sábado, 18 de julio de 2009

Ribadavia por Conde Corbal 13

Outra visión ben distinta do barrio xudeo, dende un punto de vista diferente, dende a porta da Igrexa da Magdalena. Como eu nacín ahí, na rúa Merelles Caula ou tamén chamada hoxe da Xudería, que é a que se ve ó fondo, e que ascende cara á Praza Maior, lembro con grande cariño as xentes que vivían e traballaban aquí.
No sei se me esquecerei de alguén pero a tenda de ultramarinos da Amelia ten que ser a primeira, millóns de veces fun alí, ¡Mela esto, Mela estoutro ! etc. Enfrente vivía a Petronila e ó lado Celso e Esther que tiñan unha queixería, e a quen vexo moito por Vigo. Un pouco máis abaixo estaba o estanco do Chuco, que aínda segue no mesmo sitio, e xa facendo esquina coa rúa de San Martiño a tenda da Chucarela da que lembro que tiña sempre colgadas das paredes grandes follas de bacallao, e tripas secas para os chourizos, e nas portas caixas de sardiñas en salmoira que o meu avó mercaba para afumar.
Nas esquina oposta había outra tenda, a do Charo, e xusto enfrente un barbeiro de nome, Luís, pero antes, tempo atrás xusto enfrente do estanco houbera outro barbeiro, Pedro alcumado "O Mulo", e a xente ó pasar por diante da barbería berráballe ¡Pedro cambia o coio!.
Pedro era famoso por ter un coio dentro dun vaso con augardente, que utilizaba só nos casos especiais para rasurar as facianas máis enrugadas dos seus parroquianos. Metíalle a pedra na boca, e veña... primeiro dun lado e despois do outro, e así lles sacaba as enrugas e podía afeitalos mellor. O do augardente según dicía el era para iso da "desinfeucción".
O que non saberemos nunca e si usaba sempre o mesmo coio ou o cambiaba cada pouco como lle pedían os que lle berraban.




No hay comentarios:

Publicar un comentario