miércoles, 9 de diciembre de 2009

Outra mirada sobre Ribadavia

Estes días na Coruña estase a exibir "Ruth Matilda Anderson. Una mirada de antano"na sé da Fundación Caixa Galicia, onde se amosa unha parte das fotografías que esta americana fixo en Galicia nos anos vinte.
Esta historia comenza cando o millonario americano Archer Milton Huntington despois de facer unha viaxe polas nosas terras funda a Hispanic Society of America en 1904. Anos despois lle encarga á fotógrafa Ruth Matilda Anderson facer unha reportaxe gráfica sobre Galicia.
Ruth desembarca en Vigo en Agosto do 1924 acompañada do seu pai e unha chea de equipaxe, e ponse mans á obra, afastandose das cidades e tratando de retratar a Galicia máis profunda. Volta a New York un ano despois, en Agosto do 25 e leva consigo unhas 5000 fotografías feitas por ela e unhas 2800 compradas ós fotógrafos locais.
En Decembro dese mesmo ano acompañada da Sta. Francis Spalding volta a Galicia, e sobre un vello Ford reformado para poder levar tódolos seus equipos, percorren as nosas terras ata que retornan en Maio do 1926 a América con otras 2800 fotos.
Froito destas viaxes publícase no ano 1939 un libro que leva por título "Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña" no que se amosan unhas 700 imaxes de Galicia.
É sorprendente a minuciosidade que acompaña ó seu traballo, xa que aparte de facer ela mesma os revelados das películas, vai anotando tódolos detalles, tanto técnicos coma do que aparece nas fotos, e incluso o seu pai leva un diario desa primeira viaxe, no que acompañou á súa filla en calidade de axudante, xa que tamén era fotógrafo.
Hoxe poño esta foto da Porta Nova, é de principios de Xullo do ano 1925, é dicir da primeira viaxe, e quizás aporta unha nova mirada, un novo punto de vista, que ata agora no foran capaces de mostrar as outras fotografías da vila neses anos.
Dádelle as grazas a Óscar polo seu traballo e que a disfrutedes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario