martes, 6 de julio de 2010

A derradeira foto

Hoxe poñemos a derradeira foto que se lle fixo a Secundino Gómez Juste, un xoven ribadaviense, que coma moitos outros foi chamado a filas na Guerra Civil e alí perdeu a vida.
Fixádevos na súa caligrafía. Deixa perfectamente anotado que a foto está tomada en Grado, Asturias, o 15 de Abril do ano 1937. El é o segundo pola esquerda, o que non ten número. Os outros, os seus compañeiros de fotografía son : Nº 1 - José Barros, Nº 2 - Antonio Fernández, e o Nº 3 - Egidio Abraldes.
Secundino apuntou coidadosamente os nomes dos seus compañeiros para evitar que o tempo lle borrase os nomes da memoria, e quen lle ía a dicir que uns cantos días despois de sacarse esta foto unha bomba impactaría derriba da mesa da oficina na que estaba a traballar, e acabaría coa súa vida.
Pasaron moitos anos, e hoxe nos lembramos del, e dos seus amigos, dos que non sabemos ren, e todo grazas ás notas de Secundino.
A foto nola envía Antonio Canitrot Gómez, que é o seu sobriño, amais dun recorte de prensa da época, e a esquela que supoño se publicou no mesmo xornal. Grazas Antonio.








No hay comentarios:

Publicar un comentario