos máis, iniciamos esta nova andaina coa foto da nosa Patroa, retratada na procesión do ano 1963 por Francisco Couto.



jueves, 23 de junio de 2011

A noite de San Xoán

Nesta noite máxica, o Club acostumaba a celebrar sempre unha verbena, onde ás veces se elixía á "Miss Club Artístico"e ás súas damas de compañía, pero no ano 1976, a directiva desta sociedade elixiu para a celebración do baile as pistas deportivas que había no interior do Castelo. Eu a bote pronto, supuxen que este feito se podería deber ás obras de ampliación do edificio social, pero pensandoo ben, esa obra, coa que se cubriu a traseira da sociedade fíxose moito antes.
Bueno, o caso é que nesta foto podemos ver perfectamente preparados para a ocasión e cun atuendo totalmente yeyé, como mandaban os cánones da moda da época, a un grupo de xóvenes ribadavienses dispostos a pasalo ben. De esquerda a dereita son: Xoán Canedo, Jovito, Jorge "do Pichín", Victoiro, Rogelio Domínguez e Javier "O Calavera".
A foto é de Xoán Canedo, a quen de paso aproveito para felicitar, ó igual que a tódolos Xoán que lean este blog no día da súa onomástica.
Cambiando de tercio, tamén vos comento que Maquiáns vai a coller vacacións. Recargaremos folgos, e tentaremos buscar cousas interesantes. Sigo tamén insistindo en que si tedes fotos, documentos ou calqueira cousa que pensedes que pode encaixar no blog, non dubidedes en enviarmos. Á dereita da páxina, tedes un "CONTACTO", se o premedes, aparecerá un formulario. Só o tedes que cubrir, e rapidamente comunicareime con vós. Animádevos.

miércoles, 22 de junio de 2011

Toca poñerse os sombreiros

Chega o verán, a calor apreta, e o Sol pode facer dano, e iso sabíano ben as nosas nais e avoas, que nos protexían constantemente dos sus raios, como é o caso destas dúas nenas e o neno que supoño que todos coñeceredes, xa que están fotografiados no seu barrio, onde viviron sempre, na Praza de San Xoán.
De pé á esquerda está Rita Dávila Pousa, ó seu carón, a súa curmá Pilar Dávila Padrón, e sentado na beirarúa, ó seus pés Gregorio García Ríos.
A foto está feita xusto ó lado da tenda de calzado da avoa de Gregorio, que tiña o xénero exposto derriba do caixón que aparece á dereita da foto, que supoño que deberá de ser, máis ou menos, do ano 1962 ou 63.
A foto é cortesía de Carmela Dávila.


martes, 21 de junio de 2011

Subidos ó canón

Que sorte teñen agora os rapaces que xa non teñen que facer a mili. Senón que llo pregunten a tódolos que tivemos que pasar por ela, e a ver que lles contan. Moitos dirán que co paso do tempo todo se suaviza, e só se lembra un das cousas fermosas que se viviron, pero a verdade é que a mili a uns lles abriu portas, e para outros foi unha absoluta perda de tempo. Cada un conta a feira segundo como lle foi.
Na foto vemos subido á parte alta do canón a Manuel Lage, cando facía o servicio militar, obrigatorio por suposto, en Parga no ano 1953, grazas á cortesía da súa viúva Mari Carmen López.
Supoño eu, que daquela serían a lo menos dous anos de leria, entre unhas cousas e outras, pero como o humor é o último que hai que perder, aquí o temos facendo de tripas corazón e poñendo boa cara coa que lle estaba a cair. Fixádevos nas alpargatas que calzan co uniforme. Sen palabras.


lunes, 20 de junio de 2011

O casino das irmás Touza

Este edificio era outro dos que lle chamou a atención ó arquitecto Francisco Pons Sorolla, e por iso o fotografiou. Está situado como sabedes ó caron da torre do reloxio do edificio do Concello, e hoxe en día, restaurado, mantén a mesma fisonomía que a principios dos anos cincoenta, que é cando se fixo esta foto.
Na súa planta baixa con soportais, se pode ver unha mesa que era a que anunciaba, e daba paso á taberna que alí había, e da que se falou dabondo fai uns anos, cando se soubo a historia das tres irmás Touza, que tamén rexentaban a Cantina da Estación.


viernes, 17 de junio de 2011

Xuño: anguías e cereixas

Unha das cousas que con máis agarimo lembro deste mes de Xuño no que as clases remataban, eran as tardes vagabundeando polo río Avia, e o máximo, xa era cando os nosos pais nos daban permiso para ir armar unhas canas ás anguias á noitiña. Poucas veces nos deixaban, temerosos supoño da perigosa mestura da nosa xuventude, a noite e o río.
Esas noites, nalgúns sitios, o Avia ás veces era unha festa, e en lugares como o muiño da Raiña, eran tantos os pescantíns, que case non había sitios libres para poder colocar as canas.
A xente levaba de todo, incluindo comida e bebida, e así ían pasando as horas, pendentes do ruidiño dos axóuxeres que se puñan nas puntas das canas.
Como as anguías tragan ata ben adentro o anzol, tiñamos que cortar o sedal e colocar un novo de cada vez, polo que tamén levabamos sempre unha pequena lanterna, para poder facer os nós e colocar ben as miñocas no engado.
A mágoa era que non nos deixaban quedar ata tarde, tiñamos que voltar á casa as once, pero moita xente seguían ata a madrugada. ¡Unha golfería dicía o meu avó!
Na foto podemos ver a Roberto Villar de Castillo como posa fachendoso no ano 1966, cun bó exemplar de anguía, que máis parece un anguiacho, que é como lle chaman nos portos de mar ós congros pequenos, e coma nós lle chamabamos na vila ás anguías grandes.
Detras del observan atentamente a escena dous homes, o da esquerda non o recoñezo ben, pero o da dereita, é o avogado Manuel Feijoo, que creo que tiña alí mesmo o seu gabinete, ó igual que o seu irmán, o médico e forense da vila Casiano Feijoo .
A foto está feita ó lado de Foto Chao, e como tamén este mes é o tempo das cereixas, teño a obriga de recordar aquel pequeno posto de lambetadas que había un pouco máis arriba na beirarúa oposta, xustamente na esquina da zapatería do Gonzalo que cadra fronte ó Kopa Club. Alí debaixo dun pequeno buzón de Correos, os domingos montaba o seu telderete "A Urbana" . Só era unha pequena mesa e unha banqueta onde ela se sentaba. Entre os chicles "Bazooka" e os "Chupa Chups", colocaba unha morea de cereixas, que vendía en atadiños dunha ducia, que ela mesma facía con moito xenio atando os rabiños cun fío. Eu devecía por elas.
Moitas grazas a Ánxelis de "Ourense no Tempo", e a Roberto Villar pola cesión da imaxe.


jueves, 16 de junio de 2011

A recuperación do entorno da Praza Maior

Francisco Pons Sorolla falaba nos anos cincoenta, do deterioro que presentaba o casco histórico da vila , e da necesidade de tratar de recuperar moitas das súas edificacións, pero non só as de propiedade municipal, senón outras moitas, que sendo de propiedade privada, e que sen ter un especial valor histórico, coa súa ruina afeaban o conxunto.
Así foi sacando fotografías coma esta, nas que supoñemos que amosa os casos máis chamativos.
Esta é a fisonomía que tiña o edificio que estaba ó lado do de Correos, ó carón da Praza Maior, antes de que fose reconstruido. Estiven varias veces dentro del, xa que alí vivían uns amigos meus, Antonio e Alejandro, aparte de que no do lado vivisen durante moitos anos os meus avós paternos. Todas estas casas, que daban coa súa fachada traseira contra a rúa dos Escobetes, foronse restaurando en diferentes épocas, e a primeira penso que foi esta, pero non son capaz de situar agora mesmo a data, aínda que se tivera que dicir algunha, diría que a mediados, ou finais dos anos sesenta.