miércoles, 2 de noviembre de 2011

Foi voando

¿Preguntarédesvos que lle pasa a este hoxe coa aviación?. Pois nada, simplemente que hoxe vos presento un billete de avión. Pero no é un billete calqueira, é o billete de avión co que Francisco Couto Touza comenzou a súa aventura na emigración. O billete que o levou a Venezuela, na procura dunha vida mellor o día 1 de Abril do ano 1950.
Como de seguro sabedes por outras entradas anteriores, el fixera o servicio militar por aviación en Cuatro Vientos, de ahí supoñemos que lle veu a estima que lle colleu á aviación, polo que decidiu facer a viaxe neste medio de transporte.
Daquela eran moi poucos os elexidos que podían ver a terra dende o aire, e a maioria dos nosos compatriotas, cando se dirixían ó pais sudamericano non lles quedaba máis remedio que pasar unha ducia de xornadas trouxando pola borda do "Begoña" ou do "Santa María" que eran os barcos facían a ruta trasatlántica ó porto da Guaira.
Por todo isto, este documento que nos envía o seu fillo Francisco, é tan curioso. Nel podemos ver, desde o importe da pasaxe, que ascendía a 10.882,75 pesetas, que daquela debía de ser unha verdadeira fortuna, ó peso da equipaxe que levaba, 30 Kg.
Na dianteira do billete hai anotado a lápis "82 Kg". Despois de darlle voltas ó asunto, caín na conta que ese era o seu peso, este dato, de seguro que era moi importante naqueles tempos, para calcular o peso que ía levar o avión.
Polas noticias que teño, esta compañía "Aerovías Venezuela Europa" operou moi pouco tempo, cun cuatrimotor DC-4, facendo a sú viaxe inaugural en Xaneiro do ano 1950. O voó duraba 26 horas, xa que facían escala en Lisboa, Azores e Bermudas. Despois de aterrar en Madrid, aínda seguían viaxe ata Paris e Roma. ¡Toda unha aventura!
Acompaño o ticket cunha imaxe na que se anunciaba esta compañía en Venezuela, e unha foto dun avíón similar ó que empregou, xa que non fun quen de atopar unha desa liña.
Por certo, Francisco apúntame tamén a curiosa coincidencia do logotipo desta liña aérea, coa do noso tren de alta velocidade (AVE) que algún día destes chegará á nosa terra.
Como, e que rápido mudan os tempos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario