miércoles, 23 de septiembre de 2009

Os pisóns 2

Como vedes sigo cós pisóns das uvas. Este que sae na foto as pisa descalzo, e se vós fixastes na foto de onte o rapaz levaba unhas botas de goma que daquela se lle chamaban "Katiuskas".
Eu cando pisaba uvas era un rapaz e sempre dubidaba moito entre facelo descalzo ou con botas, e a razón era que as botas que te daban non eran do teu número, case sempre eran máis grandes, e o traballo era doble, xa que moitas veces a bota quedaba afundida entre as uvas da muega e cando intentabas levantar a perna só subía o pé decalzo, polo que ás veces fartábame e seguía a traballar descalzo.
Pisar as uvas descalzo tamén tiña os seus problemas, sobre todo coas uvas tintas. Quedábache a perna pintada durante unha semana e por moito que a fregases sempre a vías mourada.
Outra das cousas das que me lembro é da famosa frase de "Dalle galla".( Se a pronunciades con gheada soa mellor, "ghaia", ó igual que "muegha").
Supoño que todos sabedes que unha galla é un pau rematado en dúas ou tres polas curtas a modo de garfo. As que eu coñecía eran de acacia, e se usaban para repartir mellor o bagaño das uvas tintas dentro da cuba, xa que ó ir todo para dentro se formaba unha especie de montaña na cuba que había que desfacer para que entrasen máis. Así que cando a cuba se empezaba a encher, non só había que pisar as uvas senón que repartilas ben dentro da cuba coa galla.


No hay comentarios:

Publicar un comentario