viernes, 18 de febrero de 2011

A bici

¿Vedes a ese rapaz que vai empurrando a bici na Praza da Magdalena? Pódovos asegurar que non son eu, aínda que farteime de dar voltas coa miña vella BH por esas rúas. E xusto esta foto me trae grandes recordos, e entre eles un, dun día moi caluroso do verán.
Os rapaces que viviamos pertiño da Praza Maior, nas vacacións, e cando o tempo o permitía tiñamos o costume de sairmos a xogar un ratiño á praza despois de cear. Coma os días eran moi longos e sempre había alguén por alí, os nosos pais quedaban tranquilos na casa. Estouvos a falar de cando eu tiña uns oito ou dez anos.
Unha noitiña desas quixen sair coa bici, pero os meus pais, supoño que con criterio, non me deixaron, debido quizás á pouca luz que xa había, e ó curto espazo de tempo do que ía a dispoñer. Pero eu de intelixente e pola calada collín a bici que estaba apoiada no portal da casa, e sin que ninguén se dese conta tirei para a praza.
Despois de darlle unhas voltas, decidín botarme por Merelles Caula, cruzando a Magdalena cara a dereita, ata a praciña onde está o mirador que dá a Extramuros, xusto por derriba do Parque Robla. Como o percorrido me gustou, e non había xente, repetín a operación varias veces, co consabido aumento de velocidade nos descensos.
Nun deles, case a obscuras, cando estaba a piques de tomar a curva diante da igrexa, se me cruzou unha sombra por diante da roda. En décimas de segundo tentei esquivar ó gato, pero o que non puiden esquivar foi a fachada da igrexa.
Cando me incorporei, medio atordoado tratei de montar outra vez, pero o aparello no ía. Pensei que a dirección se desaliñara co impacto, e de pé, agarrando o manillar e metendo a roda entre as pernas tentaba unha e outra vez colacala ben, cousa que era imposible.
Aínda tardei un bó rato en caer da burra. Despois de varios intentos por arranxala, decateime do que pasara. Como ía a rodar aquelo, si a galla dianteira estaba totalmente dobrada cara atrás, e a roda tropezaba no cadro.
Collín a bici ó lombo e leveina para casa, metína no portal tan silandeiramente como a sacara. Subín as escaleiras, din de lonxe as boas noites a todos, e me metín en cama pensando e como ía a acabar aquelo.
Á mañan seguinte a cousa foi máis doada do que pensara, ó veren na casa a cor moura e o vulto na miña fronte.
A saúde é o que importa.



No hay comentarios:

Publicar un comentario