lunes, 28 de junio de 2010

De paseo cós nenos

A rúa do Progreso ribadaviense nos anos corenta serve como escenario deste paseo que da Perfecta Álvarez, esposa de Miguel López levando da man a dous dos seus fillos, penso que os maiores. Na man dereita leva a José Luis, e da esquerda a Mari Carmen, que é a que xentilmente me cedeu a foto.
A foto penso eu que está sacada á altura do Cine España, xa que e ó fondo pódese mirar o campanario da Oliveira, e o edificio onde estaba situada a sociedade "La Peña" e o Bar Evencio. Xusto detrás de Perfecta podemos ver o toldo dun establecemento comercial chamado "Casa Vidal", que a min non me soa de nada, pero o que xa me sona máis é a fisonomía da rúa, tan típica desa época, coas aceiras de pedra, e eses postes de madeira.




domingo, 27 de junio de 2010

Disfrutando no río

Fermosa instantanea estival a que nos envía Carmela Dávila, que aparece de pé, metida dentro dun frotador en compaña do seu pai Fidel, e da súa madriña Mª Lucila, acompañada pola súa irmá María Rita, polas súas primas Mamen e Nina, e polo seu primo José Manuel, que é ese bebé que aparece sentado nunha cadeira, e que é o fillo de Mª Lucila.
Para que as situedes na foto, agachada á esquerda está Mamen, que é filla do Chuchito, mentres que á dereita en primeiro plano está Nina Lira, e xusto detrás dela Mª Rita a outra filla de Fidel.
Me conta Carmela que ten moi bós recordos daqueles veráns que pasaban na finca da súa tía Claudina, que é onde está sacda a foto, e que está situada no Avia, un pouco máis arriba da ponte de San Francisco.
Calculo que a foto debe de ser do ano 1967, ano arriba ou ano abaixo.

sábado, 26 de junio de 2010

A construcción do Sanatorio

Ou máis ben a do edificio que albergou durante tantos anos o sanatorio.
A foto non está feita para que apreciemos o edificio, senón que é unha instantanea que inmortaliza a este cabaleiro que posa na Alameda da vila a finais dos cincuenta ou a principios dos anos sesenta, xa que aínda que puxemos varias entradas referidas a esto, non sei a data exacta nin da construcción do edificio, nin de cando se instalou nel o Sanatorio.
Si algún de vós sabe quen é este rapaz, que fag o favor de deixar un comentario.


viernes, 25 de junio de 2010

O que se mova non sae na foto

Mirade que traballo máis bó e tan minucioso nos envía Antonio Canitrot Gómez, da voda de Jesús Vázquez González "Requinto" con Asunción Gómez Juste "Palota" que se celebrou o 7 de Abril de 1921, e da que xa puxemos outra foto moi parecida aquí fai uns meses.
O mellor, para non liar as cousas, e que si queredes ver a outra foto premades aquí, e así as poderedes comparar en dúas pantallas distintas.
Na que puxemos no mes de Novembro, a rapaza que leva o número 6 moveuse e saía irrecoñecible na foto, mentres que nesta mira fixamente, supoño eu, para o seu noivo, ó igual que fai el con ela, botando por terra tódalas normas dos posados fotográficos que nós coñecemos, como o de mirar para o paxariño ou dicir o de pa-ta-ta.
Pero non quero desviar a atención da fermosa labor que fixo Antonio, que como vedes tivo a paciencia de numerar ós protagonistas desta voda e tratar de identificalos un a un.
A lista que fixo é esta , e si vós ou os vosos familiares recoñecen a alguén máis, non deixedes de enviar algún comentario.

1 - Abdón Gómez Dávila
9 - Secundino Gómez Davila (Pai da noiva)
11- Alfonso Vázquez González (Irmán do noivo)
12- ¿Carmen Gómez Juste?

13- A Morena
15- Luisa Gómez Juste16-Elisa Gómez Juste (Nai de Antonio, o dono da foto)
18-Ramona Fariña Juste

24- Juana Gallego, esposa de "Pepe o da Botica"
25-Pepe "o da Botica"
27-Pilar Touza Gómez (madriña e esposa de Amancio Juste Pérez)
28- Asunción Gómez Juste (Noiva)
29- Jesús Vázquez Gonzalez (Noivo)
30-Amancio Juste Pérez (padriño e esposo de Pilar Touza Gómez)
37- Benita Gómez Juste
38- Secundino Gómez Juste

39-Secundino Fariña Juste -"Machaco"




jueves, 24 de junio de 2010

Valparaiso segundo Ksado

Este val do Miño ó que lle chaman de Valparaiso, sempre tivo unha atracción especial para os fotógrafos, e proba delo é que xa puxemos varias panorámicas del.
Non sei si sería polo efecto sorpresa que se producía cando te achegabas ó Ribeiro dende Vigo. A estrada ía descendendo sempre dende A Cañiza, curva tras curva, e ó chegar un pouco máis abaixo das curvas de Quíns, en Barcia, é como si se abrira o ceo e tiveses a visión dun paraiso. O monte cedía o paso a unha fermosa paisaxe, que deixaba entrever o que ía vir despois. É coma si antes de entrar ó Ribeiro lle deramos unha volta dende o aire, para ir facendo boca.
Igual que a americana Ruth Matilda fixo no ano 26, Ksado publica no seu libro "Estampas de Galicia" este cromo no ano 1936, no que se pode ver Francelos entre eses dous penedos.

miércoles, 23 de junio de 2010

Os "Fascistas del amor"

A esta foto lle teño moito cariño, e tan pronto a vin no Museo, non dubidei en pedila prestada para o blog.
A razón estriba en que nela aparece o meu avó Ricardo "O Rillado" que era como lle alcumaban na vila. É o que está na parte máis alta á esquerda da bandeira, cuberto cunha boina moi botada para detrás.
A poucos máis coñezo, pero penso que o que está na primeira fila á esquerda de todo cun clarinete entre as mans é Braulio Gulín, e un pouco detrás del, á dereita esta un "Torejas" que era moi amigo do meu avó.
Non sei en que ano está feita a foto e o único que si sei é que a comparsa se chamaba "Los fascistas del amor", e como podedes ver todos a foto sacouse nas escaleiras do Concello.
Seguro que vós coñeceredes a máis xente. Espero os vosos comentarios.

martes, 22 de junio de 2010

O pano do fondo

O outro día falabamos dunha exposición fotográfica que tiven a sorte de visitar en Vigo, e que tiña como protagonista e único fío conductor, os panos de fondo que empregaban os fotógrafos ambulantes que andaban polas feiras e festas de Galicia. E hoxe aproveito esta foto que me envía Manuel Álvarez, no que aparece el sentado na grupa dun cabalo que manexa o seu sobriño Perfecto Lage, que é o que vai armado cun revólver na sua man dereita.
Penso que este telón e este cabalo, son dos máis coñecidos entre os que rondamos hoxe a cincuentena, xa que o que máis e o que menos debe de ter na súa casa gardada unha foto igual ou moi parecida a esta. Ou polo menos eso me parece a min, xa que eu tamén a teño.




lunes, 21 de junio de 2010

Chegou o verán

Hoxe estreamos un novo verán, e aproveito esta data do solsticio para poñer dúas fotos da piscina que había antano dentro do perímetro do Castelo da vila, e que tanto xogo deu á hora de refrescarse, e protexerse das fortes temperaturas que se rexistraron de sempre na nosa bisbarra.
Supoño que serían de cando foi inaugurada, polo que deben de ser do ano 1963, e tamén supoño que proceden de Foto Chao, xa que parecen moi profesionais, coma si estivesen feitas por encargo.
Aproveito tamén para desexarvos un bon verán. Ós que teñades vacacións que as aproveitedes e as disfrutedes ó máximo, e ós que vos toque traballar, que o levedes o mellor posible.




domingo, 20 de junio de 2010

¿De quen era ese coche?

Aínda que a foto esté un pouco deteriorada, pódese apreciar con claridade á dereita, un vehículo que leva por derriba da súa capota unha especie de estrutura, aínda que poderían ser tamén uns bultos cargados na súa baca.
Pero resulta que ese auto, do cal descoñezo a marca, o que leva aí son uns carteis publicitarios anunciando a 1ª Feira do Viño do Ribeiro, e formaba parte dunha caravana que percorreu as principais vilas e cidades galegas dando a coñecer esa iniciativa.
A foto está sacada na Alameda de Pontevedra, onde vemos como algúns viandantes saudan á comitiva ribeirana.
A foto é de Mª José Bouzas, pero...¿De quen era o coche?. ¿Podería se un Opel?





sábado, 19 de junio de 2010

Sería unha inocentada

Este artigo está sacado do xornal "La hoja del Lunes" do día 28 de Decembro do ano 1964, e supoño que todo o que nos conta sería unha inocentada. Non queda outra si pensamos que o seu autor, Xavier de Amarante, era unha persoa seria e formada. Si non fose así, na súa defensa, poderiamos esgrimir o moito que cambiaron os tempos dende ese ano, pero penso que esa perspectiva machista, e a súa "sorna morna" deben de escudarse perfectamente no día da súa publicación, o dos Santos Inocentes do ano 64. Non podería ser doutra maneira.
Que o disfrutedes.



viernes, 18 de junio de 2010

Máis fotos dunha chea na Foz

Estas son as fotos que faltaban dunha serie que nos enviou o amigo Amando Canitrot do ano 1971, que era cando se estaba a construir a estrada que comunica a vila con este barrio do outro lado do Avia.
Na primeira podemos ver perfectamente A Foz á esquerda e en primeiro plano, e alá ó fondo, ó outro lado do Avia os contrafortes da vía férrea, e máis arriba a arboreda do Campo da Feira.
Na segunda vemos a estrada en construcción, ou mellor dio, unha gran lameira totalmente impracticable a piques de ser asolagada polo río.




jueves, 17 de junio de 2010

Outro xantar

Espero que desta vez os vosos comentarios ilustren esta foto, xa que eu só coñezo ós dous do primeiro plano da esquerda que son Julio Neira "O Mexicano" e Quico Bouzas "Floravia", e dubido si o segundo da dereita, ese que se adianta sobre a mesa, e que leva lentes, será Chao, o fotógrafo.
Dos demais compoñentes no teño nin idea, e tampouco sei onde e cando se fixo a foto, e cal foi o motivo deste xantar.
Noutras palabras, dependo de vós.



miércoles, 16 de junio de 2010

A familia Couto Touza

Esta foto a envía Francisco Couto Gulín, e o mellor é que deixe a explicación, tal como a redactou el para explicarma a min. Ou sexa que aquí vai:
"Aquí vai a foto de parte da familia dos meus avós paternos. Están eles e varios dos seus fillos. Esta teñoa datada, é do ano 1943. Seino por outra foto de meu pai do mismo día, que ten unha dedicatoria.
Na foto están empezando na liña superior a esquerda: Evangelina, Xoaquín, Leonisa, Paco (meu pai).Valentín (este é fillo político, é marido de miña tía Pilar)

Na liña dianteira:A primeira non seí cal é das tres tías miñas que sempre viviron na Arxentina. Tal vez Elvira ou Flora. Logo está a miña tía Pilar (o seu home Valentín, estaba detrás), meus avós: Paco Couto e Xoaquina Touza e por último meu tio Xulio, que é o pai dos meus primos, os dos transportes."

Grazas Francisco pola túa amabilidade.



martes, 15 de junio de 2010

As últimas fotos da conferencia de D. Ramón

Estas son as últimas fotos desta serie. Xa non vos vou a aburrir máis con esta conferencia, da que por outra parte, teno que dicir que aínda non sei sobre que versou, e tampouco en que ano se fixo.

A primeira foto é outro plano do público que alí se congregou, e na segunda podemos ver como Julio Francisco Ogando Vázquez , que fora director dun Instituto orensano, felicita a D. Ramón, en presencia dun home e dunha muller descoñecidos para min.







lunes, 14 de junio de 2010

Asistentes á conferencia

Toda esta xente que vedes aí sentada, ateigando os salóns do "Club Artístico", son unha parte dos asistentes á famosa conferencia de D. Ramón Otero Pedrayo, da que xa vos puxen algunhas fotos máis.

Eu así, a bote pronto recoñezo claramente ó meu pai, a Julio Freijido, que cun paraugas na man, está sentado entre Alejandro Fernández e Chicho García na parte dereita da primeira fila.

Detrás, na terceira fila recoñezo tamén a unha moi xoven Lula Lira, e aos demais volos deixo para que sexades vós cós vosos comentarios quen os identifiquedes.







domingo, 13 de junio de 2010

Motorizada

Mirade que tempos aqueles. A xente de paseo pola rúa, invadindo a calzada, xa que os automóbiles debían de pasar de cando en vez. Ó fondo parece que se ve un camión que non sei si tenta avanzar entre o xentío, ou está aparcado.
O certo é que esta moza, da que non sei absolutamente nada, está axena a todo o que a rodea, e posa encantada derriba desa potente moto, que faría as delicias dos coleccionistas de hoxe en día.




sábado, 12 de junio de 2010

As homenaxes de ADEMAR

Como vos dixen onte, traio hoxe a esta ventá un par de artigos do xornal "La Región" de Ourense, que como podedes ver datan do 7 de Septembro do ano1955, e do 5 do mesmo mes, pero do ano seguinte, é dicir do 1956.
En ámbolos dous se fala das sendas homenaxes feitas por ADEMAR, que xa sabedes que era a Asociación dos Antigos Alumnos dos Irmáns Maristas de Ribadavia, aos maristas que traballaron durante anos na educación dos nenos da nosa vila.

ADEMAR foi unha asociación que tivo unha época de moita actividade, que debeu de coincidir con estes anos, aínda que cara á década dos sesenta a súa actividade foi esmorecendo.

Espero que podades ler comodamente estes recortes. En todo caso, si tendes dificultades podedes descargalos e visionalos con algún programa de tratamento de imaxes. Que os disfrutedes.

viernes, 11 de junio de 2010

Alumnos dos H. Maristas

Non sei exactamente de onde saquei esta foto, pero penso que non a puxen aínda, en concreto é do ano 1925, e como algunhas outras está sacada na escalinata da Capela da Virxe do Portal. Por suposto que non coñezo ninguén, pero seguro que algúns dos que aparecen nesta foto serán os protagonistas dunhas homenaxes que lles fixo A.D.E.M.A.R ós irmáns Maristas que traballaron na vila. Pero ese é outro conto e o deixamos para mañán.


jueves, 10 de junio de 2010

O mapa das Picoñas

Sucédeme moitas veces que atopo algunha cousa interesante sobre Ribadavia na Rede, a gardo pensando en poñela pronto no blog, e despois pasan as semáns e os meses, e xa non sei de onde a saquei nin cales eran os seus detalles.
Este é un destes casos, e me tirei polo menos dúas horas de búsca para tratar de atopalo de novo. Trátase como podedes ver dun mapa do deslinde do monte común denominado "Picoñas" sito entre Santo Estevo de Novoa (Concello de Carballeda de Avia) e Ribadavia. Segundo a sección de cartografía do Centro Superior de Bibliografía de Galicia (CSBG) non ten escala, e data do ano 1861.
Si o vemos en detalle a nosa vila queda no recuncho inferior dereito, e podemos notar como aparece a igrexa de San Domingos separada do nucleo urbán. Deste núcleo, pola esquerda, parte un camiño que sube verticalmente, é o camiño que vai cara á Franqueirán, e a San Estevo de Novoa, rodeando pola dereita o monte das Picoñas que é esa montaña rochosa que queda no centro do mapa.
Este camiño fai unha curva á esquerda no lugar chamado de Laxe de Novoa (na esquina superior dereita, ó lado da estrela que marca o Norte no mapa), e despois da Franqueiran vemos como saen do camiño principal uns desvíos á dereita no lugar chamado da Brinca, un vai a Paraviñol, e o outro baixa á Levada e ós muiños de Maquiáns.
Debaixo poño un vista aérea sacada do Google onde amoso a interpretación que eu lle dou ó mapa, e que está aberta a posibles modificacións, e a outras opinións.






miércoles, 9 de junio de 2010

A hora do rancho

Ás veces cando vexo estas fotos penso que hoxe sería impensable que a alguén lle deran o xantar deste xeito, sen un comedor e sen unhas condicións hixienicas e sanitarias mínimas, pero antes as cousas eran como eran, e ninguén ousaba protestar.
Non quero que se me mal interprete, pero tamén penso que dun extremo, pasamos ó outro. Hoxe en día hai persoas que esixen moitas cousas, e o peor de todo é que a maioría das veces, con moi malos modos e con moi pouca educación.
Estamos na época dos moitos dereitos e das poucas obrigas. Todo sexa polo ben dos nosos fillos e da sociedade que lles tocará vivir.
Como me despistei un pouco, e non é esta a función do blog, volto ó meu, ás fotos. Esta é dese campamento militar que había en Lugo, (podería ser Parga), no que facía a mili Manuel Lage a principios dos cincuenta. El é o que está sentado no chan no curruncho inferior esquerdo coa escudilla do rancho nas mans, e vendo as facianas de todos eles, unha de dous, ou tiñan moita fame, ou o xantar era exquisito.


martes, 8 de junio de 2010

O Carballal

Aquí temos ao Carballal en pleno traballo no seu establecemento de construcción e reparación de cousas de folla de lata.
Como sabedes era un excelente baixo da banda de música "La Lira", e un experto follalateiro, que tiña o taller na rúa da Fonte Arrastrada.
Agora que estamos na era dos plásticos seria inviable un establecemento deste tipo, que sería substituido por calqueira todo a cen, pero fai anos o único que podía facerlle os apaños ás regadeiras, ás tarteiras, ós baldes ou ás máquinas de sulfatar picadas era el.
Como non podía ser doutra maneira a foto é de Canedo, xa que o Carballal era o seu sogro.


lunes, 7 de junio de 2010

Miguelito

Como cambian os tempos e pasan as modas, esta foto debe de ter, si non os ten xa, corenta anos. É propiedade de Manuel López que aparece á dereita de todo coa man do seu irmán Miguel polo ombro. Miguelito, de chapeu, lentes escuras, e unha potente bufanda no colo parece "El Padrino", rodeado da súa famila.
Os rapaciños da esquerda son os seus sobriños Perfecto e Mª José, fillos de Manuel Lage y Mari Carmen López, tamen colaboradora deste blog.



domingo, 6 de junio de 2010

Magosto

Outra foto da colección de Canedo, e nesta ocasión podemos ver ás compoñentes dun Magosto feito no cumio do Monte de Santa Marta no ano 1968. Son Elisa, Greta, Fina, Guti e Pepita.
Xa sabedes que a xuventude da vila tiña por costumbre subir ós montes para celebrar esta festa do Outono, eu non sei a onde irán agora, nin a onde ían antes, pero a min os que me tocou vivir sempre os fixemos en Santa Marta, ou no Piñeiral, e incluso algún no que nos lle chamabamos o "Fuerte Patacoja" que son uns grandes penedos que ó se apoiaren os uns cós outros forman unhas covas. Están situados enfronte do Oasis, na parte de arriba da vella estrada Villacastín- Vigo e teñen unhas fermosas vistas sobre o Valparaiso. Daquela, para chegar alí, nos iamos polo Piñeiral, pasabamos o Palomar para chegar case ata a Ibia, que penso que é como lle chaman a esa zona.
Tamén fixemos Magostos có Instituto, e sempre iamos o lugar chamado "Laxe de Novoa" situado ó pasar a Franqueirán, a Brinca e Paraviñol, xusto derriba da presa onde nace a levada da traida de augas da vila no regato do Maquiáns.





sábado, 5 de junio de 2010

Matando a sede

Xa me gustaría poder ler a min ese cartel en forma de pergameo que hai na columna no medio dos arcos. Lembrade outro que tiña a mesma bodega dos Freijido nunha foto que puxemos fai tempo.
Digo isto polo cambio que sufriu a publicidade e o marketing nuns anos. Hoxe en día chamaríanos moitísimo a atención a lectura de tódolos slogans e textos publicitarios dunha destas primiras feiras do viño.
O que vexo que estaba tranquilo e relaxado, sen preocuparse o máis mínimo dos reclamos publicitarios, é un dos propietarios da adega, que da boa conta do seu caldo cunha xarra de medio litro.
Xa se sabe, cando a calor apreta hai que matar a sede.
A foto pertence á colección de Mª José Bouzas.



viernes, 4 de junio de 2010

O Evencio e o Mexicano

Fermosa fotografía de dous benqueridos veciños da nosa vila, un "O Evencio" propietario dun negocio de hostelería do que xa falamos moitas veces, e o outro, Julio Neira propietario da fábrica de gaseosas "El Mexicano", da que xa vos din algunha información noutras entradas anteriores.
Os dous están elegantísimos, parecen verdadeiramente dous dandis impecablemente vestidos posando diante do coche, que non sei si sería un taxi da nosa vila.
A foto está feita o día 20 de Marzo do ano 1958 en Vigo, o que non sei, e xa lle din varias voltas, é en que rúa.




Como podedes ver, os comentarios sobre este tema apuntaban á rúa Ronda de D. Bosco, e Francisco Couto nos envía esta foto do estado actual desta rúa viguesa, onde se fixo a foto.

jueves, 3 de junio de 2010

A escola de Sampaio

Corrían os anos sesenta, e se comenzaba a construir o encoro de Castrelo, Fenosa dispuña de varios barracóns en Santa Cristina para o uso do seu persoal, e ó mesmo tempo o edificio que albergaba a escola unitária de Sampaio estaba nunhas condicións deplorables, que non aconsellaban o seu uso.
Eu non sei como, nin quen levou a negociación, pero o caso foi que Fenosa cedeu dous dos seus barracóns para a Escola de Sampaio, eso si a tempo parcial, só polas mañáns, un para os nenos ós que lle daba clase o Sr. Rivela ( ¿Podería ser Juan como o seu fillo?) e outro para as nenas, ás que lle daba clase miña nai, que é a que aparece aí rodeada de tódalas súas alumnas no ano 1965, e có val de Castrelo ó fondo.
Non sei o nome desas rapaciñas, aínda que podo dicir que algunha delas hoxe é xa avoa, pero si sei que estaban na gloria, xa que disfrutaban dunha magnífica calefacción, eso si só polas mañáns, xa que polas tardes os que ocupaban as aulas eran os propios traballadores da central, que recibían cursos de alfabetización.




miércoles, 2 de junio de 2010

"Los Orientales"

Onte comenzamos o mes de Xuño coa foto dun músico, e xa se sabe que ó chegar esta época as vilas e pobos de Galicia comenzan a celebrar as súas festas patronais, e comenza tamén a temporada de traballo para os músicos. Comenzan as viaxes, a acumulación de sono, e un andar sen parar dun lado para outro.
Hoxe poñemos no blog un fermoso reclamo publicitario da orquesta "Los Orientales" de San Cristobo, que funcionaba nas festas dos anos sesenta, e cuio xefe era "O Flaco" que aparece de primeiro de pé pola esquerda.
Xusto debaixo del, agachado e facendo un tremendo esforzo para levantar esa pedra que había no interior do Castelo, está o Olegario "O Virulilla" cuñado de Juan José González, que é o que nos deixa a foto.

martes, 1 de junio de 2010

Braulio Gulín

Me envía Francisco Couto Gulín esta fotografía do seu avó, que como podedes ver posa para o fotógrafo de forma individual, pero coa uniformidade da súa banda de música, que non era outra que A Lira de Ribadavia.
Trátase de Braulio Gulín, co seu instrumento, que penso que é unha especie de trombón, e teredes que perdoar o meu atrevemento, así como o meu descoñecemento musical, por si non acerto, pero como dicía sempre meu avó "a ignorancia é atrevida".
Eu coñecín ó seu fillo Braulio, tamén musico da Lira, e que vivía a carón da Praza Maior, ó lado de Previsión.
A foto debe de ser bastante antiga, e Francisco, a quen lle dou as grazas pola súa colaboración, non é capaz de datala, polo que eu diría que podería ser de finais dos anos 20, pero seguro que vós teredes moita máis información.



lunes, 31 de mayo de 2010

Dende as curvas de Quins

O dia 14 de Marzo do ano 1926 Ruth Matilda Anderson fai esta foto cando vai descendendo cara a nosa vila procedente de Vigo. Débe de chamarlle moito a atención esta paisaxe do Valparaiso, e detense a facer a foto.
Agora parte da exposición que había na Coruña, e da que vos falei fai tempo, chega a Vigo e a Ferrol de man da Fundación Caixa Galicia.
Eu aínda non a fun a ver a de Vigo, pero penso que se trata dunha exposición reducida, centrada unicamente nas fotografías relacionadas con esta cidade.
Anímovos a todos a visitala.




domingo, 30 de mayo de 2010

Tarde de Fútbol

Esta foto faise a finais dos anos sesenta no campo municipal de Fútbol do Xestal. Arriba de todo está o Alfredo, o das bicicletas, e o irmos baixando pola grada podemos ver ó Fidel Tielas, o Felipe da Bernarda, o Joselito, pai do malogrado Rafael, e edil polo Partido Comunista no Concello da vila na primeira lexislatura democrática.
Tamén está na foto "O Carballal" baixo da Lira, e sogro do propietario da foto, que como podedes supoñer é Juan José González Canedo.
Eu así de primeiras, o que boto en falta e a cuberta do graderío da tribuna. Recoñezo que non son nada futboleiro, e que debe de facer mil anos que non entro no campo de fútbol ribadaviense.
¿Ó principio a tribuna era descuberta? ¿En que ano se cubriu? A ver se alguén nos saca de dúbidas.



sábado, 29 de mayo de 2010

Dna. Pura Gallego Montero

Tes que perdoarme Óscar, pero esta foto chegou tarde e quedou no meu ordenador esquecida ata hoxe que me propoño arranxar este pequeno desaguisado.
Esta é Pura Montero, avoa de Óscar Escudero, que é quen nola envía, e supoño que tamén dos demais Escuderos da nosa vila.
A cousa é, que nunha entrada anterior neste blog, e que podedes ver premendo aquí, Óscar e Mª José, trataron de explicar a xenealoxía desta rama da familia, e eu, penso que polo troco duns apelidos nun mail, seguía sen entender ren.Polo que hoxe o aclaramos, aínda que para algúns xa estaba clariño coma a auga.
Pura é irmá de Juana Gallego (avoa de Mª José Bouzas) e de Benito Gallego, (o alcalde fusilado antes da guerra, e sobre o que Paula Bouzas fixo o artigo que leva xa máis de 650 lecturas en internet), e prima do meu avó Odilo, xa que as súas nais eran irmás, a de Pura era Julia, e a de Odilo era Libia.


viernes, 28 de mayo de 2010

Outro xantar

Coma esta semán xa puxen varias fotos de comidas e de paparotadas, imos seguir con este fío, e hoxe poñemos esta foto, que é propiedade de Mari Carmen López, e que nos amosa o ben que se estaban a poñer uns mozos da vila, nun xantar que me parece, se fixo en Carballeda de Avia, e non sei moi ben a santo de que.
As caras sonvos bastante coñecidas, e como podedes apreciar, todos eles aparecen ben xovenciños, polo que eu lle calcularía que a foto debe de ser de finais dos cincuenta ou de principios dos sesenta.
Seguro que vós sodes quen de idntificalos cós vosos comentarios.
Sirva tamén esta foto para saudar, e desexarlles o mellor a tódolos meus amigos de Exaprin, antigos compañeiros de estudios no Instituto da vila, que se van reunir tamén ó redor dunha boa mesa na Veronza.
¿Que teñades un bó día, e que o pasedes moi ben! Tentarei estar con vos o ano que ven.


jueves, 27 de mayo de 2010

Coa firma a voltas

Onte pola noitiña despois de poñer a entrada, decateime de que tiña esquecidas máis fotos dese día, e como non ía a ser doutra maneira, aquí están algunhas delas.
O home que viste a garavata de lazo é o que viamos na foto de onte firmando no libro de honra. Aquí o podemos ver mellor, na segunda foto, acompañado doutra persoa que tampouco sei quen é, e que deberon vir á nosa vila acompañando a D. Ramón Otero Pedrayo que como podedes apreciar tamén firmou, diante duns xóvenes Jose Luis García Casasnovas e Jaime Dávila.



miércoles, 26 de mayo de 2010

Xocas

Hai un tempo falei dunha conferencia que dera D. Ramón Otero Pedrayo no "Club Artístico" fai anos, non sei cantos, e estas fotos penso que son dese mesmo día. Teredes que perdoar o meu descoñecemento, pero penso que o home que mira fixamente á cámara na segunda foto, e que está entre D. Rubén, médico e insigne medievalista por todos coñecido e D. Jaime Dávila, é o etnógrafo e antropólogo D. Xaquín Lorenzo máis coñecido por "Xocas", que debeu de acompañar a D. Ramón na visita á nosa vila.
Supoño que a sinatura será no libro de honra do Concello ou do Club, xa que Jaime Davila foi ademais de alcalde, presidente do Club. O que me ten a min intrigado é que non sei quen é, o que asina no libro.



martes, 25 de mayo de 2010

De boda na Sala Río

Esta foi a primeira voda que se celebrou nesta sala de festas ribadaviense, que supoño que algúns recoñeceredes. Podedes ver incluso algunhas butacas do cine xunto as paredes que daban a un patio interior que alí había.
O enlace foi o de Mari Carmen López e Manuel Lage, a principios dos anos sesenta, e estes son algúns dos asistentes ó convite, entre eles podemos ver a Benito Amil, ás irmás Culell, e a máis xente que de seguro seredes quen de recoñecer claramente.







lunes, 24 de mayo de 2010

A Lira no ano 63

Hoxe poño esta foto dun pasarúas que fai A Lira nunha soleada mañán do ano 1963 non sei onde, e como se aprecia a primeira vista, non ten nada que ver esta foto coa que puxen o outro día, da mesma formación no ano 1950.
Ó mesmo ca outra, esta é da colección de Juan José González Canedo, xa que o seu sogro era "O Carballal" que tocaba o baixo na banda.
Aparte de seren diferentes os uniformes que aparecen nas dúas fotos, tamén vos podo asegurar que son diferentes os platillos. Podédelos ver á esquerda da fotografía, maxistralmente levados polo percusionista da banda do que descoñezo o nome.
Algún se preguntará porque sei eu iso dos platillos novos, pois só tendes que ler ese pequeno recorte do xornal "La Región" do día 8 de Xuño do ano 1951, que poño embaixo. Entre outras cousas que de seguro vos interesarán, fala duns "platillos voantes" recen chegados da Arxentina, en concreto da cidade de Buenos Aires, como doación á banda por parte de D.Jesús e D. Leopoldo López Márquez, que supoño que serían veciños nosos emigrantes nese pais sudamericano.





domingo, 23 de mayo de 2010

Mª José cós seus pais

Hoxe poño unha foto dunha das grandes colaboradoras deste blog, a quen teño que seguir agradecéndolle os seus aportes, e os seus ánimos.
É Mª José Bouzas, con moi poucos anos de idade. Eu non llos sei calcular, pero tería dous ou tres como moito. Está acompañada polos seus pais, Purita e Quico, nalgún bar da nosa vila a finais da década dos cincuenta.



sábado, 22 de mayo de 2010

Na ponte de ferro

Seguro que moitos de vos non sabedes quen é este xoven que posa desta forma tan atrevida na ponte de ferro da vila. Senón fose porque á súa filla Carmela me conta que ese é o seu pai Fidel Dávila, eu non o crería. A foto segundo me conta ela é anterior ó ano 1935, xa que nesa data foise para Buenos Aires.

Eu de rapaz farteime de cruzar esta ponte, tal como comentei nalgunha entrada anterior, e por iso hai unha cousa que me chama moito a atención, y é que nos meus tempos só había unha pasarela de madeira formada por catro uo cinco tablóns, na parte que dá ó matadeiro, é dicir no lado que dá á vila, mentres que nesta foto Fidel está subido a outra pasarela, tamén de madeira, na parte da Foz.

¿Había duas pasarelas para peóns, ou só había unha, e logo, có paso do tempo cambiouse de lado?

Outra das cousas que xa non lembro e que me gustaría poder transcribir aquí, é o que pon na placa que hai na ponte, e que se ve na foto, pero penso que vai a ser difícil xa que está prohibida a circulación peonil pola ponte, e o acceso a ela está pechado por un valado.


viernes, 21 de mayo de 2010

A despedida do xuiz

Esta foto sacouse concretamente o día 23 de Xullo do ano 1959, no multitudinario xantar que se lle ofreceu na sala de festas do Cine Río vila ó xuiz Francisco Troncoso Facorro con motivo do cesamento nas súas funcións no Xulgado de Primeira Instancia de Ribadavia.

Como saberedes era natural da vecina vila da Cañiza e tomara posesión do noso xulgado no mes de Febreiro do ano 1948. Durante todos estes anos foi moi apreciado polos veciños, entre os que deixou moitos amigos e un grato recordo.

Nesta instantanea eu só son capaz de recoñecer ó Julio Neira "O mexicano", que aparece en segundo plano con garavata de raias e as mangas da camisa remangadas.

Si coñecedes ós outros podedes deixar algún comentario.




jueves, 20 de mayo de 2010

No Parque

A nena que está entre os seus pais é María Arocas a finais da década dos cincoenta. Ela está de pé, e os seus pais están sentados no borde da fonte que hai nos "Jardinillos", que é como eu lle chamei sempre, a este parque situado ó carón do Cemiterio, e derriba do Campo da Feira.
María fala do éxito deste parque nesa época, xa que cantidade de fotos deses anos están sacadas alí.
D. Jesús Sánchez García no seu libro "Ribadavia en el recuerdo" no capítulo titulado "Los parques de la villa"nos dice:
" Ribadavia tiene dos bellos parques, "El Parque" y la "Alameda". Sin ánimo de jactancia, que no encaja en mi manera de ser, pero por extricta justicia me es muy grato consignar, que "El Parque" es obra personal y exclusiva del autor de este libro de amor y exaltación de esta villa amable. Catorce años seguidos, prestados con actividad a ese parque, dicen la bella labor de su organización que sino en grandiosidad, luce en belleza y en acicalamiento que la hacen vibrar en hermosura y prestancia. Bien es cierto que no obtuve por ello, no ya recompensa alguna, que no lo admitiría, pero por lo menos lo más fácil y agradable que es obligado hacer: dar las gracias por mi labor en pro de nuestra villa. Así se cumple mejor el conocido refrán de "Haz bien, sin mirar a quien" El Parque dulcemente sumido en la plenitud de una mañana de sol, embalsamada, sonora y joyante, muestra el múltiple encanto que a todos brinda. El sola, al filtrarse por entre su follaje, acribilla el suelo salpicándolo de oro, y las verdes cabelleras de los árboles mostrando cimbreantes la gama de los colores de sus amplias ramas, forman bellos doseles de esmeralda bajo los cuales entre una apoteosis de colores se pasea con lentitud, que es delectación, sugestión placentera. En lo alto los pájaros invisibles riman sus melodias con resonancias y cadencias en sus endechas que nos abisma en el éxtasis de la eternidad como al bienaventurado monje de la leyenda. Es lugar recoleto y amable, donde bajo la pompa de los árboles sueñan novios, dormitan ancianos y juegan los niños que rompen el silencio con sus canciones, con sus risas de plata nueva".


miércoles, 19 de mayo de 2010

A Lira de Ribadavia

Esta fermosa foto é propiedade de Juan José González Canedo a quen lle agradezo publicamente o detalle que ten connosco ó deixarnos algúns dos seus recordos familiares.
Como recoñeceredes moitos, está sacada na antiga terraza traseira do Club Artístico, e penso que se sacou o mesmo día do ano 1950, que unha que aparece publicada no libro "Álbms para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses IV" publicada polo Museo.
A diferencia entre as dúas é a situación da banda dentro do patio. Esta faise contra o edificio, e a do libro contra as palmeiras do fondo da terraza.
O director, D. Pedro Orovio aparece en primeiro plano no medio, e como nese libro veñen os nomes de moitos dos músicos que aparecen na foto, voume tomar a libertade de copialos, coma unha pequena homenaxe a todos eses veciños que durante moitos anos lle adicaron parte do seu tempo a esta formación musical.
Aparecen na foto:Francisco Gulín Pérez, Manuel Gómez Estévez, Adolfo Núñez Gómez, Celso González Fernández, Manuel Estévez González, Benjamín González Domínguez, Braulio Gulín Pérez, José Tielas González, Ramón Estévez Álvarez, Raimundo Gulín Pérez, Ovidio Fernández Soto, Manuel Núñez García, Antonio Gonzalez Freijido, Guillermo Blanco Leboso, Faustino Vázquez Iglesias, Manuel Rodríguez González, José Meiriño Iglesias, Manuel Lorenzo Miguélez, José Gulín Pérez, Argentino González Fernández, Joaquín Carballal Chousal, Ignacio Leboso, Cándido Rivera Pérez, Hermelindo Gómez Rodríguez, Eulogio Gómez Blanco, Luis Ozores Álvarez, José Raña Martínez, Manuel Rodríguez Gulín, Benito Alonso Losada, Manuel García Regueiro, Arturo Gulín González e Manuel Alonso Vázquez.