viernes, 29 de abril de 2011

Dentro do Castelo

Nesta Semana Santa non tiven a oportunidade de pasar por Ribadavia, e quedoume pena, xa que nas últimas veces que estiven alí, o Castelo estaba pechado, e lin nalgún xornal que nestas festas ían permitir o acceso ó público, dentro dun plan de visitas guiadas, ás que había que anotarse con anterioridade nunha lista.
Como vedes hai moito tempo que non visito o interior do Castelo, e non sei como está agora por dentro. Pero quizás esto non teña a máis mínima importancia, xa que coma min, moitísima xente da miña idade o recorda dun xeito especial. Temos as imaxes del moi ben gardadas na nosa memoria, coñeciamolo palmo a palmo, xa que de rapaces xogamos todo o que quixemos e máis alí dentro.
Moitos cativos suspirarían hoxe por poder botar un escondite entre as súas murallas, e torreóns; por disfrutar da liberdade de pasar unha xornada completa gatuñando entre os seus muros. En definitiva por ter o seu propio castelo, como o tivemos nós.
Sei que cos tempos que corren a cousa non é doada. A seguridade non se pode garantir, e a imbecilidade e o incivismo seguen a estar presentes na nosa sociedade, como estiveron sempre. Senón lembrade aquel inverno, no que uns vándalos destrozaron a capa protectora de poliester coa que se impermeabilizara o interior da piscina que alí había, tirando dentro dela grandes pedras da muralla. Nunhas horas desfixeron o traballo de moita xente. E non só iso, senón que deixaron durante moitos anos á vila sen piscina.
O outro día atopei esta postál na Rede. É bastante antiga, e pode que forme parte desas series coloreadas que non son capaz de situar no tempo. Pero cando a vin, o primeiro que se me veu á cabeza, eran as tardes que pasamos áhí. Os bocadillos que tomabamos de merenda sentados horas e horas neses balcóns que hai derriba da porta. Dende alí o vixiabamos todo. Era como si estivésemos na cima do mundo, era o noso castelo particular. E nós eramos os reis, os amos do Castelo.


Tamén pode ser que ó ver a postal tivese fame.








No hay comentarios:

Publicar un comentario