Esta foto que nos envía Lolín Lira, xa ten alo menos 50 anos, e recortei a súa parte superior esquerda, para amosarvos a parte que para min ten máis interese, que son sen dúbida esas viñas, que lentamente van ascendendo polas abas do Piñeiral.
Non é que o ábside da igrexa non teña importancia. O que pasa, é que eu persoalmente penso que xa está fotografiado dabondo, e esa zona que se ve detrás, e que hoxe ocupa o barrio de "Os chalets", nunca a vira deste xeito, aínda que supuña da súa fisonomía polas fotos aéreas como a que puxemos o outro día.
Destacan entre a paisaxe esas pequenas construccións de dous pisos, de planta cadrada, cunha soa estancia por planta, que abundaban nas grandes viñas dos arredores da vila. Penso que algunha aínda se conserva na Barca, e lembro outras como as que había perto do camiño que ascendía dende a vila cara á Franqueirán, ou a que había na Estación nunha finca que era propiedade de Dona Celeste, "A Xenerala".
Eran alpendres destinados a gardar as ferramentas relacionadas coas tarefas agrícolas, pero cun estilo máis fachendoso, é dicir cun pouco máis de luxo. Temos que pensar que daquela, cando se construiron, estas propiedades quedaban afastadas do centro urbán, e a xente ía a elas a pasar o día, polo que a parte superior da casiña servirialles para, ademais de poder ollar toda a propiedade, facer algún xantar, e inclusive botarse unha sesta cando se terciase.
Non é que eu saiba moito de arquitectura agraria, pero polo que recordo estas pequenas construccións non as teño visto noutros sitios, a non ser nos arredores de Ribadavia.
Grazas Lolín por compartir connosco estas fotos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario