jueves, 16 de julio de 2009

Central Hidro-Eléctrica del Avia

Aproveito hoxe unha unha parte da maravillosa foto que publicou Matilde no seu blog “Ribadavia fotos del cajón de los recuerdos” na que se ve perfectamente a presa da Veronza, e á súa dereita o muíño no que estaba instalado o xenerador que producía a electricidade da empresa Central Hidro-Eléctrica del Avia, que creo que era propiedade da familia Peña, para ensinarvos unha factura eléctrica dos anos corenta.
Concretamente unha do día 30 de Abril de 1948. Podedes botar vós mesmos as contas do seu precio e dos impostos que se pagaban na época, máxime cando tamén vós poño a foto da traseira desa factura na que podedes leer un reclamo publicitario da empresa animando á xente a instalar a electricidade nos seus fogares, e que a compara có prezo dun café da época.







miércoles, 15 de julio de 2009

Grandes amigos

Haí os tedes…, ¡vaia dous!. Seica eran amigos inseparables nos seus anos mozos, e aínda que a vida os levou por camiños ben diferentes eles souperon manter sempre unha boa amizade. O que está de pé é o meu avó Ricardo, e o que está sentado nesa cadeira e un amigo de seu alcumado “O Maneta” porque tiña unha man máis pequena ca outra, ( tedes que perdoar, pero descoñezo o seu nome e os seus apelidos).
Como dicía antes meu avó quedou na vila, e o seu amigo tivo que saír do pobo en busca de mellores oportunidades, e penso que as atopou como encargado dun fielato que había na postguerra na entrada da estación do ferrocarril de Vigo, e dende onde fixo algúns favores a moitos Ribadavienses nos tempos das cartillas de racionamiento.
A foto non ten ningunha marca de fotógrafo, e eu lle calculo que debeu ser feita ó rredor 1929 ou 1930.

martes, 14 de julio de 2009

A Foz

Así era A Foz a principios do século XX, é a verdade e que non mudou moito de aspecto, se exceptuamos a estrada, e a nova pasarela de madeira. O que si cambiou e penso que para peor e o estado dos Caneiros e da Alaxancha ( non sei si se escribe así ), que é esa zona do Avia que vemos ó fondo á dereita. A principios dos anos setenta aínda era unha zona moi concurrida polos bañistas da vila. A min personalmente gustábame moito bañarme alí. No verán as augas ían moi mansas, e o fondo era de area e coios, coas augas moi transparentes, a pesares de recibir tódalos detritus das cañerías da vila e os das vilas que estaban río arriba.
Penso que sería unha boa idea tentar de rexenerar e acondicionar esa zona como praia fluvial e zona de esparcimiento.
Lanzo dende aquí a idea, xa que sería pouca a inversión, bastaría cunha boa limpeza da maleza e quizás algunha pasarela de madeira, e moitos os beneficios para os nosos veciños e incluso unha atracción máis de cara ó turismo.
Como sabedes os que seguides o blog a foto é da colección de José Luís Escudero.


lunes, 13 de julio de 2009

Festas do Portal de 1963

Esta é a portada do programa das Festas do Portal de 1963, ou mellor dito de Setembro, tal como dí no folleto. A verdade é que tanto o programa impreso a unha soa tinta, como as festas parecen bastante pobres, e a razón ven explicada nunha das páxinas, é cito textualmente : “ La Corporación Municipal que ha sentido la necesidad de sustituir la falta de iniciativa y colaboración privada y comercial para organizar estos festejos…” do que se deduce que foi o propio Concello o que as organizou e o que correu cós gastos, polo que non busquedes anuncios publicitarios, non os hai.
Outra das cousas que se desprenden da súa lectura é que nestas festas se estrenan as pistas polideportivas e a piscina do Castelo, polo que abondan as competicións deportivas de tódalas clases. A Corporación prega que se utilicen con cariño e delicadeza.
Como curiosidade direivos que contén algunha que outra foto, e uns debuxos de paisaxes e monumentos da vila dos que descoñezo o autor, xa que non aparece a súa firma por ningún lado.
Este programa como non ten moitas páxinas, tan só dezaseis, deume tempo de escanealo, e coma sempre se tedes moita curiosidade podedes velo ou descargalo en formato pdf pulsando aquí.

domingo, 12 de julio de 2009

Unha das miñas bisavoas

Esta foto é sen lugar a dúbidas unha das máis antigas que publico, trátase da miña bisavoa Celsa, que era a nai da miña avoa Isaura. A foto debe de ser de finais do século XIX ou de principios do XX. Digo esto por que me chama moito a atención a súa xuventude e o seu vestido que se parecece moito ós típicos traxes galegos que usan hoxe as mulleres en tódolos grupos folclóricos.
A foto, feita en estudio non ten ningunha marca de fotógrafo polo que non sei quen a sacou, e como podedes observar está en bastante mal estado. Outro día vós poñerei outra foto dela xunto coa miña avoa de pequena, e veredes o asombroso parecido que tiñan.

sábado, 11 de julio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 12

Que queredes que vós conte deste rincón tan enxebre da vila. Aquí pasei a maior parte da miña mocidade, escaleiras arriba, escaleiras abaixo. Si, é a Rúa de Fornos, e esa constucción baixiña á esquerda das escaleiras era o forno do meu avó. Hoxe o forno non existe xa que derrubouse tras cair a cheminea unha noite de inverno, e así desapareceu o que era un dos recunchos máis fotografiados nas postais da vila.
Lembro a cociña de ferro, os canastos para o pan , a artesa chea de masa, a folla de bacallao, e a escopeta detrás da porta da cociña, e ese arrecendo a pan quente que xunto co calorciño do forno o invadía todo. Lembro tamén as rosquillas e as magdalenas que se facían polas tardes, e ós cans do meu avó, que cando os ceibaba daban unha volta e viñan a deitarse nas escaleiras a espera dunha codia de pan ou dunha tarde de caza.
E como non, no tempo das vendimas, aqueles racimos de náparo da parra có pan recen saído do forno.

viernes, 10 de julio de 2009

Outra voda

Esta me parece que se celebrou na Peña que como vós comentei nunha entrada anterior era unha sociedade xa desaparecida que estaba no primeiro piso do edificio situado enfrente da Banca Nogueira.
Eu só recoñezo ós meus avós, a Sixto sentado á esquerda cun habano e a Manolito García que é o que está á dereita de pé botando un discurso.
Polo que me comentan debe de tratarse da voda de Chelo Araújo que debeu de ser alá polos primeiros anos da década dos cincoenta.

jueves, 9 de julio de 2009

A descarga da uva

Estas dúas fotos están sacadas a finais da década dos sesenta nas rúas da vila. Vós seredes quen de localizar o lugar exacto mellor ca min, e incluso de recoñecer a esa xente, aínda que penso que os tiros van cara a rúa de San Martiño.
Ilustran estas fotos as labores da descarga da uva na adega, e van na liña das outras entradas anteriores que puxen dos carros relacionadas có viño.
Vemos a un dos homes subido ó carro , el é o que vai enchendo as barcaletas que outro vai metendo na adega, e baleirandoas na muega sobre a cuba, ó mesmo tempo que se van pisando. Xa vós irei poñendo máis fotos, xa que hoxe en día non se ven escenas como estas nas rúas de Ribadavia

miércoles, 8 de julio de 2009

Grupo no Club

Como podedes ver o Clube Artístico parece que dá bastante xogo, xa que sae en moitas fotos. Sempre foi un lugar de reunión, xunto coa Peña, outra sociedade hoxe en día desaparecida e que estaba situada no primeiro piso do edificio que tiña no seu baixo o Bar Evencio. Para os que non se lembren o Club, tiña na parte traseira un gran patio con palmeiras, terrazas e pista de baile que debería de ser unha ledicia nas tardes do verán. Eu aínda me lembro duhas sillas de madeira moi cómodas pintadas de cor amarelo e verde que se utilizaban na terraza e na traseira.
Neste grupo só recoñezo a Sagrario a muller de Pepe o de Correos, a unha tía miña Olga e á Concha de Melón.
Xa o sabedes se coñecedes a alguén máis deixade algún comentario.


martes, 7 de julio de 2009

O Circo Moscardinoff

Hoxe poño dúas fotos relacionadas có Entroido Ribadaviense. A primeira está sacada do libro "Ribadavia" de Camilo Franco e Santiago Barreiros da Editorial Ir Indo. Procede do arquivo de Foto Chao, e segundo os autores deste libro sacouse no ano 1930. Vemos nela ós compoñentes do Circo Moscardinoff, e de seguro que atoparedes caras coñecidas. Eu, e volve a repetirse neste blog coñezo a Ricardo Moscarda que é o que está xusto no medio da fila inferior, sentado no chan. ¿Tería algunha relación o seu apelido có nome da Murga?
A segunda é a portada do folleto de man que editou esta murga na imprenta do Noticiero del Avia no ano 1934, pero se vós fixades ben veredes que non é o orixinal. Só chegou ás miñas mans o conxunto das tres páxinas fotocopiadas, polo que pido disculpas pola súa calidade. . Non ten desperdicio. Na súa derradeira páxina veredes cales son algúns dos seus compoñentes.
Se o queredes leer completo en formato pdf só tedes que pulsar aquí.
Calqueira que sexa un pouco espabilado verá que as datas da foto e as do folleto non coinciden unha é de 1930 e o outro de 1934, e a primeira pregunta que me fago eu é : ¿Recuncaría o Circo Moscardinoff durante varios entroidos? Ou hai algunha confusión na data da foto. Deixo a pregunta no aire por si vós facedes consultas e me axudades a desvelar este misterio.

lunes, 6 de julio de 2009

A presa da Raiña

Esta é a presa do muíño da Raiña, entre a nosa vila e A Foz, un poco máis abaixo da ponte de Ferro. A foto é do ano 55 e está sacada dende as laxes que hai xusto debaixo da presa na marxen esquerada do río, e o que se vé alá ó fondo son unhas casas que hai detrás da igrexa de San Francisco.
É unha pena que na foto non apareza o muíño, que estaría no lado esquerdo da foto, xa que nel pasamos moitísimas horas da nosa mocidade. Ó chegar a tempada de pesca calquer ratiño libre o aproveitabamos para ir ó río, cruzabamos a vía do tren e baixabamos ó muíño. Lembro incluso noites alí armando ás anguias.
E outro dos grandes recordos que teño é o da señora Rafaela e o seu loro, ela era a que levaba o muíño, e o loro tiñao nunha casiña pequena ó outro lado da vía xusto cando comenzaba o camiño de baixada ó río. Moitas horas pasei alí con el para que me collera confianza, era de cor verde, e cando o collía e o sacaba da percha subía polo meu brazo ata deterse no ombro, e adoitaba picarme suavemente nas orellas.
Unha das grandes habilidades que tiña era adiviñar cando ía pasar o tren. Púñase coma tolo, comenzaba a xirar colgado da percha polas patas silbando estrepitosamente, ata que paraba e berraba ¡ Haí ven o tren! ¡Haí ven o tren!. Un día baixei a facerlle unha visita e atopei á Rafaela chorando, contome que aparecera morto de noite. Morreu dunha gripe dixo, e o enterrei na horta dentro dunha caixa de marmelo. Eu tamén chorei, e moito. Anos máis tarde leendo a Cunqueiro lembrei ó loro da Rafaela. El non fora o único enterrado nunha caixa de doce de marmelo.


domingo, 5 de julio de 2009

Carros de bois

Fai uns días puxen unha foto du carro con rodas metálicas que a verdade non era un exemplo de tipismo. Agora si vós poño, a falta de un dous, e propios do Ribeiro.
Un deles, o que está sendo empuxado por eses dous homes e polo rapaz ten un aparello propio da nosa zona, é esa especie de barcaleta grande que se lle montaba ós carros nos tempos das vendimas, e que os carrexóns cós seus culeiros ían enchendo de uva. Unha vez cargado a uva era transportada á adega e alí mediante barcaletas botábase na muega para pisala. E volta a empezar, outra vez á viña e volta á adega.


sábado, 4 de julio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 11

¿Sabedes onde está esto non? Pasamos moitas horas sentados nos bancos desa praza que hoxe penso que se chama de D. Rubén García, e de vez en cando faciamos algunha viaxe para repoñer forzas á pastelería de Benito Muradás que nós obsequiaba cun dedal de Quina Santa Catalina .
Tamén era un lugar de paso obrigado, lembro que baixabamos moito por esas escaleiras para ir ó río, ou como atallo cara ó Instituto, e de pasada quedabamos embobados có estanque e os patos de D. Manolo o Rubio.
Nesa casa que ten un balcón grande que hai á esquerda me parece que naceu meu avó.

viernes, 3 de julio de 2009

Discursos

Como podedes ver polos carteis que hai detrás das personalidades, penso que se trata da inauguración da II Feira do Viño, se fose así esta foto sería do 29 de Maio do 1965 . En primeiro termo está o Alcalde Jaime Davila pronunciando un discurso, a continuación o Gobernador Civil José Mª López Ramón, e dos demáis só recoñezo a Filiberto Soto que era Teniente de Alcalde e presidente da Comisión Organizadora e ó fondo me parece que está Manuel Meruéndano que era o delegado de viños dentro desa Comisión.
Diciavos o do cartel porque na parede do palco da música que é onde está sacada a foto hai un cartel que tamén pon IIª Feira, pero que non é o oficial. Supoño que sería algún dos que non sairon elixidos e que foron colocarodos alí a modo de decoración.
Para os que seguides o blog no fai falla dicirvos que esta foto pertence á colección de Mª José Bouzas.

jueves, 2 de julio de 2009

Amigos

Esta é unha foto desas pequeniñas que sacaba Rizo, ese grande fotógrafo ambulante ourensán finado en 1975 e ó que fai ben pouco lle fixeron unha homenaxe cunha exposición e a publicación dun libro de fotos súas. Rizo percorría a provincia asistindo a festas e feiras, sacaba as fotos e uns días despois as entregaba, polo que o seu arquivo e unha mostra dos usos e costumes das xentes da nosa provincia entre os anos corenta e os setenta.
Non sei en que ano está sacada nin donde, por aventurarme direi que na década dos cincoenta, e ó único que coñezo é ó meu avó Odilo que é o que está sentado á dereita de todo.
A min a foto me parece maravillosa, semella, salvando as distancias, a unha desas portadas de discos de música country, e resalta a maestría do fotógrafo en captar nun só disparo esas expresións como de alegría e resignación. Parece que están a dicir: ¡Veña anda, acaba!.Tira a foto que nós seguimos có noso.
Espero que me axudedes a identificar ó resto dos compoñentes.

miércoles, 1 de julio de 2009

A fonte da Alameda

Esta postal debería de formar parte dunha colección de postais unidas entre si nunha tira, e como podedes observar os seus bordes viñan troquelados para podelas cortar e separar con facilidade. Eu se tivera que aventurar unha data para estas fotos diría que son de finais do século XIX, pero cáseque deixo eso para vós, consultade ós maiores a ver que vós din.
A foto está sacada enfrente do que era a fonte da Alameda hoxe desaparecida trala última remodelación. Antes a fonte estaba entre dous tramos de escaleiras que daban acceso á Alameda , elevada varios metros sobre o nivel da estrada, e nos baixos estaba o almacén dos Rusos, e a fábrica de gaseosas O Mexicano.
Lembro con moito agarimo ó Ruso, que sempre nos esperaba á hora da saída do grupo escolar para darnos uns sinais de stop, cós que nós parabamos o trafego. As carreiras para poder chegar o primeiro e coller os sinais eran de tolos. Tamén pasamos alí moitas horas xogando ó futbolín. Canta paciencia tivo con nosco.
Pois xa vedes como era nun principio. Penso que moito neste caso non se mellorou.
Teño que agradecerlle a xentileza a José Luís Escudero por enviarme algunhas destas estampiñas, que coma sempre vós irei amosando.


martes, 30 de junio de 2009

Confecciones Luys

¿Lembrades a Luys? Sempre tan amable, tan paciente, alto e con lentes escuros. O seu negocio estaba situado entre o Bar Evencio e a Armería Lira, e o recordo tal como sae na foto. Se boto unha ollada atrás penso que sería dasa primeiras tendas na que me compraron roupa. Lembro que cando era pequerrecho a roupa a facían as modistas, e pasabas longas horas de probas subido a un taburete queixandote de que aqueles pantalonciños, ou aquela camisa picaba. Pero de repente o tema cambiou, apareceu Luys, supoño que coincidindo có boom do pret a porter, e entón como por arte de maxia o das longas sesións de probas acabouse. Con el, e coas súas prendas fumos crecendo ata a época da tontería e dos pantalóns vaqueiros, dos que tiña un bó surtido.
Pouco a pouco as comunicacións melloraron, abriu o Corte Inglés, comenzamos a estudiar fóra, en resumo a oferta aumentou e a nosa vida mudou, pero penso que moitos da miña xeneración lembraremos sempre a Luys.

lunes, 29 de junio de 2009

Outro bisavó

Nesta foto de grupo vemos sentado ó meu bisavó Ricardo Davila Pérez que era irmán do pai de Jaime Davila, do pai do Pirancho e do pai de Ramón Moscarda, que me contan que fora cabo da Policía Local fai moitos anos e que xa saiu nunha foto anterior.
Esta rodeado de tres dos seus fillos, Ovidio, Ricardo (meu avó) e Dolores. Baseándome na fisonomía do meu avó, supoño que esta foto debe de ser do ano 1920.
En total o meu avó tivo unha ducia de irmáns máis, dos que só viviron oito, e por si fora pouco quedaron orfos moi cedo, xa que Elisa , que era así como se chamaba a súa nai morreu moi cedo, antes dos trinta, polo que foron medio titorados polo cura párroco de San Xoán D. Juan Parracia( xa vós puxen unha foto).
Polo que eu sei deses oito irmáns o maior era Manolo "o Coca", seguido de Jesús que emigrou a USA, Perfecto dos que xa vós amosei fotos en Cuba e que se instalou en Vigo ata a súa morte, Elisa que tamén viviu en Vigo, Antonio que sempre residiu en Ribadavia, casou con Clotilde e me deixou grandes e bós recordos en forma de días de caza, sempre acompañado do seu can "Voluntario", Dolores (sae na foto) casou con Julio Retorta e emigraron á Arxentina, Ricardo meu avó, e Ovidio o máis pequeno que seica morreu de tuberculose.

domingo, 28 de junio de 2009

Mañán é San Pedro

Eu lembro estas festas con moito agarimo. Meu avó, cando eu era cativo, sempre nós levaba a toda a familia a Francelos, e pasabamos alí o día, á beira do río Outeiro nunha pradeira comendo lacón e anguías. Anos máis tarde cando xa dispoñiamos de medios de transporte, e en vez de sermos uns cativos xa iamos máis medrados algunhas veces fumos ás festa de Leiro, que tamén honran a San Pedro.
Esta foto que vós poño hoxe está sacada nunhas festas de San Pedro en Leiro, pero o que non sei é o ano, pode ser que fora a finais da década dos corenta, polo que hoxe supoño que estará de cumpleanos a foto.
Nela aparecen sentados meu avó Ricardo e Luís, e de pé miña avoa Isaura, Malucha e Serafín Almuiña, que era o dono do coche e gran amigo do meu avó.

sábado, 27 de junio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 10

Esta é unha vista dunha parte da Praza Maior na que se vé á esquerda a casa das irmás Touza, a continuación estaba o Restaurante da Asturiana e logo xa na esquina da praza coa rúa Merelles Caula tiña unha pensión, e o bar a Rosa, xusto enfrente desa porta escura que vedes ó fondo e na que hoxe están os xulgados.
Alí, na pensión da Rosa foi onde coñecín a Karina e ó famoso Julio Iglesias, cando actuaron na vila. O que no son capaz de recordar é si estaban os dous xuntos, ou foi en días e actuacións separadas. Lembro que tras insistir moito Dona Rosa meteunos a min e á miña irmá nunha saliña da pensión onde estaba o gran Julio sentado nunha mesa camilla tomando algo quente con galletas. Atenderonnos moi amablemente e nos deron fotos firmadas. O que non sei é en que ano sucedeu todo isto.

viernes, 26 de junio de 2009

A preparación das cubas

Seguimos coas escenas típicas relacionadas có noso viño, bueno típicas fai anos, xa que cousas así xa non se ven hoxe en día polas nosas estradas.
Xusto antes das vendimas era cando a xente tiña que facer unha pequena posta a punto dos bocois e das pipas, reparacións, limpezas e desinfeccións, e ás veces había que transportalas dunha adega a outra como neste caso. E que mellor medio de transporte que o clásico e sufrido carro de bois.
Fixádevos que este carro é un pouco especial, leva rodas de última xeneración, corre o ano 1967 e os avances técnicos arrinconan á tradición. Como se dí agora está tuneado, e dudo moito que esas rodas de ferro cantasen tan ben como as de madeira, como as de sempre.
Outro día vós porei fotos de carros clásicos do Ribeiro coas rodas de madeira das que soaban ben.
Se me esquecía dicir onde se fixo a foto, a verdade e que non o podo dicir, non o sei, pero penso que pode ubicarse en dous sitios, un na estrada de Francelos, e dous nas Chavolas. ¿ A vós que vós parece?

jueves, 25 de junio de 2009

A III Feria Exposición de Vinos del Ribeiro

Na entrada anterior, e có gallo da homenaxe a Puga , faleivos de que aquela foto do ano 65 aparecía no programa do ano seguinte, pois ben, esta é a portada do Programa Oficial da III Feira, celebrada do 29 de Abril ó 2 de Maio do ano 1966.
Consta duhas 28 páxinas e comenza cun saúda do Gobernador Civil, e un do Alcalde, que por aquel entón era Jaime Dávila, mais non trae por ningún lado cal era a composición da Comisión Organizadora.
Non me deu tempo de escanealo completo, e pasalo a pdf, pero xa teremos tempo. Polo de agora contentádevos con esto. Por certo non conseguín aínda o da IV Feira, o do ano 67, polo que si algún de vós o ten, lle agradecería moitísimo que mo mandase por email.

miércoles, 24 de junio de 2009

A miña homenaxe a José Puga

No programa de man da III Feira do Viño do Ribeiro aparece publicada esta foto do ano anterior, que pertence á colección de Mª José Bouzas, co seguinte texto firmado por Puga e situado debaixo, ó pé da foto, e que transcribo literalmente:
" RIBADAVIA, haciendo gala una vez más en la Historia de su campechana hidalguía, tiene a orgullo en su generosa raigambre, el ofrecer en esta III Feria Exposición de Vinos del Ribeiro, todo aquello que por su grandiosa magnitud esté en consonancia con el amor que a lo largo de siglos profesa a sus visitantes.- PUGA Foto: Gentileza CHAO".
A verdade é que me chamou moito a atención. Hoxe en día xa non se escribe así.
Que quede aquí como unha pequena homenaxe a Puga, o vendedor de zapatos que escribía noticias.

martes, 23 de junio de 2009

Outra vez A Barca

Hoxe como é a noite de San Xoán, e debemos polo menos de ter unha noitiña tranquila e relaxada traio esta foto da confluencia do Miño e o Avia, sacada desa serie da que xa vós puxen moitas e que datan do ano 1955.
Xa me gustaría ter algunha foto daquelas festas que se facían antes, ou dalgunha fogata, pero non vós teño nada, así que sirva esta imaxen de bó tempo, de auga, de relax e de calor para celebrar a chegada do verán.

lunes, 22 de junio de 2009

Castrelo. A nosa posición.

No meu afán de buscar algunha cousa nova para vós, ou polo menos non moi coñecida, hoxe publico este folleto editado polo Partido Socialista Galego no verán do ano 1966 titulado "Castrelo de Miño. A nosa posición", e publicado en Francia, concretamente en Perpinyá, por Ediciones Iberia.
Non é a miña intención con isto remexer en temas xa esquecidos, nin tratar de entrar en temas políticos, non, o único interés que me move é o de vós ensinar estas pequenas cousas que vou atopando por ahí, e que penso que forman parte da recente historia do Ribeiro.
Non sei se algún de vós xa coñecería estas oito páxinas, pero penso que a alguén lle poderá interesar, simplemente eso. Tendes que darvos conta que eu, cando se publicou esto só tiña seis anos, e que a democracia aínda tardaría en chegar unha década.
Se o queredes leer completo en formato pdf, pulsade aquí.

domingo, 21 de junio de 2009

Organización

Aquí temos o Sr. Soto ( perdoade mais non sei cal dos irmáns é) e o Sr. Bouzas (Quico) conversando amigablemente diante dunha morea de xornais tratando de sacar adiante algunha das primeiras Feiras do Viño do Ribeiro.
Esta foto forma parte dunha serie maravillosa de fotografías relacionadas coas primeiras feiras do viño que me pasou Mª José Bouzas, e que pouco a pouco vós estou amosando.


sábado, 20 de junio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 9

Non sei se vós está a gustar esta colección de gravados do artista ourensán, estounas a publicar os sábados xa que noto que este día adicadelo a outros menesteres e non perdedes o tempo con esto da tecnoloxía.
Como moitos de vós saberedes Conde Corbal fixo numerosos gravados de Ourense capital e doutras vilas dos arredores, pero eu por máis que busquei en internet atopei moi poucos relativos á nosa vila, polo que penso que publicalos, é unha obriga que teño para que todo o mundo os disfrute.
Hoxe tócalle o turno a esta vista de San Domingos dende o cruce da estrada con Francelos, xustiño onde estaba a gasolineira antiga do Gil.

viernes, 19 de junio de 2009

A chegada dos sacos

Como vós dixen o outro día sigo con estas fotos adicadas ás labores agrícolas relacionadas có viñedo da nosa comarca. Como sabedes son fotos de mediados dos sesenta, e nesta vemos unha escena típica das nosas vendimas, mais esta foto que aparentemente é normaliña, ten unha nota discordante, o saco.
Foi nesta época cando se produciu o boom do plástico, e os nosos viñedos ateigáronse coas manchas brancas e azuis das bolsas no mes da colleita, desplazando ós cestos tradicionais de sempre, coma ese muñico, que foi o que sempre se utilizou para recoller as uvas e transportalas polas gavias ata os culeiros.
Penso que hoxe os sacos de plástico están totalmente erradicados nas nosas viñas, as uvas fermentan, mázanse, etc..., pero eles foron en certa maneira os culpables da acelerada desaparición dos culeiros e os muñicos.



jueves, 18 de junio de 2009

Tarde no Club

O título desta entrada é inventado. Como debedes de supoñer eu non sei se a foto se sacou pola mañán ou pola tarde, e tampouco estou moi seguro de fora sacada no patio do Clube Artístico, pero penso que queda ben. O que si sei con toda seguridade é que foi feita no ano 1949, e como os homes pola tarde botaban café copa, puro e partida, penso que non vou moi trabucado.
Nela podedes ver, que eu saiba, é perdoade por que non sei os seus nomes, ó Bernardo, ó García, a Toñito Freijido, ó Sr. Quijada, a D. Tirso, e ó meu avó Odilo.
Gustaríame que vós, que de seguro coñecedes algún máis, identificarades ós outros membros deste grupo.

miércoles, 17 de junio de 2009

Un dos meus bisavós

A min ségueme a chamar moito a atención este polifacético home chamado Emilio Canda que tiña o seu taller nos baixos do edificio que foi de Previsión na Praza Maior. Xa vós falei del en entradas anteriores, pero hoxe ven a conto por esta foto de estudio da que é o autor.
O home que aparece na foto e o pai da miña avoa Isaura, o meu bisavó Antonio Pérez Fernández que por suposto eu nunca cheguei a coñecer, e a foto supoño que estará datada de entre 1915 e 1920.

martes, 16 de junio de 2009

Adiviña adiviñanza

Envioume o outro día Anxelis, do blog Ourense no tempo, esta foto asegurándome que esta feita na década dos sesenta nunha adega de Ribadavia. Non me aclarou nada máis, non sei quen é esta xente que aparece tan feliz botando unhas fechas de viño, supostamente na nosa vila. ¿Sería unha pandilla de Ourense que veu a pasar aquí o día pola súa conta, ou acaso invitada por algún veciño noso?.
O caso é que eu non coñezo a ninguén, e tampouco sei onde pode estar sacada esta imaxen, polo que vós pido que vós poñades o disfraz de detectives e tratedes de darnos algunha pista. Xa sei que non ten moita calidade pero polo menos a ver se sabemos o sitio onde se fixo.

lunes, 15 de junio de 2009

Os Zíngaros

Envíame Carmela Dávila esta foto dunha murga da vila do ano 1935 chamada Os Zíngaros. A foto seica está tomada nun salón dalgunha sociedade viguesa ou nalgunha recepción oficial, o que fala ben ás claras da gran tradición do entroido da nosa vila naqueles anos. Imaxinade o que sería transportar a toda esa xente de Ribadavia a Vigo no ano 35. ¿Canto duraría a viaxe?
Eu personalmente non son quen de distiguir a ninguén coñecido, polo que espero os vosos comentarios.

domingo, 14 de junio de 2009

O carrexón

Hoxe poño unha fotografía adicada ás labores tradicionais relacionadas có viño do Ribeiro e que forma parte dunha serie que vós irei presentando proximamente.
Estas fotos foron un encargo do meu pai a algún fotógrafo ( posiblemente Chao) para ilustrar un libro que escribiu sobre o Ribeiro, e que nunca chegou a ser publicado. Si foi consultado para a elaboración dalgúns estudios e libros, xa que sae citado nalgunha bibliografía.
Nesta imaxen vemos a un carrexón acompañado dunha muller que posiblemente lle vai a axudar a erguer o culeiro. Os carrexóns nas vendimas eran os homes encargados de portar os culeiros, que son eses cestos cheos de uvas que vedes ahí. Para elo utilizaban o molido que é unha especie de trenza de palla que se puñan na cabeza e que lles protexia o lombo ó mesmo tempo que facía de apoio da carga.
A foto debe de ser do ano 1966 ou 67, e penso que esta sacada nunha viña que está situada entre a vía férrea e a Barca.


sábado, 13 de junio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 8

Un dos gravados que máis me chamou a atención de toda a colección foi este da Capela da Virxe do Portal. Quizás polo punto de vista totalmente contrario ó que habitualmente mostran as fotos turísticas, e polo tratamento do empedrado da costa que sube o adro de San Domingos que é realmente maravilloso. Pode que na foto non o apreciedes con claridade, pero fiadevos de min.

viernes, 12 de junio de 2009

Grupo do entroido

Esta foto que hoxe vós presento debe de ser do ano 1930 ou 31 e nela vemos a un grupo de xóvenes ribadavienses da época que, supoño eu, formaban unha murga, un grupo de entroido, ou algo parecido.
Non hai que fixarse moito para cair na conta de que a faciana dun destes mozos está raspada, descoñezo a que pertence, e tamén os motivos desa agresión, pero está feita con gañas.
Miña nai axudoume a poñerlle nome a algún destes mozos, e aparte do meu avó Ricardo, están tamén ahí o Rufino, o Barril, e Ramón Moscarda que seica fora máis tarde municipal, ou cabo dos municipais.
A ver se vós sodes quen de poñer os outros nomes.

jueves, 11 de junio de 2009

Primeira comunión

A nena que está baixo estas liñas axeonllada non é outra ca miña avoa materna. A Isaura.
Esta foto supoño eu que estaría sacada no ano 1921 ou 1922, e como podedes ver as modas en todos estos anos no que se refire ás primeiras comunións non mudaron moito. Seguimos sendo totalmente tradicionais, as nenas queren ir de princesas e os nenos de mariñeiros.
A foto como podedes comprobar na esquina inferior esquerda é de Chao.

miércoles, 10 de junio de 2009

Probando o viño

Esta foto que me envía Mª José Bouzas está feita tamén na II Feira do Viño nun dos "stands" que era como se lle chamaba daquela ás instalacións que tiñan os expositores. Entre outros, e que eu coñeza, podemos ver a Alfonso Loeda e a Manolo Neira.

martes, 9 de junio de 2009

Chegou o inverno

Como en troques do mes de Xuño parece que esteamos no de Xaneiro, traio hoxe a esta páxina outra foto de D. Roberto Villar que aínda que non é de moi boa calidade, mostra ben ás claras unha boa nevarada que caeu na vila na década dos cincoenta.
Non saiades da casa, que é onde mellor se está, ata que esto mellore.

lunes, 8 de junio de 2009

Máis tardes taurinas

¿Onde se facían as corridas de touros? ¿Nun campo que había na estrada de Francelos ou no Campo do Consello?. Dna. Digna Soto, que é a propietaria desta maravillosa foto, e que ma cedeu tan amablemente, aseguroume que esta, foi sacada nunha praza instalada cerca de Francelos nun campo que alí había.
Segundo a miña nai, estes últimos festivais celebráronse nos cincoenta, e sempre nese campo. Me conta tamén que estiveran organizados uo polo menos, algo ou moito tiveran que ver, Lázaro Moreno que por aquel entón era o xefe da estación e o pai do Chuchito.
Entre outros podemos ver ós Srs. Santoro pai e fillo, Freijido, Docampo, Loeda, Soto, Chao, Araújo, etc.

domingo, 7 de junio de 2009

A terraza do Café Moderno

Supoño que esta foto debe de ser de finais dos corenta ou principios dos cincoenta, e nela podemos ver ó fondo ós meus avós maternos, mentres que na mesa de diante está o Torejas có seu fillo, acompañado por outras persoas que non coñezo. ( Sigo a pedir axuda)
Penso que debe de ser unha tarde festiva do verán, e varias cousas me chaman a atención: unha é que a xente pasea pola metade da rúa, que era a estrada Madrid-Vigo, coma se nada debido á ausencia de trafego. Outra é que hai árbores nas beirarúas, e a última é a tina que está na porta do café coas bebidas a refrescar.
Sonvos cousas doutros tempos...

sábado, 6 de junio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 7

Hoxe seguindo coa colección de gravados que fixo este artista ourensán dos diversos rincóns de Ribadavia, tócalle o turno a esta espléndida vista da Ponte e do Convento de San Francisco, có monte de Santa Marta detrás.


viernes, 5 de junio de 2009

Un ano despois

Deixeivos fai uns días coa historia do meu tío avó Perfecto enviandolle unha foto ó seu pai dende a cidade cubana da Habana no ano 1922, estoutra nembargantes xa é do ano 23, e fixádevos que cambio... Nesta na que aparece el sentado en compañía dun amigo, nótase que a vidaese ano lle foi algo mellor, e sobretodo faime gracia, en comparación coa outra foto, ese certo airede de señoritos caribeños no seus traxes e nos seus sombreiros.

jueves, 4 de junio de 2009

A voda de Agapito Escudero

Gústame moitísimo esta foto de familia sacada no adro da igrexa de San Domingos de Ribadavia. No centro os noivos, e como supoño que xa sabedes as noivas soían vestir de negro, para poder aproveitar logo o vestido ( só se casaban de branco as señoritas de moitos cartos segundo di no seu blog o noso amigo Ánxelis).
Supoño que a foto está feita antes da guerra civil, pero como sempre aproveito para dicirvos que se algún de vós está ben informado deixe abaixo o comentario pertinente, como por exemplo a data desta voda. Tédesvos que animar a facer máis comentarios.
Darlle de novo as grazas a Mª José Bouzas por esta maravilla nas que podo recoñecer ó meu avó Odilo e ó seu irmán Julio.

miércoles, 3 de junio de 2009

A Sección Feminina

Non sei onde se sacou esta foto nin cando, pero eu lle calculo que debeu de ser polos anos cincoenta.
O que aquí vemos é unha exibición ximnástica das señoritas ribadavienses que formaban parte desa organización. Alguén me comentou que quizais fose no Clube Artístico coincidindo con algunha celebración ou festividade, mais non volo podo asegurar, soio é unha suposición.

martes, 2 de junio de 2009

As señoritas

A estas veciñas da vila lle chamaba sempre miña avoa as señoritas, nembargantes agora mesmo miña nai xa non soubo dicirme a ciencia certa quen son esas dúas damas.
Como vedes a foto está feita en Montevideo, e como hoxe esto de internet fai milagros, localicei tamén o autorretrato de Jorge Vigouroux, xa que todo o mundo me dí que cando se poida non só hai que citar ó propietario da foto, senón tamén ó fotógrafo. Pois ben aquí non só o citamos senón que poñemos a súa foto.
Tamén me puxen en contacto cun coleccionista de fotos uruguayo que sitúa esta foto entre 1890 e 1910.
Podedes visitar a súa páxina pinchando aquíEste é Jorge Vigouroux o fotógrafo que fixo a foto.

lunes, 1 de junio de 2009

Batalla de frores

Esta foto debe de ser dos anos 50 ou 60, e según me conta Mª José Bouzas que é a propietaria da foto, parece que se trata dos compoñentes que interviron nunha carroza na batalla de frores que se celebraba en Ourense, e como non ía ser doutra forma a representación ribadaviense tiña moito que ver co viño, e como non, na parte superior tendes ó Quico disfrazado de deus Baco presidindo a comparsa, rodeado dunha morea de belezas da vila.