martes, 18 de mayo de 2010

O carnet de Cabaleiro Mutilado

Nantronte falabamos de Miguel, e da perda do seu ollo en Asturias, e hoxe traemos a estas páxinas a súa cartilla de Cabaleiro Mutilado, que penso que é un bonito documento, que quere compartir con nós o seu fillo Manuel.
Como podedes ver aquí Miguel aparece xa con lentes obscuros, e supoño que esta foto se faría aínda no periodo de convalecencia, xa que se lle ve moi xoven.
A pesares desta ferida Miguel non perdeu nunca o seu fino sentido do humor, e ben o saben tódalas persoas que o trataron, que foron moitas debido ó seu cargo no noso Concello.


lunes, 17 de mayo de 2010

A 1ª Mostra

Si o ano pasado por estas datas puñamos a portada dunha revista editada pola Asociación Cultural Abrente có gallo do Día das Letras Galegas no ano 1972, hoxe para conmemorar este día, poñemos o cartel da 1ª Mostra de Teatro en Galego, que logrou sacar adiante a mesma agrupación cultural no mes de Maio do ano 1973. Foi a primeira edición dunha longa andaina que posigue hoxe en día acadando cada vez máis éxito de público e sona internacional.
O cartel está impreso na Imprensa "EL Ribadaviense", e estaba deseñado polo grupo "77 Agencia Gráfica" en base a un conxunto de máscaras feitas por Castelao para "Os vellos non deben de namorarse" e que se atopan no Museo Carlos Maside de Sada na Coruña.


domingo, 16 de mayo de 2010

Antes da Guerra

Este xoven que vedes na foto, non é outro que D. Miguel López, o que anos despois sería o Depositario do Concello da vila. A particularidade desta imaxen é, como di o seu fillo Manuel, que é das poucas nas que o podemos ver cós dous ollos.
Esta foto foi sacada días antes da súa incorporación ó frente de Asturias, onde lamentablemente resultaría ferido coa consecuente perda dun ollo, o que lle obligaría a levar un de cristal o resto da súa vida.



sábado, 15 de mayo de 2010

Historias da mili

O problema das fotos do servicio militar, é que só coñecemos a un dos fotografiados, e neste caso ó que coñecemos é a Manuel Lage que é o que esta no medio dos agachados en primeiro plano.
Como podedes ver é o máis tranquilo de todos eles, e o máis prudente, de entre toda esa tropa armada que parece que esqueceu o dito ese de que as armas as carga o demo.
A foto, propiedade da súa viúva Mari Carmen, debe de ser de principios da década dos cincuenta, e parece que foi sacada nun campamento militar que había na provincia de Lugo.


viernes, 14 de mayo de 2010

No café, con copa e puro

Non son capaz de recoñecer en que bar está sacda esta foto que pertence á colección de Mª José Bouzas, na que aparece no medio seu pai Quico xunto ó Julio "O Mexicano".
Dos demais xa me diredes algo, xa que eu non recoñezo a todos.
Hai tamén algo nesta foto que non alcanzo a entender, xa que normalmente o café se tomaba sentado, disfrutando dunha partida de naipe ou dominó. Non sei porque están todos de pé.

jueves, 13 de mayo de 2010

La Caraba

Preciosa foto, que no seu formato orixinal tiña unhas dimensións moi reducidas, e na que case era imposible recoñecer a ninguén. Pero grazas á tecnoloxía que temos hoxe en día, a podemos ver claramente.
Este decorado marítimo debeu de ter moito éxito nas festas e feiras da época, xa que o teño visto en máis fotos, como nalgunhas que forman parte da exposición fotográfica"Pano de fondo"que aínda está instalada en Vigo e que se pode visitar ata o día 23 de Maio.
Non coñezo a tódolos avezados mariñeiros que saen na foto formando parte da dotación do destructor "A Caraba", pero o primeiro pola esquerda é Emilio Pérez Araujo, un irmán da miña avoa que era lexionario mutilado, e como se ve claramente que lle falta unha perna, podemos situar a foto nos anos corenta, despois da Guerra Civil. O seguinte pola esquerda tamén é outro gran coñecido deste blog, trátase de Alfredo Escudero, aquel que de rapaz fora premiado cunha maravillosa viaxe por España. Os do medio non sei quen son, pero o da dereita , que sae medio borroso penso que é Julio Neira.



miércoles, 12 de mayo de 2010

A voda dos meus pais

Este video que poño hoxe é un luxo, trátase dunha pequena recopilación de escenas do pouco que foi quedando dunha película que se fixo na voda dos meus pais, e digo do pouco que foi quedando, xa que có paso dos anos sufriu moitas perdas na súa metraxe.
Fixemos unha pequena montaxe en cámara lenta, para que poidades tratar de buscar as caras dos vosos coñecidos, das escenas nas que aparecen os invitados. Teredes que ser comprensivos, e entender que garde para min as imaxes máis persoais, coma as dos dos meus pais, que non aparecen no video
A película orixinal rodouna coa súa cámara de super 8 Ricardo Davila, un sobriño do meu avó, que comparte con el o nome e o apelido o 12 de Abril do ano 1959.
A voda celebrouse na capela da Virxe do Portal, e o convite foi servido polo Bar Alfonso nos salóns da desaparecida sociedade "La Peña".
Poderedes ver, se vos fixades ben, a moitísima xente coñecida, dende Pepe "O da Botica", ata Gerardo Álvarez, ou Pepita Fernandez e o seu marido, pasando por tódolos meus avós e parentes por ambas familias, "O Coca", Perfecto, Antonio, Emilio, e varios amigos e amigas dos meus pais.
Por certo o rapaz que sae ó final é Juanín, o fillo de Pepe "O de Correos" que foi o encargado de levar as arras.
Que o disfrutedes.




martes, 11 de mayo de 2010

Uns cantos anos despois...

Agora situámonos no mesmo escenario de onte, pero uns cantos anos máis tarde. Se vos fixades un pouco a fisonomía do sitio non mudou moito, o chan segue a ser de terra, os arcos do Hospital seguen a estar pechados cuns muros, e as pequenas árbores do adro case que seguen a ter a mesma altura.
Os uniformes delatan o cambio de época, son xóvenes ribadavienses formados en escuadras e centurias da "Organizacion Juvenil Española", a OJE, supoño que dispostos para partir a algún dos campamentos ós que soian ir.
Esta foto é unha das que aparecen publicadas nun dos libros do Museo, concretamente no adicado ó deporte, e alí ten a seguinte descrición: "Grupo do Frente de Juventudes ao mando de Gerardo Álvarez Vidal; entre outros, Luis Casasnovas, Francisco J. Bouzas, Manuel Rodríguez, Raúl García, Antonio Pérez "Tolilo", Ramón Chao, Manolo Touza, Eulogio Mato "Logito", Rosendo Blanco e Manolo Pérez." Tamén sitúan a foto entre a década dos coarenta e os cincoenta.


lunes, 10 de mayo de 2010

O Hospital

Máis fotos da nosa amiga americana que xa tiñamos un pouco abandoada. Voltamos ó mes de Xullo de 1925, Ruth Matilda segue a dar voltas pola nosa vila en busca da mellor imaxe, e fai esta dúas fotos do Hospital, unha da parte dianteira, e dicir da parte que da ó adro de San Domingos, e a outra da traseira, ou mellor dito dun lateral que é o que hoxe en día asoma a Alameda, ou ós edificios construidos na rúa Otero Pedrayo.




domingo, 9 de mayo de 2010

Unha casa no cruce

A información que acompaña a esta foto no Museo fala de que esta é a casa dos Masayud, sita na estrada do Carballiño, hoxe chamada Avda. do Ribeiro, e moi perto do Cruce.
Nas pipas de viño que hai en primeiro plano pódese ler "L. EIROA Y CA", e alguén posa diante da casa, que está en construcción.
Na parte da dereita podemos ver os muros da Igrexa da Oliveira, e como non podía ser doutra maneira voltamos aquí a ver a famosa iluminación pendurada dun cable no medio da rúa.
A verdade e que me gustaría datar a foto xa que hoxe en día esta casa non existe . Espero os vosos comentarios.


sábado, 8 de mayo de 2010

Os prezos do tren

A cantidade de cousas que un se pode atopar na rede é inmensa, e hoxe rescato estas tarifas de prezos do tren do ano 1917, que atopei nunha nunha guía titulada "Galicia, guía para el turista" do ano 1917, e que estaba editada pola Asociacion de Hoteleros e Fondistas de Galicia. Se pinchades aquí podedes consultala.
Pareceume de certo interese, pero o que aínda non teño moi claro é como descifrala. Deixoa aquí e que cada un faga os seus cálculos.




viernes, 7 de mayo de 2010

A remodelación dos Xulgados

Teoricamente a foto da esquerda é do ano 1968, e nos amosa unha parte do edificio dos Xulgados antes da restauración que se fixo nese ano, e a da dereita, é xa do ano seguinte, de 1969 de cando se rematou a obra, baixo a dirección de Francisco Pons-Sorolla.
Debaixo podedes ver os planos feitos por el para facer esta restauración.

Eu xa non me lembro moi ben do que había antes das obras nese emblemático edificio, xa que os xulgados estaban no edificio do Concello.

Paréceme que nos baixos estiveron en distintas épocas a farmacia dos Sánchez, as dependencias da Garda Civil, as da Garda Municipal, a Biblioteca Municipal e incluso a Sección Feminina. E na planta superior estivo instalado o dispensario municipal atendido polos médicos D. Antonio Padrón, e D. Rubén García, acompañados da enfermeira Dna. Antonia Cao, e penso que tamén estivo alí un tempo o Xulado de Paz.

Pode que me trabuque nalgúnha destas informacións, polo que agradecería que os que saibades algo máis fagades algún comentario.






jueves, 6 de mayo de 2010

A Primeira Comunión de María

Agora seguro que saberedes quen é María Arocas, xa que nesta foto aparece no día da súa primeira Comunión, no ano 1963, acompañada dos seus pais Pepita e Herminio.

A foto faise á carón de foto Chao, na rúa do Progreso, e detrás podemos ver o cartel da reloxería Parada, o da tenda do Avelino, parte do da Armería Lira e ó fondo de todo a terraza do Bar Evencio.

María chamoume a atención sobre o sinal de trafego que aparece tamén tras eles. Parece ser que indicaba a prohibición de aparcar nun lado da estrada cada quince días. Eu a verdade non tiña nin idea do seu significado, e penso que debe de estar en desuso actualmente



miércoles, 5 de mayo de 2010

Nun pleno do Concello

Non sei con ocasión de que se sacou esta foto, nin en que ano, pero grazas a Manuel López podémola disfrutar agora. Polo que me conta parece que se fixo nun pleno ou nalgunha recepción do noso Concello, e como non ía ser doutra forma, nela aparece o seu pai Miguel López, de segundo pola esquerda, xa que era o Sr. Depositario.
Coñecemos tamén a outros dos que saen na foto, e penso que o primeiro pola banda esquerda é D. Rubén, cara ó medio está o pai dos Torejas, cuns papeis dobrados baixo o brazo; e un pouco máis á dereita o Carrasco e Lois o dos Xulgados. No lado dereito podemos atopar vestido cun traxe escuro ó Sr. Lage, que foi municipal, e que porta unha gorra ou unha boina na man, e ó final de todo a Antonio Chao. Xusto entrámbolos dous e un pouco máis atrás, e medio tapado aparece un xoven José Luis García Casasnovas.
¿En que ano se faría?. ¿Cal era o motivo da reunión?. ¿Coñecedes ós outros?

martes, 4 de mayo de 2010

A Fonte da Prata nun día de feira

Outra foto sacada dun libro que me envía Rafa Salgado, e por esas cousas da informática, ou mellor dito, da miña cabeza, xa non sei de que libro está sacada.
Ás veces perdo algunha información sobre as fotos, e xa non quero aventurar máis nada, máxime cando o outro día publiquei unha da Porta Nova e dixen que estaba sacada do libro "25 anos de paz" publicado no ano 1957.
Alguén nun comentario moi acertado axúdame a facer a suma. E como todo o mundo sabe 1939 máis 25 dá 1964, có que algún erro debe de haber.
O caso é, que só sei que esta foto viña datada nun libro có ano 1939, e nela podemos ver a animación que hai no entorno da Fonte da Prata supoño que nun día de feira.
Eu persoalmente teño o pálpito de que esta foto é moito máis antiga, máis que nada, esa sensación ven dada polas vestimentas e as roupas dos que nela saen. De todas formas o importante é que vexamos a morea de xente que se congregaba na nosa vila nos días de feira.



lunes, 3 de mayo de 2010

Belezas ribadavienses

Mirade que foto máis linda nos envía María Arocas, nela podemos ver á esquerda a súa nai Pepita e á dereita a Esperanza, a muller de Ramón Carrera.
A foto pensamos que é de estudio, en concreto que está feita en Foto Chao, no Entroido do ano 1954.
Para os que non coñezades a Pepita, direivos que é a irmá do Alfredo, o das bicicletas, e como en próximas entradas os porei más fotos dela, seguro que ceredes na conta de quen é, xa que aquí nesta foto parece moi xoven.
Descoñezo que é a terceira beleza, a rapaza que está sentada en primeiro plano, pero seguro que algún de vós nolo dirá.


domingo, 2 de mayo de 2010

Alumnos dos Maristas en 1935

Chegou o mes de Maio, sae o sol, deixa de chover, e os rapaces van deixando as roupas do inverno. Chega a calor e xa poden ir saíndo ó patio,pero Maio tamén é o mes da flores e o mes de María, e como proba desa devoción supoño que os alumnos dos Maristas facíanse esta foto nunha das terrazas do edificio arropando entre todos á Virxe do Colexio.
A foto é tamén de Carmela Dávila, á que lle sigo dando as grazas pola súa colaboración, e ten anotado por detrás "Maristas 1935". Aínda que é moi parecida a outra que puxen fai tempo noutra entrada, os protagonistas son totalmente diferentes, e coma sempre pasa non coñezo a ninguén.



Maristas Ribadavia 1935

sábado, 1 de mayo de 2010

A casa Consistorial

Non sei de que ano é esta foto da casa do Concello, pero me vai que nin pintada, para explicar cal era a casa na que nacera e vivira toda a súa xuventude a miña bisaboa Celsa, a que vos puxen onte nunha foto có seu marido.
Esa casa que vedes xusto á esquerda do Concello, e que ten xente diante dos seus soportais, era onde vivía a súa nai Generosa co "Corcora" que era o carceleiro da cadea que estaba nos baixos do edificio do Concello.
Parece ser que despois a Isabelita como lle coñecían na praza, e que era a irmá de miña bisavoa quedou có baixo que dá á Praza Maior, e á rúa de atrás onde tivo ese almacén de sal do que falei onte.
Por certo, na época en que se sacou a foto a figueira da torre medraba con forza.

viernes, 30 de abril de 2010

Os meus bisavós

Desta vez presentovos a Celsa Araujo e a Antonio Pérez bisavós meus por parte materna. Aínda que ela xa saíu máis veces nestas páxinas fotografiada coa súa filla Isaura que era a miña avoa , hoxe poño esta foto dos dous.
Celsa, a miña bisavoa, era filla de Generosa, que era a que se encargaba dos pesos e das medidas da Alhondiga do Concello, xa que o seu marido, é dicir o meu tataravó, era o carceleiro da vila, que seica era oriundo das montañas de Avión e o alcumaban “O Córcora”.
Celsa tivo dous irmáns máis: Benito Araujo, e Isabel.
Benito Araujo que tamén é asiduo deste blog era o xerente da Banca Nogueira en Ribadavia, e tivo tres fillos, Chelo que vive Madrid casada cun Quijada, Tino Araujo que xa faleceu, e Maria Rita casada con outro Quijada, en concreto con Víctor.
Isabel que era a máis xoven morreu solteira, e ó mellor a recordades xa que viviu toda a vida na casa que era dos seu pais e que está pegada ó Concello, onde hoxe se atopa o bar Tielas, no seus baixos tiña un almacén de sal.





jueves, 29 de abril de 2010

Alumnos na Fundación

Esta foto é cortesía de Carmela Dávila, e aparece como moitas outras publicada tamén nun dos libros do Museo, concretamente no titulado "Imaxes de Infancia".
A información que acompaña á foto nese libro é :" No patio do hoxe Museo Etnolóxico posa un grupo de nenos cós seus mestres; entre outros: Bernardino Graña, Juan Francisco Gómez Adán, Antonio Fernández Ríos, Alejandro Fernández Ríos, Antonio Núñez, Arístides Álvarez Couto, Antonio Durán, Carmen Viñas e Felipe Varela Gómez. Ribadavia , ca.1930"
A min cústame moito distinguir a algúns dos citados, ós que coñecín e tratei bastante, pero o que son as cousas, de entre toda esa morea de ribadavienses vexo con claridade, e xa me pasou noutra foto anterior, ó "Chacoto" , a Segundo Deaño que é o que está cunha camisa clara detrás do terceiro e cuarto da primeira fila comenzando pola esquerda.
Xa sabedes, se coñecedes e identificades a máis xente lembráde que podedes deixar un comentario.


miércoles, 28 de abril de 2010

Fillo adoptivo de Ribadavia

Perdoade que estea a seguir dando á paliza con D.Francisco Pons-Sorolla y Arnau, pero unha das moitas cousas que pouco a pouco vou sacando dese libro sobre este arquitecto, é que o día 30 de Xuño do ano 1962 foi nomeado fillo adoptivo da nosa vila, supoño que polas numerosas actuacións realizadas en Ribadavia, e que podemos visualizar neste plano da vila feito por el.
Se vos fixades veredes que hai unha serie de edificacións e de rúas de cor máis escuras. Son as obras que el, ó longo dos anos foi dirixindo. Falta o Castelo no que tamén fixo intervencións xunto a Chamoso Lamas que se encargou do estudio arqueolóxico.
Entre os dous, e supoño que coa Corporación Municipal, fan que a nosa vila sexa declarada Conxunto Monumental e Artístico no ano 1947, e que ó ano seguinte se dicten unhas Ordenanzas Especiales de Protección do casco historico para tratar de preservar para o futuro as edificacións dese entorno .
Unha das razóns que esboza para protexer e restaurar o Barrio Xudeu, é que detecta que a poboación de Ribadavia estaba a bascular ós poucos para a zona nova, e dicir cara ós novos edificios da estrada Villacastín -Vigo, quedando nun certo estado de deixadez e de abandono as antigas rúas empedradas, que pouco a pouco vanse tornando nunha zona cun certo grao de degradación. Anota tamén que neses anos a nosa vila estase a convertir nun lugar de paso, no que a xente non se detén.


Para evitar estas tendencias, tenta de voltar a poñer en valor este barrio medieval. Desexa que Ribadavia sexa disfrutada, e paseada outra vez polos visitantes, para elo deciden actuar sobre unha serie de rúas, as que conectan cos entornos das igrexas e a Praza Maior, de maneira que o espectador ou o visitante poida percorrer un circuito ben coidado, que lle dé unha visión completa da historia e dos monumentos máis senlleiros de Ribadavia.




martes, 27 de abril de 2010

Cotolay

Antes de falar desta fermosísima foto querería deixar clara unha ou dúas cousas. A primeira é que levo bastante tempo detrás dalgunha imaxe que nos amose algo da rodaxe da pelicula Cotolay, e esta é a primeira foto que chega ás miñas mans.
A segunda é que eu, a pesares de ter tan só cinco anos cando se rodou a película, teño unha serie de imaxes e de recordos deses días metidos no meu maxín: lembro moi ben a un José Bódalo canso, sentado no portal da miña casa, ós carros de bois cangados de pedras de cartón baixando pola rúa Merelles Caula, que era onde viviamos daquela, e por último ó Miguelito, que ía de extra, vestido de época na Praza Maior.
E mirade por onde esa imaxen que eu tiña gardada na miña memoria, a de Miguel López, coa súa grande humanidade, faise agora realidade grazas ó seu irmán Manuel, que me envía esta foto.
Como vedes có grande que era o Miguel, a roupa lle queda algo escasa de mangas, pero mirade que cara de bó rapaz pon, mentres se deixa cepillar a capa, ó lado dun muro de trampa.




Miguel López de extra para Cotolay en Ribadavia 1965

lunes, 26 de abril de 2010

Ribadavia en Cotolay

Como temos pouco material cinematográfico antigo da nosa vila, hoxe poño un pequeno video duns catro minutos de duración, no que aparecen algunhas escenas da película "Cotolay", en concreto as que se rodaron en Ribadavia no ano 1965. Como as imaxes ían moi rápido, están pasadas a cámara lenta, para que así as poidades ver con máis calma, e tamén por se alguén de vos é capaz de coñecer ou distinguir a algún veciño ou a si mesmo.
Eu ó único que fun capaz de recoñecer polo de agora e tras varios visionados, é a un xoven José Luis Pousa "Chelís" correndo tralos carros. Se pausades o video ós 3 min. 44 seg. podédelo ver perfectamente.
Trátase tan só de dúas escenas, a primeira é do principio da película , e vese a entrada dos peregriños, e a segunda é a do transporte da pedra cós carros de bois, que aparece case ó final. As dúas se rodaron na Praza da Magdalena e na de García Boente.
Para poder velo ben, poñede a pestaña da resolución en 480 p, vese moito mellor que a 360 p.




domingo, 25 de abril de 2010

Valparaiso

Valparaiso, ou o val do Paraiso, que como o seu nome indica debeu de ser un dos sitios onde Deus cargou ben a man, iso si antes de que o encoro de Frieira o deixar medio esfolado.
A foto pertenece á colección do meu pai, e o que máis me chama a atención dela é a parte da Arnoia, na que se aprecia claramente un inmenso coiñal no interior da curva do Miño, na beira esquerda do río.
Tamén podemos ver unhas laxes que había á altura de Francelos e que penso que serviron de escenario para posar nalgunhas das fotos que facían os nosos veciños nas épocas estivais, de feito, penso que xa puxemos algunha foto sacada alí, máis dunha vez.
Grazas a imaxes coma esta podemos facernos unha idea ben clara de como era a nosa paisaxe , e a fisonomía que tiña este val antes de que as augas o anegasen.

Valparaiso Ribadavia 1955

sábado, 24 de abril de 2010

A Porta Nova

Xa non lembraba con moita precisión de onde saíra esta foto, pero despois de darlle unha voltas, teño a seguridade de que ma enviou o noso amigo Rafa Salgado de "Ourense no Tempo" e se non me trabuco podería estar sacada dun libro titulado "25 anos de paz baixo o mandato de Franco".
A foto penso que data da década de 1950, xa que o libro publicouse no ano 1957, e podemos aproveitala para ver os cambios sufridos pola Porta Nova nestes anos, incluindo a iluminacion nocturna que como podedes ver limitábase a un prato cunha bombilla pendurada dun cable.

viernes, 23 de abril de 2010

En Maquiáns

Esta foto está feita nos muíños de Maquiáns a finais da década de 1950, cando aínda estaban en funcionamento. A nena que vedes na foto é María José Arocas, neta da Isaura, que penso que foi a derradeira muiñeira que utilizou os muiños xunto coa súa curmá Cristalina, que era a que baixaba a fariña cargada nunha burra de cor branco polo estreito camiño que comunicaba o monte de Chacoto coa ponte da Cerradiña.
O can chamábase Tusco e sempre a acompañaba, e como un bó exemplo da súa raza, lembra María José que a ía esperar ó Colexio das Franciscanas tódolos días.
Quero agradecerlle a Mª José a cesión desta e outras fotos que ós poucos os irei ensinando.


jueves, 22 de abril de 2010

De noivos

Unha entrañable imaxe dos seus pais, de cando aínda eran noivos, que me envía Manuel López, a quen lle dou as grazas pola deferencia que ten connosco.
Non sei si caedes na conta de que son Perfecta Álvarez e Miguel López. Veremos máis fotos deles, e seguro que vos lembrades.
El era o Depositario do Concello, estaba mutilado xa que lle faltaba un ollo e portaba un de vidro. Viviron polo que recordo durante moito tempo nunha casa que había por detrás do Convento de San Francisco e tiveron catro fillos. Tiven moitísimo trato con eles, e por suposto cós seus fillos. Xente encantadora, da que só se pode dicir boas palabras.
Lembro unha tarde de moita calor nos anos setenta, na que unha chea de rapaces xa talludiños , ocupabamos coma lagartos a terraza do Kopa Club. Nunha desas apareceu subindo con moita parsimonia pola beirarúa o Miguel, e ó chegar á nosa altura, detívose e comenzou a falar con cada un de nós con moita amabilidade, interesandose especialmente pola saude e a vida dos pais e avós de cada un.
Pouco a pouco foi falando con todos, ascendendo pola acera ata chegar ó final da terraza, onde estaba sentado o seu fillo Manuel. Parouse diante del, ollandoo fixamente ó mesmo tempo que o sinalaba có dedo índice da man dereita, mentres lle dicía:
E ti... ¿de quen eres?





miércoles, 21 de abril de 2010

Dolores Davila Araujo

Como vedes cada certo tempo vou colocando algunha foto dos meus antepasados, e hoxe tócalle o turno a unha tía avoa miña que xa apareceu noutra foto anterior no blog, acompañada aquela vez do seu pai e dalgún dos seus irmáns. Trátase de Dolores Davila, filla do meu bisavó Ricardo, e irmán do meu avó Ricardo, polo que é parente miña por parte de nai.
Polo que me contan casou con Julio Retorta e emigrou á Arxentina, aínda que non teño moi claro si emigrou de solteira, e logo casou alí, ou si xa foi casada con el dende España.
O certo é que nunca máis tivemos noticias dela.





martes, 20 de abril de 2010

A reconstrucción da Oliveira

Onte puxen as fotos da caída e derrube dos muros e dos tellados da igrexa de Santa María da Oliveira, e hoxe poño outras tres fotos da súa reconstrucción, que como dixen fai un tempo, debeu de facerse uns meses despois.
Chámame a atención as técnicas constructivas empregadas polos canteiros na reconstrucción, pensade que estamos no ano 1964, e ese guindastre que se ve aí no é moi distinto do que se debe de utilizar na construcción orixinal no século XII, e contrasta moitísimo cos elementos de seguridade que hoxe en día tería que ter un proxecto desta envergadura.
Como xa vos dixen onte, as fotos están sacadas do libro-tese escrito por Belén Mª Castro Fernández, sobre a obra do arquitecto Francisco Pons-Sorolla y Arnau, e penso que as fotos sacounas el mesmo coa súa Leica.


lunes, 19 de abril de 2010

A desfeita da Oliveira

¿Lembrades aquela foto do derrube da igrexa da Oliveira que nos enviara Francisco Bouzas, e que vos dixen que durante algún tempo non a tiñamos identificada? Pois aquí tedes outra foto da mesma desfeita que foi producto dun temporal no ano 1964.
A foto que se acompaña duns planos da planta e dun alzado da fachada, están sacadas dese libro escrito por Belén Mª Castro Fernandez sobre as actuacións do arquitecto Francisco Pons-Sorolla y Arnau en Galicia, e supoño que ese plano firmado por el foi o que se utilizou para a reconstrucción, da que vos porei mañán outras fotografías.




domingo, 18 de abril de 2010

Na ponte no 35

Desta foto propiedade de José Luis Escudero pouco ou nada vos podo contar. Para min que se fixo antes do ano 1935 na Ponte de San Francisco, e que eu saiba ó único que podo recoñecer e a un xoven Fidel Dávila que é o que aparece lendo unha especie de libro no medio dese grupo.
O outro día o viamos navegando polo Miño, e hoxe está aqui na ponte, pero coñecendo ben a súa afección pola música, inclinaríame máis , ou querería pensar que o que ten nas mans non é un libro, senón un daqueles grosos vinilos que xiraban nos escasos gramófonos da vila naquela época.

sábado, 17 de abril de 2010

Miguel e Manuel Meruéndano

Mirade que cariñas de pillabáns tiñan estes veciños nosos fotografiados, polo que me comentan, nun dos montes que rodean á Cañiza.
Son os irmáns Miguel e Manuel Meruéndano Cardeñosa, que aparecen na foto ben abrigadiños, como non ía ser doutra maneira, para protexerse da friaxe invernal que fai curar os xamóns nesa veciña vila pontevedresa.
Nos envía esta foto que debe de ser de principios da década dos setenta, Manuel Meruéndano ó que lle expresamos o noso agradecemento por colaborar connosco.





viernes, 16 de abril de 2010

Remeiros

Fai tempo falei do aventureiros, bós navegantes e remeiros eran os xóvenes ribadavienses, cando admirábamos unha fotografía dunha barca coloreada no río Miño debaixo da Ponte de Castrelo. Pois aquí temos outra de distinta procedencia, xa que nola envía Oscar Escudero.
Os aventureiros esta vez si son ben coñecidos por todos, xa que son bastantes habituais destas páxinas. De esquerda a dereita, agachado Fidel Dávila, sentados Alejandrino Fernández e Toñito Chao, e outra vez agachado Manolito García.

A remo en Castrelo de Miño

jueves, 15 de abril de 2010

A fábrica do Coca

Onte vos falei dun irmán do meu avó materno, de Manolo "O Coca", pois ben, no museo atopei esta foto que supoño que é de cando a construcción da súa fábrica e da súa casa, que estaban xuntas no mesmo edificio na estrada de Valdepereira, derriba da Estación. Na foto só vemos unha parte da fachada, xa que a fábrica ocupaba unha grande extensión pola parte traseira da casa.
A foto está sacada dende os terreos da Estación do Ferrocarril, e podemos ver claramente o muro de pedra que facía de linde coa estrada de Sampaio, e incluso algúns pipotes de viño listos para a súa expedición no tren.
Penso que orixinariamente a primeira fábrica que fundou estaba instalada nunha desas construccións que se atopaban adosadas ás murallas do Castelo, enfronte da Alameda, e polo que sei, incluso tiña un almacén de barnices noutro edificio aparte, situado máis ou menos por onde agora está a rúa de San Domingos, xusto debaixo do Convento das monxas.
Esa fábrica orixinal sufriu un incendio que ven reflexado nos xornais da época como podedes ver neste recorte do xornal de Santiago "El Compostelano" do día 26 de Febreiro do ano 1934.
O que non sei é cando se fixo o traslado a esta nova ubicación, e si antes tivo outros emplazamentos distintos, polo que tampouco podo datar esta foto.






miércoles, 14 de abril de 2010

Manuel Davila Araujo "O Coca"

Aínda ando a estas alturas da película a presentarvos a algúns dos meus parentes, e hoxe tócalle o turno a Manuel Davila Araujo, "O Coca", outro dos irmáns do meu avó materno Ricardo. Manolo, como lle chamaban, xa se asomou varias veces a estas páxinas, pero nunca o víramos tan xoven coma nesta foto que podería ser da década dos trinta.
Foi un gran empresario, xa que creou unha das grandes empresas de cadaleitos que houbo na vila, e un home cunhas conviccións monárquicas moi arraigadas.


martes, 13 de abril de 2010

Un ribadaviense levando a San Telmo

Hoxe cando abrín o xornal a primeira hora da mañán, atopei unha imaxe da procesión de San Telmo de onte en Tuy, que me trouxo á cabeza esta foto que me dera fai un tempo Mari Carmen López.
Nela aparece o seu home Manuel Lage, cando era seminarista no Seminario de Tuy portando a imaxe de San Telmo. El é o que leva a parte dereita traseira do santo, que como sabedes foi un frade dominico que residiu e predicou en Tuy, polo que esta vila lle adica as súas festas patronais.
É un dos santos dos que máis se lembran os mariños das costas españolas e portuguesas cando se atopan en situacións de perigo, ou inmersos no medio dunha tormenta.
De feito ós fenómenos eléctricos que se producen nos mástiles dos barcos nesas condicións de mal tempo tamén levan o seu nome, son os famosos "Fuegos de San Telmo".







lunes, 12 de abril de 2010

Repartindo Gaseosas

Esta foto é do ano 1939, e todo o que sei dela é que ese mozo que vedes aí subido, levando as rendas desa carruaxe, adicábase a facer o reparto pola vila das gaseosas Triunfo.
Esto é o que leva escrito na traseira a foto, pero despois de facer alguhas indagacións teño entendido que esta marca de gaseosas foi unha das primeiras creadas por algún dos Neira.
Como podedes ver a foto está sacada no cruce que había na estrada de Sampaio, coa que vai ó Campo do Consello, e a que ía cara a Estación do Ferrocarril, un pouco antes do paso a nivel.




domingo, 11 de abril de 2010

O avia no ano 25

Outra desas maravillosas fotos da nosa amiga americana Ruth Matilda Anderson, que retrata as augas que hai río abaixo da ponte de San Francisco no mes de Xullo do ano 1925.
Aí no medio había unha presa, e xa non está. O muíño, segue no seu sitio, e ben que se ve ó fondo, coas portas de entrada da auga en seco, xa que ó desaparecer a presa o nivel das augas descendeu considerablemente nese lugar.
Podemos apreciar tamén como a auga se acelera nese lugar. A superficie do río rízase a causa da velocidade que colle a auga co pouco fondo, e marca claramente o que poderiamos intuir coma os restos das pedras que formaban parte desta presa.
Por moito que me esforzo, xa non me lembro do nome da presa, nin do muíño, e iso que máis dunha vez pesquei dende os seus muros cubertos de hedra. Gustaríame tamén saber máis cousas sobre ela, si caiu de forma natural ou a derrubaron, e en que ano.



sábado, 10 de abril de 2010

Jesús Davila Araujo

Hoxe vos vou a presentar a Jesús Davila Araujo, que é outro dos irmáns do meu avó Ricardo. Moito non sei del, xa que se foi a facer as Americas como moitos outros galegos desa xeneración, e xa non voltou, aínda que si o fixo unha das súas fillas fai uns anos. El acabou instalándose nos Estados Unidos, penso que no populoso barrio de Queens, xusto enfronte de New York.
Esta foto é unha "post card" típica dos anos trinta que debeu de enviar á familia ,na que aparece escrito por detrás a pluma: "Y ya que el no puede ir a abrazaros, ahí os va la fotografía de el".


viernes, 9 de abril de 2010

Emilio Dávila

Gracias outra vez á nosa amiga Carmela Dávila que nos manda esta fermosa foto do seu tío, sacada no medio e medio da rúa do Progreso nos anos trinta.
O neno, tío dela, coma vos digo é Emilio Dávila, e a moitos de vós non vos soará, xa que aínda que era irmán de Fidel e de Jaime, Emilio faleceu uns anos despois de facerse esta foto á idade de 15 anos.
Podemos aproveitar esta foto para ver a fisonomía desta céntrica parte da vila neses anos. Chámame moito a atención a ubicación dos postes da luz eléctrica, e incluso dalgunha árbore dentro da calzada, e tamén a forma de iluminar a rúa con lámpadas que colgan no medio da estrada.
¿Pregunto eu se non estarenos asistindo nesta foto a unha das remodelacións da estrada Vigo - Villacastín, a unha desas de ampliación e mellora do firme, e reducción da anchura das beirarúas, para adaptala ós novos tempos?, ou é que ¿os postes estiveron sempre aí?.

jueves, 8 de abril de 2010

Unha chea do Avia

Acabo de cair na conta de que prometín voltar o día 6 de Abril, e o fixen o 7, cun día de retraso, polo que teño que pedir disculpas, a verdade é que se me pasou.
Para tratar de enmendar o erro, e compensarvos, poño hoxe estas dúas fotos que pertencen a unha serie de catro que nos envía o noso amigo Amando Canitrot. Según me conta, debéronas de facer cando se estaba a contruir a estrada que vai á Foz, e que el situa no ano 1971.
As imáxenes falan por si soas. Son realmente espectaculares, así como é tamén realmente espectacular a cantidade de auga que trae o río.
Si efectivamente é correcta a datación destas fotos, aínda non tería nada que ver con esta chea o embalse de Albarellos, xa que me parece que comenzou a funcionar no ano 1972.
Outro día, noutra entrada porei as outras dúas fotos que faltan.




miércoles, 7 de abril de 2010

A restauración da igrexa de Santiago

Esta foto é das obras de reconstrucción que se fixeron na Igrexa de Santiago no ano 1971, nas que incluso se non recordo mal, houbo un canteiro morto nun desgraciado accidente laboral.

Resulta que a dirección da obra foi do arquitecto Francisco Pons-Sorolla. Así a bote pronto, este nome non vos dirá nada, pero resulta que foi este arquitecto quen fixo a maioría das restauracións das igrexas e dos monumentos que se fixeron en Galicia e no Camiño de Santiago nas décadas dos 50 e dos 60.

Era neto do gran pintor levantino Sorolla, e de aí lle viña a vena artística. Na nosa vila restaurou entre outras cousas as igrexas de Santiago, San Xoan, A Oliveira, e San Domingos, a maiores do Pazo dos Xulgados, do Castelo e algunhas casas do barrio xudeu.

Se queredes saber máis da obra e da vida deste gran arquitecto, podedes ver aquí un dos folletos que se publicaron co gallo dunha exposición que se celebrou o ano pasado na súa honra, e que se titulou "Os naufragos de Galicia". Podedes pulsar aquí para velo.

Pouco a pouco vos irei poñendo máis fotos das súas actuacións en Ribadavia, que están sacadas dun libro publicado pola doutora Belén Mª Castro Fernandez e a Universidade de Santiago, e que leva por título "Francisco Pons-Sorolla y Arnau, arquitecto restaurador: sus intervenciones en Galicia (1945-1985)" e que foi a súa tese de doutoramento.