martes, 1 de marzo de 2011

Sorte ós pescantíns

Esta entrada vai adicada a tódolos afeccionados á pesca, que neste mes que comenza deben de estar xa desempolvando e afinando tódolos trebellos propios do seu deporte.
O outro día lin, non sei onde, a un deles que se queixaba amargamente da escaseza de troitas, e culpaba directamente á proliferación dos corvos mariños nos nosos ríos. Dicía que cada un deles necesitaba, sen non lembro mal, cerca de dous quilos de peixe ó día.
A verdade é que nunca escoitara un razoamento tan orixinal. Deixando a un lado istes argumentos, caín na conta de que nós, cando eramos novos, fai xa unha morea de anos, non mirabamos ningún polos nosos ríos.
Recordo ben que os únicos cormoráns que coñeciamos aparecían nun libro de ilustracións que D. Leandro nos ensinaba na Biblioteca Municipal, cando esta estaba na rúa Merelles Caula. Nel observabamos incrédulos o debuxo dun indíxena de raza aceitunada, que era así como se lle chamaba ós habitantes da Oceanía, que levaba catro ou cinco destes paxaros atados con cordeis polo pescozo para que lle procurasen a pesca. E que envexa nos entraba. Soñabamos con ter algún día un deses paxaros amaestrados.
Como sigamos así, dentro de pouco haberá granxas de corvos mariños, e veremos ós paisanos sentados na beira do río sostendo nas súas mans as liñas duns cantos destos especímenes. E xa vexo vir ó gardaríos solicitando a cartilla de vacinación dos paxaros, e a consecuente prohibición de pescar con máis de dous mergullóns.
En fin. Que haxa sorte e que se dea ben a pesca.


No hay comentarios:

Publicar un comentario