viernes, 12 de noviembre de 2010

Kung Fu

Recibo con grande agarimo esta foto na que aparecen dous nenos posando na Praza Maior ante a atenta mirada de Francisco Couto en Septembro do ano 1963. O rapaz é Braulio Gulín, e a nena non sei quen é, aínda que poidera ser algunha curmá del. Como podedes ver a praza está coas entrañas ó aire, xa que debeu de ser nesta época cando sufriu unha das súas últimas remodelacións.
Lembro ben a ese rapaz, a Braulio, e tamén ó seu pai que era músico da Lira, e que andaba sembre a cabalo dunha moto que tiña o depósito pintado de cor verde. Eran veciños do albardeiro que vivía ó principio da rúa Mera Soto, xusto ó lado de onde se atopa o restaurante Plaza, e onde sempre, como ben me recorda Couto, os días de feira había unha morea de bestas amarradas á espera dos seus arreos, que el facía e amañaba con moito xenio.
Case unha década despois desta foto, na única canle de televisón que había, estrearon unha serie nova, Kung Fu. O seu protagonista David Carradine facía as ledicias de tódolos rapaces da vila, era o noso ídolo cando Braulio e máis eu estudiabamos xa no Instituto.
A tanto chegaba o noso entusiasmo que non quedaba nas obras de Ribadavia ningún ladrillo, tablón ou uralita, a salvo dos nosos puños e das nosas pancadas. Incluso aproveitabamos os recreos para atravesar a estrada do Carballiño e xogar nunha obra, que alí había, e que estaba parada, a do bar Veigano. Este era o noso ximnasio de artes marciais, onde, por suposto, non quedaba títere con cabeza.
Foi alí, onde nun deses días no recreo, Braulio sostendo un ladrillo entre as mans e cun ton moi serio dixo que el era quen de partir un ladrillo coa cachola, e que xa o fixera varias veces. A todos os alí presentes pareceunos unha ousadía, pero as discusións foron en aumento, e entre os uns e os outros animámolo a que fixera tal demostración de poderío.
A nosa sorpresa foi cando de súpeto, en vez agarrar o tixolo coas mans e darlle coa cabeza, guindouno ó aire, e o rematou dun seco testarazo, con tan mala sorte que unha das aristas do bloque fendeulle a frente de lado a lado.
Ó mesmo tempo que lle comezou a caer o sangue pola fronte, empezou a berrar levandose as mans á ferida e apalpando o cacho de pel que lle acaía sobre as cellas, arrepiado ó ver coma toda a roupa se ía tinguindo de vermello.
Acudímolo con presteza, e como poidemos, senón lembro mal, levámolo ó recen inaugurado Ambulatorio que por sorte estabo alí ó lado.
De volta ás clases, e coa incertidumbre de saber do seu estado, só se falaba da bravura do noso compañeiro. Tras uns cantos días, uns puntos e unha aparatosa vendaxe xa estaba para outra o noso "pequeno saltamontes".


2 comentarios:

  1. Francisco Couto Gulín13 de noviembre de 2010, 10:40

    Unhas aclaracións:

    A nena, da que non sei o nome, é a que supoño neta do albardeiro, pois eu víaa habitualmente na súa casa.

    O neno, tal como dis é Braulio Gulín, fillo do músico da lira do mesmo nome, pero non é neto do albardeiro senón que é un "Peteira", neto do músico da lira, de nome tamén Braulio Gulín, do que publicaches xa unha fotografía posando co seu trombón.

    A casa dos "Peteiras" e a do albardeiro estaban parede con parede xusto ó comenzo da rua de Mera Soto, como ben dices.

    Saudos.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas pola observación. Xa o cambiei.

    ResponderEliminar