viernes, 3 de diciembre de 2010

Recibindo a Copa

O que non sei é de que copa estamos a falar, pero como podedes intuir, a entrada de hoxe é continuación da de onte, e as fotos son da mesma serie. Nelas vemos a uns rapaces que non logro distinguir, saíndo dende o graderio cara o centro do campo para facerlle entrega ó capitán do equipo o trofeo. Supoño que o capitán era Mirian, que ó agacharse para saudar os rapaces deixa espacio á cámara para que se vexan algúns dos seus compañeiros do equipo, coma o seu amigo Rafael.
Fai moitos anos que non entro no campo de fútbol do Xestal, pero lembro ben como era daquela, xa que era alí onde pasabamos moitas tardes dos domingos asistindo os encontros do equipo que daquela militaba na 1ª Divisió rexional.
Lembro tamén que estaba rodeado por unha pista de cinza branda, á que tódolos anos nos levaba D. Gerardo a facer competicións de atletismo.
Que eu recorde sempre faciamos o mesmo, unha carreira de fondo, da que non lembro cantas voltas se lle daba ó campo, unha de velocidade na recta da tribuna, lanzamentos de peso nun círculo de cemento que estaba situado a carón da portería que dá a San Cristobo, e os saltos de lonxitude e de altura ó seu lado, nunha caixa chea de area na que nos divertiamos moito, ata que chegaba o momento de saltar a altura. Cada un se zafaba como podía, uns ían de cabeza, outros de rodillo, e outros co medo metido no corpo amagaban e tiraban o listón, pero a moi poucos se lles ocorría saltar de espaldas ao estilo Fosbury. A caída era dura.



No hay comentarios:

Publicar un comentario