jueves, 14 de abril de 2011

Alan Lomax

Seguro que este nome non vos di nada, pero este rapaz que vedes ahí fotografiado en Aragón, naceu nos EEUU no ano 1915 e adicou toda a súa vida, ata súa morte no 2002, a gravar cancións por todo o mundo, converténdose deste xeito no máis importante etnomusicólogo norteamericano, e no máis importante recopilador de cancións populares do século XX.
Fíxádevos si foi grande, que sacou á luz a figuras tan senlleiras como Muddy Waters, Pete Seeger ou Woody Guthrie entre outros.
Se facedes memoria e lembrades a película sobre a vida de Guthrie "Bound for Glory" que en España se titulou "Esta tierra es nuestra" . O protagonista durante a Gran Depresión viaxa a New York para actuar nun programa de radio de audiencia nacional. Ese programa era o de Alan Lomax.
Lomax chega a España dende Inglaterra para asistir en Mallorca a un congreso Internacional de Musicoloxía, para, por encargo da Columbia Records, grabar a uns grupos folcloricos da Sección Feminina. As avanzadas ideas de Lomax chocan de cheo coa política franquista da época, polo que durante a súa estadía no noso país sempre estará vixiado pola Garda Civil.
Recorre a península en seis meses de cabo a rabo, entre os anos 1952 e 53. E como non , tamén estivo en Ribadavia, onde se detén e rexistra varias grabacións, así como en Paredes (Leiro), Faramontaos, Luintra, Sobrado do Obispo, e na mesma Ourense, amáis doutros lugares de Galicia.
Hoxe vos poño un enlace coas gravacións que lle fixo en Paredes (Leiro) o 29 de Novembro do ano 1952 a Ignacio Barrero, Emilio Barrio, Isaac e Pepe Blanco, Camilo Santiago, Emilio Veldrón, e Silvestre Seara.
Tamén sacou fotografías, e revisando o seu arquivo atopei estas dúas que penso que poderían estar feitas na nosa bisbarra.
Hoxe en día o seu legado está repartido entre a Biblioteca do Congreso dos EEUU e a Association for Cultural Equity, onde se atopa a súa obra, e onde poderedes buscar máis información.
Na vila graba a D. Modesto Sánchez coa súa gaita, pero esa xa é outra historia, e vola contarei mañán.


No hay comentarios:

Publicar un comentario