Recibo con moita ledicia unhas fotos que nos envía Lolín Lira, datadas a principios dos anos sesenta. Esta, a primeira, é unha vista aérea da parte da Praza Maior, o Castelo, e a igrexa de San Domingos, na que podemos ver con todo luxo de detalles como estaba a nosa vila neses anos.
Na parte superior, no cruce da estrada de Francelos, vese como se está a construir a primeira "Estación de servicio" de Ribadavia, que penso que era propiedade do Sr. Gil. Coméntame Lolín que antes dela, só existían dous surtidores, un no cruce da estrada do Carballiño, propiedade do Sr. Meliñas; e outro en San Francisco, propiedade do Sr. Antonio de Quíns.
Un pouco máis abaixo vese tamén a vella cárcere-cuartel da Garda Civil, que pola forma que teñen os seus tellados parece que debía de ter unha especie de patio interior.
Se está a rematar tamén o edificio do Sanatorio, na Alameda, ó que lle falta toda a carpintería exterior, e un pouco máis arriba vemos o Grupo Escolar, flanqueado pola cara esquerda, por un patio de sábrego, que remataba nunha pequena pendente, sobre a que se alzaba o chalet de Isabel "A Comadrona" illado entre viñas ate que se abriu a rúa de López Ramón, que subía desde o Castelo ata "Os chalets". De feito na esquina superior dereita, vemos outra casa rodeada de viñedos que era propiedade da familia Freijido, e que estaba situada no que hoxe en día sería máis ou menos o inicio da rúa Otero Pedraio, xusto no cruce coa de López Ramón.
No Castelo non había nin piscina, nin pistas deportivas, que se fixeron uns anos despois.
E por último facer notar que o día que se sacou a foto, debían de cair os paxaros da calor que facía, xa que non se ve un alma pola rúa.
TIÑA O SEU ENCANTO RIBADAVIA NESTA FOTO. DE XEITO FERMOSO ATOPAMOS A NOSA ALAMEDA, AGORA CONVERTIDA NUN ELOXIO O MAL GUSTO, QUE MAGOA.
ResponderEliminar