viernes, 1 de abril de 2011

Os corzos da Peneda

Ó meu avó gustáballe a caza. Máis que gustarlle, devecía por ela, era a súa paixón. A pesca non. Dícía dela que era unha golfería, e súas razóns tería. Dicía tamén que a caza do coello era para coxos, e aínda que el non o fose, adicaballe parte do seu tempo libre. Gustaba de cazar só, á vella usanza, e coñecía as querencias, e as reviravoltas de todo o que se movía no monte.
Nunca exhibía a caza, non era fachendoso, polo que en vez de levar as pezas colgadas, dáballes unha volta por baixo do cinto, e as ocultaba de calqueira mirada baixo o faldón da chaqueta. Cousa que eu non entendía.
Un día nuhas viñas que hai por baixo da Franqueirán, saiu un coello coma un foguete traspintando por entre as cepas. Encarou a escopeta, disparou e fallou. Non a volveu a coller nunca máis.
Quedou tocado de verdade, e durante un tempo andivo aqueloutrado matinando no fallo, na súa vista e nos seus lentes. Pouco lle durou a teima, xa que uns días despois apareceu na casa cunha escopeta do calibre dezaseis, desas que tiñan gatillos exteriores. Deuma e dixo:
-A partires de hoxe, a escopeta lévala ti. Aproveita rapaz, que eu non che tiven tanta sorte.
Segundo me contaba, el tivera a primeira escopeta ó redor dos dezaoito anos, grazas a D. Siro, que lla regalou polas boas mañas, e afección que amosaba cando o acompañaba nas cazatas. Era unha do tipo de Lafouché, dun só cano, e co que costaba a munición daquela, había que andar moi fino, e asegurar o tiro.
Moitas veces lle escoitei falar de D. Siro, e contar as expedicións cinexéticas que este organizaba ós montes da Peneda, na Arnoia. E mirade por onde, hoxe as atopo neste semanario bonaerense.
D. Siro sempre ía de a cabalo coma comandante do exército que era, o resto da comitiva, incluido meu avó, ía a pé, e os pertrechos ó lombo dalgunha mula. Durmían en casas de paisanos, e ó día seguinte, moi cedo, D. Siro guiado por un experto local saía na procura do corzo. Sempre ó rececho, coma ten que ser.
Meu avó nunca o acompañou nestes lances, xa que tres son multitude. Esperaba a que voltase e polas tardes dabánlle duro ás perdices e ós coellos, que seica eran moi abondosas na parte alta da Arnoia.
Cando me contaba estas cousas, eu o escoitaba abraiado. Describía con todo detalle a fraxilidade dos corzos, os voos imposibles das perdices, os tiros de cachete ós coellos, as faenas dos cans. Pero pódovos asegurar que o que máis lembraba meu avó desas cazatas, eran as porcións de queixo francés que lle daba D. Siro. Nunca vira cousa igual, trianguliños envoltos en papel de estaño dentro dunhas latíñas metálicas.
Sabían que rabeaban, dicía.





1 comentario:

  1. Julio a descripción de hoxe paréceme xenial e aprobeito para mandarche un saudo. O.E.S.

    ResponderEliminar