jueves, 10 de marzo de 2011

En familia

Fai anos a rúa de Merelles Caula, que é, como saberedes a que baixa dende a Praza Maior á da Magdalena, bulía de xente e de actividade. Nela había moitos establecementos comerciais. Non sei si esquecerei algún, pero lembro a tenda da Amelia, a queixería do Celso e da Esther, que estaba enfrente; a taberna do Piiño un pouco máis abaixo; o estanco que aínda sigue alí; dúas barberías; a tenda do Charo; e no medio de todas elas, a tenda da Chucarela da que xa vos falei algunha vez.
Esta tenda a diferencia das outras tiña algo de especial. Amosaba sempre no seu exterior moitas cousas, entre elas sempre había algunha barrica de sardiñas afumadas, algúns cestos cheos daquelas escobas de caña, e unha morea de tripas secas, desas coas que se fan longanizas, penduradas dos marcos das portas. ¿Lembrades como ulían? Tiñan ese cheiro intenso, picante, tan típico e penetrante, que se me quedou metido para sempre nos miolos, supoño eu que de tanto pasar por diante delas.

Pois hoxe lle imos a poñer cara ós propietarios desa entrañable tenda, que continuaron por medio da saga familiar rexentando establecementos hosteleiros por todos coñecidos como o Kopa Club e o Café Moderno.

A foto é moi fermosa e destila elegancia. Debeuse de sacar a finais da década dos cincuenta, e nela vemos á dereita, de escuro e cun colar de perlas a Ernesta Graña, acompañada do seu home Ramón González. Ela era quen levaba a tenda, mentres que el rexentaba o Café Moderno, que posteriormente levou o seu fillo Moncho e que hoxe levan os seus netos.
No medio elegantísimas dúas das súas fillas: Feli, cun abrigo de cor blanco, rexentou sempre co seu home Fidel a cafetería Kopa Club; e Chicha cunha espectacular pamela situada ó lado da súa nai.
Á esquerda da foto, e tamén de negro cun colar de perlas está unha prima delas, María Jesús Graña, e xusto detrá dela, está Gelines, que é outra das fillas deste matrimonio.
Dos demáis non vos podo dicir ren, pero seguro que me diredes algo.
A foto é propiedade de Francisco Couto, que tiña moita relación e moito aprecio por esta famila tan recoñecida da vila.




1 comentario:

  1. Como lembranza a esta recordada familia ribadaviense traio unha noticia de hai cen anos:"Hoy queda abierto al público el Café Moderno, instalado en la casa de reciente construcción del sr. Morgade.El propietario A.Pérez no perdonó medios ni sacrificios para darle a Ribadavia un establecimiento que nada tiene que envidiar a los de las grandes poblaciones".Publicado en Noticiero del Avia, 25 de febrero de 1911.!Feliz centenario!
    Saludos para Julio.

    ResponderEliminar